A Teoría do Contrato Social de John Locke: Fundamentos do Liberalismo
Enviado por Alberto y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,66 KB
A Teoría do Contrato Social en John Locke
O pensamento político de John Locke atópase principalmente nas súas obras: as Cartas sobre a Tolerancia (de 1689, 1690 e 1693) e os Tratados sobre o Goberno Civil (de 1690).
O segundo dos Tratados é o máis desenvolvido filosoficamente (o primeiro é fundamentalmente polémico). Nas Cartas, Locke fai unha alegación en favor da democracia, mentres que nos Tratados intenta fundamentar filosófica e politicamente o Estado, buscando na súa orixe a súa lexitimidade. Expón, ademais, os postulados básicos do liberalismo.
Aínda que os Tratados foron interpretados como unha simple xustificación da Revolución de 1688, é evidente que a intención de Locke era máis ampla.
O Estado de Natureza: Locke vs. Hobbes
Locke parte, como Hobbes, do concepto de estado de natureza. Na súa opinión, «todos os homes están naturalmente neste estado e permanecen nel ata que pola súa propia vontade se converten en membros dunha sociedade política».
A súa idea do estado de natureza é radicalmente distinta da de Hobbes. De feito, aínda que non o diga explicitamente, Hobbes é o principal opoñente que ten en mente no segundo dos Tratados.
Diferenza entre Estado de Natureza e Estado de Guerra
Segundo Locke, existe unha radical diferenza entre o estado de natureza e o estado de guerra descrito por Hobbes. O estado de natureza, para falar con propiedade, caracterízase porque:
Os homes viven xuntos segundo a razón, sen que haxa na terra un superior para dirimir os conflitos entre eles.
A Lei Moral Natural e os Dereitos
O estado de natureza está gobernado, segundo Locke, por unha lei moral natural que pode descubrirse pola razón. O estado de natureza é un estado de liberdade, pero non de libertinaxe.
O estado de natureza ten unha lei que o goberna, que obriga a todos os homes; e a razón, que é esa lei, ensina a todos os homes que a consultan que son iguais e independentes e que ninguén debe danar a outro na súa vida, a súa saúde, a súa liberdade e os seus bens.
A lei natural ten un sentido completamente diferente en Locke e en Hobbes. Para o segundo, significaba a lei do poder, da forza e do engano, mentres que para Locke tiña o sentido dunha lei moral universalmente obrigatoria, promulgada pola razón humana.
O Dereito Natural á Propiedade
Ao crer nunha lei natural que obriga en conciencia independentemente do Estado e a súa lexislación, Locke cría tamén na existencia de dereitos naturais. Por exemplo, todo home ten dereito á propia conservación e, por conseguinte, a defender a súa vida, así como a liberdade.
O dereito natural ao que Locke dedica máis atención é, sen embargo, o dereito de propiedade. Como o home ten dereito á propia conservación, ten dereito ás cousas que lle son necesarias para ese fin.
O traballo é quen confire este dereito, quen nos fai merecedores do mesmo. En canto á terra, a doutrina de que o traballo é o título de propiedade pon límite á mesma:
Tanta terra como un home labra, sementa, mellora e emprega no seu proveito constitúe a súa propiedade.
Necesidade da Sociedade Civil
Pero, aos homes en estado de natureza élles difícil manter na práctica as súas liberdades e dereitos, xa que:
- O feito de que en estado de natureza todos estean obrigados en conciencia a obedecer unha lei común non implica que todos a obedezan de feito.
- O feito de que todos teñan os mesmos dereitos e estean obrigados moralmente a respectar os dereitos dos demais non implica que o fagan realmente.
Polo tanto, interésalle ao home formar unha sociedade organizada para a máis efectiva preservación das súas liberdades e dereitos.
O Pacto Orixinal e a Conservación da Propiedade
Locke afirma que o principal fin que move aos homes a unirse en comunidades e a someterse a un goberno é a conservación da súa propiedade individual (entendendo o termo «propiedade» nun sentido amplo para referirse á vida, a liberdade e o patrimonio, é dicir, os bens adquiridos co traballo individual).
Esta unión baséase no consentimento. Aínda que en principio supón unha restrición á liberdade do estado de natureza, esta restrición é necesaria, xa que os homes fan cesión destes poderes co fin de gozar con máis seguridade da súa liberdade.
Este «pacto orixinal» implica o consentimento dos individuos de someterse á vontade da maioría. O sometemento á maioría, a supeditación do ben individual ao ben común, é o principio básico dos estados democráticos.
A Teoría do Goberno Representativo
Quizais o máis importante da doutrina política de Locke é a súa teoría do goberno representativo. Os membros do goberno deberán ser aqueles a quen os que compoñen a sociedade confían o poder e o dereito de dirixir aos gobernados para o ben da comunidade e de cada un dos seus membros.
Como a sociedade, o goberno debe ser resultado do consentimento libre dos individuos que a forman e nunca debe deixar de respectar os dereitos fundamentais destes individuos, senón protexelos.
División de Poderes
Locke divide o poder do goberno en tres poderes, cada un dos cales dá lugar a unha rama de goberno:
- O poder lexislativo: Encargado da elaboración das leis.
- O poder executivo: Inclúe o xudicial; ten como cometido velar pola aplicación das leis e impoñer sancións.
- O poder federativo: O poder de declarar a guerra, concertar a paz e establecer alianzas con outras comunidades.
Límites do Poder e Dereito á Resistencia
Mentres o goberno siga sendo expresión da vontade libre dos membros da sociedade, a rebelión é ilícita, xa que «é inxusta a rebelión contra o goberno legal».
Pero a rebelión é aceptada por Locke en caso de disolución da sociedade e cando o goberno deixa de cumprir a súa función e se converte en tiranía. A tiranía —o absolutismo defendido por Hobbes— é absolutamente contraditoria, xa que o monarca absoluto carece dun poder superior de apelación; polo tanto, vive nun estado de natureza e, consecuentemente, non pertence á sociedade civil.
Contra Hobbes, Locke sostén que a cesión (ou transferencia) de dereitos é sempre revocable. O poder ten que estar controlado polos cidadáns. Para Locke, a resistencia ao poder é sempre un dereito.
De todas formas, a idea de Locke non é que o pobo participe directamente no goberno, senón que delega a súa autoridade nel. Este goberno, non absoluto, debe responder aos cidadáns da súa actuación e da confianza depositada nel. Ademais, este goberno debe ter en conta a lei moral e gobernar segundo catro principios:
- Leis igualitarias, sen privilexios.
- Leis inspiradas no ben do pobo.
- Non debe establecer impostos sen o consentimento do pobo.
- O poder lexislativo non debe transmitir o poder de lexislar sen que o pobo consinta.
Influencia do Pensamento de Locke
Locke exerceu unha gran influencia sobre os filósofos e economistas de tendencia «liberal» e sobre gran parte da evolución das ideas e costumes políticas en moitos países, especialmente os de fala inglesa.
A súa teoría do goberno representativo foi coñecida en toda Europa e nela inspiráronse autores tan destacados como Montesquieu e Rousseau.