Tipos de Comunicación e Problemas na Transmisión de Datos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Informática y Telecomunicaciones
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,61 KB
Tipos de Comunicación
Tipos de liña segundo a topoloxía
- Punto a punto: Interconectan dous dispositivos.
- Multipunto: Interconectan máis de dous dispositivos.
Segundo a sincronización
A sincronización é a problemática de escoller o momento no que o receptor debe ler o dato que se está a enviar. Se le no momento errado, o dato lido non será correcto.
- Síncrona: Ademais de transmitirse sinais que representan os datos a enviar, transmítese información sobre o momento no que o receptor ten que ler. Normalmente, un sinal de sincronización que adoita viaxar por unha liña de comunicacións separada.
- Asíncrona: Non se transmite ningún sinal específico ou información específica de sincronización. Non obstante, o emisor e o receptor deben ter algún mecanismo para sincronizar o envío e recepción de información, como por exemplo, ter dous reloxos sincronizados, ou analizar certos patróns do sinal para así poder saber cando se comeza a transmitir cada símbolo.
Segundo a explotación do circuíto
- Símplex: Na liña só circula información nun sentido.
- Dúplex: A información circula nos dous sentidos.
- Half-dúplex: A información circula nos dous sentidos, pero nunca simultaneamente. Débense turnar os envíos e as recepcións, como cando se empregan walkie-talkies.
Segundo o número de liñas
- Serie: Existe só unha liña pola que se transmite un só sinal.
- Paralelo: Existen varias liñas en paralelo polas que se transmiten varios sinais simultaneamente.
Segundo a natureza da información
- Analóxica: A información que se transmite é de natureza analóxica. Por exemplo, un sinal de voz, un sinal de TV, etc. Un exemplo é a telefonía analóxica, xa que o que se transmite é un sinal analóxico coa forma de onda da voz.
- Dixital: A información que se transmite é dixital. É dicir, son datos que se poderían almacenar nun ficheiro. É información que podemos representar en bits. Por exemplo, a telefonía GSM, xa que os teléfonos converten a voz en información dixital, e son os bits de información o que se transmite pola rede.
Comunicacións segundo as opcións de entrega
- Unicast: A mensaxe ten un único destinatario.
- Multicast: Varios destinatarios.
- Broadcast: Destinado a todo o mundo.
Problemas nas Transmisións
- Ruído: Chámase ruído a calquera sinal incoherente que potencialmente se pode mesturar co noso sinal, cambiándoo e facendo así que non se reciba exactamente o que se enviou. Con incoherente quérese dicir que non é un sinal recoñecible, cun formato intelixible. Existen varios tipos, pero o máis coñecido é o ruído branco. Este é un sinal completamente aleatorio e impredecible, que está formado por compoñentes de todas as frecuencias por igual, sendo así capaz de deteriorar calquera sinal.
- Atenuación: É o fenómeno que consiste en que o sinal perda potencia.
- Distorsión: Este fenómeno consiste en que o sinal se "deforma" de xeito non lineal.
- Interferencias e autointerferencias: Consiste en que outro sinal se mestura co que nos interesa, facendo así que o que se recibe sexa diferente do que se enviou.