A Sociolingüística do Galego: Normalización e Resistencia (Séculos XX-XXI)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,55 KB

O Galego no Primeiro Terzo do Século XX

Ata mediados do século XIX, o castelán avanzou na súa expansión, sen que a sociedade galega organizase movementos de resistencia. Co Rexurdimento, comezan a aparecer os primeiros grupos que traballan na normalización da lingua galega.

Contexto Sociolingüístico e Glotofaxia

No primeiro terzo do século XX, a pesar de iniciativas privadas para promover o galego na cultura, esta lingua carece de prestixio social fóra dos círculos galeguistas. O proceso de glotofaxia non se detén, ao contrario: a burguesía galega está moi castelanizada; o castelán segue a ser a lingua predominante nas institucións e nas escolas e expande o seu uso entre a poboación urbana, deixando o galego en segundo plano. A emigración segue sendo un factor que desangra a poboación galegofalante.

As Irmandades da Fala e a Normalización

En paralelo, as Irmandades da Fala fixan as liñas básicas da normalización:

  1. O galego é elemento esencial na configuración da identidade nacional. É un ben e dereito colectivos.
  2. A autoesixencia de empregalo en todo tipo de actividades.

Comezan a impulsar a normalización do galego, promovendo o seu uso en todas as esferas da vida social e cultural. Aínda que estas ideas quedaron plasmadas en documentos legais como a Constitución do 31 e o Estatuto do 36, a ditadura franquista interrompeu o seu avance.

Estandarización e Creación do Galego Culto

A necesidade dun galego culto e diferenciado do castelán leva a un proceso de estandarización cuxas características son:

  1. Simplificación ortográfica.
  2. Supradialectalismo.
  3. Creación de neoloxismos e a incorporación de numerosos préstamos.

O resultado foi un galego literario moi rico. Os castelanismos non desaparecen, sobre todo os fonéticos, aínda que son menos frecuentes. As normas impulsadas polo SEG (Sociedade de Estudos Galegos) presentan como aspectos máis salientables os seguintes:

  • Rexeitamento do i grego (y) e selección do i latino (i).
  • Grafemas ll e ñ.
  • Emprego do h segundo a etimoloxía.
  • Mantemento de grupos consonánticos nas voces cultas.
  • Abandono do apóstrofo e redución do uso do guión.

O Galego de 1936 a 1978: Represión e Resistencia

Paralización da Normalización e Represión Franquista

O comezo da guerra supuxo a paralización de todo o proceso de galeguización anterior. A ditadura xurdida da Guerra do 36 acabou coa dinámica anterior de normalización das linguas minorizadas. Para o franquismo, crear unha atmosfera de medo era máis importante e eficaz que prohibir abertamente o uso do galego, de xeito que escribir ou falar publicamente nesta lingua se convertese nun risco evidente. A brutal represión posterior ao Alzamento eliminou o uso do galego nos ámbitos culturais antes consolidados.

Só no exilio se mantivo a reivindicación lingüística, coa Galiza Emigrante fundando editoriais, escribindo libros e emitindo programas radiofónicos en galego, tratando de manter o espírito nacido coas Irmandades da Fala.

Demografía Lingüística e Avance do Castelán

No que concerne á demografía lingüística, do Alzamento á década dos 60, o galego resistiu como lingua maioritaria nunha Galiza rural, mentres que o avance do castelán mantivo os ritmos anteriores. Da década do 60 ao 75, o Réxime estimulou a emigración e o progresivo despoboamento rural en favor das cidades, marcando a urbanización o ritmo da castelanización. A extensión da escolarización e dos novos medios de comunicación introduciron o castelán en todos os recantos do país.

Pequenos Avances Culturais (Década dos 50)

Na tímida apertura dos 50, empresas editoriais como Editorial Galaxia reiniciaron a publicación en galego, xunto con revistas como Grial. Por estes anos aparecen tamén a colección de poesía Benito Soto e a colección Xistral; así mesmo fúndase a editorial Bibliófilos Gallegos e o xornal La Noche.

Institucionalización e Instrumentalización Ideolóxica

En 1965 créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago. Na década dos 60, reavivouse a vida cultural coa creación de asociacións culturais (O Galo, O Facho...), e os primeiros partidos políticos galegos. Esta instrumentalización reforzou a imaxe do galego como marca ideolóxica.

Características Lingüísticas: A Tendencia de Galaxia

En canto ás características lingüísticas fundamentais, a Editorial Galaxia impuxo unha tendencia de simplificación do galego escrito, eliminando apóstrofos, guións e distintos tipos de acentos, ao mesmo tempo que se rexeitaron arcaísmos e hipergaleguismos.

O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI

Substitución Lingüística e Retomada da Normalización

A urbanización e o éxodo rural que viviu Galicia desde a década dos 60 ata finais do século XX marcou a progresiva substitución lingüística do galego polo castelán, non só nas cidades, senón tamén e cada vez con máis forza nas vilas. O final do réxime franquista supuxo a posibilidade de retomar o proceso de normalización da lingua, sendo asumido pola maioría dos partidos políticos e grupos sociais.

As dúas vías, normalización do galego e substitución polo castelán, seguen abertas. O galego ve recoñecido o seu status de lingua cooficial en Galicia, recuperando os seus usos nas funcións institucional e cultural, aínda que de maneira minoritaria.

Factores de Uso e Perda Interxeracional

Por unha parte, algúns dos prexuízos van desaparecendo, por exemplo: a consideración do galego como "dialecto" ou a incapacidade do galego para os usos cultos formais. Por outra banda, a maior parte da poboación galega é bilingüe e o grao de competencia non é uniforme entre os individuos e os grupos.

En canto aos usos lingüísticos, varios factores inflúen na elección entre o galego e o castelán, como a lingua inicial, o contorno social, a clase social, a actividade económica, entre outros. En liñas xerais, vemos que o uso do galego diminúe conforme nos achegamos aos ámbitos urbanos, aos tramos máis novos da poboación, aos grupos sociais máis acomodados e aos ámbitos formais. Tal circunstancia pon en evidencia a brutal perda da transmisión interxeracional do galego. Ao mesmo tempo, observamos que as altas porcentaxes de galego como lingua inicial están ligadas aos núcleos periurbanos e rurais.

En canto á lingua habitual (aquela na que o individuo realiza a totalidade ou a maior parte dos actos lingüísticos ordinarios), o galego aínda é a lingua maioritaria, pero iso non debe ocultarnos o forte retroceso que sofre entre a mocidade ou nos ámbitos urbanos.

Marco Legal e Lexislación Lingüística

No marco legal, a Constitución Española, o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística garanten o uso e a protección do galego.

  • A Constitución Española (Artigo 3): Establece que o castelán é a lingua española oficial do Estado, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
  • O Estatuto de Autonomía (Artigo 5): Establece que a lingua propia de Galicia é o galego, aínda que tanto o galego como o castelán serán oficiais. Tamén se di que os poderes públicos garantirán o uso normal do galego e potenciarán o seu emprego, e que ninguén poderá ser discriminado por razóns de lingua.
  • A Lei de Normalización Lingüística: Pretende garantir o uso normal das dúas linguas e a non discriminación por razóns lingüísticas. Tamén se determina que a única forma oficial dos topónimos é a galega.

Instrumentos de Planificación Lingüística

Destaca o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004. No 2010 entrou en vigor un decreto, que anulaba o decreto anterior e que no seu título propón o “plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”.

No 1982, por proposta da RAG e do ILG, concretáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego e tras a súa reforma en 2003 convertéronse nunha “normativa de consenso”.

Entradas relacionadas: