Transformacións Económicas en Galicia: Unha Perspectiva Histórica do Século XX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 34,06 KB

A Propietarización da Terra en Galicia: Un Cambio Transcendental

O Fin do Sistema Foral e a Mercantilización Agraria

A propietarización e a mercantilización, xunto co cambio de réxime de propiedade territorial e as melloras técnicas, dan lugar á desaparición do sistema foral, sendo este un cambio do máis transcendental, posto que elimina un elemento clave do vello complexo agrario de Galicia. A Lei de Cesamento dos Foros, constituída durante a Primeira República, non foi suficiente para redimir os foros. Non é ata a ditadura de Primo de Rivera cando se aproba a Lei de Redención dos Foros en favor do foreiro, mediante unha indemnización medianamente asequible. O último chanzo desta reforma legal é a Lei de Compilación Foral de 1963, lei que establece un prazo para a desaparición dos foros, sendo o ano 1973 o último establecido para a súa redención.

Derivado da crise agropecuaria iniciada a mediados dos anos 60, desaparecen moitos patrimonios agrarios e a fidalguía como clase social, ao mesmo tempo que baixan os prezos agrarios, o que afecta directamente as rendas e o plusproduto. Os campesiños redimen os foros, na meirande parte (case o 90%), sendo esta redención posible grazas ás transformacións agropecuarias na agricultura, mediante a mercantilización dos excedentes, concretamente dos gandeiros. Grazas á chegada a Galicia das remesas de capitais do exterior, os agricultores puideron ter a capacidade de manobra para financiar a redención foral e consolidarse como propietarios das terras. Existe, polo tanto, unha correlación entre as remesas do exterior e as redencións forais, posto que agora era máis barato redimilas. Dando fin a unha institución obsoleta e permitindo aos campesiños consolidar as súas terras, as que xa traballaran. Acabando coa fidalguía e con algunha clase burguesa.

A Propietarización do Monte e a Transformación Agrícola

Reparto e Uso Forestal do Monte Galego

Este proceso de reparto do monte implicou a propiedade dos comuneiros, con montes de varas situados na parte norte da comunidade, e montes comunais, comúns a unha cantidade de casas que repartían as terras. No sur, atopábanse os montes comúns ou mancomúns de veciños, entendidos estes como todos aqueles que tiñan lume e eran da mesma veciñanza. Eran montes indivisibles de acceso igualitario para todos os membros do grupo, cun carácter privado sen chegar a ser públicos. Existía unha gran diferenza, a pesar de tender a igualarse.

Moitos montes foron repartidos de xeito individual, primeiro os de voces, cunha intensificación a partir dos anos 20, e despois os mancomúns. Consolidouse a importancia do uso forestal do monte: este pasou de destinarse á produción do toxo e comezou a ser rendible desde a perspectiva forestal despois da Guerra Civil. Incrementáronse as tendencias intensificadoras da agricultura galega: redución do barbeito, existencia de prados artificiais, aumento da superficie e emprego de produtos fitosanitarios. Con todo, foi un proceso non homoxéneo entre todos os campesiños, e unha parte quedou excluída. Este proceso intensificador da agricultura beneficiou os campesiños, sendo os labregos a parte máis enriquecida das clases campesiñas, posto que eran os que estaban mellor situados economicamente. Os caseiros non participaron no proceso de propietarización.

O proceso de propietarización, acompañado das innovacións técnicas e da mercantilización a finais do século XIX, experimentou unha gran perfección dentro das agriculturas atlánticas. Desenvolveuse unha agricultura orgánica intensiva que conxugaba o policultivo, cultivando no centro millo e pataca, e millo e centeo no interior. O uso do monte reducíase á produción do toxo, principal fertilizante da época.

Innovacións e Mercantilización na Agricultura Galega

Mecanización e Mellora da Produción

Aforro de traballo mediante a introdución de novos instrumentos e maquinaria, imprescindibles na mellora do traballo, como novos arados e malladoras. Os antigos arados, os arados romanos, non volteaban a terra (só superficialmente), polo que comezaron a difundirse os arados de vertedoira, arados pesados de ferro con forma cóncava, que lograban voltear a terra e ter unha maior penetración e aireado. Por outro lado, as antigas malladoras requirían de moita man de obra. Coa introdución das novas malladoras, reduciuse a man de obra e axilizáronse os tempos de colleita. Consolidouse así a tendencia de mecanización do campo dentro da estrutura agrícola tradicional.

Intensificación da produción a través do emprego dalgúns adubos químicos, empregados especialmente nos cereais, e os superfosfatos no millo e a pataca. Logrouse obter un incremento importante da superficie cultivada. A selección das sementes, a través do millo híbrido e a introdución de novas variedades, case duplicou os rendementos do millo e do trigo. Mellorou o proceso de intensidade agrícola, tendo unha significación especial na gandaría, sendo clave a intensificación da produción dentro do proceso de mercantilización.

Desenvolvemento Gandeiro e Cambios no Consumo

Incremento da cabana gandeira en todas as especies, grazas aos traballos sobre zootecnia que se realizaron nos centros de investigación do Estado. Investigación sobre a existencia dunha raza de gando vacún que proporcionase carne, leite e traballo. Dando lugar ao cruce de razas de vacún galego con pardo alpina suízas, xurdindo unha nova raza coñecida como Rubia Galega. Existía similitude de intereses dentro do Estado e das asociacións agrarias: unha gran reserva gandeira e abastecemento a nivel nacional. Entre 1925 e 1934, cubríronse 35.000 reses vacúns.

Mercantilización da agricultura: integración de pequenos campesiños parcelarios no mercado. Comezaron a abrirse ao mercado estruturas destinadas ao autoconsumo, buscando obter ingresos para pagar os tributos, pagar as terras e elevar o seu nivel de vida. A especialización na produción gandeira foi clave, coa exportación de gando cara a Inglaterra xunto cos procesos animadores (industrialización de certas zonas e aumento da urbanización). Isto levou a un incremento da renda que, xunto coa urbanización, produciu un cambio nas pautas de consumo (abandono do consumo dos bens considerados inferiores en favor dos bens superiores, diminución do consumo dos hidratos de carbono e aumento da cantidade de proteína consumida). O remate das liñas galegas de ferrocarril permitiu que o gando non fose transportado a pé, facilitando a venda de exemplares máis novos (tenreira galega). Logrouse que a cabana gandeira galega representase un terzo do gando de renda da española, con tratantes que compraban nas feiras e logo vendían a tratantes das mesetas. Estes cambios nas pautas de consumo, sumados ás innovacións mencionadas anteriormente, permitiron aos campesiños acumular capital. Isto consolidouse posteriormente nos principais grupos comerciais de Galicia.

Impacto no Sector Agroindustrial e Forestal

As iniciativas dentro do sector agroindustrial eran escasas: venda de leite nas cidades, comercio dos labregos con outras producións propias. O monte deixou de ser importante na produción de toxo e comezaron as repoboacións das árbores para as minas e para os serradoiros, para producir táboas ou para a construción e embalaxe das latas de conservas. A propietarización das terras de cultivo levou a que determinadas partes do monte fosen unha das vías da transformación da agricultura, permitindo a intensificación da agricultura e da cabana gandeira. Provocando tamén que a agricultura galega lograse integrarse no comercio español mediante a distribución de proteína animal. Esta especialización requiriu maior cantidade de insumos industriais, o que permitiu que a produtividade agraria da terra e do traballo en Galicia fose moi superior á de España.

O Sistema Financeiro Galego no Primeiro Terzo do Século XX

Emerxencia e Dualidade Bancaria

As primeiras entidades financeiras que se crean a raíz da Lei de Banca de 1856 foron o Banco de Coruña, o Banco de Santiago e a Entidade de Crédito de Vigo. Posteriormente, houbo unha reconversión no Banco de Crédito Galego (Banco de Coruña) e a aparición dun sector bancario galego moderno, con sucursais do Banco Central na Coruña, convertendo A Coruña na capital financeira de Galicia. Existía unha dualidade no sistema bancario galego, composto principalmente por dous tipos de entidades financeiras: os comerciantes banqueiros, os bancos especializados e as sociedades de crédito, e as caixas de aforros, que gañaron importancia entrado o século XX.

Os comerciantes banqueiros caracterizábanse por ser entidades de pequena dimensión que restrinxían a súa actividade a unha vila e a centraban na súa función de comerciantes na bisbarra. Con todo, realizaban operacións ou préstamos semellantes aos dos bancos: pagaban por depósito, xestionaban xiros e letras, e canalizaban as remesas dos emigrantes. Algunhas destas entidades, situadas en cidades, eran de maior entidade e prolongaron máis a súa existencia, acabando por ser bancos consolidados. O comerciante banqueiro tiña unha relación estreita coa actividade financeira, e o seu capital xerábase no comercio. Esa experiencia adquirida no comercio levaba a que se empregasen na actividade financeira. No século XIX e nos anos 20 do século XX, a especialidade financeira foi a excepción; o máis habitual era a correlación entre comercio e finanzas, nunha economía galega cualificada como atrasada.

Consolidación de Bancos e Caixas de Aforro

Por outro lado, estaban as casas de banca e as sociedades de crédito, que eran reducidas en número e estaban especializadas, pero que a longo prazo comezaron a debilitar os comerciantes banqueiros. En 1900, fundouse o Banco de Vigo por un grupo de industriais e comerciantes de Vigo como Sociedade Anónima (S.A.), rompendo a tradición das remesas dos emigrantes e do comercio, e pasando a estar orientada ao desenvolvemento das actividades industriais. Foi creando unha rede de sucursais nas Rías Baixas que iría completando durante a Primeira Guerra Mundial. O segundo banco que se creou foi o Banco da Coruña en 1917, cunhas características semellantes e coa finalidade de estimular o desenvolvemento industrial da cidade. Finalmente, en 1925, creouse o Banco Pastor, que despregou un intenso investimento industrial, coa participación de sociedades eléctricas e estruturas urbanas, conformando un grupo de actividades. O Banco Pastor é o principal banco galego.

As caixas de aforro, cunha traxectoria moi antiga, tiñan dúas funcións: recoller pequenos aforros dos traballadores e pequenos comerciantes, e proporcionar pequenos créditos e xestionar os montes de piedade (casas de empeño). A comezos dos anos 20, a súa concentración era en 7 localidades: 4 capitais de provincia e as 3 cidades máis importantes (Santiago, Vigo e Vilagarcía). Na reestruturación bancaria, a Primeira Guerra Mundial supuxo ou permitiu unha gran acumulación de capital; as empresas tiveron uns beneficios extraordinarios, o que foi causa da crise dos anos 20 en Vigo pola falta dun financiador de capitais. O Banco Pastor expandiuse, ocupando o espazo que deixara o Banco de Vigo, sendo o Banco Pastor o principal banco de Galicia. A Coruña, como capital financeira de Galicia, viu como comezaban a aparecer bancos anteriormente pouco representados, o que levou á redución da importancia dos comerciantes banqueiros. O mercado financeiro era cada vez máis complexo, quedando limitado o nicho de negocios.

O Impacto do Franquismo na Economía Galega: Anos Trinta e Posguerra

Retroceso na Agricultura e Gandería

O franquismo freou os procesos de desenvolvemento experimentados no primeiro terzo do século XX a todos os niveis, tanto no ámbito económico como no social, o que supuxo 30 anos de atraso. Dentro dos sectores afectados polo franquismo, a agricultura e a gandaría foron os máis afectados, mentres que sectores como o pesqueiro e o naval foron menos danados e incluso beneficiados. Dentro dos sectores máis significativos durante o comezo do século XX, como a industria da conserva e a madeira, ían ter graves problemas. Para tratar de cuantificar o impacto do franquismo, cómpre mencionar que Galicia perdeu desde 1940 ata 1960 un 1,21% do PIB en termos do PIB español, pasando de representar un 7% a un 6%.

Dentro dos sectores afectados, a agricultura era o sector máis importante ata o primeiro franquismo, e viuse influenciada polas políticas económicas das autoridades franquistas, tanto polo forte illamento internacional (mantendo unicamente relación coas potencias do Eixe) como polo intervencionismo extremo nas actividades económicas. Estas políticas impactaron de xeito significativo tanto na agricultura española como na galega, sendo o caso da agricultura galega o máis prexudicado. Algunhas das consecuencias que acarrearon estas políticas foron: caída do emprego de fertilizantes (indicio dunha volta atrás), caída nas compras do sector agrario a outros sectores, incremento do autoconsumo e retroceso nos medios de produción.

A produción agropecuaria sufriu unha caída moi intensa, sendo a produción vexetal a principal afectada durante os anos 1941-1945, mantendo só o 60% da produción anterior. Os cultivos máis afectados foron a pataca, a viña e os produtos de horta, especialmente aqueles que precisaban de inputs intermedios máis específicos. A caída no emprego de fertilizantes indicaba un retroceso, así como a diminución das compras do sector agrario a outros sectores, o incremento do autoconsumo e o retroceso nos medios de produción. Os niveis de produción de preguerra non se acadaron ata 1960. No caso da pataca, a pesar de ser Galicia a principal rexión produtora antes da guerra, cuns rendementos superiores aos do resto de España, non chegou a recuperar os seus niveis de produción. Unha das causas foi a desaparición das sociedades agrarias cooperativas que proporcionaban fertilizantes e sementes. No caso das plantas forraxeiras e os prados artificiais, a situación era semellante, cun carácter marxinal nos anos 40 e 50.

Políticas Autárquicas e Mercado Negro

Dentro dos cereais, a pesar do retroceso que experimentaron todos, o que menos sufriu foi o millo, posto que había un interese en manter a base da alimentación da poboación (o pan), o que non impediu o seu afastamento do mercado para converterse nun sector enfocado ao autoabastecemento. Houbo unha recuperación parcial da produción nos anos 40 coa volta da comercialización dos millos híbridos, sumado ao esforzo levado a cabo polos labregos para centrarse neste cultivo. No conxunto, a agricultura galega transformouse de maneira negativa, en parte por mor de dous factores clave, contrarios aos que impulsaran o anterior desenvolvemento.

En primeiro lugar, a desaparición da acción do Estado no relativo ás institucións de investigación, institucións encargadas da distribución de sementes. A distribución perdeu eficacia de xeito desorganizado. A finais dos anos 50, as axencias de extensión agrarias desapareceron ou quedaron limitadas na súa actuación, levando isto á desaparición da comercialización dos fertilizantes, sementes, etc. En segundo lugar, a instauración dunha política autárquica baseada no autoabastecemento, traendo consigo unha escaseza estrutural de produtos. Dito intervencionismo era levado a cabo pola Comisaría de Abastecementos e Transportes, mediante a fixación de cotas e produtos con prezos taxados, o que provocou un desincentivo da produción e un incentivo á aparición dun mercado negro (estraperlo). Este mercado provocou un desabastecemento e unha elevación de prezos nos mercados oficiais, medida que se revelou como ineficaz, posto que se obtiñan máis beneficios no mercado negro que no mercado oficial, o que provocaba unha redución da oferta nos mercados oficiais. Os encargados de perseguir os defraudadores era a Fiscalía de Taxas, institución dependente dos mercados civís.

A Construción Naval Galega: Apoio Estatal e Desafíos

Expansión da Frota Pesqueira e Creación de Estaleiros

A construción naval baseouse na necesidade de proporcionar proteínas baratas a unha poboación subalimentada. Despois da guerra, permitiu solucionar os problemas que experimentaba a gandaría. A partir de 1939, a industria naval contou cun forte apoio que durou ata os anos 60, grazas á Lei de Crédito Naval, que establecía facilidades crediticias para a construción de buques, especialmente buques para a mariña mercante. Tamén se estableceron axudas á pesca, sendo o principal impulsor destas o Instituto de Crédito para a Reconstrución Nacional. Destinouse o groso das subvencións ao crédito naval. Desde 1939 ata 1960, a maioría das subvencións ían dirixidas ao crédito naval, destinando subvencións aos armadores e subvencións e créditos baratos aos estaleiros.

No caso dos armadores, os créditos proporcionábanse a moi longo prazo (20 anos) a un tipo de xuro do 2%, podendo o valor do crédito ser arredor do 60% do valor do barco, valor que podía aumentar dependendo das relacións políticas, podendo chegar ata o 80%. No caso dos estaleiros, podían obter subvencións para ampliar as súas instalacións. Como consecuencia destas medidas, a frota pesqueira galega medrou dunha maneira moi intensa entre 1940 e 1951, duplicando a súa tonelaxe. Os barcos que máis medraron foron os que empregaban procedementos mecánicos, os de motor e tamén os de vapor; os de vela tamén medraron, pero cunha menor intensidade.

Esta forte demanda do sector pesqueiro fixo que se creasen novos estaleiros adicados a buques de pesca. Creáronse dous estaleiros a partir de establecementos pequenos: un na ría de Vigo, sendo un dos principais estaleiros de Vigo adicado á fabricación de caldeiras para o ferrocarril; mentres que o outro estaleiro, de dimensións máis grandes, sería o de Ferrol (Astano S.L.), construído en base a un estaleiro previo con respaldo do Banco Pastor.

Obstáculos e Estratexias de Adaptación

Pero, a pesar de contar con esas axudas, a construción naval non se librou dos problemas derivados do forte intervencionismo e o illamento: falta de dispoñibilidade de aceiro laminado, outros inputs clave, bens de equipo, etc., afectando as unidades tecnicamente máis avanzadas e plasmándose en que os prazos de construción se alongaban moitísimo no tempo. Outra das consecuencias foi o mantemento do patrón tecnolóxico previo á guerra, baseado na madeira e na tecnoloxía a vapor, tecnoloxía que empregaba o carbón como fonte de enerxía. Este recurso, xunto co gasoil, tiña grandes problemas de distribución a causa do problema de divisas. Como alternativa, empregouse un novo combustible, o fueloil, sendo unha tecnoloxía híbrida xeneralizada durante os anos 40-50 para paliar a falta de carbón. No relativo á escaseza de materias e produtos enerxéticos, apareceron unha serie de pequenos talleres que producían motores diésel para os barcos de costa, distribuídos por toda a beiramar. Con todo, a pesar destes percances, a construción naval experimentou un crecemento importante ata 1948.

Estratexias empregadas polos estaleiros da construción naval:

  • Varios estaleiros de Vigo contrataban os seus cascos de madeira aos establecementos do Freixo.
  • Outros, como o estaleiro de Astano, externalizaron parte da súa actividade, integrándose verticalmente cara adiante a través da construción dunha frota de bacalladeiros, barcos de grandes dimensións que estarían adicados á pesca do bacallau.

Esta estratexia foi seguida por moitos estaleiros en maior ou menor medida. A partir dos anos 50, a pesca logrou recuperarse. Os bancos de bacallau permitiron relanzar a construción naval, xunto coa Lei de Crédito Naval de 1956, estimulando a construción de pesqueiros. Na segunda metade dos anos 50, os principais estaleiros abandonaron a construción en madeira e pasaron á construción en aceiro, grazas á produción de aceiro laminado do País Vasco. Os barcos máis pequenos seguiron construíndose en madeira. A construción naval medrou e presentou unhas características distintas á industria conserveira.

Novas Industrias e Desenvolvementos

Apareceron unha serie de industrias coa finalidade de substituír unha serie de produtos que ata a data eran importados. Nas Pontes de García Rodríguez obtívose combustible sintético en base ao lignito, pero foi un fracaso. Creáronse posteriormente plantas para explotar esa zona para a produción de electricidade. Plantas de pequenas dimensións producían gasoseno a partir da destilación da madeira, e desenvolvéronse diversas actividades relacionadas coa química. A empresa Refreire, casa de armadores de Vigo, tivo importancia na creación de máquinas de coser que duraría ata os anos 2000, sendo xunto con Alfa as que controlaron as máquinas de coser en España. Outra empresa foi Zeltia, empresa de I+D adicada á obtención de medicinas a partir de plantas medicinais, en especial co cornecho, fungo que nace no centeo.

O Wolframio en Galicia: Febre Mineira e Impacto Económico

A Explotación do Mineral Estratéxico

O volframio é un mineral cuxa explotación durante os anos da Segunda Guerra Mundial provocou unha auténtica febre do ouro, polo prezo que acadou o mineral. Mineral que, asociado ao estaño, empregábase tradicionalmente para os filamentos das lámpadas debido ao seu elevado punto de fusión cando se mesturaba co aceiro. Co comezo da Guerra Chino-Xaponesa de 1937, os alemáns que importaban de alí a meirande parte do volframio tiveron problemas de abastecemento deste mineral, polo que buscaron recursos deste mineral ao redor de Europa, atopándoo en Galicia. A partir do comezo da guerra en 1939, o volframio converteuse nun mineral estratéxico para moitos empresarios galegos proclives aos alemáns. Antes de 1936, as únicas explotacións de volframio situábanse en Lousame e Avión.

Nos primeiros meses da Guerra Civil, comezaron toda unha serie de movementos que deron lugar á creación de dúas empresas, unha en Vigo e a outra en Montes de Galicia, que buscaban aproveitarse das explotacións de Vilanova e Vilardecervos, sendo teoricamente empresas de capital español. Nelas participaba un personaxe principal: José Martínez de Portela, conde de Argillo, e pai de Cristóbal Martínez Bordiú. Inicialmente, as minas de volframio comezaron a ser explotadas polos alemáns durante a Guerra Civil e parte da Guerra Mundial, a través da constitución de dúas sociedades que pertencían ao mesmo grupo de empresas alemás que tiñan asociados uns testaferros españois (homes de palla) que figuraban a nivel legal nas escrituras, pero que en realidade pertencían ás empresas alemás. As explotacións de volframio eran directas das minas, a través da explotación sistémica mineira, o que requiría dun amplo capital.

Na zona de Carballo, unha serie de axentes influentes a nivel local solicitaron unha serie de concesións para explotar as minas, e os alemáns pasaron a mercar o mineral. Mentres, en Montes de Galicia, as minas de Vilar de Cervos, Vilanova ou Casallo, mencionadas anteriormente, serían explotadas grazas a un investimento moi forte realizado polos alemáns, xerando un gran complexo mineiro e constituíndo a principal empresa directa explotada polos alemáns. O efecto da acumulación destas cantidades de volframio fixo aumentar os prezos a niveis históricos. En 1941, os prezos xa cuadruplicaban os de 1939. Os alemáns acumulaban stocks grazas ás cantidades de volframio enviadas a Alemaña por vía marítima desde o embarcadoiro de Cotobad en Vigo. A partir de 1940, tras a firma do armisticio, o mineral comezou a ser enviado por vía terrestre, unha vez transformado en volframio.

Mercado Especulativo e Man de Obra

O volframio converteuse nun mineral estratéxico dentro do ámbito da guerra. Os Aliados interviñeron no mercado, mercando grandes cantidades de volframio co obxectivo de elevar os prezos, xa que Alemaña requiría de divisas para pagar, divisas que escaseaban desde os anos 30. A consecuencia desta intervención desatou a febre especulativa do volframio. No medio do boom especulativo, desenvolvéronse, a través de organizacións empresariais clásicas (en mans dos alemáns), actividades propiamente mineiras que constituíron a minería formal. Mentres que a minería non formal estaba constituída por pequenas empresas en mans de caciques locais que explotaban as minas a ceo aberto, algunhas veces de xeito regular e outras non. Na meirande parte dos casos, as minas irregulares vendíanse ás minas regulares que posteriormente as introducían dentro da súa produción, coa finalidade de pagar menos imposto ao Consejo Ordenador de Minerías de Interés Militar. Estas minas máis ou menos regulares eran complementadas por minerías con actividades irregulares, unha actividade consentida e potenciada coa finalidade de minimizar investimentos e custos fixos. Concedíanse permisos de explotación a cuadrillas que as explotaban a cambio dun determinado prezo maior que o prezo de mercado, ao mesmo tempo que tamén se facían explotacións por particulares de xeito clandestino. Esta xente que acudiu no auxe do volframio, comunmente coñecidos como recuperadores, recibían permisos de parte das empresas para rebuscar nas zonas que non eran do seu interese, o que constituíu unha gran avalancha de labregos ao negocio nas zonas próximas ás concesións onde ninguén reclamara o terreo como mina.

Sendo unha estampida notable nas zonas de Beariz, Avión, Fontao e na zona de Carballo. O volframio mobilizou unha gran man de obra desde o inicio da guerra (1939-1950). Para poñernos en contexto, entre 1941-1944 (primeiro boom), o número de traballadores nas minas no momento máis álxido roldaba as 10.000 persoas. Esta cifra está moi infravalorada, posto que non contabiliza, por exemplo, os batallóns disciplinarios de reclusos republicanos aos que se lles ofrecía unha redución da súa condena a cambio de traballo, como podía ser nas minas de volframio. Á combinación desta minería regular tamén temos que sumar os traballadores irregulares, os cales representaban unha cifra moito maior á cifrada. A febre do volframio xerou un gran mercado negro ao redor do mineral que non só alimentaba as sociedades alemás, senón tamén as inglesas e mesmo as empresas que se adicaban á transformación do mineral en metal. As grandes cantidades de volframio mercadas polos Aliados non reduciron a chegada de volframio a Alemaña; o único que xerou foi un encarecemento dos prezos, animando a avalancha de individuos no traballo do volframio.

Declive e Legado do Wolframio

En 1944, despois de Stalingrado e de abrir a segunda fronte, os países Aliados presionaron o goberno español coa freada da chegada de hidrocarburos a España, de modo que España tivo que limitar o cupo de venda a Alemaña, o que provocou que o mercado de volframio cesase, derrubando a produción e retornando os prezos aos valores de preguerra. O segundo boom do volframio produciuse a partir de 1948 e estendeuse ata 1957, cando se volveu a estimular a minería a causa da Guerra de Corea, pero a nivel social non tivo a mesma importancia. Só tivo importancia a nivel de reactivación da industria alemá, o que repercutiu nas empresas alemás asentadas aquí. Despois desta explotación, as minas de volframio, en especial as de Silleda, entraron en dificultades e comezaron a desaparecer. Arredor de 1960-1963, desapareceu a minería do volframio.

O auxe do volframio en Galicia foi importante a nivel económico, constituíndo a principal fonte de entrada de divisas, o que permitiu pagar a entrada das importacións. Sendo o valor das divisas maior que o do ouro almacenado no Banco de España. A nivel local, supuxo un aumento da demanda nas rexións onde existía unha explotación de volframio. O que supuxo un aumento da renda, renda que se transmitiu ao consumo de bens de luxo, compra de leiras e casas, gando, etc., xerando un efecto positivo a nivel local. Por outra banda, gran parte destes beneficios quedou en mans das elites locais que actuaron como testaferros doutros países, ou en mans dos transformadores de metal. Pero a parte máis importante dos beneficios correspondía aos grandes banqueiros madrileños, de modo que estes beneficios non foron reinvestidos en Galicia. Entre 1942-1945, producíronse unha serie de importantes investimentos que crearon unha gran variedade de empresas, como, por exemplo, os primeiros produtores de ostras que máis tarde darían lugar ás primeiras mexilloeiras.

A Pesca Galega: Resiliencia e Transformación Post-Guerra

Impacto da Guerra Civil e Segunda Guerra Mundial

Cando se iniciou a guerra, aos poucos días Galicia converteuse nun territorio do bando sublevado. Non existiu unha destrución significativa da frota ou empresa, o que si que aconteceu foi que moitas embarcacións que estaban faenando fóra se refuxiaron nos portos franceses e ingleses durante a guerra. Co estalido da guerra, houbo un encarecemento dos inputs da pesca que viñan do Levante, así como unha desarticulación dos mercados. Os militares interviñeron a frota para onerosas finalidades, armando os poucos barcos de pesca que quedaban, sendo estes barcos de aceiro ou de ferro. Tras finalizar a guerra, os barcos foron devoltos cunha compensación económica. Durante a guerra, produciuse unha importante caída do carbón e outros combustibles, mentres o peixe desembarcado mantiña os valores anteriores á guerra.

Dada a excelente costeira de sardiña destes anos, impúxose un prezo mínimo de compra para que a abundancia non tirase os prezos á baixa, o que produciu uns beneficios empresariais excelentes, dado que a meirande parte das capturas ía destinada a abastecer o bando sublevado, así como as cidades que ían capturando ao longo do tempo, sendo os armadores un gran sustento do réxime. Unha vez rematada a guerra, a produción pesqueira e a actividade normalizáronse. Co inicio da Segunda Guerra Mundial, os caladoiros célticos do norte do Atlántico, onde se situaban os bancos do Gran Sol, pecháronse, producíndose en España un aumento da demanda a causa da veda da Segunda Guerra Mundial. Unha vez finalizada a guerra, volveuse ao Gran Sol, onde se obtiveron unhas producións extraordinarias.

Desafíos e Novas Fronteiras de Pesca

En Galicia, esta expansión non ocorreu, posto que Galicia era dependente da sardiña e durante eses anos houbo un problema de recrutamento de sardiña, o que supuxo unha mala tesitura desde finais da guerra. Algúns dos problemas derivados da Segunda Guerra Mundial foron o encarecemento dos inputs, a interrupción eléctrica, problemas derivados do metal, etc. Os beneficios empresariais non melloraron e, a partir de 1948, houbo unha caída importante das capturas do Gran Sol, cesando cos beneficios extraordinarios derivados da guerra. A partir de 1947, os beneficios comezaron a ser cada vez menores e algunhas empresas comezaron a ter perdas, o que provocou que os barcos máis antigos se desprazasen cara ao sur e o norte de África.

Por outra parte, unha importante cantidade da frota desprazouse, acadando novas fronteiras de recursos e explotando zonas descoñecidas ata entón, o que lles permitiu aumentar a súa produtividade, chegando a novas zonas de pesca, como os bancos de Terra Nova (Canadá), e aumentando o radio de acción das unidades pesqueiras na procura de bacallau. O despegue da produción do bacallau desde 1945 ata 1951, sendo este aumento practicamente exponencial, supuxo a substitución do bacallau de importación por bacallau propio, o que permitiu liberar unha gran parte de divisas para a compra doutro tipo de bens. Todo isto púidose facer en parte grazas á Lei do Crédito Naval de 1939, a cal impulsou a construción de barcos de aceiro e de motores diésel, o que permitiu substituír o carbón por combustibles líquidos, os barcos de madeira por barcos de aceiro e os motores de vapor por motores de combustión.

Transformacións Técnicas e Empresariais

Rasgos da pesca nesta etapa:

  • Desde o punto de vista técnico, as transformacións afectaron principalmente a frota de arrastre e a frota de altura.
  • Emprego de cascos de aceiro e motores diésel, substitución das antigas parellas típicas da pesca española por motopesqueiros que tiñan un radio de acción máis amplo.
  • Incorporación de novos sistemas, como o sistema de radares.

Transformación no tipo de empresas: as empresas deixaron de ser individuais e pasaron a ser empresas anónimas. Os recursos deixaron de ser propios e pasaron a ser investimentos de recursos alleos, principalmente a través do Estado mediante o crédito naval, canalizado por dúas institucións: a Caja Central del Crédito Marítimo e o Instituto de Crédito para la Reconstrucción Naval.

Entradas relacionadas: