Termos Esenciais de Agricultura e Pesca en Galicia: Definicións Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 20,88 KB
Acuicultura
Acuicultura.- É o conxunto de actividades, técnicas e coñecementos de cultivo de especies acuáticas vexetais e animais. Hoxe representa unha importante actividade económica de produción de alimentos, materias primas de uso industrial ou farmacéutico e organismos vivos para a súa reprodución e mesmo ornamentación. Os sistemas de cultivo poden ser en auga doce ou salgada, e poden ser realizados, ben directamente no medio natural mariño, tamén denominada acuicultura mariña (de xeito extensivo; p. ex.: as bateas de mexillón), ou ben en instalacións baixo condicións totalmente controladas, como acontece no caso da acuicultura continental (acuicultura intensiva en auga doce; p. ex.: troita común; ou en auga salgada: cría de rodaballo, dourada, robaliza, salmón, linguado, etc.).
Concentración Parcelaria
Concentración Parcelaria.- Proceso levado a cabo xeralmente por organismos públicos (Ministerio de Agricultura), que supón a redución en número, a regularización dos contornos e o aumento da superficie do parcelario dunha determinada área, logo de medición, avaliación edáfica, topográfica, económica, etc. O proceso supón, ademais de redución importante do número de parcelas (sobre todo nas áreas de predominio do minifundio por mor das sucesivas particións), o intercambio de terras entre os veciños (feito que crea bastante conflitividade social) e a apertura dunha serie de vías de comunicación que interconectan as novas parcelas cos núcleos de poboación e coas principais vías de comunicación do lugar, feito de transcendental importancia para o desenvolvemento económico de calquera territorio. En Galicia o proceso principiou en 1956 (en 1952, en España), resultando de especial transcendencia para o desenvolvemento das actividades agropecuarias (en moitos casos foi acompañada da instalación de regadíos), como unha mecanización máis operativa e rendible, tendo en conta a gran fragmentación parcelaria existente no país que dificulta as tarefas agrícolas producindo efectos moi negativos sobre os beneficios económicos derivados da actividade agraria. Hoxe en día, debido ao elevado custo e á baixa rendibilidade da maior parte do campo, atópase practicamente paralizada.
Deforestación
Deforestación.- É un proceso provocado xeralmente pola acción humana, na que se destrúe a superficie forestal. Está directamente causada pola acción humana sobre a natureza, principalmente debido ás talas ou queimas realizadas pola industria madeireira, así como para a obtención de solo para a agricultura e gandería (en moita menor medida, nalgúns países, é debido a tramas especulativas encamiñadas á edificación en zonas costeiras moi relacionadas co turismo; e noutros casos en zonas próximas a áreas moi industrializadas, á choiva ácida). Talar árbores sen unha eficiente reforestación resulta nun serio dano ao hábitat, perda de biodiversidade e aridez. Ten un impacto adverso na fixación de dióxido de carbono atmosférico (CO2). As rexións deforestadas tenden a unha erosión do solo e frecuentemente degrádanse a terras non produtivas. Entre os factores que levan á deforestación a gran escala, atópanse: o descoido e ignorancia do valor intrínseco, a falta de valor engadido, o manexo pouco responsable da forestación e leis medioambientais deficientes. En moitos países a deforestación causa extinción, cambios nas condicións climáticas, desertización e desprazamento de poboacións indíxenas. Na actualidade, a deforestación ten lugar, principalmente, en América Latina, África Occidental e nalgunhas rexións de Asia. Unha terceira parte do total da terra está cuberta por bosques, o que representa preto de 4 000 000 000 (catro mil millóns) de hectáreas. Hai 10 países que concentran dous terzos deste patrimonio forestal: Australia, Brasil, Canadá, China, a República Democrática do Congo, India, Indonesia, Perú, a Federación Rusa e os EE. UU. Por norma xeral, hoxe podemos concluír que nos países menos desenvolvidos as masas boscosas redúcense ano tras ano, mentres que nos países industrializados estanse a recuperar debido ás presións sociais, que fan que os bosques se presenten como atractivos turísticos e lugares de descanso e lecer.
Explotación extensiva
Explotación extensiva.- É un sistema de explotación (agrícola ou gandeira) no que se obteñen uns baixos rendementos por unidade de superficie agraria ou de explotación gandeira, froito da escasa ou nula utilización de fertilizantes ou produtos químicos —no primeiro caso— ou de alimentos de reforzo (pensos ou "compostos") —no segundo—, onde predomina a extensión sobre a “actuación”. Adóitase practicar en grandes extensións de terreo, empregando un volume reducido de man de obra, normalmente, de escasa cualificación. En ambos os dous casos, dáselle prioridade á produción (baixa) a curto prazo, facendo uso dos recursos naturais presentes que haxa no lugar. No caso da agricultura, é frecuente nas rexións de baixa densidade de poboación e caracterízase por uns rendementos moi baixos por hectárea, aínda que grazas á súa enorme extensión, en conxunto resultan aceptables (campos de cereais de Castela, devesas estremeñas e salmantinas, etc.).
Explotación intensiva
Explotación intensiva.- É un sistema de explotación (agrícola ou gandeira) no que se obteñen uns elevados rendementos por unidade de superficie agraria ou de explotación gandeira, froito da utilización de fertilizantes —no primeiro caso— ou de pensos ou "compostos" —no segundo—, xunto con fortes doses de traballo. Habitualmente practícase en pequenas explotacións de alta rendibilidade. As granxas ou explotacións agrícolas superepecializadas (razas "manipuladas" ou parcelas cos últimos avances tecnolóxicos —mesmo en sementes transxénicas—, etc.), fan que a produción sexa moi elevada (en cada caso) e que as ganancias sexan moi importantes. Aínda que cada vez máis e grazas aos medios de transporte, a proximidade ás zonas de consumo é cada día maior, o normal é que estean nas áreas periurbanas densamente poboadas, e que a demanda determine a maioría da oferta, tanto no referente aos produtos agrícolas como aos gandeiros.
Minifundio
Minifundio.- Por minifundio enténdese un terreo de extensión tan reducida que dificulta a súa explotación. Máis que co concepto de parcela (terreo agrario dentro dunha linda) ou co de propiedade agraria (totalidade de parcelas que son propiedade dun mesmo propietario), relaciónase co de explotación agraria (parcelas explotadas polo mesmo responsable de xestión, sexa ou non o seu propietario). A extensión mínima dunha explotación para permitir unha xestión axeitada é diferente segundo a calidade da terra, o cultivo, o traballo, o capital e as técnicas utilizadas, e o espazo xeográfico no que se encontre. En España utilízase a cifra de 10 hectáreas, que pode ser unha cifra indicativa para que unha explotación de cereais de secaño na Meseta Central sexa considerada pequena (minifundio); pero non o sería para unha horta valenciana, que con ese tamaño é perfectamente rendible (unha explotación de máis de 100 ha sería considerada un latifundio, sendo as demais explotacións medias). Noutras zonas do mundo ou para outras fontes, a cifra pode ser diferente: en América ou Australia, sobre todo en zonas pouco poboadas cunha maior tendencia cara á agricultura e a gandería extensiva, pode utilizarse a cifra de 30 ha; no sueste de Asia, cunha tradición de agricultura intensiva (como a do arroz, fortemente irrigada e en zonas superpoboadas), pode utilizarse a cifra de 2 ha. Un minifundio ten, por definición, unhas dimensións tan reducidas que impiden ao agricultor obter unha produción suficiente para ser comercializada, obrigándoo ao autoabastecemento e á agricultura de subsistencia e impedíndolle obter ingresos monetarios suficientes. Un exemplo sería Galicia. O minifundismo, xunto co latifundio, é unha das principais causas da emigración rural cara á cidade na busca de traballo.
Réxime de tenza
Réxime de Tenza.- É a forma xurídica baixo a cal actúa o titular (propietario) nunha explotación agraria con terras. Normalmente distínguense os seguintes réximes:
- Terras en propiedade: Considéranse como tales, a efectos catastrais, aquelas sobre as que o titular ten dereito de propiedade, con título escrito ou sen el, e as que teñen sido explotadas de xeito pacífico e ininterrompidamente polo titular, durante trinta anos como mínimo e sen pago de renda. Tamén se inclúen nesta epígrafe os usufrutos da terra.
- Terras en arrendamento: Unha terra lévase en arrendamento se o titular goza dos aproveitamentos da mesma mediante o pago dun canon ou renda, independente dos resultados da explotación, xa sexa en metálico, ou en especie, ou en ambas á vez.
- Terras en parzaría: Son aquelas terras propiedade, terras que o propietario parceiro cede temporalmente a outra persoa (parceiro cesionario), que contrae a obriga co primeiro do pago dunha porcentaxe do produto obtido ou o seu equivalente en efectivo. A contía de dita parte depende das condicións locais, do tipo de titular e da achega do propietario. Habitualmente a parzaría trae anexo un "dereito de habitación" a favor do parceiro cesionario sobre o inmoble sito na leira.
- Terras noutros réximes de tenza: Inclúense neste apartado as terras que non están comprendidas nalgún dos réximes anteriores: as explotacións cedidas gratuitamente, en fideicomiso, en litixio, en precario, censos, foros, en réxime comunal (nas súas diferentes variedades), etc.
Rexión pesqueira
Rexión Pesqueira.- Por Rexións pesqueiras enténdense aquelas áreas ou espazos onde se poden levar a cabo actividades pesqueiras. A nivel nacional, constitúen o denominado Caladoiro Nacional, e que están enmarcadas entre a liña de costa e as 200 millas náuticas, e que conforman entre todas elas (as rexións) a Zona Económica Exclusiva (ZEE). As rexións pesqueiras en España gozaron dunha importancia relativa ata a entrada na UE, data a partir da cal o peso da pesca na economía estatal foi decrecendo sen pausa, aínda que en comunidades autónomas como a galega aínda conta cun peso importante, e mesmo no referente ao consumo de peixe a nivel estatal, un dos maiores a nivel mundial (36,7 kg no ano 2006). En España podemos distinguir oito rexións pesqueiras, sendo de maior a menor importancia, as seguintes: Noroeste, Cantábrica, Suratlántica, Canaria, Tramontana, Levantina, Surmediterránea e Balear. E a nivel mundial, os barcos españois diríxense cara ás rexións ou caladoiros de: Atlántico norte (Gran Sol, Groenlandia, Terra Nova, Svalbard, e mesmo no mar de Barents), Atlántico sur (illas Malvinas e Namibia), océano Índico (Mozambique, Seychelles e Somalia).
Secaño
Secaño.- Termo que, en países de clima mediterráneo, se aplica ás terras cultivadas que non empregan outra auga máis que a que procede das precipitacións pluviométricas. No hemisferio norte coñécese, xeralmente, como agricultura de temporada (o dry-farming do medio oeste norteamericano), que se realiza de abril a setembro. No hemisferio sur, tamén abonda en Australia e na Pampa Arxentina, e en menor medida, en Chile, onde se coñece polo nome de agricultura de rulo. En España, é característica da Meseta, así como naquelas áreas con menos precipitacións e solos máis pobres, dentro das zonas de clima mediterráneo. Require un traballo da terra de labor moi intenso co fin de airear o solo, barbeitos limpos e procurar repoñer a humidade durante o descanso da vexetación, así como alternar a colleita de plantas que esgotan o solo (cereais) con outras que acheguen nitróxeno (leguminosas).
Nalgunhas áreas (de solos máis pobres) precísase que o gando pastoree, tanto para o aporte de fertilizante natural como para eliminar posibles restrollos. Aínda que este cultivo tende a desaparecer en terras con posibilidade de rega, non é menos certo que se amplía en zonas con posibilidade de agricultura extensiva moi mecanizada (Sudamérica e África subsahariana, co cacahuete e o millo miúdo —mijo—, sobre todo). Na Europa mediterránea, desde sempre, destacan como cultivos típicos de secaño os cultivos que conforman a famosa triloxía mediterránea (trigo, vide e oliveira), pero sen esquecer outros cereais como avea, centeo e orxo; e cada vez máis, legumes como garavanzos, chícharos e fabas; árbores froiteiras como a amendoeira e o pessegueiro; herbáceas como o xirasol, etc.
Desagrarización
Desagrarización.- A desagrarización pode definirse como o proceso de perda constante da importancia económica do sector primario no PIB, do emprego agrario na ocupación da poboación e das actividades agrarias na xeración de ingresos no medio rural. Un proceso que se traduce na progresiva ausencia da agricultura e a gandería na vida da sociedade, debido ao progresivo e permanente esquecemento, polo mundo investidor e das finanzas, cara a desenvolver unha actividade empresarial e emprendedora neste eido. No caso de España a actual desagrarización non é só consecuencia das crises agrarias, da industrialización e a terciarización, non é só un proceso asociado á economía postindustrial, característico das sociedades do benestar e cuxa atracción provoca o decaemento e abandono progresivo da sociedade rural, e cuxa fuxida constante dos máis novos é a causa da inevitable perda de poboación do rural. A desagrarización española actual singularízase e é moito máis grave porque a nosa sociedade perdeu o orgullo de formar parte dun país agrícola, de seguir defendendo o carácter prioritariamente agrícola das nosas paisaxes, da riqueza patrimonial do noso medio natural e da excepcional calidade das nosas producións agroalimentarias. A sociedade e as Administracións españolas non lle outorgan á agricultura e á gandería nin á conservación dos bosques e paisaxes agrarias a importancia que merecen. Isto vén corroborado pola nula presenza dos temas agrarios nos discursos da clase política (en moitos casos de deficiente formación), dos presidentes de Goberno da democracia, nos discursos de investidura e do Estado da Nación, ou polo esquecemento absoluto de propostas agrarias durante as campañas electorais (ao contrario do que sucede en Francia ou Gran Bretaña, onde existe un forte compromiso da clase dirixente, orgullosa do seu pasado agrícola).
Cultivos hidropónicos
Cultivos hidropónicos.- A hidroponía ou agricultura hidropónica é o método utilizado para cultivar plantas usando disolucións minerais en vez de solo agrícola. A palabra hidroponía provén do grego ὕδωρ [hýdōr] = 'auga', e πόνος [ponos] = 'labor', 'traballo'. As raíces reciben unha solución nutritiva equilibrada disolvida en auga con todos os elementos químicos esenciais para o desenvolvemento das plantas, que poden crecer nunha solución mineral unicamente, ou ben nun medio inerte, como area lavada, grava, etc., entre moitas outras. Este tipo de agricultura, cada día máis estendido, fíxose posible grazas a que os investigadores en fisioloxía vexetal descubriron no século XIX que as plantas absorben os minerais esenciais por medio de ións inorgánicos disolvidos na auga. Polo mesmo, en condicións naturais, o solo actúa como reserva de nutrientes minerais, pero o solo en si non é esencial para que a planta medre. Polo tanto, cando os nutrientes minerais son introducidos dentro da subministración de auga da planta, xa non se require solo para que esta medre. Dun xeito "artesanal e primitivo", os primeiros en cultivar plantas cun método próximo á hidroponía actual foron os aztecas, xa antes da chegada dos españois. No que daquela era o lago Texcoco, onde hoxe se asenta a actual capital de México, practicaban este tipo de cultivo en "chinampas", aínda que nas balsas empregaban terra. Algo máis dubidosos son os estudos feitos sobre os antigos "xardíns colgantes de Babilonia".
Agricultura ecolóxica
Agricultura ecolóxica.- A agricultura ecolóxica, chamada tamén orgánica ou biolóxica, é un sistema para cultivar unha explotación agrícola baseado na utilización óptima dos recursos naturais, sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXM), nin para fertilizantes nin para combater as pragas. Deste xeito obtéñense alimentos orgánicos e, ao mesmo tempo, presérvase a fertilidade da terra, respectando o medio ambiente, todo elo de maneira sostible e equilibrada. Os principais obxectivos da agricultura orgánica son a obtención de alimentos saudables e de maior calidade nutritiva, sen o emprego de substancias de síntese. A maior parte destas explotacións en España están dentro dos programas establecidos pola PAC.
Denominación de orixe (DO) ou Denominación de orixe protexida (DOP)
Denominación de orixe (DO) ou Denominación de orixe protexida (DOP).- É un tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola ou alimenticio cuxa calidade e características se deben fundamental e exclusivamente ao medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora. Dito doutra maneira, é unha cualificación que se emprega para protexer legalmente certos alimentos que se producen nunha zona determinada, contra produtores doutras zonas que quixesen apropiarse do bo nome, acadado tras un período longo de cultivo e/ou fabricación. Os agricultores que se acollen a esta denominación de orixe comprométense a manter a calidade o máis alta posible e certos usos tradicionais de produtos (no viño, a xeito de exemplo, deben utilizar uva tradicional da zona), para os cales se adoita establecer un Consello Regulador, encargado de vixiar o devandito. Estes produtos, se ben un pouco máis caros debido ao control que se exerce sobre a materia prima en orixe, garanten ao consumidor un produto de mellor calidade, aínda que para a súa produción se utilicen os mesmos ingredientes e procedementos. Benefician aos produtores e aos consumidores. Mexillón de Galicia, Ternera Gallega, Rías Baixas, Ribeiro, Pementos de Padrón ("Pimerbón"), etc. son algúns exemplos en Galicia.
Silvicultura
Silvicultura.- Por Silvicultura enténdese o coidado dos bosques (de xeito xenérico), e por extensión, fai referencia á ciencia destinada á formación e cultivo dos bosques. Pode considerarse unha ciencia irmá da Agricultura, aínda que ambas diferéncianse en moitos aspectos, sendo un dos máis relevantes é o que fai referencia ao tempo de espera para a colleita, que no caso da agricultura adoita ser de meses, fronte a anos ou decenas de anos —dependendo da especie—, no caso da silvicultura.
Polo mesmo, trátase da explotación dos recursos forestais, do cultivo dos montes e bosques e do estudo da relación entre o bosque e o medio ambiente, sen esquecer o coidado e a reprodución das diferentes árbores. A práctica máis usual da Silvicultura adoita ser a explotación do bosque cara ao aproveitamento da madeira, orientado á obtención do máximo rendemento no período máis curto de tempo. O desexable sería darlle máis importancia ao aproveitamento racional e sostido de leña, resinas, pastos para o gando ou á conservación de hábitats naturais. Hoxe, cada vez máis, téndese a habilitar moitas destas zonas como Parques Nacionais, dadas as súas características paisaxísticas, e a establecer áreas recreativas. Aquí non debemos esquecer que vivimos na Comunidade Autónoma que conta coa maior superficie arborada de España.
Transxénicos
Transxénicos.- Por transxénicos enténdense aqueles produtos agrícolas que foron sometidos a enxeñaría xenética para dotalos de propiedades que os fagan máis resistentes ás pragas, secas ou enfermidades; en definitiva, para producir máis. Polo tanto, os alimentos transxénicos son aqueles que foron producidos a partir dun organismo modificado xeneticamente, mediante enxeñaría xenética; ou, o que é o mesmo, é aquel alimento obtido dun organismo ao cal lle foron incorporados xenes doutro. Na actualidade inténtase xustificar a produción de plantas transxénicas (como sementes de millo, de orxo ou de soia) para paliar a fame no mundo, aínda que non sen detractores debido aos riscos que ocasionan. Hoxe (2014), a nivel mundial, a compañía líder na produción de transxénicos é Monsanto, compañía con sede en San Luís (Missouri, EUA), que produce pesticidas, herbicidas e transxénicos, e está moi cuestionada pola comunidade internacional, sobre todo polos grupos ecoloxistas.