A situación do galego a comezos do século XXI: retos e perspectivas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,24 KB

A situación do galego a comezos do século XXI

1. Marco Legal

A finais do século XX e comezos do XXI, é salientable o establecemento de condicións políticas favorables á normalización da nosa lingua. A pesar diso, o galego fálase cada vez menos.

A Constitución Española de 1978 establece a lingua española como a oficial do Estado e as outras linguas como oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas. En 1980, apróbase o Estatuto de Autonomía de Galicia, que afirma que o galego é a lingua propia de Galicia. Coa Lei de Normalización Lingüística de 1983, a cidadanía galega pode establecer relación coas diferentes administracións en galego, regúlase o seu uso no ensino, nos medios de comunicación, etc. O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica. Con lixeiras excepcións, a lexislación cúmprese. O seu ensino é obrigatorio na Educación Primaria e Secundaria, onde se establece tamén que polo menos dúas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas.

En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En setembro de 2005, recomenda que o ensino sexa en galego. No curso 2007-2008, entra en vigor o decreto que establece que, en Primaria e na ESO, polo menos a metade das materias sexan en galego. No 2010, un novo decreto reduce a presenza do galego e pretende introducir nun 33% o ensino do inglés. No 2012, os tribunais de xustiza anulan algún dos artigos deste decreto. Noutras administracións, o galego está case ausente.

2. O galego na encrucillada

Nos inicios do século XXI, a situación da lingua galega non coñeceu grandes cambios. A pesar dos numerosos avances que se produciron, o galego seguiu perdendo falantes. Emprégase sobre todo nas comunicacións diarias, nas familias e nas relacións sociais. Aínda así, non melloran as condicións da lingua; o galego podería deixar de ser o idioma maioritario. Entre os indicadores positivos, constátase unha leve recuperación do galego como lingua de uso habitual, falado sobre todo pola xuventude urbana e universitaria.

3. Planificación do futuro

Hoxe en día, o galego goza dun pleno recoñecemento legal e dispón dun estándar ortográfico e gramatical culto, moderno e ben asentado, gramáticas, dicionarios comúns e técnicos, documentación especializada, etc. O galego ocupa o posto 23 de 150 linguas europeas e o 160 entre as 5.500 linguas do mundo.

Neste século XXI, temos que ter en conta o seu uso na internet, pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. É lingua de uso nas aplicacións máis usadas nas redes sociais, en navegadores, en buscadores, en programas informáticos e, en xeral, en aplicacións comerciais. Dispoñemos de tradutores gratuítos en liña para case todos os idiomas, ademais de correctores ortográficos.

4. Galicia multilingüe

No escenario mundial, o multilingüismo aparece como a condición máis frecuente para aquelas persoas que non teñen o inglés como lingua inicial. En Galicia hoxe en día, descenden os individuos que só falan unha lingua e avanzan os que adquiren competencia nunha segunda lingua, pasando a funcionar coas dúas.

Entradas relacionadas: