Rosalía de Castro: Compromiso Social e Análise de Follas Novas e Cantares Gallegos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,32 KB

O Compromiso Social de Rosalía de Castro

A obra de Rosalía de Castro mostra unha gran sensibilidade perante a inxustiza, a marxinación e a opresión. A súa obra ten por iso un forte compoñente social, tal e como ela manifestou no prólogo de Follas Novas. O compromiso social da obra de Rosalía plásmase nos seguintes aspectos clave:

  • Na defensa firme da cultura e da lingua de Galicia. A autora defende e dignifica a nosa idiosincrasia como pobo, as nosas crenzas, a nosa maneira de festexar e divertirnos, a nosa rica cultura espiritual e inmaterial.
  • Na defensa dos valores sociais e morais do pobo galego (solidariedade, acollida, colectivismo, respecto aos maiores e á tradición...), fronte aos novos valores da sociedade burguesa ascendente (o individualismo, a hipocrisía, o poder do diñeiro...).
  • Na identificación cos problemas, sufrimentos e aspiracións das clases populares galegas, nomeadamente, coas mulleres campesiñas, "viúvas de vivos".
  • Na denuncia das inxustizas, desprezo, incomprensión e abusos cometidos contra Galicia e os galegos, especialmente no tema da emigración e das súas gravísimas consecuencias.
  • A reivindicación dos dereitos das mulleres, comezando polo dereito a escribir e publicar, a seren "literatas", como eran denominadas burlonamente as mulleres escritoras da época.

Follas Novas (1880)

Foi publicada en 1880 en Madrid por Rosalía de Castro. A obra consta dun prólogo en prosa e de cinco partes ou libros: Vaguedás, ¡Do íntimo!, Varia, Da terra e As viúvas de vivos e as viúvas de mortos.

En conxunto, Follas Novas é un poemario máis persoal e filosófico que Cantares Gallegos, se ben algúns dos poemas continúan a liña predominante neste último. Doutra banda, se en Cantares Gallegos Galicia era o "obxecto, a alma enteira"; agora en Follas Novas, Galicia é "a ocasión, aínda que sempre o fondo do cadro".

Clasificación dos Libros de Follas Novas

Tendo en conta a perspectiva do suxeito poético, podemos clasificar os cinco libros que forman Follas Novas en dous grandes apartados:

  • A) A Lírica Solitaria ou Subxectiva

    Inclúense neste apartado os libros Vaguedás e Do íntimo.

    En Vaguedás, que consta de 20 poemas, Rosalía reflexiona sobre a escrita feminina. Tamén manifesta o seu estado anímico caracterizado polo desasosego, o pesimismo, a saudade e a melancolía, e advirte que os seus versos reflicten todos eses estados anímicos.

    En Do íntimo, con 36 poemas, a autora exterioriza as súas reflexións metafísicas, filosóficas e intimistas sobre a insolidariedade humana, o irremeable paso do tempo, a perda das ilusións e dos soños, o amor e o desamor, o contraste entre a fermosura da natureza e o espírito humano atormentado, a actitude intransixente da Igrexa Católica en temas como o suicidio ou o matrimonio, a lexitimidade da violencia como arma contra a violencia da inxustiza social, o desexo de morrer ou o suicidio como vía de liberación do sufrimento, etc.

  • B) A Lírica Solidaria ou Obxectiva

    Inclúense neste apartado os libros Da terra e As viúvas dos vivos e dos mortos.

    O primeiro, Da terra, consta apenas de 9 poemas, nos cales Rosalía mostra a súa identificación co pobo galego: cos seus valores, cos costumes, coa idiosincrasia, coa cultura e co idioma.

    En As viúvas dos vivos e dos mortos (31 poemas), Rosalía céntrase no fenómeno da emigración e as causas que o provocan, e expresa a súa admiración e solidariedade coas mulleres campesiñas galegas do seu tempo.

Entre estes dous apartados, a modo de ponte entre o "eu" e o "nós", achamos o terceiro libro que, non por acaso, titúlase Varia, onde a autora expón en 40 poemas a realidade múltiple e complexa que rodea o "eu" que fala nos apartados anteriores. Destacando nesta realidade o sufrimento da xente, en especial o das mulleres, e problemas sociais como a miseria e a emigración. A obra expresa, polo tanto, unha viaxe do "eu" ao "nós", do individual ao colectivo, do intimismo subxectivo ao obxectivo e á identificación co pobo.

Follas Novas demostrou á sociedade da época a capacidade do galego para abordar calquera tema, sentimento ou inquietude existencial. A súa acollida, curiosamente, foi menos entusiasta que a de Cantares Gallegos e, mesmo, hostil, pois a súa autora demostraba a autonomía da literatura galega para abordar con éxito determinadas temáticas que, nos últimos séculos, foran patrimonio exclusivo da literatura castelá.

Cantares Gallegos (1863)

É o primeiro libro publicado integramente en galego. Tamén foi o único do cal Rosalía viu unha segunda edición en vida en 1872.

Cantares Gallegos consta de 36 poemas de estrutura circular, en que a modo de polifonía, unha voz lírica feminina (a meniña gaiteira) abre e pecha o poemario, nos poemas 1 e 36, dando paso ás diferentes voces do pobo, homes, mulleres, novos e anciáns que van tecendo un retablo do que era a Galicia da época, dos seus costumes, dos seus valores éticos, das crenzas, da cultura e o idioma e, en xeral, dos problemas que afectan á maioría.

Todos os 36 poemas son glosas de cantares populares, que aparecen destacados en cursiva no comezo, no medio ou no final dos poemas.

Entre as voces líricas que aparecen en Cantares Gallegos, está a da propia autora, nos dous únicos poemas intimistas do poemario: Campanas de Bastabales e Como chove miudiño, que inician un tipo de poesía que irá ocupando máis e máis espazo nos poemarios da autora, ata o seu último poemario en castelán, En las orillas del Sar, un precedente da literatura existencialista do século XX.

Obxectivos do Prólogo de Cantares Gallegos

No prólogo, pretextando non ser unha boa escritora, a autora pide desculpas polos posibles defectos do seu libro. Ademais, explica as razóns de cantar as belezas e costumes do seu país cun triplo obxectivo:

  • A) Reivindicar a capacidade do noso idioma, negando que sexa unha lingua ruda.
  • B) Denunciar o maltrato e marxinación que padece o noso país e o menosprezo e explotación de que son obxecto os seus habitantes, especialmente os labregos, os emigrantes e as mulleres.
  • C) Combater a falsa e negativa imaxe que aínda se tiña de Galicia.

Como xa dixemos, a estrutura do poemario é circular, cun prólogo e un epílogo poéticos que serven de introdución e despedida, abrindo e pechando a entrada das diferentes voces líricas que forman a voz do pobo.

Temática dos Poemas de Cantares Gallegos

En canto á temática, podemos clasificar os poemas de Cantares Gallegos en catro apartados:

  • A) Poemas de Temática Folclórico-Etnográfica

    É o grupo de poemas máis numeroso. Reflicten a idiosincrasia do pobo galego, a súa maneira de sentir e concibir o mundo, de se divertir, de ser solidario, describindo aspectos concretos da vida de Galicia: romarías, supersticións, devocións, festas e traballos colectivos da aldea, etc.

  • B) Poemas Amorosos

    Entre personaxes campesiñas, tanto de protagonista masculino como feminino, algúns monologados e outros dialogados, que presentan as diferentes faces do amor, positivas e negativas: namoramento, traizón, ciumes, engano...

  • C) Poemas de Temática Social e Patriótica

    Tratan a penuria e marxinación en que vive a maioría dos galegos na época. Algúns mostran a ideoloxía galeguista da autora fronte ao asoballamento de Castela.

  • D) Poemas de Temática Intimista

    Son os menos numerosos, apenas dous poemas: Campanas de Bastabales e Como chove miudiño, mais a temática intimista irá gañando terreo nos poemarios da autora como xa comentamos, ata o seu último poemario en castelán, que é integramente intimista. A autora expresa neles vivencias e sentimentos persoais e séntese marcada pola saudade e pola desgraza, sentimento que se agravará nos seguintes libros, Follas Novas e En las orillas del Sar.

Entradas relacionadas: