O Rexurdir do Teatro Galego: As Promocións dos 80 e 90
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,03 KB
O Teatro Galego na Actualidade: Da Consolidación ás Novas Promocións
Tras os avances iniciados polas Mostras de Teatro de Ribadavia (1973-1980), o noso teatro camiña nas últimas décadas cara á súa consolidación, tanto como xénero literario como industria cultural.
Desenvolvemento do teatro actual
Este proceso de consolidación maniféstase en varios aspectos clave:
- Consolidación de compañías e grupos profesionais.
- Aparición das primeiras salas estables de teatro e de circuítos teatrais que permiten a presenza periódica das compañías ao longo do país.
- Proliferación de festivais e certames de teatro, de premios dedicados á produción dramática (premio Rafael Dieste, premio Álvaro Cunqueiro, premios María Casares...), de coleccións dedicadas á publicación de textos teatrais (Cadernos da EDG, Biblioteca do Arlequín...) e de revistas especializadas (Revista Galega de Teatro, Casahamlet, Paraíso...).
- Nacemento de centros de formación teatral, como Casahamlet (A Coruña), Aula Aberta (Compostela) ou, máis recentemente, a Escola Superior de Arte Dramática (en Vigo, de titularidade pública).
Seguindo o camiño de renovación formal e de contidos dos «mestres de Ribadavia» (Ruibal, Lourenzo e Bolaño), unha nova serie de autores dramáticos xorde nestes anos. Dentro da súa heteroxeneidade, adoitan ser agrupados en dúas promocións: a dos 80 e a dos 90.
A Promoción dos 80
Son autores cunha vinculación menor ao mundo da representación, xa que poucos deles son actores ou directores. Polo xeral, os seus textos teñen unha forte carga simbólica e cultista; hai un frecuente recurso ao metateatro (teatro dentro do teatro), á ironía e á parodia. Entre os dramaturgos desta promoción están Xesús Pisón, João Guisán Seixas, Miguel Anxo Fernán Vello e Roberto Salgueiro.
Xesús Pisón (1957)
Nado en Ferreira do Valadouro (Lugo), entre as súas principais obras están O pauto (1983), Ei, Feldmülhe! (1991) ou Venenos (1994). Todas elas destacan polo enfoque satírico, esperpéntico e acedo co que aborda as dificultades das relacións humanas, a incomunicación ou a hipocrisía social. Desde o punto de vista formal, no persoal teatro de Pisón a crítica adoita salientar o coidado uso da lingua, a teatralidade das situacións e o logrado ritmo escénico.
A Promoción dos 90
Estes autores están estreitamente vinculados ao espectáculo teatral (son actores, directores, moitas veces das súas propias compañías). Isto condiciona a produción dos seus textos, que escriben directamente para levalos á escena. Así, adoitan crear pezas de ton menos experimental, cunha estrutura coidada pero sinxela e cun simbolismo máis atenuado. Algúns dos autores desta promoción son Gustavo Pernas, Raúl Dans, Quico Cadaval, Cándido Pazó, Inma António Souto, Ánxeles Cuña e Rubén Ruibal.
Gustavo Pernas (1959)
O teatro deste autor de Viveiro (Lugo) caracterízase por un claro afán innovador, que se manifesta, por exemplo, na ruptura do concepto tradicional do argumento. A simplificación temática e estrutural fai que, en lugar dunha historia habilmente trabada, calquera encontro circunstancial poida dar corpo á obra. Así o vemos en Comedias paranoicas (2000), Footing (2001) ou Paso de cebra (2004). Algúns dos seus temas recorrentes son a soidade, a incomunicación e a deshumanización.
Cándido Pazó (1960)
Nado en Vigo, a dramaturxia de Pazó oscila entre a comedia áxil, con matices absurdos e non exenta de crítica social, como en O bululú do linier (1998) ou Ñiquiñaque (2000), e o tema histórico, en Raíñas de pedra (1991) ou García (2005). Na forma, destaca o seu exquisito tratamento da lingua, combinando rexistros cultos cos coloquiais.