Transformación de España: Democracia, Dereitos da Muller e Posición Global (Século XX)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 27,35 KB
A Transición e Consolidación da Democracia en España (1975-2004)
O contexto internacional no que se enmarcan os documentos está relacionado cos últimos anos da Guerra Fría e a caída da URSS a partir de 1991, o triunfo do bloque capitalista e o impacto do terrorismo internacional tras o atentado das Torres Xemelgas do 11 de setembro de 2001. Desde o punto de vista nacional, cabe facer referencia á consolidación do réxime democrático de 1978 baixo os gobernos socialistas (1982-1996) e populares (1996-2004).
Teoría e Contexto Histórico da Transición
O ditador falece en novembro de 1975, deixando a presidencia en mans de Arias Navarro e a xefatura de Estado a Xoán Carlos I de Borbón. No verán de 1976, o monarca provocou a dimisión de Arias Navarro, quen foi substituído por Adolfo Suárez. Co novo presidente, os cambios democráticos freados no goberno anterior alcanzaron un ritmo acelerado. Decretouse unha amnistía de presos políticos, propúxose unha Lei para a Reforma Política e ofertáronse unhas eleccións libres a Cortes Constituíntes para xuño de 1977. Tras a legalización do PCE na Semana Santa de 1977, contra o parecer da cúpula militar, que puxera como condición para permitir o anterior paso a legalización das formacións políticas agás o PCE, o presidente Adolfo Suárez convocou eleccións para unhas Cortes Constituíntes para o 15 de xuño de 1977.
Estas eleccións serían as primeiras democráticas desde a Segunda República. Concorreron a estes comicios numerosas formacións. A vitoria foi para a UCD (Unión de Centro Democrático), a formación política creada por Adolfo Suárez para seguir controlando o proceso de transición política desde os antigos redutos franquistas. A segunda forza máis votada foi o PSOE. Tanto a formación creada por Fraga Iribarne, Alianza Popular (AP), como o PCE foron as grandes perdedoras. A poboación española votaba moderación e consenso e rexeitaba aquelas formacións que lembraban o conflito da Guerra Civil.
A Constitución foi aprobada polas Cortes e, o 6 de decembro de 1978, aprobada en referendo pola cidadanía. O resultado é un texto froito do consenso, intencionadamente ambiguo para evitar que puidese ser utilizado de forma partidista por unha formación; inspirado en anteriores Constitucións españolas (1876 e 1931) e textos do estranxeiro; progresista e democrática. A Constitución recoñece a soberanía popular baixo un réxime de monarquía parlamentaria e establece que España é un Estado social e democrático de dereito. O rei reina, pero non goberna e ten a atribución de ser o Xefe das Forzas Armadas. España, pola Constitución de 1978, defínese como un Estado unitario, pero descentralizado administrativamente en autonomías, recuperando a solución territorial habilitada na Segunda República.
Esta Constitución recolle que España é un Estado aconfesional, se ben recoñece que a relixión católica é a maioritaria do pobo español, polo que terá unha consideración especial. Recolle os dereitos e deberes da cidadanía e o funcionamento das institucións do Estado. Recolle a posibilidade do divorcio, os dereitos sociais, dereitos de folga, de asociación, de liberdade de prensa, pluralidade política e sindical. Tamén volve a contemplar dúas cámaras nas Cortes: o Congreso dos Deputados e o Senado. O Congreso exerce unha función de control sobre o Goberno, dálle a súa confianza e discute e elabora os proxectos de lei que, unha vez aprobados, deben pasar pola súa ratificación ou devolución no Senado. O Senado, á súa vez, ten unha atribución de cámara para tratar os asuntos de tipo territorial que nunca foi ben desenvolvida.
A UCD (Unión de Centro Democrático) logrou gañar dúas convocatorias electorais, a de 1977 e a de 1979. Esta formación era un partido moi heteroxéneo, resultado da confluencia de individualidades políticas procedentes do antigo franquismo, democristiáns, liberais e incluso da socialdemocracia. Os primeiros anos da Transición foron moi duros:
- A crise económica de 1973 xerou taxas de inflación altas e un paro crecente que xerou un enorme malestar social. A gravidade da situación motivou os Pactos da Moncloa.
- A actividade da banda terrorista ETA neses anos cometeu numerosos atentados (os anos de chumbo) sobre membros das Forzas Armadas.
- A desconfianza que o Exército tiña sobre Adolfo Suárez desde a legalización do PCE e a reforma do Exército que buscou a substitución dos mandos militares. A aprobación de medidas como a Lei do Divorcio endureceu os ánimos da xerarquía da Igrexa.
Adolfo Suárez viuse acosado tanto pola esquerda (PSOE), que chegou a promover unha moción de censura en 1980, como pola dereita (AP). Esta situación política extrema obrigou a Adolfo Suárez a presentar a súa dimisión ante o rei en xaneiro de 1981. O 23 de febreiro, mentres se estaba producindo a votación no Congreso dos Deputados para investir presidente do Goberno a Leopoldo Calvo Sotelo, tamén da UCD, un grupo de Gardas Civís ao mando do tenente coronel Tejero ocupou a cámara á espera de que un mando de maior rango pasase a encabezar o golpe de Estado.
En paralelo, en Valencia, o capitán xeneral Miláns del Bosch sacou os tanques ás rúas e impuxo o toque de queda. Segundo os golpistas, o rei estaba informado de todo, dando a entender a súa complicidade no golpe, pero finalmente fracasou pola intervención pública do monarca na que declarou a súa adhesión á democracia recentemente creada e polo rexeitamento xeral da sociedade española.
Nas eleccións de outubro de 1982, o PSOE obtivo a súa primeira vitoria por maioría absoluta; así, os socialistas tiveron que pór en marcha un programa modernizador e reestruturador do país:
- En economía, puxeron en marcha unha reconversión industrial que afectou fundamentalmente aos sectores maduros da industria: a naval e a siderúrxica. Houbo unha forte contestación social e un incremento do desemprego.
- Outra medida foi a modernización e renovación do Exército para afastar a pantasma do golpismo a través da Lei Orgánica de Defensa coa que se supeditaban os mandos do Exército ao Goberno.
- Outras medidas salientables tomadas nesta etapa foron encamiñadas a consolidar o Estado do Benestar: a extensión das prestacións sociais (extensión sanitaria, establecemento das pensións non contributivas…); a reforma educativa (encamiñada á democratización da educación e a gratuidade do ensino primario e secundario); e a reforma dos códigos legais (aprobación da Lei do Aborto e novo Código Penal de 1995 coa potenciación do valor reeducativo e rehabilitador das penas).
- Destaca tamén o deseño dunha política exterior con tres piares básicos: a relación con Europa (integración na Comunidade Económica Europea en 1986), fomentar unha boa veciñanza con Portugal e Marrocos; fortalecer os lazos con Latinoamérica e manter moi boas relacións con EEUU, así como reclamar a devolución de Xibraltar.
Nestes anos, a sociedade experimentou grandes cambios que reduciron as diferenzas coas sociedades dos países occidentais europeos. A sociedade española de mediados dos 90 era máis igualitaria, máis plural, máis laica, mellor preparada e na que avanzaba a incorporación da muller ao mundo laboral, ao tempo que se reducía o número de matrimonios e o número de fillos por muller. Tamén houbo unha transformación dos hábitos culturais grazas ao investimento público en actividades culturais, exposicións, ao apoio ao cinema, etc. En cambio, a sociedade aínda mantivo valores tradicionais, especialmente na consideración da familia como célula de organización social.
A Evolución da Situación da Muller en España no Século XX
Os documentos hai que inscribilos no contexto da segunda metade do século XX que, no caso do panorama internacional, está condicionado pola fin da Segunda Guerra Mundial, a Guerra Fría e a súa finalización nos anos 90 tras a caída do bloque comunista. Desde a perspectiva interna de España, foi determinante a existencia dunha ditadura de corte autoritario, militar e conservador desde 1939 ata 1975 e o inicio dun proceso de transición política que deu lugar ao nacemento dun réxime democrático a partir de 1978.
Teoría: Dereitos e Rol Feminino na Historia Española
A proclamación da Segunda República significou para as mulleres a apertura dun novo período histórico, reformador e progresista. Tanto a Constitución de 1931 como a lexislación republicana aprobada no Bienio Reformista (1931-1933) significaron un gran avance na busca da igualdade política, legal e de xénero.
Especial relevancia tivo o recoñecemento do dereito de voto, permitindo por primeira vez escoller os seus representantes nas Cortes e ser elixibles. Así mesmo, as transformacións xurídicas afectaron aos ámbitos social e laboral, fomentando a equiparación de dereitos entre homes e mulleres: Lei do Divorcio; Lei do Matrimonio Civil; equiparación na maioría de idade e na escolarización e o ensino obrigatorio, gratuíto, laico e coeducativo; a desaparición do parricidio por honra; o establecemento do seguro de maternidade ou a posibilidade de acceso á función pública. Aínda así, seguiu manténdose a autoridade do marido como representante legal da esposa para administrar bens e realizar numerosas actividades económicas.
Así mesmo, neste contexto, moitas mulleres incorporáronse á vida política e social de España en diferentes partidos e sindicatos, formando seccións femininas. Dentro do feminismo proletario destacou a asociación anarcosindicalista Mujeres Libres, que contaba cunha revista centrada en temas feministas e na que defendía a liberación da muller obreira, a súa educación e a igualdade nas relacións de homes e mulleres e a fin da xerarquización autoritaria dentro da familia e a educación sexual. Paralelamente, produciuse tamén a incorporación á vida pública de mulleres conservadoras en defensa da patria, a familia, o catolicismo e a Igrexa. A Guerra Civil mantivo a mobilización feminina. Na zona republicana, as milicianas ocuparon un papel relevante, onde grupos reducidos de mulleres, sobre todo anarquistas e comunistas, foron espontaneamente ás frontes e tomaron as armas para combater, aínda que maioritariamente se dedicaron a tarefas de apoio (sanitarias e cociña).
Por outra banda, e de xeito maioritario, as mulleres tiveron un papel fundamental na retagarda ao producirse unha incorporación masiva de mulleres que realizaron todo tipo de tarefas produtivas e asistenciais. No bando franquista, as mulleres encadradas na Sección Feminina ou nas Margaridas dos requetés, desenvolveron un papel colaborador co Exército e as novas autoridades, poñéndose á fronte do aparato propagandístico do novo réxime nacionalcatólico, recadando fondos e traballando en numerosas tarefas asistenciais.
Durante a ditadura franquista, a familia foi considerada a base fundamental da sociedade. A familia baseábase no matrimonio canónico indisoluble e na procreación dos fillos, e cada un dos seus membros tiña unha finalidade e deber específico, que no caso da muller eran os labores da casa, educar e atender os fillos, perpetuando a tradición e o sistema vixente. Na divulgación destes valores tivo un papel fundamental a Sección Feminina (1934), presidida por Pilar Primo de Rivera. Potenciou o modelo feminino caracterizado pola pasividade política e a nula participación pública, xustificando que o coidado da casa e da familia eran as únicas actividades que lle correspondían á muller por natureza. Para o adoutrinamento das mulleres na filosofía do réxime, en 1937 creouse o Servizo Social, no que se incluía a formación teórica e a prestación obrigatoria de traballos sociais.
O franquismo acabou con todos os avances que conseguiran as mulleres na Segunda República: abolición do matrimonio civil e do divorcio, o incremento da maioría de idade aos 25 anos ou a recuperación da lexislación do Código Penal de 1885 na que a norma aceptaba a discapacidade da muller como principio xeral, o que repercutía negativamente nos seus dereitos (non podían exercer actividades comerciais, comparecer por si mesmas nun xuízo, etc.).
Nas primeiras fases da oposición franquista, a muller tivo un papel case invisible; ademais, nas organizacións antifranquistas, non se cuestionaba a ideoloxía da domesticidade feminina. A situación comezou a cambiar nos anos 60; así, en 1965, promovido por Dulcinea Bellido e auspiciado polo PCE, xurdiu en Madrid o Movemento Democrático de Mulleres como unha fronte plural feminina clandestina que servía para denunciar as discriminacións que sufrían as mulleres e avanzar na loita pola igualdade de dereitos.
Co inicio do Réxime de 1978, a situación xurídica mudou coa Constitución de 1978 ao establecer o recoñecemento da igualdade entre homes e mulleres. Porén, as expectativas iniciais das mulleres feministas de conseguir avances rápidos víronse frustradas; así, foron especialmente difíciles de conseguir o dereito ao divorcio e ao aborto. No caso do aborto, houbo que agardar ata xullo de 1985, durante o Goberno de Felipe González, coa súa despenalización parcial.
Por outra banda, nas últimas décadas do século XX, as mulleres foron adquirindo cada vez máis peso nos diferentes ámbitos da sociedade e fóra da esfera privada do fogar:
- No ámbito laboral, ademais das reivindicacións relacionadas coa equiparación das condicións laborais e salariais cos homes, as feministas pedían a socialización das tarefas domésticas, abrindo o debate sobre a dobre xornada laboral das mulleres. Así, neste respecto, os sindicatos foron incorporando nos seus discursos as demandas igualitarias, ao tempo que se foron creando secretarías especializadas no traballo feminino.
- No ámbito educativo, o feminismo reclamou a coeducación, a escola non sexista e o fomento do acceso das mulleres a todo tipo de estudos. Aínda que as estudantes mulleres seguen sendo maioría nas carreiras de Educación, Saúde e Servizos Sociais e Artes e Humanidades, a porcentaxe global das mulleres nos estudos universitarios aumentou considerablemente (40% no curso 1977-1978; 54% en 2004-2005).
- Na cultura (música, cinema, teatro, literatura…), as mulleres cobraron un maior protagonismo, contribuíndo coas súas creacións aos cambios sociolóxicos e artísticos, ao tempo que o feminismo e a loita pola igualdade cobrou un maior peso na produción cultural.
- No ámbito político, o acceso a postos de dirección de partidos e sindicatos foi case inexistente ou anecdótico durante os primeiros anos. De aí que as militantes feministas dos partidos de esquerda estableceron como estratexia a fixación dunha porcentaxe de cota feminina (sistema de cotas) á hora de fixar as listas para os cargos e as candidaturas electorais.
España no Contexto Europeo e Global: Relacións Internacionais
O contexto internacional no que se enmarcan os documentos está relacionado cos últimos anos da Guerra Fría e a caída da URSS a partir de 1991, o triunfo do bloque capitalista e o impacto do terrorismo internacional tras o atentado das Torres Xemelgas do 11 de setembro de 2001. Desde o punto de vista nacional, cabe facer referencia á consolidación do réxime democrático de 1978 baixo os gobernos socialistas (1982-1996) e populares (1996-2004).
Teoría: Posición de España no Escenario Mundial
O mundo de hoxe é, en gran parte, o resultado da crise e afundimento do bloque comunista e do triunfo do sistema capitalista e condicionado polo extraordinario desenvolvemento das novas TIC. Neste contexto, España é un país desenvolvido de relevancia media no plano internacional. Para analizar a súa posición en profundidade, hai que ter en conta as súas fortalezas e debilidades, as súas vinculacións e relacións co mundo e o seu posicionamento no conxunto da Unión Europea.
A. España e a Integración Europea
En 1979, restablecida a democracia, reiniciáronse as negociacións para que España se incorporase á organización europea. A Comunidade Económica Europea nacera en 1957, pero o carácter antidemocrático do réxime franquista levou a que fosen rexeitadas as peticións españolas de adhesión.
Ademais, a súa estrutura económica e social presentaba un notable atraso respecto á comunitaria, o que fixo que o proceso fose lento, ao que se lle engade a oposición de Francia á entrada de España, temerosa da competencia española na cuestión agrícola. Finalmente, en 1985, asinouse o Tratado de Adhesión, entrando como membro de pleno dereito en xaneiro de 1986. A integración foi resultado dunha serie de factores externos (intención da Comunidade de crecer e incorporar aos países do sur de Europa) e internos: a democratización permitiu a España recuperar as negociacións para o seu ingreso; España ratificou a súa adhesión á OTAN; a Comunidade reclamaba cambios estruturais na economía española que, por outra banda, eran necesarios para afrontar a crise económica.
As consecuencias da integración de España na CEE foron, en xeral, positivas e deixáronse sentir en diferentes ámbitos. Desde un punto de vista político, España reforzou o seu recente sistema democrático e o Estado de Dereito. Ao mesmo tempo, rematou co seu tradicional illamento en Europa e no mundo. No plano económico, España presentaba un notable desfase respecto aos países comunitarios (en PIB per cápita, en competitividade económica e na taxa de paro); sen embargo, coa adhesión, España tivo acceso a un amplo mercado único e a un forte financiamento para modernizar os sectores da economía española e facelos máis competitivos como resultado da política de converxencia da Comunidade, aínda que tamén tivo efectos económicos negativos nalgúns sectores. No plano social e cultural, os efectos foron moi visibles. Así, España profundizou no seu Estado do Benestar (aumento das prestacións sociais, mellora da sanidade e da educación) e incorporouse ás tendencias científicas e culturais da Europa occidental.
B. España no Escenario Global
En 1955 (ingreso na ONU), España iniciou un proceso de integración internacional, mostra do cal é o aumento da participación española nos diferentes órganos internacionais. Das organizacións económicas máis destacadas salienta a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), na que ingresou en 1961. Ademais, forma parte do grupo de organizacións económicas: o Fondo Monetario Internacional (FMI), institución de carácter financeiro, e a Organización Mundial do Comercio (OMC), de tipo comercial.
Pola súa parte, no ámbito político-militar, cabe ter en conta a integración de España na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). España incorporouse á OTAN en 1982; a pesar disto, na campaña electoral do mesmo ano, o PSOE prometera a retirada do país da OTAN. No poder, a posición dos socialistas foi cambiando e, desde a inicial e frontal oposición, pasouse a pedir o voto afirmativo no referendo celebrado en 1986, onde houbo un 52,6% de votos afirmativos. Así, España confirmaba a súa presenza como membro da organización, aínda que non se integraba na súa estrutura de mandos militares nin se permitían armas nucleares en territorio español, ademais de iniciar negociacións con EEUU para reducir o número de efectivos e de instalacións pertencentes ao Exército estadounidense en territorio español.
Outro dos elementos clave nas relacións internacionais de España desde a Transición foi revisar as relacións con Reino Unido e con Xibraltar. Co fin de suavizar as tensións, optouse por medidas aperturistas ao decidir abrir o acceso por terra a Xibraltar desde 1985, tratando así de favorecer os intercambios e avanzar nas negociacións, toda vez que non se recoñeceu a soberanía británica no territorio; de feito, España entende que Xibraltar non é parte integrante de Reino Unido, é definida, pois, como unha colonia británica en territorio español.
Polo que respecta ás relacións cos países hispanoamericanos, estas experimentaron transformacións evidentes. O Réxime de 1978 abandonou a tradicional posición internacional formulada desde posicións hexemónicas sobre os estados latinos, cara a unha relación enmarcada en criterios de respecto e igualdade e na defensa de principios democráticos e dos dereitos humanos, no impulso de políticas de cooperación ao desenvolvemento e promoción da institucionalización de cumes iberoamericanos.
Como mostra das reformas experimentadas polo Exército durante o réxime democrático, está a función que tivo este no marco internacional a través da súa participación en diversas misións de paz como parte integrante dos cascos azuis da ONU desde 1989. Neste mesmo sentido, desde os anos 80, formuláronse diversas execucións e xestións de proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento, maioritariamente aplicados en países do Terceiro Mundo baixo o paraugas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
Estas liñas de España na política internacional baseadas na cooperación víronse afectadas polos atentados do 11 de setembro de 2001 (Torres Xemelgas de Nova York). O Goberno español, liderado por J.M. Aznar (Partido Popular), xunto co Goberno británico, decidiu participar na Guerra de Iraq (Cume das Azores, 2004), colaborando co envío de tropas. A opinión pública española posicionouse maioritariamente en contra a través de masivas manifestacións; de aí que o labor de España no ámbito da cooperación internacional cobrase un importante empuxe desde 2004, ao xogar un papel importante na creación da Alianza das Civilizacións, un organismo que nace co obxectivo de mellorar as relacións entre o mundo occidental e o mundo islámico e establecer colaboracións nunha cooperación antiterrorista.
No plano internacional, España atópase detrás das grandes potencias mundiais, cunha tendencia a perder posicións polas repercusións da crise de 2008 e o rápido ascenso dos países emerxentes, ao que se engade a súa debilidade relacionada cos “poderes duros” (capacidade político-militar). Pola contra, as maiores fortalezas de España están relacionadas co “poder brando”: a calidade das institucións, a participación en institucións e acordos internacionais, os fluxos de persoas (migracións e turismo), a presenza deportiva e unha boa reputación como lugar de ocio.
Comparativa Histórica: Segunda República e Franquismo en España
1. Contexto e Traxectoria Política
- República:
- Comeza coa dimisión de Primo de Rivera e o fin da ditadura.
- As eleccións municipais marcan unha vitoria das candidaturas republicanas.
- Fórmase un Goberno provisional (presidido por Niceto Alcalá Zamora) e exíliase Afonso XIII.
- Iníciase un período de inestabilidade con reformas e oposición.
- A situación deriva na Guerra Civil, tras o levantamento dos sublevados.
- Franquismo:
- Tras a Guerra Civil, os sublevados obtiveron a vitoria.
- Implántase unha ditadura cun longo período de estabilidade.
- Existe unha forte oposición ao réxime, que se manifesta en distintas etapas:
- Nacional-sindicalismo (1939-1945)
- Constitucionalismo cosmético (1945-1959)
- Etapa tecnocrática (1959-1975)
2. Forma de Goberno
- República:
- Establece un sistema republicano baseado na soberanía popular.
- Estado integral con certas competencias autónomas para as rexións.
- Separación de poderes: Poder lexislativo: Cortes; Poder executivo: Xefe de Estado; Poder xudicial: Tribunais.
- Sistema multipartidista.
- Franquismo:
- Ditadura militar con ideoloxía baseada nas ideas da dereita ultraconservadora.
- Estado forte e centralizado.
- Concentración do poder en mans de Franco, sen separación de poderes real.
- Partido único (FET y de las JONS) e sindicato vertical.
3. Dereitos e Liberdades
- República:
- Sufraxio universal masculino e feminino.
- Ampliación de dereitos:
- Dereito de reunión e asociación;
- Acceso á educación;
- Propiedade privada;
- Estado laico;
- Liberdade de opinión.
- Franquismo:
- Leis de referendo con escasa participación real.
- Pobreza de dereitos e liberdades, con falta de pluralismo:
- Foro dos Españois con declaracións limitadas;
- Estado católico;
- Censura como mecanismo de control.
Fases do Franquismo: Nacional Sindicalismo vs. Constitucionalismo Cosmético
1. Contexto
- Nacional Sindicalismo (1939-1945):
- O réxime toma como referente o modelo fascista, en consonancia co contexto da Segunda Guerra Mundial.
- Inspírase nas ideas da Falange, promovendo unha ideoloxía totalitaria e nacionalista.
- Constitucionalismo Cosmético (1945-1959):
- Trátase de presentar a ditadura franquista como un réxime de principios democráticos para mellorar a súa imaxe exterior.
- Inclúe certos elementos formalmente democráticos, pero sen deixar de ser unha ditadura.
- Preténdese dar unha aparencia de legalidade e institucionalidade.
2. Medidas e Leis
- Nacional Sindicalismo:
- Foro do Traballo: Regula o mundo obreiro, someténdoo á estrutura vertical do sindicato único.
- Lei de Cortes: Crea unhas novas Cortes orgánicas, de carácter conservador e sen representación democrática real.
- Constitucionalismo Cosmético:
- Foro dos Españois: Define os supostos dereitos e deberes dos cidadáns.
- Lei de Referendo: Permite a participación da opinión pública para referendar leis propostas polo réxime.
- Lei de Sucesión: Establece que, tras Franco, España volvería ser unha monarquía.
- Lei de Principios do Movemento Nacional: Establece os principios ideolóxicos do réxime, que afectan a todas as institucións do Estado (familia, municipio, sindicato, etc.).