Del Sistema Canovista a la II República: Crisis, Dictadura y Reformas en España (1876-1936)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en
español con un tamaño de 21,22 KB
El Sistema de la Restauración y su Crisis (1876-1923)
Dende 1876 ata 1923, estivo vixente en España o chamado sistema da Restauración ou sistema canovista. Un sistema político aparentemente constitucional e parlamentario, pero nada democrático, xa que beneficiaba aos grupos dominantes. A Restauración foi un longo período da nosa historia contemporánea, un tempo de estabilidade constitucional, de modernización económica e de afastamento do exército da vida política, pero tamén foi unha época de dominio da burguesía oligárquica, de caciquismo e de fraude electoral.
Sen embargo, unha serie de factores políticos (sobre todo, o esgotamento do sistema turnista e o fracaso dos vellos partidos dinásticos para afrontar os problemas do país), económicos, sociais… ademais de problemas concretos como a guerra de Marrocos, levarían a unha progresiva crise do sistema, que acabaría por ser suprimido polos militares cun golpe de Estado (co apoio da Coroa) en 1923.
Nos Documentos 1 e 2 podemos atopar varias referencias á grave crise de 1917, o momento “máis delicado” para o sistema, que lograría sobrevivir 6 anos máis coa axuda dos militares.
Esgotamento do Turnismo e a Crise de 1917
Para 1917 estaba claro o esgotamento do sistema turnista. A desaparición de Cánovas e Sagasta, xunto á fragmentación dos partidos dinásticos e as lacras da corrupción electoral e do caciquismo, facían cada vez menos operativa a quenda turnista. Políticos como o conservador Maura ou o liberal Canalejas, intentarían reformas rexeneracionistas, sen grandes resultados pola oposición da oligarquía. A inestabilidade política foi inevitable, con 32 gobernos durante os 21 anos de reinado constitucional de Afonso XIII. Moitos dos gobernos eran de breve duración, empregándose o recurso de gobernos de concentración (liberais e conservadores) sen grandes resultados.
Neste contexto, cara 1917 desenvolveuse unha triple crise política, confluíndo perigosamente as reivindicacións de 3 colectivos ao mesmo tempo:
- As organizacións obreiras, a través dunha folga xeral revolucionaria (Documento 2).
- A oposición política coa Asemblea de parlamentarios en Barcelona (Documento 1).
- As esixencias profesionais dos militares a través das Xuntas de Defensa.
A Asemblea de Parlamentarios
Como reacción ante o desgaste do sistema, a ausencia de democracia e as protestas das Xuntas de Defensa e as mobilizacións obreiras, o político catalanista Francesc Cambó, presionou ao goberno do conservador Eduardo Dato co fin de reformar en profundidade o sistema político e conseguir unha auténtica democracia e a autonomía para Cataluña. A oposición política convocou para o 5 de xullo en Barcelona unha reunión de parlamentarios cataláns que pediron a convocatoria dunhas Cortes constituíntes para tratar a descentralización e a autonomía rexional e municipal, invitando a sumarse a dita reunión a tódolos parlamentarios da oposición, para poñer en marcha unha Asemblea extraordinaria como representación lexítima da vontade do país. Aínda que foi prohibida polo goberno (foi considerada como unha «reunión ilegal, sediciosa e separatista»), reuniuse a Asemblea de parlamentarios o 19 de xullo, composta por un número reducido de 71 deputados catalanistas, republicanos e socialistas, que esixiron a posta en marcha das Cortes constituíntes mencionadas.
Sen embargo, a Asemblea de parlamentarios fracasou pola falta de apoios por parte dos partidos monárquicos, dos militares e polas divisións internas ante a folga xeral convocada polos obreiros nas mesmas datas (Documento 2). Cambó, defensor dos intereses da burguesía catalana e temeroso dunha posible revolución social, abandonou as súas pretensións, retirándose da Asemblea e pactando con Dato a súa entrada no goberno central. Deste xeito a Asemblea de parlamentarios remataba en fracaso.
A Conflitividade Obreira e a Folga de 1917
Co Documento 2 podemos facer unha alusión ao papel da conflitividade obreira na crise de 1917. O proletariado, cunhas condicións de vida e de traballo moi duras (empeoradas polo impacto da Gran Guerra), atoparon nos sindicatos anarquista da CNT e socialista da UXT canles para reclamar melloras laborais, pero tamén para esixir un sistema político de tipo democrático. O incremento do malestar social dera xa lugar a unha folga xeral en 1916 contra a carestía da vida.
As reivindicacións obreiras radicalizáronse, coincidindo no verán do 1917 coas reivindicacións dos militares e dos políticos da oposición. Ante a intransixencia do goberno, a UXT e o PSOE convocaron unha folga xeral revolucionaria en agosto de 1917, para lograr o derrocamento do réxime e a convocatoria dunhas Cortes constituíntes. Esta folga foi apoiada á súa vez pola CNT e polos republicanos, pero non foi apoiada polo campesiñado. A folga xeral presentou unha incidencia desigual, e o goberno reaccionou cunha forte represión (como na Semana Tráxica de 1909), botando man da Garda Civil e do exército, cun balance de 70 mortos e dous mil detidos.
Só a descoordinación entre os tres colectivos que se mobilizaron en 1917, o medo da burguesía a unha revolución social e o apoio dos militares a Afonso XIII, permitiría ao sistema salvarse de momento.
A Guerra de Marrocos como Factor Erosivo
Por último, a chamada guerra de Marrocos (principios do s.XX ata 1927) foi outro dos factores que erosionaron o sistema da Restauración. Intereses militares, políticos e económicos (prestixio político e militar, control de riquezas mineiras, motivos estratéxicos) enfrontaban a unha minoría a favor da guerra contra unha maioría que rexeitaba a intervención española no Norte de Marrocos (territorio asignado a España tralas conversas cos franceses na Conferencia de Alxeciras).
A situación agravouse debido á escasa preparación do exército colonial, como quedou probado na traxedia do Barranco do Lobo (1909) e, sobre todo, no “Desastre de Annual” (1921), ao que fai referencia o Documento 3. Ademais de custarlle a España máis de 12.000 mortos e a perda da maior parte do territorio marroquí, o desastre serviulle á oposición para criticar ao goberno, pedir responsabilidades políticas e militares, e incluso acusar a Afonso XIII de ser culpable en parte da traxedia polas súas intromisións na campaña marroquí. A investigación sobre ditas responsabilidades («Expediente Picasso»), paralizaríase co golpe de Estado de 1923, para non comprometer nin á Coroa nin aos altos mandos do exército.
O Fin da Restauración e a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
O Golpe de Estado de 1923
(Conclusión) Finalmente, sería o propio exército o que remataría por “enterrar” definitivamente o sistema da Restauración. Despois de case 50 anos de estabilidade constitucional e política no noso país, o cúmulo de problemas anteriormente mencionados facían imposible a súa prolongación. Ante a negativa das institucións máis conservadoras (Coroa e Exército), e da oligarquía política e económica a introducir reformas democráticas no sistema (por medo a perder os seus privilexios ou a unha «revolución dende abaixo»), a opción escollida no seu lugar foi un golpe militar da man do xeneral Primo de Rivera, que instauraría a primeira das dúas ditaduras militares que sufriu España no s. XX.
A ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera (1923-1930), supuxo o fin do sistema da Restauración. Dentro daquela podemos diferenciar dúas etapas:
- O Directorio Militar (1923-25): Período no que o ditador tentou facer fronte aos problemas sociais e militares que xustificaran o golpe de Estado (Documento 1), como a cuestión da orde pública, a unidade da patria fronte ás ameazas das reivindicacións dos nacionalismos periféricos ou a guerra de Marrocos.
- O Directorio Civil (1925-30): Que pretendía institucionalizar o réxime estimulado polos relativos éxitos iniciais, amosando un maior interese polas cuestións de tipo económico e social (Documento 2).
Xustificacións e Ideario da Ditadura
O Documento 1 sérvenos para comentar as xustificacións dadas para o golpe militar. A progresiva crise do chamado sistema da Restauración, acentuada polas investigacións sobre o Desastre do Annual e as súas responsables, propiciou o golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera en setembro do 23, contando co apoio do propio monarca, Afonso XIII.
Ante o esgotamento do sistema da Restauración e a ameaza dunha «revolución social» (nun contexto internacional de crise das democracias, medo ao comunismo bolxevique e auxe dos fascismos), Primo de Rivera presentouse como a solución de forza (con tintes rexeneracionistas). O considerado «cirurxán de ferro» prometía acabar con problemas como «a vella política, o separatismo, o terrorismo ou a guerra de Marrocos», abortando unha posible saída democrática da crise (rexeitada pola oligarquía e a propia Coroa). O respaldo do rei ao golpe de Estado remataría por afundir o futuro político de Afonso XIII.
Tralo golpe de Estado, o sistema constitucional quedou en suspenso, militarizouse a orde pública e reprimiuse aos esquerdistas, nun ambiente de aceptación ou indiferenza por parte da maioría da poboación, xa que a medida de forza so contaba coa simpatía do exército, dos monárquicos e da oligarquía económica.
O ideario do ditador resumíase no lema “Patria, Relixión e Monarquía” (unha mestura de catolicismo social, rexeneracionismo e reformismo, loita contra o comunismo e o separatismo), establecendo un réxime populista, autoritario e paternalista, á vez que defendía unha política económica protecionista e de intervencionismo estatal (en parte, influenciada polo fascismo de Mussolini).
Balance do Directorio Militar e Civil
O Directorio militar centrouse en restablecer a orde pública, reprimir os nacionalismos periféricos e as reivindicacións obreiras, pero o seu maior éxito foi a pacificación de Marrocos tralo Desembarco de Alhucemas en 1925. Isto animou ao ditador a deixar o seu obxectivo inicial dun goberno provisional, dando paso ao Directorio Civil (Documento 2).
Os obxectivos do novo goberno ditatorial eran institucionalizar o réxime e potenciar o desenvolvemento económico. Para o primeiro obxectivo, creouse un pseudoparlamento (Asemblea Nacional), impulsouse un partido único e estatal (Unión Patriótica) e presentouse un anteproxecto de Constitución (rexeitado incluso polas forzas conservadoras).
En canto á política económica da ditadura, Primo de Rivera adoutou diferentes medidas como a creación da Organización Corporativa do Traballo (englobando a patróns e obreiros, segundo o modelo do corporativismo autoritario), unha ampla lexislación laboral e social (atraendo, incluso, a parte dos socialistas) e o potenciamento da economía nacional (intervencionismo estatal, fortalecemento do proteccionismo, regulamentación da produción e da competencia, fomento da produción industrial, construción de obras públicas, establecemento de monopolios, etc).
A Política Económica e o Documento 2
Precisamente, o Documento 2 é unha táboa explicativa acerca da potenciación durante a Dictadura da producción enerxética e de infraestruturas (a construcción ou mellora das vías de comunicación, como liñas ferroviarias e estradas). Por unha banda, o Directorio Civil centrouse no fomento da producción industrial mediante medidas crediticias e encargos estatais. No caso concreto da producción enerxética e na extracción de minerais enerxéticos, vemos que a producción carbonífera aumentou por riba do 50%, mentres que a produción de enerxía eléctrica duplicouse amplamente ata o final do réxime ditatorial (construíronse numerosos pantanos dentro dunha ambiciosa política hidráulica). Neste sentido si cabe falar de importantes avances a nivel industrial, aproveitando a coxuntura internacional de crecemento xeral dos anos de entreguerras e antes da crise do 29.
O balance foi diverso e contraditorio: a economía española creceu en gran medida polo contexto internacional previo a 1929, a represión do mundo obreiro e o financiamento estatal. O lado negativo foi o incremento do déficit público, a pouca competitividade da economía nacional, a ausencia de reformas estruturais e o desigual reparto dos beneficios obtidos durante esa etapa.
Caída da Ditadura e Balance Final
Finalmente, debemos referirnos (baseándonos no Documento 3) á caída da Ditadura e ao balance final da mesma.
Ao longo da ditadura aumentaran as críticas ao réxime. Políticos liberais, intelectuais (Blasco Ibáñez, Ortega y Gasset, Unamuno), estudiantes, nacionalistas, republicanos, socialistas, anarquistas e incluso militares foron formando unha ampla oposición que progresivamente converxeron nos desexos de lograr a desaparición da Ditadura e, incluso, tamén da Monarquía. O panorama empeorou cos primeiros síntomas do crack do 29, e ante a falta de apoios (incluso por parte do monarca), Primo de Rivera demitiu en xaneiro de 1930. Afonso XIII encargaríalle sucesivamente ao xeneral Berenguer e ao almirante Aznar unha difícil transición cara ao constitucionalismo parlamentario, proxecto fracasado coa proclamación da II República en abril do 31.
O balance tras 7 anos de autoritarismo foi frustrante segundo Osorio: estaban en crise as institucións básicas (Xustiza, Forzas Armadas, Universidade, Facenda); non se resolveran problemas como caciquismo, o terrorismo anarquista ou os nacionalismos periféricos. Ademais, a colaboración entre a ditadura e a monarquía concienciaran a parte da poboación do momento a apoiar un réxime republicano para conseguir un sistema autenticamente democrático para España.
A II República Española: O Bienio Reformista (1931-1933)
A II República española (1931-36) foi un breve pero intenso período político da nosa historia contemporánea. Proclamada en abril de 1931 trala vitoria republicana nas eleccións locais, abriu paso á primeira experiencia plenamente democrática do noso país.
A República naceu nun difícil contexto internacional (crise económica de 1929, debilidade das democracias parlamentarias, auxe do fascismo e medo ao comunismo). Tivo o apoio das forzas republicanas e obreiras moderadas, pero tamén tivo que enfrontarse á desconfianza das forzas conservadoras (Igrexa, oligarquía económica e gran parte do exército), así como ao rexeitamento da esquerda máis radical (anarquistas e comunistas).
Os cinco anos de vida do réxime divídense en 3 fases, resultado das 3 convocatorias electorais correspondentes: tralo Goberno Provisional, chegarían ao poder os republicanos de esquerdas e o PSOE (Bienio Reformista, 1931-33, contexto histórico ao que se corresponden os presentes documentos); a dereita e o centro (CEDA e Partido Radical), gobernarían no Bienio Conservador ata finais de 1935); finalmente, as esquerdas recuperarían o poder coa vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936, período truncado dramáticamente polo estoupido da Guerra Civil en xullo do mesmo ano.
Os documentos presentes, polo tanto, están contextualizados no primeiro dos períodos mencionados: o Bienio Reformista (tamén chamado Republicano–Socialista ou Azañista). O obxectivo principal do goberno de Manuel Azaña (republicano democrático e de esquerdas) era modernizar o país e solucionar os vellos problemas que arrastrara España e non arranxara a monarquía borbónica (relacións Igrexa-Estado, papel do exército, a mellora do ensino, o problema rexional, o problema agrario…). Algunhas medidas xa foran aprobadas durante os meses do Goberno Provisional (abril-xullo do 31).
Reforma do Exército
O Documento 1 fai referencia a unha das principais preocupacións do goberno republicano: a estreita e histórica relación entre o exército e a monarquía e a tendencia daquel a intervir na vida política do país. Como primeira medida urxente, obrigouse a mandos e oficiais a xurar fidelidade á República. Azaña, Ministro de Guerra do Goberno Provisional, emprendeu a finais de abril a reforma das forzas armadas («Lei Azaña»), ofrecendo a tódolos oficiais o pase á reserva sen diminución do seu soldo (mediante un decreto de retiros voluntarios, Documento 2). Os obxectivos eran tanto políticos (subordinar o poder militar ao civil), como tácticos, xa que había que reducir o número excesivo de oficiais para aumentar a eficacia do Exército. Ademais, derrogouse a Lei de Xurisdicións de 1906, reduciuse o número de divisións á metade, e pechouse a Academia Xeral de Zaragoza (símbolo da monarquía alfonsina e dirixida naqueles momentos polo xeneral Franco).
En xeral, houbo unha redución dos rangos e regulouse o sistema de ascensos, pero non se logrou a necesaria modernización do exército (problemas orzamentarios), nin diminuíu o gasto militar e, aínda que impecable nos seus aspectos básicos a «Lei Azaña», foi mal recibida por determinados sectores do exército, que comezaron a afastarse do réxime republicano.
A Reforma Educativa
O Documento 2 fai referencia a outra das grandes preocupacións do Bienio Reformista: elevar o nivel educativo e cultural dos cidadáns, reducir a elevada taxa de analfabetismo do país e poñer en marcha un sistema público, obrigatorio, laico, mixto e gratuíto de ensino (tal como se recollía xa na propia Constitución do 31).
Levada a cabo polo Ministro de Educación Marcelino Domingo, a reforma educativa consistiu en:
- As autoridades republicanas desenvolveron un ambicioso proxecto de escolarización (centrado sobre todo no ensino primario) que pretendía a construcción de numerosas escolas e a mellora da formación dos mestres. A pesar das carencias orzamentarias e doutros problemas, os resultados foron considerables: creación de 10.000 novos colexios e 7.000 prazas de mestres, elevando tamén os salarios dos docentes.
- Incremento do orzamento de educación nun 50%.
- Os Institutos de Bacharelato duplicáronse.
- Mediante distintas leis, o goberno reformista eliminou e prohibiu ás institucións relixiosas adicarse ao ensino, establecendo o carácter voluntario do ensino da relixión católica (iniciativas que tensarían aínda máis as relacións Igrexa-Estado), pero non houbo tempo nin recursos económicos para poder eliminar totalmente o ensino relixioso.
Por outra banda, como refire o Documento 2, houbo un grande interese por promover o desenvolvemento cultural da poboación, sobre todo entre os sectores sociais con menores ingresos, levou a crear as chamadas Misións Pedagóxicas, encamiñadas a difundir a cultura nas zonas rurais (bibliotecas ambulantes, cine, conferencias, exposicións, concertos, teatro, etc). Destacou, por exemplo, a experiencia do grupo teatral ambulante “La Barraca”, dirixido por García Lorca.
Como balance, por unha banda, reduciuse o analfabetismo, aumentou o número de alumnos, mellorou a calidade do ensino, desenvolveuse a educación de adultos e creáronse novos centros de investigación científica e cultural e recoñeceuse o emprego das linguas de España como medio de instrumento e medio de ensino. Pero por outra banda, a reforma educativa contou coa forte oposición da Igrexa e das dereitas, incitando á poboación a non matricular aos seus fillos na escola pública e a pechar os colexios relixiosos, aumentando as tensións co réxime republicano.
A Reforma Agraria
O Documento 3 está relacionada coa máis ambiciosa das reformas azañistas: a Reforma Agraria, na idea de que so unha profunda e urxente transformación do campo podía acabar co atraso económico de España, polo que foi o proxecto económico e social de maior magnitude do Bienio Reformista.
España nos anos 30 continuaba sendo un país eminentemente agrario e o sector agrícola era o máis importante da economía nacional. O campesiñado representaba case ao 50% da poboación activa, sendo a maioría xornaleiros, moitos deles nunha situación dramática de miseria e paro, o que ocasionaba unha conflictividade case cíclica plasmada en ocupacións ilegais de fincas e estoupidos de violencia social. O noso país era un dos últimos de Europa en realizar unha reforma agraria, e os obxectivos eran tanto corrixir as grandes desigualdades sociais como combater o atraso agrario.
Fundamentalmente tratábase de converter en propietarios a milleiros de campesiños (redistribuíndo a propiedade da terra expropiando latifundios para asentar neles aos xornaleiros), diminuír o paro agrario, aumentar a capacidade de consumo do campesiñado e mellorando a produtividade agraria.