O Rexurdimento en Galiza (S. XIX): Contexto Histórico, Evolución do Galeguismo e Figuras Clave

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 14,57 KB

Contexto Histórico: Galiza no Século XIX

Situación Socioeconómica e Demográfica

  • Galiza era no século XIX unha sociedade principalmente rural. Os principais sectores económicos eran a agricultura e a pesca.
  • A industria presentaba un papel moi pouco relevante.
  • Sen terras de seu e afogados polos foros e outros impostos, os labregos galegos deciden emigrar.

Situación Política

  • 1808: Invasión das tropas napoleónicas.
  • 1812: Constitución de Cádiz.
  • 1814: Fernando VII volve ao poder. Restablece o absolutismo.
  • 1833: Morre Fernando VII.
  • 1868 - 74: Sexenio Revolucionario.
  • 1873: I República española.
  • 1875: Restauración borbónica. Turnismo.

O Galeguismo: Provincialismo e Rexionalismo

O movemento galeguista pasa por diferentes fases:

A. O Provincialismo

  • Ata 1833 mantívose o Reino de Galiza como unidade territorial dentro da Coroa Española. Nese ano establécese unha nova división territorial do Estado que fai que Galiza deixe de existir como unidade política ao ser dividida en catro provincias.
  • Isto provoca o nacemento do provincialismo.

B. O Rexionalismo

  • Na década de 1880 aparece un movemento de carácter rexionalista, que considera Galiza unha rexión diferenciada dentro do Estado español e defende o dereito a certa autonomía política e administrativa.
  • Os rexionalistas sustentan o diferencialismo do pobo galego na historia e na pervivencia dunha lingua e cultura propias.
  • O idioma foi un aspecto clave do rexionalismo, promovendo e difundindo o uso do galego.
  • Dentro do movemento rexionalista diferenciábase unha liña ou sector máis liberal e outro máis conservador.
  • Os principais líderes do Rexionalismo foron Alfredo Brañas e Manuel Murguía.

C. O Nacionalismo

A partir do século XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista entramos nunha nova etapa do galeguismo: o nacionalismo.

A Lingua Galega no Século XIX

Axentes da Castelanización

Durante o século XIX, vai avanzando o proceso de castelanización da sociedade galega. Isto está motivado por novos factores sociais que se van convertendo en novos axentes castelanizadores:

  1. Escola: Esténdense as escolas de educación primaria e amplíase o número de persoas que acceden ao ensino. A escola establece a marxinación de calquera idioma que non sexa o castelán.
  2. Administración: Refórzase o aparello administrativo do novo Estado. Créanse, por exemplo, as deputacións provinciais, os concellos… Todas as entidades administrativas marxinan totalmente a lingua galega. A lingua única da administración é o castelán.
  3. Prensa Escrita: A amplísima maioría dos medios de comunicación escritos que xorden neste século están en castelán.
  4. Burguesía: Ao longo do século XIX instálanse en Galiza moitos burgueses (comerciantes, armadores, empresarios…) de orixe foránea (cataláns, maragatos, etc). A súa lingua é o castelán.
  5. Emigración: Por último, aínda que en menor medida, na castelanización influíu tamén a emigración de galegos a países de fala hispana.

Valoracións e Ámbitos de Uso do Galego

A lingua galega vive no século XIX fenómenos contrapostos, uns de carácter negativo e outros certamente positivos:

Aspectos Negativos

  1. Perda de Falantes: O galego perde falantes a un ritmo cada vez máis pronunciado, en favor do castelán.
  2. Lingua Dominada: O galego está moi lonxe de ser unha lingua normalizada, segue excluída de moitos ámbitos coma a Administración, a Educación, etc.
  3. Prexuízos Lingüísticos: Ao longo do século XIX, increméntanse as actitudes despectivas cara ao galego e os prexuízos sobre as súas capacidades e características. O galego estaba asociado ao atraso, á incultura, etc…

Aspectos Positivos

  1. Lingua Maioritaria: Continúa a ser a lingua maioritaria da poboación galega. En liñas xerais, as capas altas da sociedade e as clases medias das cidades falan en castelán.
  2. Lingua Literaria e de Cultura: Despois de tres séculos afastado da escrita, o galego recupera a categoría de lingua literaria e de cultura, da man de escritores da dimensión e calidade de Rosalía de Castro.
  3. Defensa do Idioma Galego: Unha minoría culta formada polos intelectuais vinculados ao Rexurdimento e ao Rexionalismo trata de frear estas consideracións negativas sobre as calidades do idioma galego.

Obxectivos do Rexurdimento

  1. Mudar as consideracións negativas con respecto á lingua galega.
  2. Ampliar os ámbitos de uso da lingua galega.
  3. Estudar e depurar a lingua galega.
  4. Reivindicar o pasado histórico e o carácter de Galiza como pobo.

Etapas do Rexurdimento

Período Precursor (Ata 1862)

Engloba a obra de autores que participaron ou simpatizaron, en maior ou menor medida, co movemento provincialista e que usaron o galego antes de que fose publicado Cantares Gallegos: Antonio Benito Fandiño, Nicomedes Pastor Díaz, Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos…

Rexurdimento Pleno (A partir de 1863)

Este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do século XIX galego: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Con eles, ponse en pé un sistema literario galego autónomo e chegan a acadarse altas cotas de calidade literaria.

Os Precursores

Antonio Benito Fandiño

É autor da obra de teatro en verso A Casamenteira, que trata o tema dos casamentos amañados ou por interese, denunciando estas prácticas habituais na época.

Nicomedes Pastor Díaz

En galego escribiu os poemas:

  • “A Alborada”, poema amoroso que se desenvolve á alba.
  • “Égloga. Belmiro e Benigno”, poema dialogado no que os pastores Belmiro e Benigno conversan sobre as súas tristuras de amor.

Francisco Añón

O seu poema máis destacado é “A Galicia”, que gañou un premio nos Xogos Florais (un concurso poético) da Coruña de 1861. No poema preséntasenos a Galiza sumida nun profundo soño do que debe espertar para así recuperar a importancia que tivo noutras épocas.

Xoán Manuel Pintos

É autor d’ A gaita gallega, unha obra na que mestura a prosa e o verso e o castelán, o galego e o latín. A obra foi pensada como un método de aprendizaxe e exaltación da lingua galega. Aparecen dous personaxes:

  • O gaiteiro galego.
  • O tamborileiro de fóra.

Os dous personaxes van reflexionando sobre a gramática e a fonética do galego, mais tamén sobre o desprezo que existe cara a el na sociedade. Así mesmo, inclúense partes sociais nas que se trata o tema da emigración, as fames, o autoodio…

Rosalía de Castro

Obras

A obra escrita por Rosalía en galego consta de dous libros de poesía: Cantares Gallegos e Follas Novas. Rosalía foi tamén unha prolífica autora en castelán, con títulos de poesía coma La Flor ou En las orillas del Sar e tamén de narrativa coma La hija del mar.

Cantares Gallegos

  • Cantares Gallegos saíu á luz o 17 de maio de 1863.
  • A obra consta de 36 poemas.
  • Todas as composicións están vinculadas a unha cantiga popular que Rosalía reproduce e glosa. A escritora segue o modelo empregado polo escritor vasco Antonio Trueba, no seu Libro de los cantares (1852).

Os 36 poemas van precedidos por un Prólogo no que Rosalía explica os motivos que a levaron a escribir este poemario en galego. A autora perseguía tres obxectivos:

  1. Reivindicar a validez da lingua galega para a escrita.
  2. Denunciar a marxinación que padece Galiza e a explotación á que se ven sometidos os seus habitantes.
  3. Combater a imaxe negativa de Galiza que se tiña na época.

Temáticas

  1. Poema inicial e poema final:
    • No primeiro poema da obra, unha voz poética que podemos identificar como a autora pídelle a unha meniña gaiteira que cante en lingua galega (“na lengua que eu falo”). A rapaza acepta esa petición e comeza a “cantar” os Cantares Gallegos.
    • No derradeiro poema, que serve de despedida, volve aparecer a meniña gaiteira, que se escusa por ter cantado con pouca graza toda a fermosura de Galiza: “eu cantar, cantar, cantei, a grasia non era moita”.
  2. Poemas de temática costumista:
    • Nestes poemas, Rosalía busca reflectir a idiosincrasia, a personalidade colectiva, do pobo galego. Neles recréanse aspectos da vida cotiá tradicional: romarías, supersticións, traballos no campo, personaxes populares…
    • Exemplos: A Virxe da Barca, Un repoludo gaiteiro.
  3. Poemas de temática social:
    • Nestes poemas, Rosalía trata e denuncia a situación social que vivían os galegos nese tempo: a pobreza do campesiñado, a imaxe negativa e os desprezos cara o pobo galego, o drama da emigración…
    • Exemplos: Adiós ríos, adiós fontes, Pobre Galicia.
  4. Poemas de temática intimista:
    • Nestes poemas, Rosalía expresa vivencias e sentimentos persoais, como a saudade, a lembranza dos antepasados e da infancia, o medo… Séntese unha persoa marcada pola soidade e pola desgraza.
    • Exemplos: Campanas de Bastabales, Aló nas tardes serenas.

Follas Novas

  • Follas Novas saíu á luz no ano 1880.
  • A obra consta dun prólogo en prosa e 137 poemas, clasificados en cinco apartados:
  1. Vaguedás (20)
  2. Do íntimo (36)
  3. Varia (40)
  4. Da terra (9)
  5. As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos (31)

No prólogo de Follas Novas, Rosalía explica que os poemas desta obra xa foran escritos con bastante anterioridade á súa publicación (dez anos antes) e confesa ademais que non era a súa intención publicalos, senón que o facía a desgusto e obrigada “por vellos compromisos”.

Rosalía advírtenos tamén de que Follas Novas é un poemario diferente de Cantares Gallegos, invadido por un ton máis pesimista, no que se reflexa o “estado do seu espírito”. Por outra banda, ademais de poesía intimista, no propio prólogo tamén se introduce a outra liña poética que encontraremos na obra: poesía social e reivindicativa, na que Rosalía mostra a súa solidariedade co pobo galego e cos seus problemas, especialmente coas mulleres campesiñas.

Tipos de Poesía

  • Poesía intimista: Invadida polo pesimismo, reflexa sentimentos coma o desacougo, a saudade, a intranquilidade, o paso do tempo, a perda da ilusión e dos soños, o desamor… (Presente en Vaguedás, Do íntimo, Varia).
  • Poesía social e reivindicativa: Denúnciase o atraso económico de Galiza, o drama da emigración… Céntrase especialmente na situación das mulleres campesiñas, por quen mostra a súa admiración e con quen se solidariza. (Presente en Varia, Da terra, As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos).

Temáticas

  1. Poema inicial e poema final.
  2. Poemas de temática costumista.
  3. Poemas de temática social.
  4. Poemas de temática intimista.

Manuel Curros Enríquez

Aires da Miña Terra

Estrutura

A obra está formada por un conxunto de poemas heteroxéneos, encadrados entre unha “Introdución”, que ten por obxecto xustificar o emprego do galego (“O cristo das linguas”) e unha “Encomenda final”, onde deixa sentado o seu compromiso cívico.

Temática

Podemos distinguir tres grandes liñas temáticas: a liña social, a liña intimista e de circunstancias e a liña costumista.

Curros tiña como obxectivo denunciar a opresión e defender ou reivindicar a liberdade e a democracia ante as inxustizas. Os temas tratados son: a tiranía, o fanatismo relixioso e os privilexios da Igrexa (“A igrexa fría”), as penosas condicións dos labradores galegos (“O maio”), a ignorancia, os abusos de poder...

Liña Intimista e de Circunstancias

Nestas composicións recolle momentos claves da súa vida, positivos ou negativos e, en ocasións, unha visión desesperanzada e angustiada da vida. Algúns temas:

  • A angustia e a soidade: “Tempro deserto”.
  • O nacemento dun fillo: “Ben chegado”.
  • A morte doutro: “Ai!”
  • A morte da nai: “Na morte da miña nai”.

Liña Costumista

Confórmana os tres poemas longos que encabezan o libro e cos que Curros gañou un Certame poético en 1877: “A Virxe do Cristal”, “Unha voda en Einibó”, e “O gueiteiro de Penalta”. Quizais o máis significativo sexa o primeiro, malia que nas súas palabras, nada do que nel se ve “é seu”.

O Divino Sainete

Características

É un longo poema narrativo, en tercetos octosilábicos, de carácter satírico-burlesco.

Temática

Utiliza os moldes temáticos da obra do italiano Dante, A divina comedia, na que este autor é guiado por Virxilio polos círculos do Purgatorio ata chegar ao Paraíso. Curros é guiado na súa peregrinación a Roma, para gañar o xubileu, polo poeta Añón. Viaxan nun tren de sete vagóns que simbolizan os sete pecados capitais.

Obxectivos

  • A crítica da Igrexa Católica, as institucións do goberno e os sectores máis reaccionarios da sociedade.
  • A defensa das principais figuras do Rexurdimento.
  • A sátira de inimigos persoais, como o Bispo de Ourense ou Emilia Pardo Bazán.

Entradas relacionadas: