Sociedade e Reformas na Galicia do Século XVIII
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,42 KB
O Papel da Muller na Sociedade Tradicional
A muller ten un papel fundamental na sociedade moderna a pesar de que fose relegada a un rol secundario debido ás estruturas patriarcais discriminatorias relacionadas coa sociedade tradicional estamental católica. Cargaban co peso das familias e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos das mulleres estaban moi limitados, sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico (crianza dos fillos e mantemento do fogar) ou de coidadoras, fundamental para que outras actividades reservadas aos homes puidesen desenvolverse. A moralidade da época facía que unha das cuestións máis importantes fose a da súa reputación, fundamentada na observancia destas ríxidas normas morais, o cal as sometía a unha privación da súa liberdade de movementos realmente opresiva.
Diferenzas segundo o estamento social
Se ben é certo, como reflexo da sociedade estamental imperante na Idade Moderna, que dependendo do estamento e grupo social ao que pertencían a súa situación podía variar. As mulleres dos grupos non privilexiados tiñan como principal obxectivo o matrimonio e apenas tiñan capacidade de decisión nas familias. Tiñan que colaborar no traballo familiar, sendo os principais cometidos a agricultura, a artesanía (téxtil principalmente) ou como servizo doméstico de familias adiñeiradas ou nobres. Raramente se retribuía economicamente o seu labor. As familias burguesas podían, a diferenza das campesiñas ou dos artesáns, permitir de maneira excepcional ás mulleres acceder a unha educación coa que poder aprender as normas da lectoescritura. Debemos recordar que o acceso á educación na época era xa de por si moi limitado e as taxas de analfabetismo elevadísimas, sendo moi superiores no caso das mulleres.
A Muller na Nobreza e no Clero
No caso das familias nobres a situación era similar, só que as taxas de alfabetización podían ser algo máis altas. As mulleres nobres tiñan maior acceso á educación, que era sempre no ámbito do fogar, coidando a educación relixiosa, ás veces as artes e a música ou os idiomas. Eran excepcionais os casos nos que as mulleres, por ausencia da figura do varón, xestionaban o patrimonio da casa nobiliar. Eran empregadas principalmente como moeda de cambio nas redes de alianzas entre as casas ou para fins económicos a través dos casamentos. Outra opción das mulleres era a de ingresar no clero como monxas, neste caso pasaban a vivir baixo as regras das ordes relixiosas ou do clero en xeral. Algunhas mulleres podían chegar a obter certo poder e influencia se chegaban a escalar na xerarquía eclesiástica chegando a abadesas dalgún mosteiro, aínda que debemos recordar que a estrutura eclesiástica era un mundo dominado polos homes onde a relevancia das mulleres era totalmente marxinal.
Comezos da Reivindicación Feminina
Será a Ilustración, a partir do s. XVIII, pero con moi limitada pegada en España, a que comece a reclamar unha máis que tímida posta en valor do papel da muller na sociedade, con apenas impacto nesta época. Aínda así temos mulleres con especial relevancia como poden ser Beatriz Galindo "A Latina", gran gramática e preceptora de Isabel a Católica, outra figura de enorme relevancia na Historia de España, ou Leonor López de Córdoba, poetisa que trataba o tema dos dereitos femininos, como Francisca de Pedraza. No campo das letras tamén destacaron Santa Teresa de Jesús e no da pintura Sofonisba Anguissola. Outras das mulleres que tiveron gran influencia na vida política foron a Princesa de Éboli en tempos de Felipe II ou María Luisa de Parma, muller de Carlos IV e nai de Fernando VII.
O Reformismo Borbónico en Galicia
No século XVIII, o reino de Galicia mantivo a súa importancia estratéxica como baluarte marítimo avanzado na defensa do imperio colonial americano, fronte ao paso das armadas inimigas, fundamentalmente inglesas. Ante esta situación, os Borbóns e os seus gobernos interviñeron en Galicia creando novas institucións (a Intendencia do Reino de Galicia, o Real Consulado) e servizos.
A Matrícula do Mar
A Matrícula do Mar foi un sistema de recrutamento de tripulacións para os buques da Armada para garantir un persoal competente no seu manexo nun contexto de crecentes enfrontamentos navais polo control das rutas comerciais e das colonias. O sistema rexistraba a todas as persoas dedicadas ao mar indicando a clase á que pertencían (mariñeiro, artilleiro, grumete...) para coñecer as súas habilidades. Os matriculados quedaban libres de quintas e de impostos municipais, pero podían ser chamados ao servizo da Armada ata cumprir 60 anos. A primeira matrícula do mar foi a establecida en 1626 por Felipe IV de Habsburgo, pero non funcionou ben ata a posta en marcha das reformas borbónicas. En 1714 Filipe V de Borbón creou a Real Armada unificando as numerosas armadas da época dos Austrias e os seus mandos e en 1726 estableceu a división das costas españolas en tres departamentos marítimos (Ferrol, Cádiz, Cartaxena), así como as directrices dos comisarios de Mariña para o rexistro da xente do mar, medidas consolidadas en 1751. A extensión do litoral de Galicia e o elevado número de xentes relacionadas cos traballos do mar fixo que na segunda metade do século XVIII a rexión rexistrase a cuarta parte da matrícula humana das frotas españolas.
O Arsenal de Ferrol
Galicia, pola súa situación xeoestratéxica, converteuse para os Borbóns no lugar onde recibir ou rexeitar as frotas estranxeiras, especialmente as inglesas que se dirixían a saquear as cidades costeiras españolas ou a capturar os barcos cargados de mercadorías procedentes de América. Ante esta situación, a meirande parte da costa galega foi reforzada con numerosas baterías e castelos. En 1726 Xosé Patiño, ministro de Filipe V, decidiu establecer en Ferrol a sede do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas reais. A partir de 1746, co marqués da Ensenada, ministro de Fernando VI, iniciouse a construción dos modernos estaleiros e arsenal que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia e en obxecto de admiración polos estranxeiros. Para a formación dos mandos militares da Armada creouse, en 1776, a Academia de Gardamariñas. A chegada masiva de xente obrigou a engadir ao núcleo orixinario, o Ferrol vello, os novos barrios de Esteiro, para acoller aos traballadores, e o da Magdalena, ocupado principalmente polos oficiais da Armada, no seu deseño seguíronse trazados urbanísticos a base de cuadrículas (plano hipodámico) moi do gusto dos arquitectos.
A Apertura do Comercio Colonial
A eliminación do monopolio do comercio colonial exercido por Sevilla e Cádiz favoreceu a Galicia, especialmente á Coruña. En 1764, o goberno de Carlos III estableceu nesa cidade o Servizo de Correos Marítimos, unha compañía estatal de buques encargada de levar a correspondencia ao porto da Habana e (desde 1767) a Bos Aires, e que tamén podía transportar persoas e mercadorías, agás nos períodos bélicos nos que se transformaban en navíos de guerra. En 1765 o porto da Coruña foi autorizado para comerciar directamente con América. Ambas concesións contribuíron a favorecer o crecemento comercial e a renovación urbanística e portuaria da cidade (destacando a restauración da Torre de Hércules en 1791).