A Teoría das Ideas de Platón: Clave do Coñecemento e a Dialéctica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,86 KB

A Teoría das Ideas: Clave da Epistemoloxía Platónica

A Teoría das Ideas é a clave explicativa da teoría do coñecemento platónica. As Ideas preséntanse ao intelecto humano como un sistema de esencias e verdades eternas e exactas.

Ideas e a Separación do Coñecemento

En primeiro lugar, Platón afirma a heteroxeneidade do coñecemento intelectual e da percepción sensible. Por conseguinte, Platón é herdeiro da filosofía de Parménides ao aceptar o abismo que este abrira entre a razón e os sentidos.

Segundo Platón, as Ideas son realidades separadas. Polo tanto, a percepción das cousas sensibles proporciónanos unha opinión (doxa) acerca de algo que aparenta ser, pero que en realidade non é un ser verdadeiro. As Ideas, entón, só poden ser coñecidas por contemplación directa nun mundo intelixible.

A Teoría da Reminiscencia

A teoría da reminiscencia refírese á posibilidade do coñecemento, afirmando que é posible que o ser humano coñeza porque ten na súa alma a intuición orixinaria das verdades eternas. Esta teoría concibe o coñecemento como recordo, e apóiase no suposto da inmortalidade da alma. Coñecer non é máis que recordar as verdades que a alma contemplou nunha existencia anterior.

Os Graos do Coñecemento: A Liña Dividida (República)

Na República atópase un famoso pasaxe no que Platón describe os graos do coñecemento en relación cos graos do ser. A través da alegoría do Sol, Platón dinos que as cousas múltiples só poden ser vistas ou sentidas, mentres que as Ideas só poden ser pensadas. Acto seguido, Platón describe os graos do coñecemento, en relación coa clase de obxectos que poden ser coñecidos.

Platón manda dividir unha liña en dúas seccións desiguais (o ámbito sensible e o ámbito intelixible). Manda dividir á súa vez estas dúas seccións noutras dúas tamén desiguais.

Perspectiva Ontolóxica (Graos do Ser)

Desde a perspectiva ontolóxica, teremos no ámbito sensible:

  • Unha subsección de imaxes das cousas sensibles.
  • Unha subsección na cal estarían as cousas do mundo físico, os obxectos materiais e os seres vivos.

Á súa vez, no ámbito intelixible teremos:

  • A primeira subsección: as entidades matemáticas.
  • A segunda subsección: as realidades eternas (as Ideas).

Perspectiva Epistemolóxica (Graos do Saber)

Desde a perspectiva epistemolóxica, a sección visible coñécese pola opinión (Doxa) e a sección intelixible pola intelixencia (Razón).

Dentro da opinión pódense distinguir:

  1. O coñecemento das imaxes: a imaxinación (eikasía).
  2. O coñecemento das cousas: a crenza (pistis).

Na sección intelixible podemos distinguir:

  1. O coñecemento dos obxectos matemáticos: o pensamento discursivo (dianoia).
  2. O coñecemento das Ideas: a dialéctica.

A Dialéctica e o Amor (Eros)

A dialéctica é un saber rigoroso que se enfronta ás Ideas como fundamentos de todo o real. É un coñecemento puramente intelixible, no que para nada interveñen os sentidos. É froito da contemplación directa das Ideas e, en último termo, da contemplación do Ben en si.

A dialéctica, que é un proceso puramente intelectual, posúe un importante apoio emocional: o AMOR (EROS).

O amor platónico é tamén un proceso ascendente, unha especie de dialéctica emocional, que ten por obxectivo a contemplación das Ideas e, sobre todo, a contemplación da Idea Suprema, a Idea do Ben. Por isto di Platón que o amor é filósofo.

En conclusión, a dialéctica e o amor son os medios para acceder ao mundo das Ideas.

Entradas relacionadas: