Teatro Galego 1936-1976: Xeración dos 50 e Grupo Abrente

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,51 KB

O Teatro Galego entre 1936 e 1976: A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

Foi na década dos 50 cando se iniciou unha lenta recuperación da escrita dramática, que se divide en tres liñas temáticas: o teatro vangardista, o rexionalista e o da angustia existencial.

O Teatro Vangardista

O teatro vangardista é unha tendencia continuadora da liña vangardista da preguerra. Nesta liña cómpre incluír a Otero Pedrayo, que contribuirá á recuperación do teatro con obras coma O desengano do prioiro e Traxicomedia da noite dos Santos, e Ánxel Fole, con obras coma Pauto do demo. Nas súas obras están presentes temas coma a superstición, o máis alá, a emigración e as relacións amorosas apaixonadas, mesturadas con humor.

O Teatro Rexionalista

O teatro rexionalista é unha tendencia continuísta con respecto ás obras anteriores á Guerra Civil. Os temas van dende a tradición ao sainete urbano. Podemos incluír autores coma Leandro e Uxío Carré Alvarellos.

O Teatro da Angustia Existencial

O teatro da angustia existencial está constituído polas seguintes obras: Vieiro choído, de Xosé Luís Franco Grande, O auto do taberneiro, de Manuel María, e Midas e O ángulo de pedra, de Isaac Díaz Pardo. Estas obras reflicten a situación traumática que vive a sociedade durante a ditadura.

Certames Literarios

Co obxectivo de continuar co desenvolvemento dramático, na década dos 60 celebráronse o Certame do Miño e o Concurso Castelao. Algúns dos autores que participaron nestas convocatorias foron Cunqueiro, Manuel María e Xohana Torres.

O Grupo de Enlace

O Grupo de Enlace preocupouse pola normalización da cultura galega a través do teatro. Os autores que o conforman serven de conexión entre a dramaturxia da preguerra e a renovación dos 70, que levaría a cabo o grupo Abrente. Os autores deste grupo comparten algunhas características: non se dedican só ao xénero dramático, serven de modelo ás xeracións posteriores e crean o teatro infantil.

Otero Pedrayo

Otero Pedrayo escribiu obras antes da Guerra Civil coma A lagarada e Teatro de máscaras, e tamén continúa na década dos 70 con Noite compostelá e O fidalgo e a noite.

Blanco Amor

Blanco Amor publicou Farsas para títeres e Teatro pra xente. A súa obra divídese en dous subxéneros: as farsas e os autos. As primeiras son obras imaxinativas cheas de elementos fantásticos e satíricos, pensadas para un público cultivado, coma Romance de Micomicón e Adhelala ou Un refaixo para Celestina. Os autos son pezas costumistas, collidas do mundo rural galego, escritas para un público pouco ou nada afeito a ler ou a ver teatro. Destaca A verdade vestida.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro publicou a súa primeira obra co título Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados, na que incorpora motivos de Shakespeare. A súa creación máis célebre foi O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca. A noite vai coma un río está dividida nun prólogo, dúas xornadas e un epílogo e protagonizada por dona Inés e a súa ama Modesta. Ademais deixou dúas obras inacabadas.

Daniel Cortezón

Daniel Cortezón escribe a súa primeira peza, Nicolás Flamel, onde presenta unha visión negativa do ser humano. En obras coma Prisciliano ou Os irmandiños, rompe a visión tradicional que narra a historia de España. A diáspora é unha obra que toma como tema central a emigración. Outra das súas obras céntrase na biografía de Castelao e no percorrido histórico no que se desenvolve, Castelao ou a paixón de Galicia.

Xohana Torres

Xohana Torres publicou dúas obras, Á outra banda do Íberr e Un hotel de primeira sobre o río. Ambas contan con protagonistas femininos e reflicten a dor que provoca o abandono e a destrución da terra.

A Mostra e o Certame Abrente de Ribadavia

Na década dos 70 celébranse en Ribadavia a I Mostra e o I Certame Abrente de Teatro Galego, que foron un punto de encontro para os grupos de autores. Nesta década xorde o Centro Coordinador do Teatro Galego, cuxo obxectivo era a normalización do teatro en galego.

O Grupo Abrente

A finais do século XX nace o grupo Abrente, un grupo de dramaturgos que recibe o nome do certame no que participaron. Os autores que o forman estiveron vinculados a actividades dramáticas, son profesionais, crearon un teatro comprometido coa realidade social e política do país, incorporaron novas formas estéticas e actualizaron as vellas, conseguiron a normalización lingüística da escena e serviron de guía ás xeracións posteriores.

Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo mostra varias liñas temáticas na súa produción:

  • A utilización do mito, con contidos e personaxes da mitoloxía clásica, está presente en obras coma Romería ás covas do demo ou Fedra, cunha muller como protagonista.
  • Na liña do teatro por dentro, a ilusión e a fantasía substitúen a realidade, e pertencen a ela obras coma A ilusión da escena e Como un susurro.
  • Na liña do teatro sen palabras, o autor elimina as anotacións e deixa liberdade ao director da escena e dos actores, coma en Edén e outros paraísos.
  • A última das liñas é a das dificultades nas relacións coa familia ou problemas de comunicación entre persoas. Isto sucede en obras coma O circo de media noite.

Tamén publicou obras coma A noite dos cabaleiros, que non pertence a ningunha das liñas anteriores.

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño incorporou ao sistema dramático elementos populares coma o Entroido. Algunhas das súas obras son Laudamuco, señor de ningures, na que trata a inxustiza, Cochos, onde mostra o illamento dos emigrantes que non son entendidos nos países que os acollen, e Días sen gloria, na que fai unha crítica contra o poder alienador, entre outras.

Entradas relacionadas: