A Situación da Muller en España: Da II República ao Franquismo

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 11,95 KB

A Situación da Muller en España no Século XX

Contexto Histórico: Século XIX e Inicios do XX

A pesar do triunfo do liberalismo e da implantación da sociedade de clases na España do século XIX, as mulleres seguiron discriminadas desde o punto de vista social (sometemento a unha condición inferior ao varón), político (non podían exercer o dereito ao sufraxio) e laboral (percibían menor salario polo mesmo traballo ca o home e as xornadas eran moito máis longas e tiñan que ocuparse, ademais, das tarefas domésticas). Neste sentido, na España liberal estaba fortemente arraigada a idea de que a muller era un «ser inferior», polo que tiña que estar sometida ao home (pai, esposo ou outro familiar varón). A subordinación do chamado «sexo feble» era xustificada pola súa suposta inferioridade xenética (a función reprodutora convertía á muller nun ser pasivo, inferior, incompleto e complementario do home).

Iniciativas e Movementos Femininos (Finais do XIX - Primeiro Terzo do XX)

Desde finais do século XIX e no primeiro terzo do XX, foron moitas as iniciativas das mulleres para asociarse e conseguir avances e melloras en todos os ámbitos onde estaban discriminadas, un longo e difícil camiño.

  • En 1870, creouse a Asociación para la Enseñanza de la Mujer (coa colaboración de Concepción Arenal, xornalista e experta en dereito, e considerada pioneira do feminismo español).
  • En 1897, Ángeles López de Ayala fundou a Sociedade Autónoma de Mulleres de Barcelona (posteriormente, a Sociedade Progresiva Feminina), nacendo nos anos seguintes varias asociacións semellantes ao longo do país.

O fenómeno do sufraxismo ou reivindicación do voto para a muller tamén comeza a desenvolverse no noso país, aínda que sen a mesma forza que noutros países occidentais, como Gran Bretaña ou EE.UU.

En 1910, as mulleres foron autorizadas para matricularse na Universidade.

Nas primeiras décadas do século XX, ao igual que no resto do mundo occidental, foise organizando en España o chamado movemento sufraxista.

  • Xa en 1918, a directiva e concelleira Mª Espinosa de los Monteros, xunto á xornalista e enfermeira Consuelo González Ramos, fundaron a ANME (Asociación Nacional de Mulleres Españolas), co fin de loitar polo sufraxio feminino, a educación e un traballo digno.
  • Nesa década tamén xurdiron diferentes entidades en defensa dos dereitos das mulleres, como a Unión das Mulleres de España ou a Liga Española para o Progreso da Muller.

Dirixidas por unha elite feminina intelectual e moi presente na opinión pública, estas asociacións estaban ligadas ao institucionismo (proxecto pedagóxico que tivo a súa máxima expresión na Institución Libre de Enseñanza), formándose nese contexto mulleres de gran protagonismo na España das décadas dos 20 e 30 como:

  • María de Maeztu
  • María Zambrano
  • Rosa Chacel
  • Victoria Kent
  • Clara Campoamor
  • Margarita Nelken
  • Maruja Mallo
  • etc.

A Muller durante a II República (1931-1939)

Coa proclamación da II República o 14 de abril de 1931 e ata o final da Guerra Civil en 1939, as mulleres viviron en España un período de liberdades e avances nunca vistos con anterioridade.

Avances Legais e Políticos

Durante o Bienio Reformista (1931-1933), aprobáronse ata 17 textos legais recoñecendo a igualdade entre homes e mulleres e os dereitos cívicos destas, incluíndo o dereito ao voto daquelas, tal como se recolleu a finais de 1931 na nova Constitución Española.

O debate sobre a cuestión do voto feminino nas Cortes Constituíntes foi intenso, xa que incluso unha parte das esquerdas non era favorable por «crer que a muller non estaba preparada e que o seu voto sería favorable ás dereitas». Finalmente foi aprobado por 166 votos a favor, 121 en contra e 188 abstencións. A muller puido exercer por primeira vez na Historia o seu dereito ao sufraxio nas eleccións de 1933.

Nese contexto tamén hai que recordar a incorporación como primeiras deputadas nas Cortes de mulleres como:

  • Victoria Kent (Partido Radical Socialista)
  • Clara Campoamor (Partido Republicano Radical)
  • Margarita Nelken (PSOE)

Sen embargo, estes feitos non supuxeron a plena integración das mulleres na vida política nin a consecución da igualdade real, debido á mentalidade tradicional e conservadora da sociedade española da época, aínda que é certo que aumentou o número de afiliadas a organizacións como o sindicato socialista UXT.

Outros Avances na República

Outros avances para o colectivo feminino durante a República foron, por exemplo:

  • No ámbito laboral, a novidade da incorporación das mulleres de clase media ao sector servizos ou a aprobación do seguro de maternidade. Sen embargo, o colectivo feminino seguía sufrindo unhas condicións laborais peores que as do masculino (salarios inferiores, por exemplo, ao non desenvolver moitas mulleres empregos cualificados).
  • A aprobación, en 1932, da Lei do Divorcio.
  • No campo cultural e educativo, a campaña de alfabetización (Misións Pedagóxicas), nas que participaron moitas mestras republicanas.

A Muller durante a Guerra Civil (1936-1939)

Co estoupido da Guerra Civil en xullo de 1936, o papel da muller amosou trazos distintivos dependendo de se falamos do bando sublevado ou nacional, ou do bando republicano.

No Bando Republicano

No bando republicano, entre outros aspectos, destacan, por primeira vez na Historia, a participación dun gran número de mulleres nos combates, antes da súa retirada gradual da fronte cara a 1937 (unhas 7.000 milicianas, sobre todo, libertarias, chegando algunhas delas á escala de oficiais ou suboficiais) e tamén en funcións de apoio na «fronte interna» (traballando na industria de guerra, ou ben como enfermeiras e persoal auxiliar), rompendo así cos roles tradicionais de xénero, aínda que foi, en todo caso, un papel accesorio, xa que non houbo un cambio considerable no mundo laboral nin no papel tradicional da muller (moitas se dedicaron a tarefas domésticas para os soldados e tamén para as súas familias).

A pesar do xurdimento de colectivos como a anarquista Mujeres Libres ou a Asociación de Mujeres Antifascistas, os dereitos das mulleres e os obxectivos feministas non se atopaban entre as prioridades da España republicana en guerra.

Cabe destacar, por outra banda, o protagonismo político acadado por mulleres como a comunista Dolores Ibárruri («a Pasionaria», sendo o PCE a forza política máis destacable na implicación activa da muller) ou a anarquista Federica Montseny, primeira muller en chegar a ser ministra en España, aínda que incluso forzas de extrema esquerda como o anarquismo non vían con bos ollos a participación activa da muller nos temas políticos.

Avanzada a guerra houbo, por outra banda, iniciativas moi adiantadas para a época como o intento de despenalizar o aborto ou unha maior alfabetización do colectivo feminino.

No Bando Nacional ou Sublevado

Con respecto ao bando nacional ou sublevado, o peso da Igrexa católica (no ámbito da moralidade, a educación e dos costumes) e da Falanxe (a través da Sección Feminina e do Servizo Social, creado en 1937), asumiron o rol tradicional da muller, reducida ao ámbito doméstico, ao tempo que as necesidades bélicas fixeron necesaria a incorporación de moitas mulleres en ocupacións como enfermeiras ou persoal de apoio, aínda que, a diferenza da zona republicana, non foron tantas as que traballaron nas industrias.

Hai que ter en conta tamén o papel da chamada Sección Feminina, creada en 1934 por Pilar Primo de Rivera (irmá do líder falanxista) e que chegaría a ter 400.000 afiliadas durante a guerra, e que se encargaba de traballos de axuda social (seguindo o modelo da Alemaña nazi), con tarefas como os servizos médicos (enfermeiras), o coidado de nenos, das persoas desprazadas ou na distribución de axuda aos civís, ao tempo que se recalcaba o mantemento do modelo da familia española tradicional dentro dun estado patriarcal.

A Muller durante o Franquismo (1939-1975)

Co final da guerra en 1939 e o comezo da ditadura franquista, moitas mulleres foron encarceradas, represaliadas e incluso executadas pola súa implicación co bando republicano.

Retroceso de Dereitos e o Modelo do Réxime

A vitoria dos sublevados supuxo un importante retroceso nos dereitos das mulleres conseguidos durante a II República:

  • Dereito ao voto e a ser elixible
  • Recoñecemento do divorcio
  • Dereito á patria potestade dos fillos
  • Coeducación
  • Supresión do delito de adulterio feminino
  • etc.

Estes avances foron suprimidos, xa que chocaban co modelo da muller preconizado pola ditadura. O ideal feminino do novo réxime prefería unha muller estereotipada como «o anxo do fogar», fomentando a domesticidade feminina, apartando ás mulleres da esfera pública e devolvelas ao ámbito do privado, segundo os cánones máis conservadores e tradicionais.

A muller, igualmente, debía quedar sometida á autoridade patriarcal exercida sempre polos varóns (pais, esposos ou irmáns). A Igrexa católica e o Estado velaron por esta «invisibilización» pública da muller española, pasiva no político e na esfera pública, reducida a ocuparse dos labores domésticos e da educación dos fillos, segundo o modelo da familia cristiá tradicional.

Educación e Servizo Social

A Sección Feminina promoveu este rol da muller a través da educación, co fin de formar ás futuras amas de casa, con materias escolares como Fogar, Cociña ou Corte e Confección, impartidas nas escolas e institutos, mentres que o chamado Servizo Social incluía a formación teórica e a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

Cambios Tardíos e Restriccións Legais

A partir da década de 1960, os cambios económicos e o crecente desenvolvemento introduciron modificacións no comportamento e na actitude respecto ás mulleres, especialmente trala súa incorporación á educación universitaria e ao traballo remunerado fóra do fogar; aínda así, no plano legal, seguiron sometidas a pais e maridos ata o final do franquismo.

  • As mulleres solteiras estaban baixo a tutela do pai ata os 25 anos.
  • As casadas tiñan nos seus maridos aos seus representantes legais e necesitaban a autorización do marido (licencia marital) para os contratos laborais, exercer actividades comerciais, dispoñer dunha cartilla de aforros, comparecer nun xuízo, obter o pasaporte, alugar unha vivenda, etc.

Entradas relacionadas: