A Segunda República e a Guerra Civil Española: Un Legado Histórico
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en español con un tamaño de 16,44 KB
A Segunda República (1931-1936)
O 12 de abril de 1931 celébranse eleccións municipais, enfocadas polos republicanos como un plebiscito sobre a monarquía, moi desprestixiada. A coalición republicano-socialista (Pacto de San Sebastián, 1930) vence nas capitais de provincia e nas rexións industriais. O resultado amosa o rexeitamento da Monarquía e o desexo popular de cambio político.
Os cidadáns saen á rúa para pedir a proclamación da República. O rei Alfonso XIII exíliase en Francia. O 14 de abril de 1931 proclámase a II República, con grande entusiasmo popular.
O Goberno Provisional
Fórmase entón un Goberno Provisional presidido por Niceto Alcalá Zamora e integrado por republicanos de esquerda e dereita, socialistas e nacionalistas. O goberno debía dirixir o país ata que unhas novas Cortes Constituíntes deran forma ao novo réxime. O novo goberno adopta as primeiras medidas reformadoras coa finalidade de modernizar, alfabetizar, democratizar, descentralizar e potenciar a laicidade: amnistía, xornada laboral de 8 h., Estatuto Provisional de Autonomía Catalán, liberdade para as organizacións obreiras...
Os enfrontamentos entre a Igrexa e o novo goberno resultan inmediatos. A xerarquía eclesiástica e a opinión pública católica distáncianse dende o primeiro momento do novo réxime republicano. En maio de 1931, igrexas e conventos son asaltados e incendiados pola esquerda anticlerical.
En xuño de 1931, teñen lugar eleccións a Cortes Constituíntes, cunha vitoria contundente da coalición republicano-socialista (na que destacan PSOE e Acción Republicana de Manuel Azaña). A nova Constitución, aprobada en decembro de 1931, reflicte os principios básicos da nova República (democracia, laicismo, xustiza social, feminismo e pacifismo):
- Soberanía popular. O novo Estado español declárase unha "República democrática de traballadores de toda clase".
- Sufraxio universal masculino e feminino (tras vivos debates entre a socialista Victoria Kent e a liberal Clara Campoamor).
- Declaración de dereitos e liberdades, como o dereito á educación.
- Poderes do Estado: O poder lexislativo queda en mans das Cortes unicamerais. O poder executivo fica representado polo Presidente da República, con escasos poderes, e o Xefe de Goberno, nomeado polo Presidente, coa aprobación das Cortes. O poder xudicial ponse en mans de tribunais de xustiza independentes.
- Establece o dereito das rexións a aprobar Estatutos de Autonomía mantendo a unidade do Estado.
- Cuestión relixiosa: Estado laico. Separación entre Igrexa e Estado, prohibición de exercer o ensino, liberdade de consciencia e cultos. Disolución dos Xesuítas. Matrimonio civil e divorcio.
Bienio Reformista, Azañista ou Republicano-Socialista (1931-1933)
Tras aprobar a Constitución, fórmase un goberno presidido por Manuel Azaña e composto por republicanos de esquerdas e socialistas. En decembro, Niceto Alcalá Zamora é elixido Presidente da República.
O goberno republicano-socialista emprende un ambicioso programa de reformas nun contexto económico desfavorable, marcado polo ascenso do paro. As principais medidas son:
- Reforma laboral: iniciada dende o Ministerio de Traballo polo socialista Largo Caballero, melloraba a situación de traballadores e sindicatos.
- Reforma educativa: construción de escolas e contratación de mestres. Ensino mixto. O catolicismo deixa de ser materia obrigatoria, o que agudiza o enfrontamento coa Igrexa. Misións Pedagóxicas.
- Reforma militar: para garantir a lealdade do Exército á República, esíxese o xuramento de fidelidade aos mandos a cambio dun retiro voluntario con paga completa; redúcese o nº de oficiais.
- Reforma agraria: apróbase en 1932 a Lei de Bases da Reforma Agraria, que permite expropiar os latifundios incultos e repartilos entre os campesiños sen terras. Instituto de Reforma Agraria (IRA).
A oposición ao goberno
Na oposición conservadora destaca o Partido Radical de Alejandro Lerroux, grupo de centro-dereita que lidera nesta etapa a oposición no parlamento. Outros grupos conservadores agruparanse na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), con José Mª Gil Robles á cabeza.
Así mesmo, xorde un novo grupo de carácter fascista inspirado por Mussolini, a Falange Española (FE), dirixido por José Antonio Primo de Rivera, fillo do ditador. Os monárquicos alfonsinos (José Calvo Sotelo) e mais os carlistas fan tamén parte da oposición.
A oposición obreira pon en xaque ao novo goberno. A Confederación Nacional do Traballo (CNT), con máis dun millón de afiliados, practica a “ximnasia revolucionaria” da Federación Anarquista Ibérica (FAI), facción radical libertaria. E un minoritario Partido Comunista de España (PCE) segue a liña marcada por Stalin.
O debate en Cortes do Estatuto de Cataluña e da Lei de Reforma Agraria leva a unha dura oposición das forzas da dereita. O Xeneral Sanjurjo tenta neste contexto un golpe de estado militar en Sevilla (agosto de 1932). A "Sanjurjada" fracasa, o que favorece a aprobación daquelas medidas.
Pero é o escándalo causado pola represión levada a cabo en Casas Viejas (Cádiz) contra o levantamento de campesiños anarquistas o que fai entrar en crise ao goberno. Ante a crise, Manuel Azaña presenta a súa dimisión como xefe do mesmo, e o Presidente da República, Alcalá Zamora, disolve as Cortes e convoca novas eleccións para novembro de 1933.
Bienio Negro, Conservador ou Radical-Cedista (1933-1936)
Para estas eleccións, nas que por vez primeira votan as mulleres, a dereita xa se acha reorganizada. A Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), dirixida por Gil Robles, é agora o grupo maioritario, apoiado pola Igrexa Católica. O Partido Radical segue dirixido por Alejandro Lerroux. Renovación Española, de Calvo Sotelo, agrupa os monárquicos. Falange Española, a versión española do fascismo, dirixida por José Antonio Primo de Rivera, gaña terreo.
Os partidos de esquerdas acoden moi fragmentados (Esquerda Republicana, PSOE, PC...). E os anarquistas da CNT/FAI chaman á abstención.
Os grupos conservadores vencen nas eleccións de 1933, sendo escollido presidente do goberno o líder do PR, Alejandro Lerroux, co apoio da CEDA. O novo goberno desfai todas as reformas do bienio anterior e achégase ao Vaticano. Este contrarreformismo provoca a radicalización dos partidos de esquerdas.
Revoltas de 1934
A actividade das organizacións obreiras aumenta ademais co avance do fascismo en Europa. En 1934, prodúcese un movemento revolucionario iniciado pola UGT contra a entrada no goberno de tres ministros da agora filofascista CEDA. En Asturias, a revolución social na cunca mineira (Revolución de Asturias) é esmagada polas tropas de Marrocos dirixidas polo xeneral Francisco Franco, causando un millar de mortos e o cárcere para miles de obreiros.
Neste mesmo ano, en Cataluña, o seu presidente, Lluís Companys, encabeza unha insurrección que proclama o Estado catalán dentro da República española. Como represalia, disólvese a Generalitat, aprésase o seu presidente, xunto a outros líderes políticos, e suspéndese o Estatuto de Autonomía.
As discrepancias entre Partido Radical e CEDA e o escándalo do estraperlo (un caso de corrupción no partido de Lerroux) conducen finalmente á convocatoria de novas eleccións en febreiro de 1936.
As forzas de esquerda forman entón a Fronte Popular, unha coalición electoral antifascista composta polos principais partidos de esquerda. No seu programa defenden recuperar as reformas do bienio republicano. As forzas de dereitas están representadas polo Bloque Nacional (con Calvo Sotelo), a CEDA e Falange Española.
A Fronte Popular (1936)
As eleccións son gañadas pola Fronte Popular. A vitoria débese en boa medida ao apoio da CNT. Ao contrario que en 1933, os anarquistas (ideoloxicamente antielectoralistas) non chaman á abstención, senón que piden o voto para a FP (promesa de amnistía). En 1937, xa en guerra, a anarquista Federica Montseny será ministra do goberno republicano, a primeira muller con este cargo na historia de España.
Azaña é nomeado Presidente da República. Como presidente do goberno escóllese ao coruñés Santiago Casares Quiroga. Recupéranse as reformas canceladas durante o bienio conservador. Ademais, reanímase o proceso autonómico en Galicia e País Vasco.
As tensións entre forzas de dereitas e esquerdas crean un clima de violencia social que estoupa co asasinato de Calvo Sotelo, en represalia polo do tenente Castillo, militante socialista. Doutra banda, oficiais do exército e forzas das dereitas preparan un levantamento contra o goberno da FP, un golpe que se executa o 17 de xullo de 1936 en Melilla e o 18 de xullo na Península.
O golpe de estado militar fracasa e dá lugar a unha cruenta Guerra Civil que remata coa vitoria dos sublevados en 1939.
A Guerra Civil Española (1936-1939)
O golpe, bendicido pola Igrexa como Santa Cruzada, é apoiado por unha parte do exército, por grandes empresarios e latifundistas, por conservadores, alfonsinos, carlistas e falanxistas.
O golpe divide España en dúas zonas: a zona nacional, na que triunfan os sublevados (Canarias, Galicia, Castela-León, Navarra, Mallorca...), e a zona leal á República (Madrid, Barcelona, Castela-A Mancha, costa mediterránea e cornixa cantábrica).
En abril de 1937, Franco decreta a unificación de todas as forzas golpistas en "Falange Española Tradicionalista de las JONS", con predominio de Falange. Plenamente sometido ao Caudillo, este partido único dará un ton fascista ao réxime franquista.
No bando republicano, o golpe debilita a autoridade do goberno. Pola súa banda, organizacións obreiras como a CNT principian unha revolución coa expropiación e colectivización de fábricas e campos. Ao tempo, organízanse milicias populares para defender a República, indisciplinadas e pouco coordinadas. Meses despois, as milicias unifícanse no Exército Popular da República.
A intervención estranxeira na Guerra de España
Dáse unha inmediata e crucial axuda militar da Italia fascista e da Alemaña nazi ao bando nacional. Polo contrario, o lexítimo goberno republicano ten dificultades para conseguir armamento, contando unicamente coa descontinua axuda soviética e cos soldados integrados nas Brigadas Internacionais, voluntarios antifascistas procedentes de distintos países. E é que moitos estados europeos asinan un acordo de "non intervención" proposto por Gran Bretaña e Francia, que illa á República.
Evolución da Guerra
As batallas en torno a Madrid
A toma da capital é o principal obxectivo dos sublevados. A ofensiva de Franco ocupa o outono e o inverno de 1936. Pero fracasa, grazas, en parte, á participación das BBII e de tanques e avións soviéticos. Os republicanos vencen tamén nas batallas do Jarama e de Guadalajara, en febreiro e marzo de 1937, respectivamente.
A Fronte Norte
Despois do fracaso en Madrid, as tropas de Franco diríxense á fronte norte para conquistar as zonas industriais do Cantábrico. O 26 de abril de 1937 ten lugar o bombardeo de Guernica por parte da aviación alemá (Lexión Cóndor), ataque de repercusión mundial que precede á toma franquista de Euskadi. Entre agosto e outubro de 1937 Franco toma tamén Santander e Asturias, malia as contraofensivas republicanas nas batallas de Brunete e Belchite (Madrid e Zaragoza). A caída do norte é un gran golpe para a República. Agora, Franco, tendo baixo o seu control os recursos industriais e mineiros, céntrase na fronte leste.
O final da guerra
A finais de 1937, Franco traslada as tropas ao leste, toma Teruel e continúa avanzando cara ao Mediterráneo, onde consegue illar o territorio catalán do resto da zona republicana. Entón, o Exército Republicano e as BBII cruzan o Ebro e atacan ao Exército Franquista pola retagarda. A Batalla do Ebro suporá a case total destrución do Exército da República.
A derrota da República prodúcese entre o outono de 1938 e a primavera de 1939. En xaneiro de 1939, os franquistas ocupan Barcelona, e en marzo toman Madrid. Franco anuncia a súa vitoria o 1 de abril de 1939, data que a ditadura franquista celebrará como “Día de la Victoria”.
Fame e Represión
O abastecemento de comida para a poboación é un grave problema nos anos de guerra, maiormente na Zona Republicana, xa que os nacionais dominan importantes territorios agrícolas (Galicia). Isto obriga a establecer en moitos lugares o racionamento de alimentos (cantidades por persoa e día fixadas polas autoridades).
A persecución de simpatizantes do bando contrario vívese nas dúas zonas (paseos e sacas). Na Zona Republicana, xorden tribunais populares fóra da lei e cométense asasinatos por parte de grupos armados de organizacións revolucionarias. Agora ben, non hai ningunha responsabilidade do goberno republicano na represión.
Na Zona Sublevada, os consellos de guerra militares castigan como rebelión militar (pena de morte) a resistencia ao “Glorioso Alzamiento” e os falanxistas perpetran centos de execucións. Existe unha plena responsabilidade nesta represión dos xenerais golpistas. Eles buscan crear unha “atmosfera de terror” e emprenden unha política de eliminación do adversario en colaboración co partido fascista.
A Guerra Civil provoca máis de medio millón de mortes e a destrución de importantes infraestruturas.