Sociedade e Cultura na Roma Antiga: Unha Exploración Detallada
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,32 KB
As Clases Sociais na Roma Antiga
Época Republicana
Cidadáns Privilexiados
- Patricios: descendentes dunha das primeiras cen familias que se asentaron en Roma e propietarios de case todas as explotacións agrícolas e mineiras.
- Plebeos enriquecidos: coas finanzas e asuntos relacionados coa guerra.
- Cabaleiros: plebeos enriquecidos que controlaban o comercio a gran escala e a recadación de impostos.
Cidadáns Non Privilexiados
- A plebe: formada pola maior parte dos cidadáns, dedicados ao traballo do campo, artesanía, comercio ou sobrevivindo grazas á distribución gratuíta de alimentos levada a cabo polo Estado. Iniciaron unha loita pola equiparación dos dereitos de todos os cidadáns.
- Os clientes: cidadáns pobres que estaban baixo a protección económica e xurídica dos ricos.
Escravos
Persoas non libres, sen dereitos de ningún tipo, que chegaban a esta situación por seren fillos de escravos, prisioneiros de guerra, por débedas, etc. Os que non lograban obter a liberdade convertíanse en libertos.
Época Imperial
Privilexiados
- Orde senatorial: cidadáns que posuían máis de 1.000.000 sextercios, o que lles daba dereito a ser senadores.
- Orde ecuestre: cidadáns que posuían máis de 400.000 sextercios. Dedicábanse ao comercio ou ocupaban cargos na administración ou o exército.
Non Privilexiados
Aumentou de xeito alarmante o número de libertos e xurdiu unha nova clase social, os colonos, que se viron obrigados a vender as súas terras aos grandes propietarios e a traballar nelas coma se fosen escravos.
A Familia e a Educación
A familia romana estaba formada polo paterfamilias, a nai, os fillos, escravos e animais de tiro e carga. Durante moito tempo, o matrimonio foi unha obriga relixiosa. A idade legal para contraelo era de 12 anos para as mulleres e 14 para os homes. Había tres tipos de unión legal:
- Matrimonio cum manu: a muller quedaba integrada na familia do marido e sometida á súa autoridade. Os bens da esposa pasaban a pertencer ao marido e só el podía pedir o divorcio.
- Matrimonio sine manu: a muller seguía a depender da autoridade do pai e podía dispor dos seus propios bens. Calquera dos dous podía solicitar o divorcio.
- Concubinato: convivencia na que a muller estaba baixo a figura legal de filla. En caso de separación, os fillos quedaban coa nai.
O marido podía recoñecer os fillos do matrimonio, deixalos expostos ou mesmo vendelos. En caso de seren recoñecidos, os nenos recibían o praenomen (nome de pía), o nomen (apelido) e o cognomen (alcume) e as nenas só o nomen.
A educación, de influencia grega, estaba dividida en tres etapas:
- Ensino Elemental (7-12 anos): o ludi magister ou mestre ensinaba a ler, escribir e contar. Tamén aprendían a Lei das XII Táboas e ían a cotío ao Campo de Marte a prepararse para servir como soldados. Os nenos ían á escola acompañados polo paedagogus.
- Ensino Medio (12-17 anos): o grammaticus ou profesor de lingua e literatura ensinaba literatura grega e latina, xeografía, física e astronomía. Os alumnos debían memorizar e saber comentar os textos ditados polo profesor.
- Ensino Superior (a partir de 17 anos): tiña lugar co rhetor ou mestre de retórica, co que afondaban no estudo dos autores gregos e latinos e aprendían a construír e pronunciar discursos.
Tras rematar esta etapa, quedaba a posibilidade de ampliar estudos de retórica e filosofía en Grecia.
A Vida Cotiá en Roma
A Xornada do Cidadán
Os romanos erguíanse á saída do sol, aseábanse e tomaban o ientaculum (almorzo), consistente en pan, queixo, froita e viño. A continuación dedicábanse aos seus asuntos ata o mediodía e tomaban o prandium (xantar), que consistía nas sobras da cea do día anterior ou algo lixeiro fóra da casa.
Despois da sesta, bañábanse, daban un paseo e á caída do sol tiña lugar a cea, que era a comida principal do día. Tiña lugar no triclinium (comedor), onde os comensais comían recostados nuns leitos especiais. Primeiro servíase o gustus ou gustatio (entremeses variados), acompañado de mulsum (viño con mel), diversos pratos e as secundae mensae (sobremesa a base de froita e doces). A continuación viña a comissatio, na que se comían cousas picantes e se bebía viño.
Indumentaria, Calzado e Cabelos
Polo que se refire á indumentaria, a prenda básica era a túnica (curta para os homes e longa para as mulleres), e debaixo podían levar unha subucula (camiseta). Por riba da túnica, os homes poñían unha toga ou un sagum (capote militar) e as mulleres a stola (vestido longo ata os pés), e sobre ela un manto (ricinium, palla). Os homes usaban gorros e sombreiros e as mulleres sombrillas. En canto ao calzado, usaban soleae (sandalias), socci (zocos), calcei (zapatos), caligae (calzado militar) e cothurni (botas). Polo que respecta aos cabelos, para os homes as modas variaron segundo as épocas e para as mulleres había todo tipo de peiteados, postizos, adornos, cosméticos capilares, etc.
A Relixión en Roma
O Culto Privado
Tiña lugar baixo a dirección do paterfamilias, que facía a cotío ofrendas ás divindades domésticas: lares (protectores do fogar), manes (almas de familiares defuntos) e penates (deuses protectores da despensa).
O Culto Público
O culto público oficial (sacrificios, ofrendas, pregarias, xogos, etc.) tiña lugar baixo a dirección dos sacerdotes, que se agrupaban nos distintos colexios sacerdotais (pontífices, que velaban polo correcto cumprimento dos ritos; vestais; augures ou encargados de adiviñar a vontade dos deuses, etc.). Durante a época imperial, a relixión romana tradicional entrou en crise, polo que xurdiron outras alternativas, como os cultos orientais, relixións mistéricas, o culto ao Emperador, e o Cristianismo, que foi o que rematou por impoñerse, aínda que ao principio foi obxecto de persecucións. En 313 d.C., en virtude do Edicto de Milán, promulgado por Constantino, concédese a liberdade de culto aos cristiáns. En 392 d.C., Teodosio declara o Cristianismo relixión oficial do Imperio.
Glosario de Prefixos
- Anfi
- arredor
- Peri
- arredor
- Circum
- arredor
- Hiper
- sobre
- Super
- sobre
- Supra
- sobre
- Hipo
- debaixo
- Sub
- debaixo
- Infra
- debaixo