O Teatro do Grupo Nós: Risco, Otero, Castelao e Dieste

Enviado por lucia y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4 KB

O Teatro e o Grupo Nós

Aínda que o teatro non foi o xénero máis cultivado polo Grupo Nós, si foi un dos temas que maior interese espertou neles. Risco, Otero e Castelao traballaron con novas ideas, proxectos e textos, mais a propia sociedade serviu de freo e non propiciou un auténtico desenvolvemento teatral; por iso o teatro destes homes quedou reducido ao plano literario, agás a obra de Castelao, que foi escenificada en vida do autor e supervisada por el mesmo. Eles concibían o teatro como un espectáculo global, introducindo novas técnicas relacionadas con diferentes artes que supoñen a entrada en escena de elementos plásticos (a cor, a luz, o baile, simbolismos...).

Os homes do Grupo Nós van compartir criterios coas correntes da Vangarda europea como o Modernismo, o simbolismo (a corrente máis seguida polo grupo) e o expresionismo, que marcaron entre fins do século XIX e comezos do XX unha ruptura nos contidos e nas formas das artes plásticas e literarias. Nas letras galegas as maiores pegadas afectan ó aspecto formal e están presentes na obra de Castelao, Otero e Risco, os principais importadores e incorporadores das formas europeas á literatura galega.

O Grupo Nós realizou a tarefa de europeizar e modernizar o teatro galego, adaptándoo formalmente aos parámetros que tiñan plena actualidade no momento, e tematicamente mantendo os contidos da propia tradición e das nosas raíces.

Risco

A única peza teatral publicada é O bufón de El-Rei (1928), drama simbolista que se desenvolve na época medieval, toca a materia de Bretaña e é unha reflexión sobre a maldade e sobre o inevitable do destino.

Otero Pedrayo

Deixou mostras escritas dun amplo proxecto dramático, pezas breves que permaneceron inéditas ata 1975, cando foron publicadas baixo o título de Teatro de máscaras. Mais a única peza que posúe unha elaboración teatral é A Lagarada (1928), na que a vendima e o viño fan agromar a luxuria e a cobiza dos personaxes, que son populares e deseñados cun forte realismo. Nas escenas tamén aparecen intercaladas mostras de fantasía, maxia ou ambientación poética. Outras pezas do autor son O desengano do prioro e Noite compostelana.

Castelao

Trazou, xunto con Otero, numerosos proxectos teatrais, coincidindo ámbolos dous autores na súa concepción estética e formal do teatro, que é unha síntese dos elementos presentes na realidade (luz, cor, música, baile, palabras) pero é realmente Castelao quen maior atención presta á elaboración artística, fronte a Otero que presenta pezas inacabadas. A única peza que nos deixou, Os vellos non deben de namorarse, é, tamén, a peza máis famosa do teatro galego. Estreada en Bos Aires no ano 1941, trátase dunha farsa dividida en tres lances ou actos, de estrutura paralela e complementados cun prólogo e un epílogo. En cada lance hai un vello namorado dunha moza, en tanto que un mozo desempeña o papel de rival do vello nas súas pretensións amorosas. Aparece tamén a morte como personaxe que, baixo aparencia diferente en cada acto, avisa os vellos das consecuencias fatais do seu namoramento, como indica o refraneiro popular galego. O epílogo, no que aparecen no cemiterio os tres vellos esqueletos comentando a súa imprudencia, pon de manifesto as aparencias e falsidades existentes no mundo. A concepción teatral do rianxeiro consistía no espectáculo global, unha mestura artística de acción dramática, luces, música, baile, escenarios etc.

Rafael Dieste

A fiestra baldeira (1927). Nesta obra, chea de elementos vangardistas, Dieste expón o conflito dun indiano que volve rico da emigración e que se ten que enfrontar ao problema de que a súa muller e a súa filla se avergoñen da orixe social del. O conflito xorde cando o indiano encarga un cadro no que debe escoller entre un fondo de ambientación mariñeira as súas orixes- ou un fondo de xardín fidalgo a súa nova condición.

Entradas relacionadas: