Termos Esenciais de Demografía e Poboación

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,39 KB

Poboación Activa: Definición e Composición

Conxunto de persoas que se atopan en idade apta para traballar (>16 anos) e que subministran man de obra para a produción de bens e servizos ou que están dispoñibles e realizan xestións para incorporarse a esta produción. Polo tanto, comprende á poboación que ten un traballo remunerado (poboación activa ocupada) e á que busca activamente un emprego (poboación activa desocupada), ben porque está no paro ou ben porque está buscando por primeira vez un emprego.

A maior parte da poboación activa española traballa no sector terciario ou servizos.

Recurso actualizado: INE - Taxas EPA

Esperanza de Vida: Cálculo e Variacións

É o número medio de anos que, no momento de nacer, se calcula que pode chegar a vivir unha persoa. Para calculala, debe relacionarse o número de anos vividos por todos os membros dunha poboación co número de habitantes que ten esa poboación.

A media mundial está arredor dos 71 anos, pero existen grandes diferenzas entre Estados. Tamén existen diferenzas entre sexos, sendo xeralmente superior no caso das mulleres.

Réxime Demográfico: Períodos e Características

Un réxime demográfico é un período histórico cunhas taxas de natalidade e mortalidade e esperanza de vida máis ou menos constantes que determinan un crecemento natural da poboación e unha pirámide poboacional características.

  • Réxime Demográfico Antigo

    Ata o século XIX, con taxas de natalidade e mortalidade altas e unha poboación estable ou con crecemento lento.

  • Transición Demográfica

    Desde finais do XIX e durante case todo o século XX, con taxas de natalidade en descenso e taxas de mortalidade baixas, xunto cun incremento da esperanza de vida, o que produciu un crecemento importante da poboación.

  • Réxime Demográfico Actual/Moderno

    Con taxas de mortalidade e natalidade baixas e unha alta esperanza de vida, o que leva consigo o envellecemento da poboación e un crecemento natural lento ou negativo.

Crecemento Vexetativo ou Natural

É o balance entre os nacementos e as defuncións que teñen lugar nun concreto durante un período de tempo, que xeralmente é un ano. Obtense calculando a diferenza entre os números absolutos de nacementos ou defuncións.

  • Se o crecemento vexetativo é positivo, a poboación aumenta.
  • Se é negativo, diminúe.
  • Se coinciden os valores de nacementos e defuncións, o crecemento será cero, polo que a poboación estancarase.

Esta diferenza tamén se pode calcular entre a taxa de natalidade e a taxa de mortalidade. Obtense entón a taxa de crecemento natural ou vexetativo, que adoita expresarse en tantos por cento (%).

Padrón Municipal: Rexistro e Actualización

Fonte demográfica que rexistra de forma individualizada a poboación dun municipio. Recolle datos demográficos, económicos e sociais, como:

  • Total de efectivos
  • Idade
  • Sexo
  • Estado civil
  • Situación de residencia
  • Nacionalidade
  • Ocupación

Estes datos son en menor número que os recollidos no censo.

Tradicionalmente renovábase cada 5 anos, pero a partir de 1996, modifícase a diario por medios informáticos que se transmiten desde cada concello ao INE, que actualiza e publica os datos cada 1 de xaneiro. É, polo tanto, un documento dinámico, que se corrixe constantemente e que se consulta, por exemplo, para comprobar as listas electorais.

A estatística do Padrón Continuo que publica o INE aglutina todos os padróns municipais.

Saldo Migratorio: Impacto na Poboación

Balance que existe entre a inmigración e a emigración nun determinado lugar:

  • Cando o saldo migratorio é positivo (hai máis inmigrantes ca emigrantes), a poboación aumenta.
  • Cando o saldo migratorio é negativo (hai máis emigrantes ca inmigrantes), a poboación diminúe.

Inverno Demográfico: Desafíos Actuais

Situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade que están por debaixo da taxa de reposición (2,1 fillos por muller), o que provoca un envellecemento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración para cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE e Xapón.

Transición Sanitaria: Risco e Saúde

Modelo teórico para explicar o descenso da mortalidade durante a transición demográfica, que xira arredor do concepto de risco ou probabilidade de perder a saúde.

No réxime demográfico antigo, cada poboación estaba sometida a factores de risco con diferente nivel de incidencia.

A transición prodúcese no momento en que se reducen os principais factores de risco e se modifican as condicións de saúde da poboación. Isto explicaría os diferentes modelos e ritmos de transición entre países e rexións.

Entradas relacionadas: