A Riqueza da Lírica Medieval: As Cantigas de Amigo e o seu Mundo

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 17,85 KB

A Cantiga de Amigo no Contexto da Galicia Medieval

A sociedade galega na Idade Media

A sociedade galega na Idade Media era unha sociedade feudal: estaba formada por unha maioría de labregos que vivían no rural (ao redor do 90% da poboación), polos artesáns e comerciantes que vivían nas vilas, polos nobres (grupo reducido que tiña poder político real e riqueza de terras), e polo rei, máxima autoridade, aínda que con poder máis teórico ca real.

Nesta situación social, superados os temores do ano mil e minguadas as invasións dos pobos do norte, Galicia, como o resto da Europa occidental cristiá, coñeceu unha etapa histórica de gran desenvolvemento, que alcanzaría as maiores cotas durante os séculos XII e XIII.

As melloras maniféstanse en diversos eidos:

  • Na agricultura: amplíanse os espazos cultivados, especialízase e diversifícase a produción e aparecen mellores apeiros agrícolas para traballar a terra.
  • No comercio: sobre todo centrado no artesanado e no comercio terrestre e marítimo a longa distancia.
  • No asentamento da poboación: aparecen novos núcleos urbanos e consolídanse a cidade e a vila como núcleo vertebrador do territorio, e a parroquia como marco de referencia básico para identificar persoas e posesións.
  • No crecemento da poboación rural e urbana. Esta última dedicada ao artesanado, ao comercio e aos servizos para os nobres.
  • Na consolidación de Compostela como cidade máis importante de Galicia, ao se converter nun dos máis destacados focos culturais europeos, ao ser punto de peregrinaxe dos reinos cristiáns occidentais, grazas ao bo facer dunha personalidade principal na época, o arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez.
  • No ámbito político, Galicia, que dende o século VIII constituía unha unidade política cos reinos de León e Asturias, gozou de certa autonomía que lle permitiu configurarse como reino independente nalgúns momentos dos séculos XI e XII.

Esplendor cultural e artístico

Neste contexto explícase que aparecese neste momento histórico unha extraordinaria cultura literaria e artística, que acadou unha dimensión universal.

Por unha parte, a chamada arte románica tivo durante os séculos XI a XIII o seu esplendor, como o testemuñan as catedrais de Santiago, Lugo, Tui, Ourense e Mondoñedo, así como mosteiros e numerosas igrexas dispersas por todo o país.

Pola outra, a nivel literario, sobresaen os dous milleiros de composicións poéticas que compoñen a lírica galego-portuguesa, que converteron a lingua galego-portuguesa no principal vehículo de expresión literaria do occidente peninsular.

Esta produción literaria abrangueu varios estilos e tipoloxías (textos líricos, narrativos etc.) e foi a máis importante manifestación literaria da Idade Media na Península Ibérica.

A Lírica Medieval Galego-Portuguesa

Orixe e características

Na literatura medieval, aínda que tamén houbo textos narrativos, foron máis abundantes as producións poéticas, as chamadas cantigas, coas que se acadaron altas cotas de perfección artística.

En Galicia existía unha rica tradición de literatura popular relacionada coas colleitas, a chegada da primavera etc., que, mesturada coa lírica provenzal ou occitana (escrita en lingua romance no sur de Francia e chegada aquí a través do Camiño de Santiago), deu lugar ao nacemento da lírica galego-portuguesa medieval.

Así pois, chámaselle lírica medieval a un conxunto de composicións poéticas (ao redor de 1.680 textos profanos e 420 relixiosos) escritas en lingua galego-portuguesa ao longo de máis de 150 anos, dende finais do século XII a mediados do século XIV.

Considérase que a cantiga máis antiga é «Ora faz ost'o senhor de Navarra», de Xoán Soares de Pavia. A perfección desta cantiga fai supor que non puido xurdir da nada e que deberon existir moitas cantigas anteriores de carácter exclusivamente oral, até que se comezaron a fixar por escrito e se transcribiron por medio de copias. Estas coleccións de manuscritos chamáronse cancioneiros.

Os cancioneiros: fontes da lírica medieval

Todos estes textos chegaron a nós a través dos cancioneiros, follas compiladas e escritas á man por copistas, e moitos deles ilustrados. Consérvanse tres, que pertencen a épocas diferentes:

  • Cancioneiro da Ajuda: consérvase en Lisboa e está datado a finais do século XIII ou comezos do XIV. Conserva 310 cantigas, case todas de amor.
  • Cancioneiro da Biblioteca Nacional: tamén se conserva en Lisboa, aínda que foi copiado en Italia no século XVI sobre un orixinal anterior, hoxe desaparecido. É o máis completo, posto que posúe 1.700 pezas de todos os xéneros.
  • Cancioneiro da Vaticana: consérvase na biblioteca do Vaticano, onde foi atopado. Como o anterior, é unha copia do século XVI sobre un orixinal anterior desaparecido. Reúne unhas 1.200 composicións de todos os xéneros.

Dispoñemos doutros manuscritos menores que recolleron a lírica galego-portuguesa, como o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de Martín Códax, seis das cales aparecen acompañadas pola transcrición musical. O mesmo acontece co Pergamiño Sharrer, que contén a letra e a música das cantigas de Don Dinís de Portugal.

Autores e intérpretes

As cantigas naceron para ocupar o tempo de lecer da nobreza e dos reis. Formaban parte dun espectáculo no que se cantaba e bailaba, co cal a súa interpretación estaba acompañada con diversos instrumentos musicais e incluso con bailes e danzas. Na súa produción e interpretación participaban diferentes figuras que, segundo a súa categoría social, tiñan diferente función:

  • Trobador: trátase dun membro da nobreza que no seu tempo de lecer compoñía as cantigas. Ás veces tamén as interpretaba.
  • Segrel: pertencían á pequena nobreza, á fidalguía, e interpretaban as súas propias composicións.
  • Xograr: estaba na escala máis baixa dos tres e era única e exclusivamente o intérprete en prazas e castelos das cantigas que compoñían os trobadores, moitas veces acompañado dalgún instrumento musical. Algúns tamén acabaron escribindo poemas, polo que foron ridiculizados polos trobadores.
  • Menestrel: ocupábase da parte musical.
  • Soldadeira: eran mulleres que participaban no espectáculo acompañando os xograres con cantos e bailes. A máis citada nas cantigas foi María Balteira.

A Cantiga de Amigo: Un Xénero Único

Definición e tema

As cantigas de amigo son breves composicións en que unha voz feminina, moza solteira e namorada, se dirixe ao seu amado, normalmente ausente, que aparece sempre citado como amigo, de aí o nome do xénero. Así mesmo, en moitas cantigas a moza diríxese á nai, a unha irmá, a unha amiga, ou a elementos da natureza (ondas do mar, follas dos piñeiros...) para contarlles o seu sentimento amoroso.

É o xénero máis representativo da lírica galego-portuguesa e a crítica considérao o máis perfecto e elaborado.

Orixe e evolución

Para a maioría dos estudosos as cantigas de amigo eran reelaboracións cultas dunha poesía popular autóctona, común a outros poemas de autoría feminina das zonas de lingua romance, das que o exemplo peninsular serían as «kharxas» mozárabes. Pódese dicir que as cantigas de amigo, tal e como chegaron a nós, son superviventes modernizadas da primitiva escola lírica galego-portuguesa, que, tras seren estilizadas, refinadas e depuradas polos trobadores, se converteron nun produto artístico de primeira orde.

O tema central destas cantigas é o amor dunha muller polo seu amigo, normalmente ausente. Cómpre destacar que aínda que a voz sexa feminina o autor da cantiga é sempre un trobador, que finxe ser unha muller.

Recursos formais

As cantigas de amigo tiñan como finalidade seren cantadas, por iso a súa principal característica formal é o emprego de técnicas repetitivas, que servían para estruturar o texto e facilitar a memorización e comprensión. Ademais, esta estrutura permitía fixar un ritmo marcado para a súa declamación. Entre os recursos repetitivos máis habituais cómpre salientar os seguintes:

  • Paralelismo: é un recurso expresivo baseado na repetición de versos, ideas ou construcións sintácticas con leves variacións.
  • Leixaprén: é un recurso propio das cantigas de amigo galego-portuguesas que relaciona cada parella de estrofas coa parella seguinte. Consiste na repetición dos segundos versos do primeiro par de estrofas como primeiros versos do par seguinte, e os segundos deste como primeiros do seguinte, e así sucesivamente.
  • Refrán: é un verso que se repite ao final de cada unha das estrofas.

Tipos de cantigas de amigo

Atendendo aos aspectos temáticos e ambientais, estas cantigas presentan os seguintes subxéneros:

  • Bailadas: unha rapaza expresa a alegría que lle produce o namoramento e convida as compañeiras a bailar.
  • Barcarolas ou mariñas: presentan o mar como elemento común (ambiental, de diálogo da rapaza coas ondas do mar etc.).
  • Cantigas de romaría: desenvólvense ao pé dunha ermida un día de romaría cando se produce, ou se desexa, o encontro entre a rapaza e o amigo.
  • Albas ou alboradas: están localizadas nesa hora do amencer cando os amantes se separan.

Conceptos de Análise Textual e Lingüística

Elementos da narración

Narrar é contar historias reais ou ficticias protagonizadas por uns personaxes situados nun espazo e nun tempo determinados. Á hora de construír unha historia é moi importante a estrutura da narración, así como a voz narradora e o punto de vista.

  • Os personaxes: son os que protagonizan as accións. Segundo sexa a súa importancia na historia poden ser principais (protagonistas e antagonistas) ou secundarios. Tamén poden ser reais, ao se corresponder coa realidade, ou imaxinarios, froito exclusivo da fantasía. Así mesmo, dende un punto de vista psicolóxico poden ser planos, se non evolucionan ao longo da historia, ou redondos, se van mudando ao longo do relato.
  • O espazo: é o lugar onde se sitúan os feitos narrados. Os espazos narrativos poden ser exteriores ou abertos e interiores ou pechados.
  • O tempo: é o período durante o cal se desenvolven as accións. Debemos distinguir o tempo externo (a época en que se sitúa a narración) e o tempo interno (o tempo que duran os acontecementos narrados na historia).

A estrutura narrativa

A estrutura dunha narración refírese á forma e á orde en que se presentan os acontecementos narrados. Diferénciase entre:

  • Estrutura externa: refírese aos capítulos ou partes nas que se divide o escrito e que xeralmente están indicados nun índice.
  • Estrutura interna: refírese á orde dos sucesos narrados.

A estrutura interna, á súa vez, pode ser lineal (introdución, nó e desenlace) ou non lineal, rompendo a orde con técnicas como a prolepse (saltos cara adiante), a analepse (saltos cara atrás), a narración in media res (comeza no medio da historia) e a técnica de contrapunto (varias historias crúzanse).

Relacións semánticas entre palabras

As relacións semánticas son as que se producen entre as palabras dende o punto de vista do significado.

Relacións de afinidade semántica

  • Sinonimia: Palabras distintas que teñen un mesmo significado (ex: fermosa e bela).
  • Polisemia: Unha palabra é polisémica cando ten varios significados. No dicionario hai unha soa entrada con distintas acepcións (ex: golpe: 1. Choque violento. 2. Batedura coa man ou cun pau. 3. Efecto dunha contusión...).
  • Homonimia: Cando varias palabras teñen un mesmo significante e distintos significados. As palabras teñen entradas diferentes no dicionario (ex: banco, asento; e banco, entidade financeira).

Relacións de oposición semántica

  • Antónimos: A oposición ten unha gradación (entre quente e frío hai outras temperaturas).
  • Complementarios: A afirmación dun termo supón a negación do outro (algo que está acendido non está apagado).

Relacións de xerarquía semántica

  • Hiperonimia: Relación que se establece entre un termo xenérico e varios específicos (animal é hiperónimo de can, gato, lebre, serpe, balea...).
  • Hiponimia: Relación establecida entre os termos específicos e un termo xenérico (can, gato, lebre, serpe, balea... son hipónimos de animal).
  • Cohiponimia: Relación que se establece entre os termos dun mesmo nivel xerárquico (entre can, gato, lebre, serpe e balea establécese unha relación de cohiponimia).

Análise morfolóxica: lexemas e morfemas

As palabras están formadas polos seguintes elementos:

  • Lexema ou raíz: É a parte que achega o significado léxico e a súa presenza é obrigada en todas as palabras (pian-ista, sol).
  • Morfema: É unha parte da palabra que pode achegarlle significado gramatical (xénero, número etc.) ou completar o seu significado léxico (en in-mortal o prefixo in- achega o significado de 'negación').

Os morfemas poden ser de dous tipos:

  • Flexivos: Son os morfemas de xénero e número (pasteleiro / pasteleira; soles).
  • Derivativos: Son os morfemas que, ligados ao lexema, forman palabras novas. Poden ser prefixos (antes do lexema: en-latar) ou sufixos (despois do lexema: pastel-aría).

Clases de palabras segundo a súa morfoloxía

Segundo a súa morfoloxía, as palabras poden ser dos seguintes tipos:

  • Palabras simples: Formadas por un único lexema. Poden conter tamén morfemas flexivos (gato, gata, gatos, gatas).
  • Palabras derivadas: Formadas por un lexema e por morfemas derivativos (casal, caseiro, casais, caseiros, caseiras).
  • Palabras compostas: Formadas por, cando menos, dous lexemas (paraugas).
  • Palabras parasintéticas: Formadas por dous ou máis lexemas e por morfemas derivativos (alaranxado, embarcar, botafumeiro).

Contexto Lingüístico: A Familia Románica

A nosa familia lingüística: as linguas románicas

Os romanos foron estendéndose dende a actual cidade de Roma, primeiro para defenderse dos pobos veciños e despois para ampliar o seu territorio. Neste proceso de expansión levaron consigo a súa lingua, non o latín culto dos grandes escritores, senón o latín que falaban os soldados e a xente do pobo, coñecido como latín vulgar. Deste derivan os idiomas que falamos hoxe na Península Ibérica (excepto o éuscaro) e moitos outros do resto de Europa: francés, occitano, franco-provenzal, romanche, ladino, friulano, italiano, romanés, sardo etc. Todos eles conforman a familia románica ou neolatina. De aí que, sen coñecementos previos, nos resulte máis fácil entender o italiano ca o alemán, por exemplo.

A fragmentación do latín vulgar

Os romanos chegaron á Península no século III a.C., e no IX d.C. na Península xa non se falaba latín vulgar. Este fragmentouse e deu lugar en cada zona a unha lingua distinta. As evolucións diferentes débense tanto á influencia das linguas que existían antes da chegada dos romanos (substrato) como ás linguas coas que o latín vulgar estivo en contacto posteriormente, a raíz da desaparición do Imperio Romano (superestrato).

O catalán: unha lingua románica

O catalán é lingua cooficial, xunto co castelán, nas Illas Baleares, en Cataluña, na Comunidade Valenciana e no Val de Arán. Tamén se fala nalgunhas zonas de Aragón e Murcia.

O dominio lingüístico da lingua catalá

A lingua catalá fálase en catro estados: España, Andorra, Francia (comarcas do Roselló, Vallespir, Conflent e Alta Cerdanya) e Italia (na cidade de Alguer e na illa de Sardeña). En todos estes territorios, calcúlase que máis de sete millóns de persoas son capaces de falar catalán e máis de nove millóns, de entendelo.

A variación lingüística do catalán

No dominio lingüístico do catalán fálanse diferentes variedades xeográficas que se agrupan en dous grandes bloques dialectais: o oriental e o occidental.

  • O bloque oriental está formado polo rosellonés, o central, o balear e o alguerés.
  • O bloque occidental fórmano dous dialectos: o noroccidental e o valenciano.

Entradas relacionadas: