Tecido Muscular e Nervioso: Estrutura e Funcións Esenciais
Enviado por Chuletator online y clasificado en Biología
Escrito el en español con un tamaño de 3,92 KB
Tecido Muscular
O tecido muscular presenta pouca matriz extracelular e está constituído por fibras musculares. No citoplasma destas fibras (sarcoplasma) aparecen unha gran cantidade de miofibrilas formadas por filamentos de proteínas contráctiles, onde destacan a actina (filamentos finos) e a miosina (filamentos grosos), que percorren toda a lonxitude da fibra muscular.
Tipos de Tecido Muscular
- Tecido Muscular Estriado: Constituído por fibras musculares polinucleadas. O estriado da fibra débese ós miofilamentos dispostos en bandas paralelas e intercaladas en unidades repetitivas denominadas sarcómeros.
- Tecido Muscular Liso: Formado por células pequenas unidas entre si cun só núcleo en posición central. O liso débese ós miofilamentos dispostos en paralelo ao eixe maior da célula.
Os músculos son fibras musculares unidas por tecido conectivo. Existen diferentes tipos de músculo:
Tipos de Músculo
- Músculo Esquelético: Composto por fibras de tecido muscular estriado. A súa contracción é rápida, voluntaria e pouco resistente á fatiga (músculo que move os ósos).
- Músculo Cardíaco: Formado por fibras de tecido muscular estriado cun só núcleo. A súa contracción é coordinada, rápida e involuntaria (corazón).
- Músculo Liso: Formado por tecido muscular liso. A súa contracción é lenta, involuntaria e resistente á fatiga (tubo dixestivo).
Tecido Nervioso
Constitúe todas as estruturas do sistema nervioso, caracterízase pola escasa presenza de matriz extracelular. Está formado por dous tipos de células: as neuronas e as células da glía.
Entre as súas funcións destacan a condución da información sensorial, a elaboración de respostas en centros especializados e o transporte destas ata os órganos que as executan.
A Neurona
A neurona está especializada na produción e transmisión de impulsos nerviosos.
- Dendritas: Ramificacións que parten do corpo neuronal que actúan como receptor do impulso nervioso.
- Axón: Prolongación alongada do corpo neuronal encargada da transmisión do impulso nervioso.
- Corpo Neuronal ou Soma: Contén un núcleo central cun voluminoso nucléolo.
Células da Glía
As células da glía realizan funcións de sostemento, nutrición, recheo, illamento e protección das neuronas. Tipos:
- Astrocitos: Presentan numerosas ramificacións.
- Células de Schwann: Envolven os axóns das neuronas do sistema nervioso periférico cubríndoos con mielina.
- Oligodendrocitos: Son células máis pequenas e menos ramificadas. Proporcionan mielina aos axóns de neuronas do sistema nervioso central.
- Microglía: Posúen moitas ramificacións. Teñen capacidade fagocítica e protexen as neuronas de axentes infecciosos.