Transformación Social no Século XIX: Burguesía, Proletariado e o Papel da Muller

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,87 KB

As revolucións liberais provocaron transformacións na estrutura social herdada do Antigo Réxime. No s.XIX ascende a burguesía, grupo social que acadará a hexemonía social e que imporá o liberalismo como novo sistema hexemónico.

Os Antigos Grupos Privilexiados

Os antigos grupos tradicionais (privilexiados) perden a súa posición hexemónica pero non a súa influencia social e económica. A nobreza carece dos dereitos señoriais pero adáptase á nova situación, conserva a titularidade do seu patrimonio, son grandes propietarios que lles permiten integrar a alta burguesía liberal. O clero sufriu máis cos cambios, perdeu patrimonio coas desamortizacións, e os privilexios. Pregáronse a posturas conservadoras e tradicionalistas (carlismo) e tratar de manter a súa influencia nunha sociedade que era católica, sobre a que exercía gran influencia. No Concordato de 1851 consegue o monopolio do ensino e unha forte financiación por parte do Estado. Peor o pasaría durante o Sexenio Democrático, coa liberdade de cultos, feito que explica o seu labor en prol da súa caída e a súa alianza co sistema fraudulento da Restauración borbónica.

Os Non Privilexiados: Campesiños

Os antigos non privilexiados, os campesiños eran os máis numerosos ata o s. XX debido á débil industrialización española. Diferenciar 2 situacións:

  • A servidume extínguese co liberalismo convertendo ao campesiño en traballador agrícola, a súa situación variará moito dependendo do réxime de propiedade da terra.
  • No caso do latifundismo, na metade sur de España, agudizado polas desamortizacións, os campesiños convértense en xornaleiros. A situación deste proletariado agrícola é terrible, condenados a traballar de xeito estacional. A situación de miseria foi dura (desnutrición, fame, mortalidade infantil altísima), optan por ligarse ao anarquismo como vía revolucionaria para reverter a situación de explotación e pobreza extrema.
  • En Galicia ou Cataluña, coa rabassa morta e o sistema foral, o campesiñado, aínda que non posuía a propiedade da terra, tiña certos dereitos sobre ela facendo que a situación fora algo mellor. Nacen movementos como o agrarismo en Galicia pola necesidade de acceder á propiedade da terra. A estrutura deste tipo de campesiñado é máis conservadora, feito que se agudizará cando se consiga a redención dos foros e pasen a ser propietarios.

Burguesía e Proletariado: As Clases Antagónicas

Os protagonistas desta época, as clases antagónicas, serán sen dúbida a burguesía e o proletariado.

A Burguesía

A burguesía, motor das revolucións liberais, estaba integrada principalmente por comerciantes, financeiros, industriais, profesionais liberais e clases propietarias. En España, non era moi numerosa e levouna a ter un espírito pouco emprendedor tendente a imitar as formas de vida da nobreza (excepción a burguesía catalá e vasca, activas no desenvolvemento industrial e financeiro). Distinguir dous grupos:

  • A alta burguesía, a que xunto coa nobreza rica conformaban a oligarquía, detentou o poder político e social.
  • As clases medias, medraban xunto co desenvolvemento urbano. Moitas veces excluídas do sistema político oligárquico, tiveron unha tendencia a introducir reformas progresistas que actuaron como oposición dos réximes oligárquicos en diferentes momentos da historia de España.

O Proletariado

O proletariado, xorde coa industrialización e ligado a unhas condicións de vida e traballo precarias. Esta situación de vulnerabilidade orixinou a conciencia de clase, convencimento de que só loitando unidos podían ser quen de enfrontar as condicións de miseria infrinxidas pola oligarquía económica e política. O movemento obreiro foi gañando en forza e complexidade a medida que avanza o século, pasando de reivindicacións reformistas a reclamacións abertamente revolucionarias en torno ás 2 grandes ideoloxías obreiras (socialismo marxista e anarquismo). A relación entre as clases medias e o proletariado, defínese como ambivalente: ás veces aliándose en contra da opresión da oligarquía e outras aliándose con ela para frear as reivindicacións revolucionarias do movemento obreiro.

A Situación da Muller no Século XIX

A situación da muller, sen apenas transformacións substantivas na súa situación herdada da modernidade. Seguía tendo un papel fundamental pero que a sociedade patriarcal, relegaba a un 2º plano. Cargaban co peso das familias e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos delas estaban moi limitados sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico ou de coidadoras, fundamental para actividades reservadas aos homes puideran desenvolverse. Sufrían unha discriminación xurídica nos Código penal, Civil e de Comercio estando totalmente sometida á autoridade do home, non tendo autonomía nas accións legais e comerciais; unha discriminación política xa que nunca tivo dereito a voto (ata a II República) e é en 1918 a 1ª asociación feminista en España (Asociación Nacional de Mujeres Españolas); unha clara discriminación laboral, os salarios inferiores ao dos homes e xornadas eran máis longas. Iso no caso das mulleres proletarias, xa que a incorporación da muller a outros tipos de traballos (de oficina ou mestras) foi moi lenta e de modo parcial.

O Acceso á Educación

A capacidade de acceso ao ensino da muller era limitada, máis nas clases altas e nas clases medias, e nula nas clases baixas. Entendida esta como clave para mellorar a situación da muller, a educación centrou moitos dos discursos en prol dos dereitos da muller no s.XIX, destacan Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A Institución Libre de Enseñanza, inspirada no krausismo, sumouse á iniciativa de expandir o ensino entre as mulleres, creando en 1874 a "Asociación por la Enseñanza de la Mujer". Pero como dixemos antes, teremos que agardar ata o s. XX para ver ao feminismo coller músculo e conseguir as súas primeiras reivindicacións, aínda que xa no s.XIX vemos a adiantadas nas reivindicacións sufraxistas como a Rosalía de Castro.

Muller e Movemento Obreiro

Salientamos o papel emancipador que supuxo o movemento obreiro para moitas mulleres proletarias que sumáronse ás loitas obreiras e chegaron a protagonizalas, caso da célebre folga das cigarreiras coruñesas en 1857.

Conclusión

En síntese podemos afirmar que é certo que a igualdade xurídica introducida polo liberalismo e a burguesía, protagonista do s.XIX, é clave para conseguir maiores cotas de igualdade, a desigualdade económica seguía sendo moi forte, e para que a igualdade xurídica alcanzase á muller teremos que superar o s.XIX e adentrarnos no XX e XXI nunha loita actual.

Entradas relacionadas: