Os Séculos Escuros: Marxinación e Resistencia da Lingua Galega

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 16,33 KB

1.1. Concepto

Na historia da lingua e da literatura galegas, recibe o nome específico de Séculos Escuros un período que abrangue desde finais do século XV ata o século XVIII e que se caracteriza por dous fenómenos: a marxinación e desprestixio da lingua galega, a raíz da imposición do castelán na nosa sociedade, e, como consecuencia, a inexistencia case total de literatura culta escrita na nosa lingua. Ambos os fenómenos insírense nun proceso de marcada marxinación política do noutrora poderoso Reino de Galiza cuxas consecuencias chegan ata os nosos días.

1.3. Imaxe de Galiza e dos galegos durante os Séculos Escuros

Como consecuencia da dominación e marxinación política, do fenómeno masivo da emigración andoriña e da pobreza en que vivían amplas capas da poboación galega, nacerá no resto da Península unha imaxe do galego como un pobo mísero e inculto, así como unha visión da Galiza como terra inhóspita e fea. Esta consideración despectiva está abondosamente representada tanto no refraneiro como na literatura castelá do Renacemento e Barroco, da man de autores como Tirso de Molina, Lope de Vega, Quevedo, Góngora...

Existiron poucos textos que rebatisen tantos insultos e menosprezos.

Entre estes destaca a obra El búho gallego (1620), atribuída ao VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. A citada obra é unha alegoría política na que o moucho, que simboliza a Galiza, denuncia a inxustiza con que era tratado.

1.4. Situación sociolingüística

A partir do reinado de Isabel a Católica e durante os Séculos Escuros rompeuse a homoxeneidade lingüística que existira na sociedade galega na época medieval. A imposición paulatina do castelán transcorreu en paralelo á marxinación do galego. Antonio de Nebrija describiu a política lingüística impositiva que seguiu Castela no prólogo da súa Gramática castellana (1492) afirmando que a lingua era compañera del imperio e os vencedores impoñían as leis e a lingua aos vencidos.

a) Caracterización da situación sociolingüística

Nos Séculos Escuros instáurase unha situación diglósica cunha lingua A, o castelán, ignorada por boa parte da poboación pero usada polas elites e rodeada de prestixio, e unha lingua B, o galego, coñecida e usada oralmente pola inmensa maioría, pero excluída da escrita e dos ámbitos formais e, por iso, cada vez máis desprestixiada. Os trazos máis destacados desta situación son:

  • A nosa lingua ficou reducida a un uso exclusivamente oral e coloquial, aínda que a inmensa maioría da poboación seguise a ser monolingüe en galego (arredor do 95%).
  • O emprego escrito do galego desapareceu por completo en numerosos ámbitos (gremios, notarías, confrarías, mosteiros, cabidos etc.) e nas esferas oficiais (escolas, concellos, xulgados, exército, universidade...) na práctica ficou proscrito.
  • As autoridades eclesiásticas impuxeron o emprego do castelán. Cando, en 1562, o Concilio de Trento obrigou a que os sermóns fosen en lingua vernácula (dentro da celebración da misa que era en latín), as cinco dioceses galegas excluiron o galego.
  • A imposición do castelán en Galiza avanzará, porén, a ritmo moi lento. Repercutirá case exclusivamente no ámbito urbano e nas capas altas da sociedade (nobreza, xerarquía eclesiástica e militar, alto funcionariado). O carácter estamental da sociedade provocaba un contacto limitado ou nulo da maioría da poboación co castelán, polo que foron necesarios intérpretes ata o século XVIII nas interaccións entre o funcionariado e os paisanos.

b) Consecuencia dunha variación da lingua galega

  • A carencia dunha lingua estándar. Desde o Renacemento, as principais linguas románicas foron fixando a súa norma culta a través de gramáticas, dicionarios e a extensión do uso literario.

O galego só comezaría a ser estudado no século XVIII e a fixarse normativamente a partir da segunda metade do século XIX.

  • A diversificación xeográfica. Ao non haber unha variedade estándar, a lingua oral evolucionou espontaneamente dando lugar a unha gran variedade dialectal que foi interpretada como un defecto máis do galego.
  • A ruralización e castelanización do léxico. O vocabulario galego quedou circunscrito a áreas da vida social vinculada ás actividades e ao medio agrario-mariñeiro-artesanal e non puido beneficiarse da incorporación de cultismos que impulsou o Humanismo renacentista. A presión do castelán provocou ademais interferencias, sobre todo, no plano léxico. Ese galego deturpado recibirá a denominación coloquial de "castrapo".
  • A castelanización da onomástica —antropónimos e topónimos— fomentouse desde as instancias oficiais coa intención de que desaparecesen os nomes galegos orixinarios.
  • A consideración do galego como un dialecto, catalogado ademais erroneamente como dexeneración do castelán ou como mestura de castelán e portugués.
  • A aparición do sentimento de autoodio e a interiorización do complexo de inferioridade levou a que o galego pasase a ser sentido por moitos dos seus propios falantes como un estigma social.

c) Diverxencia entre o galego e o portugués

En paralelo ao proceso diglósico, neste período consolídanse algunhas das evolucións, nomeadamente fonéticas, que afastan as falas galegas das portuguesas. Aquén Miño verifícanse fenómenos como a consolidación do n velar; a aparición da gheada en boa parte do territorio; a perda das vogais nasais (agás na zona ancaresa); a redución do sistema de sibilantes (agás na Limia Baixa); a aparición do fonema interdental xordo (agás nas zonas de seseo); a consolidación da distinción pronominal entre te e che (agás en zonas teístas e cheístas).

  • Das formas acabadas en -ín na primeira persoa dos pretéritos nos verbos regulares da 2ª e 3ª conxugación (comín, partín), etc. Mentres que alén Miño teñen lugar, por exemplo, a consolidación da oposición fonética entre o bilabial oclusivo /b/ e o labiodental fricativo /v/ e a confluencia das terminacións latinas -ANU, -ANE e -ONE en -ão (irmão, cão, leão).

2.2. Situación sociolingüística no século XVIII

Durante o século XVIII vaise producir un maior retroceso na situación da nosa lingua que se plasmará nos seguintes aspectos:

  1. O Estado borbónico ten como obxectivo a homoxeneización cultural e lingüística dos diversos territorios peninsulares. A imposición do castelán levarase a cabo por medio da lexislación, do aparello administrativo, militar, xudicial e eclesiástico, da creación da Real Academia de la Lengua e do adoutrinamento na institución escolar.
  2. Refórzase a extensión social do castelán en Galiza dentro dun panorama claramente diglósico. Comezou a arraigar o seu uso en sectores da fidalguía e das clases medias urbanas que ata entón viñeran mantendo unha certa fidelidade ao galego. Con todo, esa extensión do castelán é moi reducida: non afecta a máis dun 15% da poboación.
  3. O emprego dun ou doutro idioma constitúese sinal de status sociocultural. Na mentalidade dominante refórzanse os prexuízos lingüísticos que, no fundamental, perduran ata hoxe nunha parte da poboación, identificando castelán con cidade, clase alta, riqueza, cultura, progreso..., mentres que galego asimílase a aldea, clase baixa, pobreza, incultura, atraso...

2.3. Os Ilustrados: o renacer da conciencia galega

O século XVIII é o da aparición da Ilustración, que supón o triunfo dunha "nova razón crítica" (Racionalismo), o desenvolvemento científico-técnico e mais a recuperación dos canons estéticos clásicos greco-latinos (Neoclasicismo). En Galiza, aparecen sucesivas xeracións de intelectuais que crean institucións como a Academia de Agricultura (A Coruña, 1765), a Sociedad Económica de Amigos del País (Santiago, 1784 e Lugo, 1785) e o Real Consulado del Mar (A Coruña, 1785) coa finalidade de achegar solucións aos problemas culturais, educativos, económicos e sociais.

Nas súas obras, feitas con afán enciclopédico, crítico e reformista, os ilustrados manifestaron preocupación polo estado de prostración de Galiza e trataron temas como a mellora da agricultura; o fomento da industria e do comercio; a reforma dos métodos pedagóxicos; a defensa da igualdade entre xéneros; a condena da tortura, da guerra e da pena de morte etc.

Ademais deitaron atención sobre a situación da lingua galega, doéndose da súa marxinación e falta de cultivo escrito, combatendo prexuízos e acometendo os primeiros estudos científicos sobre as súas orixes e características. Destacan, neste sentido, tres frades beneditinos:

Frei Benito Xerónimo Feixóo (1676-1764)

Escribiu unha serie de ensaios baixo o título de Teatro Crítico Universal (1726-1729), considerados como a obra cume da Ilustración en castelán. Defendeu a idea da igualdade entre homes e mulleres, expuxo as vantaxes da lectura, repudiou a tortura e denunciou a rapina castelá na conquista de América. A respecto do galego, deixou demostrado no discurso XIV do Tomo I do Teatro Crítico que procedía do latín, que non era dialecto do castelán e que, ademais, formaba unidade co portugués.

Frei Martiño Sarmiento (1695-1772)

É un dos pais da Filoloxía románica en xeral e da Filoloxía galega en particular. Ademais de ser autor de numerosos estudos sobre a nosa lingua (léxico, etimoloxías, fraseoloxía, literatura popular...), foi un dos primeiros autores que reflexionaron e comprenderon o proceso histórico que conducira á imposición do castelán en Galiza e á marxinación do galego. O seu afán reivindicativo resumiuno así: "promover en Galicia la lengua gallega que actualmente se habla y no se escribe". O seu Coloquio de 24 Gallegos Rústicos é avaliado hoxe como o principal precedente literario do Rexurdimento.

Sarmiento descubriu e criticou algunhas das manifestacións máis importantes e claras do que chamamos "complexo de autoodio". Foi tamén dos primeiros en dar noticia do pasado do galego como lingua de uso escrito e propuxo, aínda que sen éxito, introducilo como mínimo en dous ámbitos formais e prestixiosos: a escola e a Igrexa.

O Padre Sobreira (Xoán Sobreira Salgado, 1746-1805)

Foi un monxe beneditino que, ademais de compoñer diversos textos sobre xeografía e botánica de Galiza, traballou no proxecto de elaboración dun dicionario. Sobreira foi dos primeiros en sinalar a existencia da modalidade lingüística que coñecemos hoxe como "castrapo".

A Literatura Oral e Popular Galega

A literatura oral popular defínese como un conxunto de xéneros moi variados de arte verbal creados, gozados, difundidos e conservados polo pobo. Presenta as seguintes características:

  • É unha literatura de execución e transmisión oral, cantada ou contada de xeración en xeración e conservada, en principio, só a través da memoria.
  • Presenta gran variabilidade na forma: un mesmo texto posúe frecuentemente varias versións.
  • É anónima.
  • Ten sempre unha funcionalidade concreta, aceptada socialmente: divertir, ensinar, establecer lazos de unión entre membros dun grupo, ridiculizar defectos, facer máis levadeiro o traballo, galantear, criticar etc.
  • Preséntase acompañada en moitas ocasións dunha melodía, no caso da poesía, e de elementos parateatrais, no caso da prosa.

Podemos dividir o conxunto da literatura popular en dous grandes conxuntos, o Cancioneiro popular e a Narrativa oral.

1.1. O Cancioneiro popular

Está composto por unha enorme variedade de xéneros: alalás, aninovos, desafíos, enchoiadas, regueifas, endechas fúnebres, ensalmos curativos, romances, esconxuros, cantigas de maio, cantigas de berce ou arrolo, panxoliñas, parrafeos, cantigas de Reis, cantigas de seitura, coplas satíricas etc. Todos estes tipos de cantigas populares utilizan un léxico corrente e unha sintaxe sinxela, van acompañados normalmente de música e préstanse en moitas ocasións para o baile.

Os asuntos máis frecuentes son os sentimentos persoais (amor, soidade, nostalxia...), o trato social (burla, diversión, galanteo, disputa...), a vida familiar (casamento, fillos, nais, sogras, maridos...), as festas, o traballo, o medio natural e a devoción relixiosa. As estrofas son breves e están cheas de recursos mnemotécnicos (para axudar a memorizar): repeticións, antíteses, paralelismos etc. As máis utilizadas son:

  • A copla ou cantiga (catro versos de rima asonante alterna nos versos pares, xeralmente octosílabos ou hexasílabos);
  • O terceto de octosílabos, con rima asonante no primeiro e no terceiro verso;
  • A muiñeira de hendecasílabos con acentos na 1ª, 4ª, 7ª e 10ª sílabas ("de gaita galega").

1.2. A Narrativa oral

Está composta por contos e lendas, ademais de refráns e adiviñas. As lendas adoitan dividirse en tres grandes grupos: etiolóxicas (narran a orixe ou causa dun feito, dun nome de lugar etc.), haxiográficas (referidas a feitos ou figuras relixiosas) e históricas. Os contos, pola súa vez, poden ser: marabillosos (personaxes fantásticos con poderes sobrenaturais: animais que falan, castelos encantados etc.), exemplares (aqueles que teñen unha función didáctica ou moral), anecdóticos e humorísticos.

Durante os séculos XVI a XVIII practicamente a única literatura galega que houbo foi a de carácter oral, popular e anónima. Ao se conservar só a través da memoria colectiva, a maior parte dela acabou por desaparecer, vítima do esquecemento. Unha pequena porción, porén, foi transcrita, recompilada e salvada por ilustrados como o Padre Sarmiento ou o Padre Sobreira e, xa no século XIX, por eruditos como Marcial Valladares, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Xoán Antonio Saco e Arce, Luís Tobío Campos, Xosé Pérez Ballesteros e o portugués Teófilo Braga. Algúns cálculos aproximativos sobre este patrimonio falan de máis de 30.000 textos en verso e uns 1.200 en prosa coñecidos actualmente, sen contar refráns, adiviñas, oracións e outras formas paraliterarias.

A pesar de ter sido historicamente pouco apreciada, encerra valores moi importantes:

  • É un tesouro estético e estilístico. Existen versos populares que acadan unha enorme calidade e beleza literaria. O repertorio de delicadas metáforas eróticas, a ironía e o fino humorismo (retranca) son destacados valores estéticos seus.
  • É un documento sociohistórico sobre unha forma de vida e unha cosmovisión que permaneceron durante séculos: festas, traballos, costumes, ritos... Atopamos a vida retratada desde a mentalidade do pobo fronte ao discurso elaborado polas clases dominantes na literatura culta, entón escrita nunha lingua que non era a do país.
  • Constitúe un documento lingüístico importantísimo, xa que recolle a lingua viva do pobo, con toda a súa riqueza dialectal e expresiva. Destaca o repertorio léxico, tanto o vocabulario como a fraseoloxía.
  • Encerra a sabedoría popular dunha sociedade que construíu unha cultura e un modo de vida propios. Atopamos un repertorio de estratexias pedagóxicas entre as que se pode destacar a función didáctica de trabalinguas, adiviñas, contos e refráns.
  • A autoría feminina de boa parte das composicións converte a literatura popular nun exemplo de construción dun discurso propio, que na literatura escrita non se produciu. Son habituais as cantigas onde as mulleres se autoafirman como colectivo polas súas calidades morais e físicas, polas súas virtudes como artistas etc. Válgan como exemplo estes versos:

    A muller galega / é moi traballadora.
    Traballa na casa / e traballa fóra.

  • Inflúe en boa medida na literatura culta desde o Rexurdimento ata os nosos días, como poñen de manifesto os Cantares Gallegos de Rosalía ou, xa no século XX, a narrativa de Fole, Cunqueiro ou Manuel Rivas.
  • E resulta, por último, un repertorio e unha fonte privilexiada de inspiración e recreación para numerosos artistas, compositores e agrupacións musicais dos nosos días.

Entradas relacionadas: