O teatro galego no século XX: das Irmandades á vangarda

Enviado por lucia y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,96 KB

O teatro galego a comezos do século XX

Antecedentes e a Escola Rexional de Declamación

A literatura dramática durante o século XIX pasou por unha serie de incidencias:

  • Inexistencia dun público específico.
  • Falta de profesionalización nos actores e directores.
  • Desaxustes cronolóxicos entre a data de composición dunha obra e a súa estrea.

Non obstante, ao longo das tres primeiras décadas do século XX houbo un progresivo desenvolvemento das actividades teatrais e da confección de textos dramáticos. En 1903 rexístrase o nacemento da Escola Rexional de Declamación, que durou ata marzo de 1905 e que confirmou a orixe dunha verdadeira dramaturxia nacional galega.

No seu breve transcorrer, a Escola coñeceu dúas etapas:

  • A primeira, que durou uns meses baixo a dirección do dúo Salinas-Sánchez Miño.
  • A segunda, ata 1905, encabezada por Manuel Lugris Freire, na que se puxeron en escena tres dramas deste autor.

As discrepancias ideolóxicas e rivalidades entre os membros fixeron que a escola deixase de funcionar. O exemplo da Escola Rexional de Declamación motivou que agrupacións como Tuna Escolar Galega (Santiago), Cantigas da Terra (A Coruña) ou Ruada (Ourense) incluísen nas súas programacións as representacións teatrais. Dentro deste ámbito destaca a estrea, en xaneiro de 1918, de O fidalgo, de Xesús San Luis Romero, obra que conseguiu un dos maiores éxitos do teatro galego da época polos seus cadros de costumes e a sentimentalidade das personaxes.

En 1919 naceu o Conservatorio Nacional de Arte Dramática, baixo o seo das Irmandades. O novo teatro tiña como finalidade:

  • Potenciar obras que se desenvolvesen en ambientes de clase media ou alta.
  • Abordar temáticas que puidesen interesar ás minorías cultas.
  • Ofertar un teatro de calidade con obras longas que chegasen a competir coas que se representaban en castelán.

O teatro das Irmandades da Fala

A transición entre o teatro rexionalista e o das Irmandades da Fala está representada polo teatro de Leandro Carré Alvarellos, con obras como Pra vivir ben casados ou O rexurdimento. O proxecto político e cultural das Irmandades da Fala (baseado na dignificación e oficialización da nosa lingua e en concienciar o pobo na defensa da súa cultura) non foi alleo ao teatro. A importancia que lle concederon a este xénero púxose de manifesto coa publicación de pezas, estudos e informacións variadas que apareceron en A Nosa Terra.

O seu interese quedou ben reflectido coa creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919), onde se representou como primeira obra A man de Santiña, de Cabanillas. Anos máis tarde, o Conservatorio transformouse na Escola Dramática Galega (1922-1926) e resultou ser a época máis intensa do desenvolvemento do noso teatro. Os homes das Irmandades non só exerceron o seu labor como escritores, senón tamén como críticos teatrais e tradutores de obras estranxeiras.

Entre as obras máis importantes das Irmandades debemos salientar O Mariscal (1926), escrita por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, xa que amosaba importantes innovacións técnicas. O Mariscal glosa a figura do mariscal Pardo de Cela, o derradeiro nobre galego que se enfrontou ao proxecto político centralizador dos Reis Católicos.

Armando Cotarelo Valledor: o realismo

Un autor teatral que é obrigatorio mencionar, pola asiduidade coa que publicou e representou e tamén pola calidade da súa produción, é Armando Cotarelo Valledor (1879-1950). Autor realista, preocupábase pola psicoloxía das personaxes e polo ambiente que determina as súas accións. Entre as súas obras destacan: Trebón, drama rural en prosa con situacións efectistas; Hostia, traxedia histórica que conta o suplicio de Prisciliano; e Mourenza, drama mariñeiro.

O teatro de vangarda: Rafael Dieste

O teatro próximo ás vangardas vén representado por Rafael Dieste, quen escribiu un dos textos máis significativos da historia da dramaturxia galega: A fiestra valdeira. Publicada en 1927 e estreada en 1935, é unha obra chea de continuos contrastes entre a realidade e a ficción. A acción da peza desenvólvese na casa dun indiano, don Miguel, a quen lle están a facer un retrato. O pintor, aludindo ás raíces do retratado, pinta un fondo de escenas mariñeiras que provocan o desagrado da esposa e da filla por consideralo unha burla. A causa do conflito remata cando ambas aceptan a don Miguel como realmente é: un home que non se esquece das súas orixes e quere formar parte da comunidade que o viu nacer.

Entradas relacionadas: