Transformacións na Agricultura Española

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,59 KB

Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española

A poboación rural

O espazo rural é o territorio non urbanizado da superficie terrestre. Tradicionalmente foi, case en exclusiva, un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Non obstante, desde a década de 1970, introducíronse outras actividades, como as residenciais, industriais, de servizos, recreativas e paisaxístico-conservacionistas. Como consecuencia, o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo.

A poboación ocupada nas actividades agrarias é escasa. Existen diferenzas territoriais entre as baixas cifras de poboación agraria de Madrid e do País Vasco, en torno ao 1%, e os valores máis altos de Estremadura, Murcia e Galicia, superiores ao 8%. Pola súa banda, o envellecemento rural é máis acusado nas comunidades do interior peninsular.

A causa principal foi o éxodo rural, entre 1960 e 1975. Despois, a crise económica desacelerou o éxodo rural e incrementou a actividade agraria a tempo parcial.

As tendencias demográficas que se apuntan desde a década de 1990 son dobres:

  • Unha continuación do descenso demográfico e do envellecemento nas áreas rurais máis desfavorecidas (crecemento natural negativo, emigración, xubilación).
  • Certa recuperación e rexuvenecemento das áreas rurais máis dinámicas. Está relacionada co asentamento de inmigrantes, novas actividades en zonas rurais periurbanas e turísticas e coas subvencións europeas.

As explotacións agrarias

O descenso do seu número débese ao abandono de terras e a un proceso de concentración, por venda ou arrendamento. Esa concentración permitiu a elevación do tamaño medio das explotacións. O resultado é unha dualidade cada vez maior entre:

  • Explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles.
  • Empresas agrarias, ben de particulares ben de sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles.

O réxime de tenza establece a relación entre propiedade e explotación ou uso da terra. Pode distinguirse entre tenza directa (explotación traballada polos seus propietarios), arrendamento (se explotan terras alleas a cambio dunha renda anual) e parzaría (se explotan terras a cambio dunha porcentaxe da colleita). Na actualidade, un 70% das terras cultivadas mantéñense en tenza directa e tende a desaparecer o sistema de parzaría (só un 2% do total).

Técnicas e sistemas agrarios

As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960. As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios.

As transformacións nos sistemas agrarios supuxeron unha crecente intensificación da produción e un paralelo aumento do rendemento. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización, o que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes son:

  • Unha crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen mellores condicións competitivas, abandonando o resto. A substitución do policultivo polo monocultivo.
  • Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas, manipuladas xeneticamente.
  • Forte incremento da superficie en regadío, que tamén provoca a sobreexplotación de certos acuíferos e crecentes conflitos pola auga.
  • Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enarenado ou cultivo baixo plástico.

Estrutura gandeira

Nos últimos anos, a gandaría coñeceu un notable desenvolvemento en España, e hoxe en día representa un 40% da produción final agraria. Grazas a:

  • O aumento da súa importancia económica ante o crecente consumo dos seus produtos.
  • Unha modernización das explotacións.
  • Unha evolución das especies en función da súa rendibilidade.
  • Menor dependencia das condicións naturais, ao aumentar a importancia da gandaría estabulada.

A gandaría destínase hoxe principalmente á alimentación da poboación, o que vai unido ao forte aumento do consumo de carne, leite e ovos. Iso supuxo, a miúdo, a substitución das razas autóctonas por outras de maior produción e, por conseguinte, maior rendibilidade.

Política Agraria Común (PAC)

As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas:

  • Escasa competitividade dunha parte dos produtos, que só poden ser rendibles para o agricultor grazas ás políticas de subvención e ao establecemento de prezos protexidos.
  • Progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais españolas.
  • Redución dos empregos agrarios debido aos procesos de mecanización e o abandono de terras pouco produtivas.
  • Ingresos medios inferiores aos que obteñen os que traballan na industria ou nos servizos.
  • Crecentes impactos ambientais ao aumentar a demanda de uso, ás veces excesivo, de agroquímicos que contaminan solos e acuíferos.

Desde a entrada na Unión Europea, a maioría das accións dirixidas á promoción do sector agrario español proveñen da Política Agraria Común (PAC) cunha serie de accións:

  • Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos.
  • Esixencia de redución de superficie, ou cotas máximas de produción.
  • Apoio á forestación de terras agrícolas e á agricultura e gandaría ecolóxicas.
  • Axudas para a modernización das explotacións e a incorporación de mozos agricultores.
  • Apoio á diversificación económica do mundo rural.
  • Axudas especiais para áreas de montaña e zonas desfavorecidas.

Pese a ser a clave que permite manter hoxe activas boa parte das explotacións agrarias, a PAC enfróntase a certas críticas:

  • Absorbe parte importante do orzamento total comunitario, o que non corresponde ao peso relativo do sector.
  • Supón un proteccionismo do seu mercado interior, que frea as posibilidades de que países do Terceiro Mundo exporten a el os seus produtos, moitas veces máis baratos.
  • Como as axudas se vinculan ao tamaño da explotación, favorece unha partición moi desigual: só un 20% das exportacións repartiu o 80% das axudas.

Entradas relacionadas: