Tito Livio: Vida, Obra e Legado Histórico de Roma

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,2 KB

Tito Livio: Vida e Obra Principal

Tito Livio naceu en Padua no ano 59 a.C. e morreu no 17 d.C. na mesma cidade. Aínda que a súa inclinación fose cara ás obras retóricas, que hoxe descoñecemos, a súa fama débese ao seu traballo como autor dunha gran obra sobre a historia de Roma. Estamos a falar de Ab urbe condita, 142 libros que recollen o acontecido en Roma dende a súa fundación ata a morte de Druso o Maior.

Contexto e Propósito da Obra de Livio

Aínda que a obra de Tito Livio na súa forma artística está ligada á época de Cicerón, no esencial temos que situala dentro da literatura augustea. Tito Livio non ten o mesmo entusiasmo que Virxilio e Horacio polo emperador, pero comparte con eles a idea de que Augusto será quen remate coa decadencia moral e recupere o antigo espírito da Antiga Roma. De feito, a obra de Livio é unha homenaxe a esa vella Roma en oposición aos acontecementos dos últimos 100 anos. Máis ou menos no 30 a.C. chega a Roma. Nesta cidade empeza a escribir Ab urbe condita, obra que lle deu fama xa en vida.

Fontes e Metodoloxía de Livio

Ab urbe condita tiña 142 libros, dos cales só chegaron a nós do 1 ao 10 e do 21 ao 45. Porén, temos información sobre o contido de toda a obra. Para levar a cabo esta obra, Livio non estuda as fontes orixinarias nin tampouco visita os lugares dos que fala. Hai que ter en conta que a súa obra é moi ampla, e iso sería imposible. As súas fontes principais foron os analistas: Gracilio, Valerio Antias, Celio Antipatro e Polibio.

Unha vez recollidas as fontes, o que fai é adherirse a unha determinada exposición e despois esta é completada ou corrixida coa axuda doutra fonte. Pero é común que dúas fontes ofrezan versións distintas, polo que o método de traballo escollido por Livio dá lugar a frecuentes inexactitudes e discrepancias cronolóxicas. Por outra banda, o seu forte sentimento patriótico fai que ás veces suprima datos ou enfatice outros.

Os Obxectivos de Ab urbe condita

Son varias as intencións que Tito Livio ten cando escribe Ab urbe condita:

  • Quere facer unha obra de arte que teña tamén un carácter moralizador, como correspondía á tradición dos historiadores romanos.
  • Pretende que a súa historia sexa unha obra literaria, especialmente unha obra da oratoria. Deste xeito, comparte con Cicerón a forma de entender a historia.
  • Asociado como historiador a Augusto, quixo que a súa obra fose unha obra nacional.

Todas estas intencións levan a Tito Livio a facer unha obra que recolla todo o pasado de Roma. O que quere é unha narración imparcial e xeral. Porén, o seu obxectivo patriótico e moralizador fai que se desvíe do método histórico obxectivo. A nosa maneira de entender o labor de historiador está lonxe da practicada por Tito Livio, quen inclúe na súa obra feitos fabulosos e prodixios ao tempo que utiliza como fontes a historiadores anteriores que en moitos casos son moi discutibles, sen botar man de documentos auténticos e elixindo das versións dos acontecementos aquela que lle parece máis verosímil.

Dificultades na Redacción da Obra

Para levar a cabo a redacción da súa enorme obra, Tito Livio atopou tres dificultades importantes:

  • A falta de información, especialmente en todo o referente á época primitiva. Ata a instauración da República, había a sospeita de que a historia de Roma pertence máis á lenda que á realidade.
  • A imposibilidade de acceder aos arquivos públicos e privados.
  • Livio carecía, ao revés que César ou Salustio, de formación política de tipo práctico. Nunca desempeñara cargos públicos; non tiña, por tanto, experiencia para emitir xuízos e interpretar algúns datos.

O Estilo de Tito Livio

Caracterízase por utilizar períodos densos e simétricos, expresións antigas, abundantes metáforas e comparacións. Ademais, introduce na súa narración discursos que, aínda que estean ben construídos, carecen de base histórica.

Entradas relacionadas: