Sector Pesqueiro Galego e Fundamentos da Organización Política
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,61 KB
Pesca
Existe a frota pesqueira artesanal tradicional, con embarcacións pequenas e antigas, e unha frota pesqueira de altura e de gran altura, formada por barcos grandes, modernos e dotados das últimas tecnoloxías. As especies capturadas son: peixes, moluscos, crustáceos e cefalópodos. Actualmente, péscase en caladoiros nacionais, caladoiros da UE e internacionais (Atlántico, Índico).
Hoxe en día hai unha escasa poboación pesqueira (0,10% en 2008), tamén hai unha frota pesqueira moi grande en comparación cos recursos pesqueiros, e determinadas especies sofren a sobrepesca.
Para solucionar estes problemas, as administracións públicas toman diversas medidas: concesión de axudas aos mozos pescadores, despezamento dos barcos máis antigos e traspaso doutros a empresas pesqueiras mixtas, establecemento de cotas de pesca para as especies ameazadas, etc.
Tamén se fomenta a acuicultura, sobre todo de especies cun elevado valor no mercado: dourada, robaliza, rodaballo, mexillón, etc.
Galicia é a principal rexión pesqueira española, debido en gran medida á amplitude do litoral e á abundancia de portos naturais: Vigo, A Coruña, Marín, Ribeira, Bueu, Burela, Celeiro, Viveiro...
Tipos de Actividade Pesqueira en Galicia
- Pesca de baixura: Faena en caladoiros próximos.
- Pesca de altura: Faena nos océanos Pacífico, Índico e Atlántico.
- Marisqueo: Concéntrase nas Rías Baixas e na costa acantilada.
- Acuicultura: Está a cobrar cada vez maior importancia. Destaca a cría de mexillón en bateas e de peixes en piscifactorías.
Política
Poderes Políticos do Estado
Os poderes políticos do estado son: lexislativo, executivo e xudicial.
- Poder lexislativo: Elabora e aproba as leis de obrigado cumprimento para todas as persoas que habitan dentro das fronteiras do estado. É exercido polo Parlamento.
- Poder executivo: Dirixe a política interior, controla a orde interna, orienta a política exterior e defende o territorio de agresións externas. É exercido polo Goberno.
- Poder xudicial: Resolve os incumprimentos da lei e os conflitos que pode orixinar a interpretación e aplicación da lei. Este poder reside nos Tribunais de Xustiza e nos xuíces.
O Réxime Político
Réxime Democrático
No réxime democrático, o poder do Estado e a actuación do Goberno están limitados pola lei. As democracias son, polo tanto, Estados de dereito que basean o seu poder en leis aprobadas por procedementos lexítimos.
- A soberanía reside no pobo. Pode participar de maneira directa (democracia directa) ou delegando a súa soberanía nuns representantes elixidos por votacións (democracia indirecta).
- O pluralismo político: Existencia e actuación legal de variedade de partidos políticos con diferentes ideoloxías.
- As eleccións son libres e plurais. Realízanse por sufraxio universal e secreto, e permiten á cidadanía renovar periodicamente os seus gobernantes.
- A división de poderes do Estado é efectiva: o lexislativo reside no Parlamento, o executivo no Goberno e o xudicial nos Tribunais de Xustiza.
Réximes Autoritarios
Nos réximes autoritarios, o poder do estado e a actuación do Goberno non teñen límites nin control, e non se recoñecen dereitos á cidadanía.
- A soberanía reside nunha soa persoa ou nun grupo reducido.
- Non hai pluralismo político e ideolóxico, pois só hai un partido, o do Goberno.
- Non hai eleccións libres ou as que hai están manipuladas polo Goberno.
- A división de poderes non se respecta, pois, na maioría dos casos, os tres poderes están concentrados nunha persoa ou nun grupo reducido.
Xefatura do Estado e Formas de Goberno
Monarquías e Repúblicas
Nas monarquías, o xefe do Estado é un rei, que accede ao cargo de forma hereditaria, por dereito de sucesión, e o exerce de forma vitalicia, é dicir, mentres viva.
Na maioría dos Estados actuais, a monarquía é constitucional ou parlamentaria, é dicir, os poderes do rei están regulados por unha constitución e adoitan ser moi limitados.
Nas repúblicas, o xefe do Estado é un presidente, elixido pola cidadanía a través de eleccións presidenciais celebradas cada certo tempo.
Sistemas Parlamentarios e Presidencialistas
Os sistemas parlamentarios son aqueles nos que o poder executivo se reparte entre dúas institucións: o xefe do Estado e o presidente do Goberno.
O xefe do estado pode ser un rei ou un presidente da república. Nos dous casos, o seu poder adoita limitarse a representar o país. En cambio, o presidente do Goberno exerce o poder executivo.
Os sistemas presidencialistas son sempre repúblicas. Neles, o presidente da república é, ao mesmo tempo, xefe do Estado e presidente do Goberno. O presidente dirixe o Goberno e representa o país.