O Teatro Galego na Posguerra e o Exilio: Da Xeración dos 50 ao Grupo Abrente

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,01 KB

O Teatro Galego entre 1936 e 1976: A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

Contexto e Características Xerais

O Teatro Galego Anterior a 1935 e o Exilio

O teatro galego anterior a 1935 non achega moitas novidades estilísticas; a Xeración Nós supuxo un achegamento ao teatro europeo. Ata mediados da década dos 50, a actividade teatral desprazouse ao exilio. Foi precisamente en Bos Aires onde se estreou, en 1941, Os vellos non deben namorarse de Castelao, unha obra de gran importancia simbólica.

A Emerxencia dun Novo Teatro (1950-1970)

Entre os anos 1950 e 1970, aparece en Galicia o desexo de transcender a propia realidade física e social na que viven para presentar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal, ofrecendo unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Non hai lugar para o realismo, non hai compromiso político de denuncia directa, senón compromiso co home que vive angustiado pola frustración dun presente cheo de acedume e dun futuro imposible. Trátase dun teatro máis para ler que para ser representado, sobre todo porque custaba plasmalo.

Autores Relevantes da Xeración dos 50

Álvaro Cunqueiro (1911-1981)

Parte da súa obra dramática recóllese no libro Don Hamlet e tres pezas máis (1974), onde se inclúen obras como O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) e A noite vai como un río (1965). O seu teatro caracterízase polo clasicismo, ofrecendo unha nova versión da historia de Hamlet.

Ricardo Carballo Calero (1911-1990)

Compuxo moitas pezas recollidas no Teatro Completo (1982), que contén A sombra de Orfeu, A farsa das zocas, entre outras. A súa obra dramática é experimental e está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo nas que predomina o simbolismo.

Outros Autores Destacados da Xeración dos 50

  • Xerardo Mariñas del Valle
  • Ánxel Fole
  • Ramón González-Alegre

A Renovación Teatral e o Grupo Abrente

O Impacto de "Don Hamlet" e Novos Autores

A publicación de Don Hamlet de Cunqueiro foi a proba de que era posible unha literatura dramática de calidade. Por iso, o seu exemplo foi seguido por moitos escritores que tiveron como referente as novas tendencias e correntes que triunfaban en Europa. Iniciaron unha aventura no eido da dramática, que serve para realizar unha reconstrución crítica da realidade e se converte nun instrumento de loita. Destacaron entre estes Bernardino Graña con 20 mil pesos crime (1962), e Daniel Cortezón con Prisciliano (1970).

O Nacemento dos Colectivos Teatrais e a Mostra de Ribadavia

Ao remate dos anos 60, constituíronse en Galicia colectivos teatrais cunha actitude de ruptura nas prácticas escénicas. Con estes grupos nace o novo teatro que defendía a lingua e as liberdades. Este período iníciase arredor de 1969.

A celebración da Mostra de Teatro de Ribadavia, que se inicia en 1973 baixo a Organización Cultural Abrente, foi un feito de capital importancia tanto para a literatura como para o teatro.

Autores Clave do Grupo Abrente

  • Manuel Lorenzo (1943): autor dunha extensa obra que se clasifica en tres tendencias: o ciclo mítico, con obras da tradición dramática grega; o ciclo histórico; e o ciclo da dramática urxente.
  • Euloxio Rodríguez Ruibal (1945): con Zardigot, dedicou parte da súa obra ao teatro infantil.
  • Roberto Vidal Bolaño (1950-2002): con Señor de ningures (1977). A súa obra divídese en dous grupos: no primeiro, os textos destacan pola incorporación de personaxes, accións e elementos da dramaturxia popular. O segundo grupo presenta maior complexidade formal e temática, cunha visión pesimista da existencia humana usando a ironía.

Outros Autores Destacados do Grupo Abrente

  • Xosé Agrel
  • Francisco Taxes

A Literatura Galega no Exilio: Prosa e Poesía

O Impacto da Diáspora e a Continuidade Cultural

Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión de 1936, a actividade literaria galega trasládase a Bos Aires, onde entrarán en contacto cos emigrados anteriores á sublevación militar e comezarán a publicar revistas e libros para establecer a continuidade dunha cultura ameazada. Autores como Castelao, Blanco Amor, Rafael Dieste, entre outros, mantiveron acesa a chama da tradición literaria.

No ámbito da prosa, Castelao escribe no exilio a súa obra Os vellos non deben namorarse, que é estreada en Bos Aires en 1941. Blanco Amor publica A esmorga en 1959, e Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego en 1961.

A Poesía no Exilio

Emilio Pita

Naceu na Coruña e emigrou á Arxentina. A primeira obra publicada no exilio foron os poemas Jacobusland (1942), un libro testemuña que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publicaría Cantigas de nenos (1944) e Os relembros (1959).

Luís Seoane

Naceu en Bos Aires, estudou na Coruña e en Santiago. Fundou con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado, unha visión moi persoal da epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago (1955) e As cicatrices (1959). As preocupacións que asolagan a súa poesía son: a social e política, e o coñecemento histórico e cultural.

Lorenzo Varela

Naceu na Habana en 1917. En Bos Aires inicia a súa produción poética. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados. Contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na Guerra Irmandiña); do bispo Adaúlfo; e de María Balteira (soldadeira referida no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publica Lonxe, marcada pola anguria do desterro, tinguida pola visión onírica da lonxanía de Galicia.

Entradas relacionadas: