A Subxectividade na Poesía: Un Percorrido pola Lírica e a Obra de Catulo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Griego
Escrito el en español con un tamaño de 9,6 KB
A Poesía Lírica: Orixe e Características
Definición e Contrastes coa Poesía Épica
- Fronte á longa extensión dos poemas épicos, os líricos son, polo xeral, breves.
- Non son narrativos: non contan, como fai a épica, unha historia na que se mesturan diferentes acontecementos, senón que son, máis ben, a expresión do eu lírico, a manifestación dos sentimentos que enchen o ánimo do poeta (amor, dor, tristura, etc.), sen chegar a construír unha verdadeira historia. A lírica está, polo tanto, marcada pola subxectividade, e non pola obxectividade propia da épica.
- A diferenza do poeta épico, que procura plasmar os valores colectivos encarnados nun heroe, o poeta lírico expresa a súa individualidade e quere que o lector comprenda o que sente a súa alma e por que o sente.
- Fronte ao emprego dun único verso (o hexámetro) na épica, a lírica presenta unha gran variedade métrica.
Orixe e Evolución da Lírica
O que si comparten lírica e épica é a súa orixe. Tanto unha como outra proceden da tradición literaria grega. A lírica romana provén en liña directa, tanto no que atinxe aos temas como aos tipos de verso empregados, da lírica grega. O mesmo nome do xénero, a palabra "lírica", deriva do termo grego "lira", un instrumento musical de corda que utilizaban os gregos para acompañar os poemas con música. Hai que ter moi en conta que a poesía lírica naceu en Grecia no século VII a.C. como unha manifestación oral e musical, aínda que máis tarde, co paso do tempo e coa difusión da escrita, o costume sería poñela por escrito. De feito, en Roma, malia se celebraren en calquera época recitais poéticos, adoitábase escribila.
Para rematar, cómpre sinalar que, de compararmos coa épica ou co teatro, a lírica aparece en Roma como un xénero tardío, pois non é ata o século I a.C. cando xorden os primeiros poetas líricos romanos.
Catulo: O Primeiro Gran Poeta Lírico Latino
Vida de Catulo
Non é moito o que se coñece da vida de Catulo, o primeiro poeta lírico latino de gran importancia. Sábese que debeu nacer arredor do ano 84 a.C. na cidade de Verona, que pertenceu a unha familia acomodada de provincias, que se trasladou moi novo a Roma, que volveu á súa cidade natal tras a morte do seu irmán, que máis tarde viaxou a Bitinia (en Asia Menor) na compaña do pretor Memmio, e que debeu morrer aproximadamente aos 30 anos de idade, arredor do 54 a.C. Nalgún momento debeu coñecer e namorarse da muller que nos seus poemas chamará Lesbia e que na vida real, segundo parece, tiña o nome de Clodia, muller de gran atractivo, pero, desgrazadamente para o poeta, casada.
A Poesía Neotérica: Un Movemento Revolucionario
Catulo pertence aos chamados "poetas neotéricos" ou poetae novi. Era este un grupo poético, formado por autores como Helvio Cinna, Valerio Catón, Licinio Calvo ou o propio Catulo, que irrompeu en Roma a xeito de revolución literaria propoñendo unha poesía e mesmo unha actitude cara á vida caracterizadas polo rexeitamento dos valores tradicionais. A súa poesía segue os preceptos do autor grego de época helenística chamado Calímaco (século III a.C.). Este prefería a poesía menor, é dicir, breve e lixeira, que tratase temas non moi transcendentes —e mesmo paródicos ou burlescos—; e, asemade, refinada, sofisticada e con ampla variedade de formas métricas. Gran parte da poesía de Catulo segue este exemplo.
Catulo e os poetas neotéricos consideraban o exercicio literario como unha diversión, un pasatempo, bagatelas (nugae, en latín), propias de homes que non tiñan nada que facer ou en que matar o tempo. Con iso pretendían provocar e rexeitar os valores tradicionais, posto que de mozos romanos como eles se esperaba que casasen, formasen unha familia e desenvolvesen unha carreira pública ou política exitosa.
A Obra de Catulo: Temas e Estrutura
A obra de Catulo consérvase nun só libro que consta de pouco máis dun cento de poemas de diferente carácter. Adóitase dividir esas composicións en tres tipos:
- Poemas breves de diferentes formas métricas (os chamados poemas polimétricos).
- Oito poemas longos.
- Poemas breves coa mesma forma métrica (os chamados epigramas).
O Amor como Tema Central
O gran tema da poesía de Catulo é o amor. A maior parte dos seus poemas son amorosos e teñen como protagonistas ao propio poeta e a Lesbia, o obxecto da súa paixón: unha muller da nobreza romana, fermosa e encantadora, pero casada (cos atrancos que iso supón para o poeta namorado) e, segundo afirman os poemas, de escasa fidelidade, non só cara ao seu home, senón tamén cara aos seus moitos amantes. Os poemas amorosos forman, en realidade, un cancioneiro, é dicir, un conxunto de poemas que comparten un mesmo tema e que constrúen unha unidade ben estruturada na súa forma.
De feito, aínda que cada un deles está concibido con total autonomía e independencia dos demais, pódese (segundo ocorrerá moito despois nos cancioneiros amorosos do Renacemento) intentar unha reconstrución, poema a poema, da historia de amor entre Lesbia e Catulo. Nesa suposición, o lector pode coñecer o entusiasmo e a felicidade do poeta nos primeiros tempos da relación, cando se namora e é correspondido, a súa fogosa paixón, a súa tenrura nos momentos de intimidade; pode coñecer tamén os celos, a desesperación que lle causa a Catulo, máis tarde, o troco de actitude, o carácter inconstante, a infidelidade de Lesbia, que, á parte del, ten outros amantes; pode coñecer, por fin, como se estraga e rompe a relación, a dor e a tortura que sente o poeta pola súa paixón xa non correspondida, o seu odio, a súa decepción, a súa resignación e a súa tristura.
Os poemas amorosos de Catulo transmiten, pois, o espectro completo de todos os sentimentos amorosos posibles, desde os máis elevados ata os máis baixos. Por ser o poeta un home, o punto de vista que adopta é, loxicamente, masculino. Por iso mesmo, o autor detense moito no retrato da muller amada, ata o punto de lle atribuír unha colección de virtudes, tanto físicas como psicolóxicas, cuxa descrición se ha de constituír, na posteridade, en tópico literario imprescindible na poesía amorosa: a fermosura, o encanto ou a graza, o atractivo, a intelixencia, a amabilidade, o refinamento ou a sofisticación, o don creativo, etc.
Tantas son as súas virtudes que a amada se converte, ás veces, nun ser superior e inalcanzable para o poeta. Xorde así a visión da amada coma unha deusa: a súa fermosura brilla con tanta forza como a dunha divindade e cega, polo tanto, ao pobre e mortal amante, a quen semella empresa imposible obter o favor da amada e a quen non queda máis remedio que se render diante da súa vontade. Se a amada é unha deusa, o amor, para seguir coa metáfora, vén sendo unha relixión que o amante non debe deixar de profesar nin cumprir en todo momento.
Con estas ideas adianta Catulo certos temas da poesía amorosa de séculos futuros, tanto romana como de épocas posteriores (lémbrese, por exemplo, o "amor cortés" dos poetas medievais, que se someten, como vasalos, á superioridade da muller amada).
A Sátira Social e Política
Un segundo tema de importancia en Catulo é a sátira, tanto social como política. Algúns dos seus poemas conteñen unha denuncia da corrupción de certos políticos e inclúen ataques persoais contra importantes figuras da época, como Xulio César, contemporáneo do poeta. A crítica vai contra certas prácticas políticas: a ambición sen medida, a procura sen escrúpulos do poder ou o afán de se enriquecer a toda costa, mesmo a través do roubo de diñeiro público. O obxecto da súa sátira non se limita aos políticos, senón que se dirixe, noutras ocasións, a personaxes diversos: aos malos poetas, a aqueles que intentan roubarlle os/as amantes (dos que se burla sen piedade empregando termos sexuais moi explícitos e ofensivos), a amigos que non se saben comportar como tales, a outras persoas con algunha conduta criticable aos seus ollos, etc.
Outros Temas e Formas
Noutros poemas Catulo recorre, seguindo a tradición neotérica, a contar anécdotas a miúdo lixeiras e sen moita importancia: algunha aventura amorosa intranscendente, un convite a cear, etc. Cómpre engadir, para rematar, que algúns dos poemas longos son cancións de voda (himeneos), nas que se celebra, seguindo a tradición grega que fixera destes poemas todo un subxénero lírico, o casamento entre home e muller.
Características Principais da Poesía de Catulo
A poesía de Catulo, como a poesía neotérica en xeral, segue as características principais dos poemas do grego Calímaco. Adoita ser breve, lixeira, refinada e sofisticada. Recorre con frecuencia á erudición, a referencias mitolóxicas que só pode coñecer un lector cultivado. Fai uso da parodia literaria: rebaixa, a través dun tratamento humorístico, outros xéneros literarios máis serios como a épica. Ten unha gran inclinación á variedade métrica e emprega, con ese obxectivo, diferentes formas adaptadas da tradición grega. Inclúe o ataque persoal ou burlesco, seguindo de preto o subxénero grego da invectiva e o gusto romano pola sátira. A natureza satírica e mordaz dalgunhas invectivas de Catulo é difícil de igualar. Busca continuamente a orixinalidade temática e a orixinalidade de ton: a poesía directa e descarada de Catulo resultaba moderna en Roma e coa mesma luz a vemos aínda hoxe. A corrosiva obscenidade dalgúns dos seus versos é insuperable.