O teatro galego (1936-1976): Xeración dos 50 e Grupo de Ribadavia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,79 KB
O teatro galego (1936-1976): A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia
O exilio e a posguerra
O resultado da Guerra do 36 orixinou un prolongado silencio editorial e literario en Galicia, que non comezou a superarse ata os comezos dos anos 50. O xénero teatral non foi unha excepción, e esta penuria foi dalgún xeito compensada co labor feito polos autores galegos exiliados en América. Do exilio arxentino proceden as obras teatrais de tres grandes autores galegos: Castelao (Os vellos non deben de namorarse, 1941), Rafael Dieste (A fiestra valdeira, 1958) e Eduardo Blanco Amor (Farsas para títeres, 1973).
En Galicia, a posta en marcha da editorial Galaxia significou un pulo decisivo no proceso de recuperación do teatro galego. A estrea de O incerto señor Don Hamlet de Álvaro Cunqueiro (1959) marca a consolidación dese proceso. A súa modernidade e calidade resultan innegables, tanto pola rica linguaxe dramática empregada como pola lúcida revisión mítica que efectúa. O personaxe de Hamlet, ampliado orixinalmente con elementos do Edipo e do Orestes gregos, sérvelle a Cunqueiro para encarnar unha reflexión sobre a propia identidade e a existencia.
O teatro da Xeración dos 50
Os autores da chamada “Xeración dos 50” adicáronse ao cultivo do teatro nun contexto histórico e cultural (ditadura franquista) en que a estrea das súas obras se fixo practicamente imposible, polo que ficaron na maior parte inéditas ou, no mellor dos casos, como “teatro para ler”.
Alén de poeta, Manuel María é autor dunha copiosa obra teatral (23 pezas publicadas e 19 inéditas), composta por textos infantís, autos, farsas e dramas épicos. A súa obra teatral iníciase en 1961 coa obra Auto do labrego, na liña do teatro poético. A fins da década dos sesenta, Manuel María varía o rumbo, convencido da capacidade educativa do teatro e do seu valor como elemento de concienciación social, reflexionando sobre o noso pasado histórico ou pronunciándose sobre temas polémicos da actualidade: Barriga verde (1968), Abril de lume e ferro (1975), etc.
Xohana Torres contribuíu a engrosar o repertorio galego con obras como A outra banda do Iberr (1965). É unha obra de carácter político que se desenvolve na banda dereita do río Iberr, onde se refuxian os exiliados da banda esquerda e ten como protagonistas os membros dunha familia dividida pola ideoloxía. Outra obra da autora é Un hotel de primeira sobre o río, de marcado carácter social, onde denuncia a expropiación de terras.
Bernardino Graña é autor de pezas teatrais entre as que destacan Vinte mil pesos crime (1962) ou Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) de 1979. As súas obras comparten unha visión crítica sobre o poder do diñeiro e sobre a vida alienada do ser moderno.
Outros autores desta “Xeración dos 50” foron Xosé Luís Franco Grande (Vento choído, 1958) e Arcadio López Casanova (Orestes, 1963).
O Grupo de Ribadavia
En 1973, convocada pola agrupación cultural “Abrente”, ten lugar a I Mostra de Teatro de Ribadavia, na que participaron sete grupos. Estas mostras, celebradas na vila de Ribadavia ata o ano 1980, significaron unha inxección de vitalidade para a escena teatral galega e motivaron a aparición doutras mostras e certames noutras cidades e vilas galegas.
Arredor destas mostras aparece o Grupo Abrente ou Grupo de Ribadavia, un conxunto de dramaturgos galegos que exploraron novas tendencias e mantiveron unha concepción profesional do teatro galego. Formaron parte deste grupo autores como Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal ou Roberto Vidal Bolaño.
A obra de Manuel Lourenzo adoitase clasificar en diferentes ciclos temáticos. No teatro mítico, Lourenzo reflicte a denuncia do presente mediante a recreación da mitoloxía grecolatina, como por exemplo na obra O perfil do crepúsculo (1995). Próximo ao teatro experimental é o que se deu en chamar “ciclo de teatro urxente” ou “teatro mínimo”, do que é exemplo a obra Veladas indecentes (1996), onde se chega a eliminar o que non sexa esencial para a posta en escena.
A traxectoria de Euloxio R. Ruibal pasa por diferentes etapas. O cabodano (1976) é un exemplo da súa primeira etapa, na que destacan os elementos simbólicos e as técnicas expresionistas e cinematográficas para desenvolver o enfrontamento ideolóxico. Xa na súa etapa de madurez aparece unha ollada máis sobria, tinxida de ironía, cando denuncia os métodos mafiosos de certos personaxes (Azos de esguello, 1989), ou utilizando a alegoría para alertarnos da política medioambiental (Maremia, 1998).
Roberto Vidal Bolaño foi un home adicado en exclusividade ao teatro (autor, actor, director, escenógrafo...). Foi o fundador das compañías “Antroido” ou “Teatro do Aquí”. Inicia a súa andaina como dramaturgo con Laudamuco, señor de ningures, obra que en clave esperpéntica realiza unha profunda análise dos mecanismos do poder. Con Agasallo de sombras (estreada en 1984), Vidal Bolaño rende homenaxe a Rosalía de Castro. Saxo Tenor (1992) aborda o tema da aculturización das nosas cidades. Esta obra, un dos cumes dramatúrxicos do autor, presenta un dominio perfecto das técnicas teatrais, do ritmo, da composición e do suspense. Outras obras destacadas do autor son, por exemplo, Días sen gloria, Doentes, Rastros...