Saúde e Seguridade no Traballo: Conceptos Clave e Patoloxías

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Deporte y Educación Física

Escrito el en gallego con un tamaño de 8 KB

Saúde e Seguridade no Traballo: Conceptos Fundamentais

A saúde e o traballo son os dous termos básicos en que se apoia a Seguridade e Hixiene no Traballo, polo que esta disciplina dependeu da súa concepción e da evolución que experimentaron estes conceptos nos últimos tempos.

A OMS considera a saúde do ser humano como un estado subxectivo de benestar, ademais dun equilibrio persoal físico, mental e social. Para que unha persoa poida ser considerada sa, ademais de encontrarse dentro dos límites de funcionamento dos seus órganos, deberá presentar un equilibrio psicolóxico e ser satisfactorias as súas relacións co resto dos cidadáns. A todo o anterior debemos engadir a condición de benestar que deberá expresar o propio traballador dunha forma persoal.

A Saúde

  • Equilibrio persoal (físico, mental ou social)
  • Estado subxectivo de benestar

O Traballador

O traballo é a actividade, tanto física coma intelectual, que ten que realizar o ser humano para cubrir as súas necesidades vitais, desenvolver as súas capacidades físicas e intelectuais e crear algo útil para a sociedade.

O Traballo permite:

  • Cubrir necesidades vitais
  • Desenvolver capacidades
  • Utilidade social

O Ambiente de Traballo e os Factores Ambientais

O ambiente de traballo é o conxunto de elementos que forman un lugar determinado. Cando os compoñentes dun ambiente non foron modificados polo ser humano e os seus elementos están tal e como a natureza os creou, denominámolo ambiente natural. Se algún deses elementos foi modificado polo ser humano, xa en cantidade, xa en calidade, convértese nun ambiente artificial. Cando estes ambientes artificiais se orixinan ao realizar unha actividade laboral, denominámolos ambiente de traballo.

Os elementos ambientais son complexos na súa variedade e composición. Agrupámolos nos denominados factores ambientais:

  • Factores mecánicos
  • Factores físicos (ruído, iluminación, vibracións, lume, electricidade, campo magnético)
  • Factores químicos (compostos orgánicos, compostos inorgánicos)
  • Factores biolóxicos (virus, bacterias, fungos)
  • Factores psicosociais (as condicións do traballo, a organización do traballo, o tipo de traballo)

No factor mecánico agruparemos aqueles elementos en que o movemento é a causa de posibles perigos. No factor físico agrupamos os distintos tipos en que se pode presentar a enerxía. No factor biolóxico temos en conta que o elemento teña vida, poida nacer, medrar, desenvolverse e morrer. No factor químico temos en conta a composición do elemento. Distinguimos entre compostos orgánicos e compostos inorgánicos. No factor psicosocial agrupamos aqueles elementos que se producen polo feito de ter que realizar a actividade laboral dunha maneira concreta.

O Risco Laboral

A posibilidade de sufrir danos na saúde cando realizamos unha actividade produtiva, é o que denominamos risco laboral. Cando os desequilibrios na saúde poden ser importantes e a posibilidade de que o dano se produza é elevada, dicimos que nese ambiente de traballo existe un risco grave e inminente.

A Tensión (Estrés)

O «estrés» ou tensión é esa sensación que ten o ser humano de non ser capaz de realizar todo o que necesita facer, o que provoca unha certa necesidade de traballar máis e máis á presa para conseguilo, provocando á vez o conseguinte malestar. A tensión produce un desequilibrio nos ritmos biolóxicos. Un caso moi especial é o jet lag, producido polo desfasamento horario e que se considera como unha manifestación de desconformidade do noso organismo ante unha circunstancia de adaptación.

Patoloxías Laborais

Son os danos producidos na saúde das persoas (físicos, mentais ou sociais). Cando estas patoloxías se producen fóra do ambiente de traballo, sexan ambientes naturais ou artificiais, coñecémolas como patoloxías comúns. Se o dano é derivado dos factores ambientais modificados pola actividade laboral denominámolas patoloxías laborais.

As patoloxías inespecíficas son enfermidades complexas provocadas polos factores psicosociais. As máis coñecidas son a fatiga, a insatisfacción laboral e o avellentamento prematuro.

Incapacidade Temporal (IT)

Cando un traballador está en situación de incapacidade temporal (IT) derivada de enfermidade común, durante os tres primeiros días de baixa non percibe prestación económica. Cando a IT é por unha enfermidade laboral percibe prestacións económicas dende o primeiro día.

A Fatiga Laboral

Pódese definir como esa sensación de cansanzo e esgotamento que condiciona a eficacia do traballador, diminuíndo o seu rendemento, tanto físico coma intelectual, coa conseguinte redución da súa produción, tanto en cantidade coma en calidade. Segundo os síntomas, adoita clasificarse en:

  • Fatiga física
  • Fatiga mental

Cando o cansanzo lle afecta á parte somática do traballador e lle provoca unha incapacidade para xerar a forza desexada a nivel neuromuscular, denomínase fatiga muscular ou física e pode ser producida por:

  • Un exercicio físico excesivo
  • O ruído ambiental
  • A mala iluminación do local
  • A sensación de inseguridade
  • A monotonía laboral que se desenvolve
  • O mal ambiente en xeral

Cando ese cansanzo se produce na mente, provocado por un desequilibrio entre o descanso e o traballo das neuronas, estamos a falar dunha fatiga mental ou nerviosa.

A Ergonomía

A ergonomía é a parte da Seguridade e Hixiene no Traballo que se dedica a evitar a fatiga, intentando adaptar o traballo ao home. Fundaméntase en tres dos principios de Taylor sobre a organización empresarial, como son:

  • Suprimir os esforzos inútiles
  • Proporcionarlle ao traballador boas ferramentas
  • Máximo rendemento co mínimo esforzo

De acordo con iso podemos falar de tres tipos de ergonomía:

  • Ergonomía xeométrica: dedicada ao deseño de ferramentas, lugares de traballo e estudos de colocación do corpo humano para realizar o traballo.
  • Ergonomía ambiental: enfocada ao estudo da relación do ambiente cos danos na saúde e o rendemento do traballo.
  • Ergonomía temporal: que procuraría a adaptación dos tempos ás actividades que se teñen que realizar.

A Insatisfacción Laboral

Cando realizamos unha actividade laboral e non somos capaces de conseguir o que nos propomos, prodúcese un sentimento de malestar que chamamos insatisfacción. Son moitas as causas que poden provocar esta patoloxía, como:

  • A falta de seguridade
  • A posición social
  • A participación no traballo
  • A seguridade no posto
  • A pertenza a un grupo
  • A pouca manifestación da valía
  • A insuficiencia de responsabilidade
  • A desambientación

O Avellentamento Prematuro

Cando se produce un avellentamento máis rápido do normal, estase falando dun avellentamento prematuro, que se pode definir como a perda ou diminución dunha capacidade biolóxica, ocasionada por unha patoloxía laboral. O avellentamento prematuro no traballo non só é debido a causas ou factores mecánicos, físicos ou químicos, senón que en ocasións os factores psicosociais poden ser máis importantes.

Unha persoa pode avellentar prematuramente por:

  • A falta de descanso
  • O clima
  • As alerxias
  • A influencia de produtos químicos
  • Os cambios de horario
  • A inseguridade do ambiente
  • A inseguridade do posto
  • O estilo de mando

Entradas relacionadas: