O Século XX: Revolucións, Conflitos Mundiais e o Ascenso dos Totalitarismos
Por que se produciu a Revolución Rusa?
A guerra afectou a todos os países contendentes, pero no Imperio Ruso tivo fondas consecuencias.
A comezos do século XX, o Imperio dos tsares era un inmenso territorio onde se mantiña o absolutismo monárquico. Politicamente, o tsar tiña o poder absoluto: gobernaba por decreto, sen constitución e non respondía ante un parlamento. Unha fiel burocracia e un poderoso exército aseguraban o control do imperio. A Igrexa Ortodoxa constituía un gran piar ideolóxico.
A economía e as estruturas sociais eran das máis atrasadas do continente europeo. A agricultura era a principal actividade económica e a terra estaba en mans da aristocracia privilexiada. Os campesiños estaban sometidos a un réxime case feudal cunhas condicións de vida miserables. A servidume persoal mantívose ata 1865. Nalgunhas zonas iniciárase un proceso industrial impulsado por capital estranxeiro. Alí xurdira o proletariado industrial que traballaba en grandes fábricas por salarios miserables.
En 1905 estalou unha revolta que esixía a fin da autocracia. Tivo lugar unha manifestación pacífica e o tsar respondeu co Domingo Sanguento. Os traballadores crearon uns consellos de obreiros, campesiños e soldados, denominados soviets. Ante a situación, o tsar comprometeuse a convocar eleccións por sufraxio universal ao Parlamento (a Duma) e a propiciar unha reforma agraria. Sen embargo, en poucos anos, o tsar clausurou a Duma.
En 1914, Rusia entrou na Primeira Guerra Mundial, pero non estaba preparada para unha guerra tan longa, dura e cara: exército incapacitado, sistemas de transporte ineficaces e industria de armamento insuficiente. Como os medios económicos se dedicaron á guerra, a fame apareceu e estendeuse o malestar entre as clases baixas, o que desacreditou ao tsar Nicolao II. Os que se opoñían sabían que era o momento de rematar co réxime.
A Revolución Rusa
Febreiro de 1917: Caída do tsarismo
O 23 de febreiro de 1917 produciuse unha gran manifestación en Petrogrado, seguida dunha folga xeral e de motíns nos cuarteis. O tsar abdicou e proclamouse un goberno provisional (que se comprometeu a converter Rusia nunha democracia parlamentaria). O novo goberno iniciou unha serie de reformas políticas e sociais, pero mantivo os compromisos cos seus aliados na guerra. O descontento popular aumentou, e os soviets (que pedían a retirada da guerra) empezaron a esixir a destitución do goberno. Xerouse unha dualidade de poderes entre o goberno provisional e os soviets.
Outubro de 1917: Bolxeviques ao poder
Os bolxeviques foron gañando o apoio da maioría dos soviets. Lenin (líder) propugnou as Teses de Abril (derrogar o goberno provisional e instaurar un goberno de soviets, asinar a paz con Alemaña, repartir as terras entre os campesiños, cederlles a dirección das fábricas aos obreiros, nacionalizar a banca e recoñecer as nacionalidades do Imperio).
A Garda Vermella, milicia armada creada polos bolxeviques. O 25 de outubro de 1917, os sublevados ocuparon a cidade de Petrogrado, tomaron o Palacio de Inverno e destituíron o goberno provisional. A revolución estendeuse rapidamente polos núcleos industriais. O II Congreso dos Soviets de Rusia proclamou un goberno obreiro, presidido por Lenin e no que figuraban Trotski e Stalin. En novembro de 1917, tiveron lugar as eleccións para a Asemblea Constituínte convocadas polo goberno provisional. Ante o temor de que os grupos contrarios á revolución se impuxesen, Lenin disolveu a Asemblea e púxolle fin ao pluralismo político. O novo goberno decretou as primeiras medidas revolucionarias: expropiáronse terras para repartilas entre os campesiños e as fábricas quedaron en mans de comités obreiros. Asinouse o Tratado de Brest-Litovsk (1918) con Alemaña, polo que Rusia tivo que aceptar importantes perdas territoriais.
Guerra Civil e Formación da URSS
A comezos de 1918, os partidarios da volta do tsarismo ou do liberalismo levantáronse en armas contra o goberno dos soviets. O Exército Branco (axudado por países estranxeiros) enfróntase ao Exército Vermello (bolxeviques baixo a dirección de Trotski). Os tres anos de guerra civil foron crueis para a poboación (escaseza de alimentos e moitos mortos en combate). En 1921, o Exército Vermello logrou impoñerse.
O partido bolxevique ou Partido Comunista da Unión Soviética fíxose co monopolio do poder, reprimiu todos os que se lle opoñían e organizou unha policía política. Economicamente, instaurouse o “comunismo de guerra”, polo que se nacionalizou toda a industria, se colectivizaron as terras e se lles obrigou aos campesiños a entregarlle as colleitas ao Estado.
Europa ao rematar a Primeira Guerra Mundial
Os máis de dez millóns de soldados mortos na guerra, as vítimas civís, os esfameados, os enfermos e a falta de nacementos provocaron un retroceso demográfico xeneralizado. Economicamente, a Primeira Guerra Mundial significou a perda definitiva da hexemonía europea. O conflito empobreceu os países belixerantes. Todos os países europeos estaban endebedados tanto no interior (débedas de guerra) como co exterior (préstamos con EUA). Estados Unidos foi un dos grandes beneficiarios da guerra e a súa economía converteuse en líder das finanzas mundiais.
En xaneiro de 1919, en París, intentáronse establecer as condicións de paz. O Tratado de Versalles foi o máis importante e impúxolle as condicións de paz a Alemaña. Así, impúxose a desmembración dos imperios e a remodelación das fronteiras europeas. O presidente estadounidense, Wilson, achegara a súa visión dunha paz fundada na concordia e na ausencia de desquite. Baixo a súa proposta creouse a Sociedade de Nacións (SDN), organización internacional que debía garantir a paz e a cooperación entre os Estados. Os vencidos non ingresaron, tampouco a URSS nin os EUA, polo que a SDN acabou sen influencia na política internacional.
As conferencias de paz abriron novas rifas. Alemaña considerou as condicións impostas polo Tratado de Versalles como unha humillación que acabaría exacerbando o seu nacionalismo e o desexo de desquite. Tamén Italia, por non recibir as reivindicacións territoriais que demandara. A Revolución Rusa de 1917 formulara unha nova situación de tensión; a revolución bolxevique animaba as forzas revolucionarias de Europa.
Tratados de Paz e o Novo Mapa de Europa
Os tratados de paz conformaron o novo mapa de Europa. O feito esencial foi a fin dos grandes imperios e a formación de novas nacións. Moitas veces, as fronteiras dos novos Estados incluían minorías doutras nacionalidades (por exemplo, os Estados tapón contra a URSS: a Gran Polonia e a Gran Romanía).
Alemaña perdeu territorios como Alsacia e Lorena, e sufriu a división polo corredor de Danzig. Austria quedou reducida a un país pequeno e perdeu os estados bálticos.
Problemas que conduciron á guerra en 20 anos (Período de Entreguerras)
A etapa entre 1918 e 1939, ou período de entreguerras, é un dos períodos máis convulsos da historia contemporánea en Europa.
Ao rematar a guerra, Estados Unidos convertérase na primeira potencia económica mundial. A súa maior competitividade abriulles os mercados internacionais aos seus produtos, e estes invadiron os mercados. Moitos países europeos estaban endebedados cos EUA polos préstamos de guerra. En contraste, a guerra mundial empobreceu os países europeos que tiveron que facerlle fronte aos empréstitos de guerra e á depreciación das súas moedas. Cando en 1929 unha crise económica sacode os EUA, toda a economía mundial entrou nunha etapa de depresión económica. Os efectos do paro e a pobreza provocaron unha grave crise social.
Entre 1919 e 1920 producíronse folgas, que foron duramente sufocadas pola policía e o exército, e acabouse limitando os dereitos sindicais. Sindicatos e partidos lembráronlle ao proletariado que a Revolución Soviética levara ao poder á clase obreira. Todo isto conduciu a unha forte oposición ás democracias, tanto por parte do proletariado (insatisfeito pola represión de dereitos) como da burguesía (que temía a revolución).
Ante a crise económica e a axitación social, países con arraigo do parlamentarismo e da democracia conseguiron integrar o socialismo emerxente, mediante o sufraxio universal e a formación de coalicións políticas. Pero nos países con pouca tradición parlamentaria, acabáronse impondo sistemas políticos autoritarios, que prometían combater o avance das ideas socialistas e comunistas.
Posguerra en Alemaña
Na Posguerra en Alemaña, o país non podía pagar as reparacións de guerra esixidas polo Tratado de Versalles, o que desatou unha grande inflación, perda de valor do marco, gran aumento do paro e descenso no nivel de vida.
Totalitarismo
Totalitarismo: Réxime político que rexeitaba os principios da democracia liberal e pretendía controlar totalmente a sociedade. Caracterízase polo culto ao xefe, partido único, adoutrinamento, terror, violencia e persecución da oposición.
Estados Unidos: Da Prosperidade á Crise
O crecemento económico norteamericano prolongouse durante os dez anos seguintes á fin da guerra. Os “felices anos vinte” foron unha década de prosperidade, onde o modelo de vida norteamericano e os valores que o sustentaban (iniciativa, esforzo individual e éxito) lles prometían enriquecemento e benestar aos cidadáns. A expansión dos EUA baseouse nunha transformación no proceso de produción de bens, dominado pola innovación técnica. O taylorismo e o fordismo incrementaron a produtividade e reduciron custos. O aumento dos salarios obreiros, as campañas publicitarias, a compra a prazos e os préstamos bancarios abríronlle o camiño á era do consumo de masas. A prosperidade reflectiuse nun grande auxe da bolsa. Aumentou a demanda de accións, cuxo valor subía constantemente.
A prosperidade non beneficiou a todos. A agricultura coñeceu graves dificultades. Os prezos agrícolas non aumentaban tan rápido como os industriais. Os campesiños endebedáronse para adquirir terras e maquinaria para aumentar a produción. O mercado non puido absorber toda a produción: acumuláronse stocks, baixaron os prezos e os campesiños non puideron devolver os préstamos, perdendo terras, máquinas e casas. Nas industrias, o aumento dos salarios foi menor que o dos beneficios. Unha parte dos americanos tiña cada vez menos capacidade adquisitiva e a sobreprodución comezou a ser un problema.
Os accionistas eran conscientes de que a cotización das accións era moi superior ao valor real. A desconfianza propagouse e o 24 de outubro de 1929 (Xoves Negro), unha gran ondada afectou á Bolsa de Nova York; todo o mundo quería vender, pero ninguén comprar. O valor caeu en picado, desencadeando o crac bolsista de 1929. Milleiros de investidores arruináronse e o pánico espallouse; os cidadáns acudiron aos bancos para retirar o diñeiro. Pero estes pecharon por falta de fondos, xa que non puideron cobrar os préstamos a particulares e empresas arruinadas. En poucos anos, a crise espallouse a todos os sectores da economía e provocou unha recesión económica xeneralizada (a Gran Depresión). Ante o incremento do paro, o consumo diminuíu e pecharon fábricas por non poder vender a produción. Multitude de familias caeron na miseria e tiveron que recorrer ás axudas públicas.
Ante a crise, os EUA e a maioría dos países europeos adoptaron medidas para propiciar a recuperación da economía.
Roosevelt propuxo o New Deal, un programa baseado nas ideas de Keynes que defendía a intervención do Estado na economía. Principais ámbitos de actuación:
- Económico: Axudar as empresas privadas en dificultades con subvencións, crear empresas públicas en sectores sen incentivos, destruír os stocks agrícolas acumulados e establecer un control sobre os bancos, vixiándoos e obrigándoos a facilitar préstamos con baixos xuros.
- Social: Promoveu un gran plan de obras públicas, incentivou o aumento salarial e reduciu a xornada laboral (40 horas semanais).
1929: Exemplo de Crise da Economía Capitalista
A crise de 1929 foi tan grave que levou a introducir algúns cambios no sistema económico e a cuestionarse a confianza ilimitada no capitalismo liberal.
A prosperidade dos EUA en 1920 debeuse aos beneficios da venda de produtos na Primeira Guerra Mundial e aos préstamos con altos xuros que lles debían devolver. Era lóxico que as accións das empresas elevasen o seu valor na bolsa.
Produciuse unha burbulla especulativa, unha desconexión entre a economía real e a produtiva. O aumento do valor das accións producíase polo convencemento, entre os investidores, de que podían obter altos beneficios comprando e vendendo. Había moito diñeiro interesado para investir e para recorrer ao crédito para xogar na bolsa. É máis, chegábase a crear empresas ficticias, corríase a voz de que existía unha gran demanda de accións e o seu valor subía.
O afundimento do sistema bancario norteamericano produciuse sen que a Reserva Federal inxectase liquidez, salvase os depósitos dos contribuíntes ou impedise a súa quebra. O sistema capitalista funciona con cartos en circulación e co crédito. Os bancos non posúen o diñeiro depositado en metálico, xa que o invisten en bolsa ou o prestan con xuros. Cando os bancos non poden recuperar o diñeiro investido ou prestado, o sistema económico colápsase e prodúcese a crise da industria, do comercio e da agricultura.
A crise bancaria provocou que o crédito se reducise, que os investidores retirasen os capitais depositados e que as empresas norteamericanas diminuísen os investimentos. As importacións estadounidenses caeron en picado, polo que o comercio sufriu unha gran recesión. A crise dos EUA na década de 1930 arrastrou moitos países, provocando a quebra de bancos, o descenso da produción e do comercio e o aumento do paro.
Fascismo Italiano
Italia foi o primeiro país europeo cun sistema democrático-parlamentario no que a Gran Guerra provocou o ascenso de opcións políticas nacionalistas e autoritarias que acabarían impoñendo un sistema ditatorial.
Os acordos de paz supuxeron unha gran decepción, xa que os aliados non acordaron a entrega de Dalmacia e Fiume, territorios que Italia reivindicaba como propios e cuxa entrega se acordara no Tratado de Londres (1915). A esta situación sumouse a inestabilidade política: a monarquía de Víctor Manuel III non conseguiu maioría e entre 1919 e 1922 sucedéronse cinco gobernos diferentes. A guerra deixou graves secuelas humanas e económicas: morreron homes, industrias inutilizadas e a elevada débeda exterior aumentara a inflación. O custo da vida incrementouse, mentres os salarios reais diminuíron e o número de parados non deixaba de medrar. A crise económica xerou unha forte tensión social. No norte desenvolveuse unha folga que pretendía obxectivos revolucionarios. Algúns campesiños ocuparon terras e os obreiros incautáronse de numerosas fábricas. Todos foron reprimidos, pero o medo ao estalido dunha revolución social comezou a preocupar.
Mussolini creou os Fasci de combate en 1919, grupos paramilitares uniformados con camisas negras para frear o auxe do movemento obreiro, á conta de atacar os sindicatos obreiros. En 1921, transformáronse no Partido Nacional Fascista (que se presentaba como o recurso máis eficaz para deter os revolucionarios). O seu programa estaba baseado na construción dun Estado forte, que garantise a propiedade privada, e unha política exterior expansionista. O novo partido contou co apoio da pequena burguesía, co financiamento de grandes propietarios agrícolas e industriais e coa tolerancia da Igrexa e do monarca. En 1922, denunciaron a incapacidade do goberno para manter a orde ante a folga xeral dos sindicatos socialistas e anarquistas. Mussolini esixiulle ao rei que lle entregase o goberno. Organizou a Marcha sobre Roma para amosar a súa forza. En outubro, o monarca, presionado, nomeouno xefe de goberno.
Principios Ideolóxicos do Fascismo
Mussolini desenvolveu un proceso de restrición das liberdades e de persecución dos seus adversarios, pero mantivo a ficción dun réxime parlamentario. Despois das eleccións de 1924, anunciou a instauración dun réxime autoritario. Mussolini atribuíuse plenos poderes. Os partidos políticos foron prohibidos e o Parlamento, substituído pola Cámara dos Fasci. As folgas foron prohibidas e os sindicatos, substituídos por un sistema de corporacións por oficios. Defendía unha política económica autárquica que aspiraba á autosuficiencia e apoiaba as empresas privadas con subvencións. O Estado exercía un férreo control da sociedade, dirixía a vida social e dominaba os medios de comunicación. Impúxose unha concepción conservadora da familia e do papel da muller. Asinou un Concordato coa Santa Sé para restaurar todas as atribucións da Igrexa. Mussolini prometeu a creación dun Imperio italiano que controlaría o Mediterráneo e, en 1935, invadiu Etiopía.
Ascenso do Nazismo
En 1918, tras a derrota de Alemaña na Primeira Guerra Mundial, o kaiser Guillerme II abdicou e proclamouse a República de Weimar, dirixida por democristiáns e socialistas, que tivo que facer fronte ao descontento popular. A nova república viuse ameazada por movementos revolucionarios de esquerda e por varios intentos de golpes de Estado da extrema dereita. Parte do malestar proviña de que Alemaña tivo que asumir a derrota militar e aceptar as duras condicións de paz impostas polos vencedores. O Tratado de Versalles acusaba a Alemaña de ser a causante da guerra, arrebatáballe territorios, reducía o exército e impoñíalle reparacións económicas. Os anos de posguerra foron para Alemaña de crise económica, miseria e paro. As débedas de guerra e as reparacións provocaron unha elevada inflación, acompañada dunha depreciación do marco, o que xerou unha grave situación de pobreza nas clases populares.
Adolf Hitler era un soldado desmobilizado da Primeira Guerra Mundial que non aceptara a derrota alemá e que, en 1920, ingresou no Partido Nacionalsocialista dos Traballadores de Alemaña (NSDAP). Sentía desprezo pola democracia parlamentaria e odio ao bolxevismo. Defendía o antisemitismo, a superioridade da raza aria e a necesidade de forxar un grande Imperio que unise a todos os pobos de lingua alemá. Para convencer as clases traballadoras, utilizou a demagoxia: prometeu traballo para todos, reducir os beneficios industriais ou mellorar os salarios. Arremeteu fortemente contra os que acusou de seren os responsables da crise alemá: xudeus, comunistas e demócratas. O Partido Nazi escolleu como emblema a bandeira vermella coa cruz gammada e dotouse dunha organización paramilitar: as Seccións de Asalto (SA) e as Seccións de Protección (SS), milicias que se opuxeron violentamente á república e protagonizaron varios intentos insurreccionais.
Chegada de Hitler ao Poder
Alemaña viviu un período de mellora económica (1924-1929), pero a crise de 1929 provocou o peche de fábricas, paro e descontento social. Boa parte da poboación inclinouse por un partido extremista. Burgueses, campesiños e obreiros apoiaron os nazis; intelectuais e a maioría de obreiros, o Partido Comunista. O Partido Nazi comezou a contar co apoio de personalidades industriais e financeiras e a dispoñer de axudas económicas. Nas eleccións de 1932 gañou, e en xaneiro de 1933, Hitler conseguiu que Hindenburg o nomease chanceler. En plena campaña nas eleccións de 1933, os escuadróns nazis provocaron o incendio do Reichstag e acusaron del aos comunistas. Este suceso serviulle de pretexto a Hitler para eliminar os adversarios e esixir plenos poderes. En 1934, tras a morte de Hindenburg, Hitler proclamouse Führer e Chanceler do III Reich.
Réxime Nazi
A partir de 1934, iniciouse a identificación entre o Partido Nazi e o Estado, baixo a autoridade de Hitler. Suprimíronse as liberdades e decretouse a disolución dos partidos e sindicatos.
Só foi autorizado o NSDAP e os traballadores foron cominados a afiliarse ao único sindicato, a Fronte do Traballo Nacionalsocialista. A Administración Pública foi depurada e a policía foi substituída polas formacións paramilitares, fundamentalmente, as SS. En 1934, creouse a Gestapo (Policía Secreta), dirixida por Himmler, encargada da represión dos opositores e do control sobre a opinión pública.
A sociedade debía ter unha absoluta unidade ideolóxica. Creouse o Ministerio de Cultura e Propaganda para impoñer un pensamento baseado nas ideas racistas e nacionalistas. A ciencia e a cultura “nazificáronse”, aniquilando a liberdade intelectual. Reorganizouse e politizouse o sistema educativo: depuráronse profesores e introduciuse a censura nas aulas e nos libros. O mantemento da pureza racial implicou a persecución e eliminación de toda minoría considerada inferior e mesmo, diminuídos. Pero tivo especial importancia a persecución dos xudeus. En 1935, ditáronse as Leis de Núremberg, que impedían os matrimonios mixtos e excluían os xudeus da cidadanía alemá e, en 1938, obrigóuselles a levar un distintivo. A partir de 1933, creáronse os campos de concentración para recluír os opositores do Reich.
O III Reich propúxose promover un relanzamento que fixese de Alemaña unha potencia económica mundial. Como consecuencia, a política económica nazi respondía fundamentalmente aos proxectos militaristas e expansionistas de Hitler. Exerceu un dirixismo económico, co fin de conseguir a autarquía económica para non depender do exterior e converter Alemaña nun Estado autosuficiente. Déuselle prioridade á industria pesada (armamento) e levouse a cabo un ambicioso programa de obras públicas (autoestradas, etc.).
Hitler vinculou a formulación da superioridade racial coa súa vontade de implantar unha nova orde en Europa. As ambicións expansionistas necesitaban un exército poderoso: reforzou o exército coa institución do servizo militar e a creación dun novo exército, a Wehrmacht, e dunha aviación moderna, a Luftwaffe. Cun exército poderoso e unha economía orientada cara á guerra, lanzouse á construción dun gran imperio e á conquista dun espazo vital ao leste de Europa.
O nazismo dedicou grandes esforzos a encadrar e adoutrinar a poboación. A propaganda e o medo, o orgullo da raza e un futuro de progreso, produciron a adhesión da poboación e un desentendemento respecto dos métodos empregados polos nazis.
Unión Soviética
Instituíuse unha economía planificada e dirixida polo Estado, que elaboraba plans quinquenais para organizar a produción agrícola e industrial. Un organismo oficial, o Gosplán, sinalaba os obxectivos que había que acadar e avaliaba os resultados.
- Kolkhós: Cooperativas xestionadas polos campesiños.
- Sovkhós: Granxas propiedade do Estado.
- Gulag: Rede de campos de prisioneiros onde se recluía os opositores ao réxime e se lles obrigaba a realizar traballos forzados.