O Rexurdimento Galego no Século XIX: Historia, Cultura e Identidade
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,48 KB
O Século XIX: O Rexurdimento da Cultura Galega
O século XIX supuxo unha novidade con respecto aos séculos anteriores, xa que se produciu un rexurdimento da lingua e literatura galegas. Trátase dun proceso lento e gradual, que atopou o seu momento culminante no último terzo do século. As causas disto hai que buscalas nas circunstancias histórico-políticas do momento, especialmente no nacemento dun movemento que agromaría co nome de Provincialismo e que evolucionaría ata dar orixe, na segunda década do século XX, ao Nacionalismo. Esta corrente ideolóxica tiña como principal axioma a defensa dos intereses e da identidade galega, xurdindo cando o novo Estado liberal español ameazaba, pola súa tendencia unificadora, os principais sinais de identidade dos galegos: costumes, música, lingua...
1. Contexto Histórico-Social
Ao longo do século XIX, a situación política foi convulsa e inestable. En 1808 produciuse a Guerra da Independencia contra os franceses. Aínda que nun primeiro momento non se manifestou en Galicia un sentimento antifrancés, rapidamente comezaron a aparecer os síntomas de insurrección nas diversas capas da sociedade: o clero e a fidalguía vían en perigo os seus privilexios e o campesiñado estaba preocupado pola confiscación de colleitas e a creación de novos impostos por parte da administración napoleónica. Ante esta situación, os labregos, liderados polas clases altas (clero e fidalguía), souberon organizarse con rapidez e conseguiron derrotar os franceses.
Neste contexto, os liberais promoveron nas Cortes de Cádiz a elaboración da Constitución de 1812 e unha serie de decretos que desmantelaban parte da estrutura do Antigo Réxime. Pero, en 1814, Fernando VII volveu ao poder, derrogou a Constitución e restaurou o absolutismo. Esta situación mantívose ata a morte do monarca, en 1833, cunha única interrupción constituída polo Trienio Liberal (1820-1823). Tras os conflitos sucesorios e as guerras carlistas, Isabel II subiu ao trono. Anos despois, as tensións que se foron xerando desembocaron na Revolución de 1868, que iniciou o chamado Sexenio Revolucionario. No cadro deste sexenio instaurouse a Primeira República (1873), período en que se abordaron algúns problemas do país, aínda que a efémera duración do sistema impediu a concreción de iniciativas. En 1874, un pronunciamento militar provocou a volta ao réxime monárquico e marcou o inicio da chamada Restauración.
Desde 1875, o panorama político caracterizouse pola alternancia pactada no goberno de conservadores e liberais, no contexto dun sistema caciquil. Económica e socialmente, a sociedade galega definíase polo seu carácter rural e empobrecemento. O 80% da poboación vivía no campo. A economía dependía case en exclusiva da agricultura. A maioría dos campesiños non eran donos das terras que traballaban, senón que as tiñan arrendadas polo vello sistema do foro, que os obrigaba a pagarlles unha parte da súa produción aos propietarios (nobres, eclesiásticos e fidalgos), ou aos intermediarios destes. A Desamortización de Mendizábal (1837) non solucionou o problema, pois os labregos non posuían medios para adquirir as terras e tiveron que seguir pagando rendas, ademais doutros impostos como os tributos ao Estado, entre outros impostos.