Termos Esenciais da Nova Economía: Enerxía, Industria e Sostibilidade

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,51 KB

Enerxías Renovables

Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais, sen desaparecer ao xerar dita enerxía, como a auga ou a calor do sol.

Entre as enerxías renovables cóntanse:

  • A hidroeléctrica
  • A eólica
  • A solar
  • A xeotérmica
  • A mareomotriz
  • A biomasa
  • Os biocombustibles

Agás a hidroeléctrica (que é unha enerxía tradicional), son exemplos de enerxías alternativas debido a que a súa tecnoloxía está en fase de investigación ou precisa dun forte investimento inicial. Están consideradas enerxías limpas porque, en xeral, non contaminan, non xeran residuos e causan menos alteracións ambientais. Tamén son autóctonas, posibilitan o autoabastecemento e posúen elevada dispersión que permite utilizalas en lugares diversos.

Industrias Verdes

É unha nova rama industrial que ten como fin desenvolver tecnoloxías limpas para a industria. O valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible, a través do respecto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables. O Plan Industrial e Tecnolóxico Ambiental da Unión Europea concede fondos destinados a proxectos de formación e desenvolvemento encamiñados a eliminar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.

Industria 4.0

A Cuarta Revolución Industrial, actualmente en marcha, implica a utilización de novas tecnoloxías como a robótica, a intelixencia artificial, a nanotecnoloxía e o internet das cousas, entre outras. Todo iso debe repercutir nunha automatización das tarefas e unha dixitalización industrial que quizais pode reverter o proceso de deslocalización industrial promovido polo neoliberalismo de finais do século XX.

Deslocalización Industrial

Traslado dunha actividade industrial dun país ou rexión a outro lugar, coa finalidade de abaratar custos. Co proceso de globalización da economía posto en marcha polas políticas neoliberais, moitas grandes empresas dos países máis ricos aproveitaron esta estratexia para situar as súas plantas de produción en países menos desenvolvidos, onde os salarios son máis baixos.

Descarbonización

Política enerxética consistente na redución paulatina das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) xeradas pola actividade humana. Implica o peche, por exemplo, de centrais térmicas baseadas na combustión de carbón, á par que se fomenta o incremento de enerxía xerada a partir da utilización de enerxías renovables (hidroeléctrica, eólica, solar...). (Consulta: MITECO)

Parque Tecnolóxico

Espazo de dimensións similares aos polígonos industriais, pero nel concéntranse as industrias de alta tecnoloxía. Sitúanse preto de cidades con universidades e centros de investigación, en contornos de alta calidade ambiental, boa accesibilidade, con infraestruturas modernas, comunicacións co aeroporto e coas redes informáticas. Posúen servizos complementarios (administrativos, telecomunicacións, salas de reunión, cafeterías...). O obxectivo destes parques é lograr que as súas industrias innovadoras actúen como dinamizadoras do desenvolvemento local, xerar emprego de alta cualificación, atraer outras empresas e difundir as innovacións ao contorno.

Terciarización

Crecente peso dos servizos á produción no emprego industrial, como forma de incrementar o valor engadido dos produtos. Estes servizos poden ser previos á fabricación (I+D, deseño ou xestión) ou posteriores a ela (mercadotecnia, control de calidade, servizos posvenda). Estes empregos rexístranse no sector terciario, o que explica en parte a redución do emprego industrial.

Clústers Industriais

Agrupación de empresas próximas xeograficamente, especializadas no mesmo produto ou complementarias que, á vez que compiten, colaboran entre si para ser máis competitivas.

Balanza Comercial

Forma parte da balanza de pagamentos dun país. Esta balanza comercial só rexistra as importacións e exportacións de mercadorías dun país co resto do mundo ao longo dun ano; é dicir, non contempla a prestación de servizos entre países, nin o investimento ou o movemento de capitais. O saldo da balanza comercial é a diferenza do total das exportacións e as importacións. Será positivo cando haxa máis exportacións que importacións (superávit comercial) e será negativo cando se importen máis mercadorías das que se exportan do país (déficit comercial).

Ecoturismo

Nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Céntrase na visita a espazos naturais protexidos, como parques nacionais ou naturais, nas que se combina a protección ambiental co uso recreativo e turístico suxeito ás regulamentacións establecidas. Estas actividades turísticas buscan a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; pero ademais pretenden manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local, e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.

Economía Sumerxida

Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais. Os axentes da economía sumerxida aproveitan as situacións de altos índices de desemprego e buscan non pagar impostos, cotas da Seguridade Social, e o pago de salarios baixos. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe as contrapartidas sociais legalmente recoñecidas.

Turismofobia

Fenómeno caracterizado polo rexeitamento das poboacións locais ao turismo masivo, que xera grandes incomodidades e dificultades aos residentes. Cando nun destino turístico se produce masificación e se desborda a capacidade de carga sobre os recursos medioambientais e mesmo a vivenda, as protestas aumentan e o malestar está próximo á fobia.

Fenda Dixital

Desigualdade existente entre as persoas respecto ás posibilidades de acceso, calidade e formación no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación). Esta desigualdade dáse entre grupos de desigual condición socioeconómica e entre habitantes das zonas rurais e urbanas, dado que a cobertura de internet é bastante mellor en áreas densamente poboadas.

RTE-T (Rede Transeuropea de Transporte)

Esta rede pretende garantir a mobilidade das persoas e das mercadorías mediante infraestruturas multimodais de calidade que conecten as capitais e os principais focos económicos da UE e enlacen cos países fronteirizos máis importantes. A rede básica ou principal inclúe os tramos de maior importancia estratéxica da RTE-T coa idea de estar lista para 2030. Son nove corredores multimodais que teñen como base as liñas de transporte ferroviario que se complementan con estradas de alta capacidade e con vías de navegación interior. Nesta liña tamén está a creación de autoestradas do mar, feito que non acaba de arrincar.

Entradas relacionadas: