Rosalía de Castro: Legado Literario en Cantares Gallegos y Follas Novas del Rexurdimento

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,95 KB

Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Publicación e Importancia

Obra publicada o 17 de maio de 1863, foi o primeiro libro escrito integramente en galego, e marca o inicio simbólico do Rexurdimento das Letras Galegas. Está escrita en clave reivindicativa e folclórica, partindo da idea de que o folclore expresa a visión do mundo dun pobo. As dúas motivacións principais de Rosalía foron o compromiso coa terra e coa xente de Galicia, e o desexo de dignificar o idioma, seguindo un modelo similar ao de Antonio Trueba co seu Libro de los cantares.

Temática

A obra está composta por 36 poemas, divididos en catro grandes bloques temáticos:

  • A temática costumista é a máis abundante, con descricións de costumes, romarías, crenzas e supersticións populares.
  • A temática amorosa recolle coitas amorosas desde unha óptica popular, en forma de monólogo ou diálogo, expresadas por voces femininas ou masculinas.
  • A temática intimista aparece en dous poemas onde Rosalía fala en primeira persoa (“Campanas de Bastabales” e “Como chove miudiño”), para expresar vivencias, emocións e lembranzas persoais.
  • A temática social-patriótica céntrase na denuncia da emigración, o abandono e a explotación do pobo galego, con poemas como “Adiós ríos, adiós fontes”, “Airiños, airiños, aires”, “Castellanos de Castilla” ou “A gaita galega”.

Estrutura

A obra presenta unha estrutura circular, xa que comeza cun prólogo poético onde unha meniña é convidada a cantar os feitos do país, e remata cun epílogo no que a mesma meniña se desculpa pola súa falta de graza para cantar, creando unha unidade simbólica. Entre estas dúas composicións hai 34 poemas nos que Rosalía dá voz a diferentes tipos populares como mozos ou emigrantes, e tamén aparece ela mesma como un personaxe máis en dous dos poemas, reivindicando así a súa pertenza á comunidade rural galega.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Publicación e Carácter Xeral

Publicada en 1880, Follas Novas é o segundo e derradeiro libro de poemas en galego de Rosalía de Castro. Trátase dunha obra máis persoal, íntima e filosófica ca Cantares Gallegos, aínda que nalgúns poemas continúa esa liña popular. Os textos foron escritos ao longo da súa vida e responden a diversas vivencias. Reflicte unha Rosalía máis madura, sabedora do sufrimento, especialmente do das mulleres e das clases humildes, e ten plena conciencia de que escribir en galego é un acto de compromiso, aínda sabendo que o pobo tardará en ler os seus versos.

Estrutura

A obra componse dun prólogo e 137 poemas, agrupados en cinco apartados:

  • Vaguedás
  • ¡Do íntimo!
  • Varia
  • Da terra
  • As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos

Estes grupos organizan a obra segundo dous grandes núcleos temáticos.

Poesía Obxectiva

Representada nos apartados IV (“Da terra”) e V (“As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos”), ten un carácter social e colectivo. Rosalía identifícase co pobo galego, cos seus valores e cultura. Destaca especialmente a denuncia da emigración e das súas causas, e o impacto que ten sobre todo nas mulleres, vítimas do abandono e do desarraigo.

Entradas relacionadas: