O Teatro Galego Contemporáneo: Evolución, Tendencias e Autores Clave (Séculos XX-XXI)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,62 KB
O Teatro Galego nos Séculos XX e XXI: Evolución e Protagonistas
A chegada da democracia a España e o fin da represión produciu unha gran diversificación no panorama literario galego. No teatro prodúcese unha revitalización sen parangón na historia de Galicia; de todos os xeitos, o teatro segue sendo a disciplina literaria menos traballada.
Fases do Teatro Galego Actual
Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
Formación de Compañías Profesionais (1978-1983)
Grupos nacidos arredor da "Mostra de Ribadavia" superan a fase de afeccionados, polo que poden comezar a vivir exclusivamente do teatro. No plano estético, as obras explicitamente políticas van deixando paso a novas propostas.
Institucionalización (1984-1991)
Creación do Centro Dramático Galego (1984) por parte da Consellería de Cultura, ademais de diferentes premios amparados en institucións públicas.
Desenvolvemento (1992-actualidade)
Multiplícase a aparición de compañías profesionais, ponse en marcha a Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996) e en Vigo arranca a Escola Superior de Arte Dramática.
Liñas Temáticas Comúns no Teatro Galego Contemporáneo
Este período caracterízase pola súa variedade; aínda así, pódense destacar catro liñas temáticas comúns:
Teatro Crítico
Comprometido coa realidade, non será tan combativo como no final do franquismo, senón que botará man do humor e da sátira para reflectir aspectos da nova realidade.
Teatro Lúdico
Manifesta nas comedias de enredo, musicais...
Teatro Culturalista
Caracterizado polo xogo do "teatro dentro do teatro" e a interrelación vida/escena; a intertextualidade con outros textos da dramaturxia universal, que xa cultivara Cunqueiro e outros autores nos anos 50/60, volve ter vixencia e encontra un novo viveiro na adaptación de novelas galegas contemporáneas.
Teatro Experimental
Exploración de novas formas e linguaxes escénicas.
Premios e Autores Destacados do Teatro Galego
Os Premios de Teatro María Casares foron creados en 1997 pola AAAGG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), e todos os anos celebran un acto que reúne e promociona a actividade teatral.
Entre os autores destacados débense nomear os participantes das Mostras de Ribadavia como: Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño. Á parte destes, tamén destacan:
Manuel Guede Oliva (1956)
Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...), foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros. Foi Premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
Xesús Pisón (1954)
Cunha obra moi extensa, caracterizada pola axilidade da lingua e o logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de carácter fantástico, moi afastado desa visión pesimista.
Cándido Pazó (1960)
Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións, carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.