O Rexurdimento Galego: Claves da Recuperación Cultural e Lingüística de Galicia

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,65 KB

O Rexurdimento: Definición e Impacto Cultural

O Rexurdimento foi un movemento cultural, social, pero sobre todo literario, que se desenvolveu na segunda metade do século XIX co obxectivo de dignificar a identidade galega. Isto significaba conseguir un poder político e administrativo propio e recuperar o idioma galego.

Este movemento inaugurouse coa publicación literaria en 1863 da primeira obra escrita integramente en galego, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, e rematou coa creación das Irmandades da Fala en 1916. Na literatura alcanzáronse os maiores logros, xa que Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, principais autores deste movemento, expresaron de forma brillante nas súas obras a conciencia cívica da época e as inquedanzas do país.

Contexto Sociohistórico do Rexurdimento Galego

Todo o século XIX sufriu unha grande inestabilidade política cunha constante alternancia no poder entre moderados e progresistas ata 1868, ano en que comeza o Sexenio Revolucionario, que dá paso á Primeira República Española (1873-1874). Deseguido, prodúcese a Restauración Monárquica con Afonso XII e a volta da alternancia entre conservadores e liberais.

A Galicia destes anos sufrirá dúas grandes lacras:

  • A implantación do poder central nas redes caciquís para impoñer os seus intereses.
  • A perpetuación, durante o século XIX, do sistema foral que regulaba a propiedade da terra, do que continúan a tirar boas rendas a fidalguía e o clero.

Isto provoca un progresivo empobrecemento das clases populares, que fai que consideren a emigración como a única saída para tratar de mellorar os seus problemas. É por estes anos cando unha burguesía foránea crea as primeiras industrias e fábricas de salgadura (antecedentes das actuais conserveiras), aínda que eran excepcións no mundo agrario, xa que o desenvolvemento económico que se estaba a producir noutras zonas do estado aquí apenas se deu.

A Situación da Cultura e da Lingua Galega

A mediados do século XIX apareceron as primeiras publicacións periódicas, que tamén introduciron os textos en galego. Máis habería que esperar ata os anos 70 para ver xornais e revistas monolingües en galego que contribuíron a unha maior difusión do ideario do Rexurdimento.

Foi tamén moi importante a publicación de cadansúa Historia de Galicia a cargo de Benito Vicetto e Manuel Murguía, cuxo obxectivo era demostrar a vixencia da nación galega ao longo dos séculos. Xorden, ademais, as primeiras gramáticas, como a de Saco e Arce, e os dicionarios do idioma galego de Marcial Valladares, que evidenciaban o traballo inxente destes intelectuais por unha recuperación culta do idioma galego. Igualmente destacadas foron as primeiras editoriais galegas creadas na Coruña: Libraría Galega, de Uxío Carré, e Biblioteca Galega, de Martínez Salazar.

O Novo Pensamento e o Galeguismo

O Galeguismo

A partir de 1860, como parte do proceso unificador do estado, nace entre algúns intelectuais o Galeguismo, movemento político, social e cultural que pretende recuperar a identidade galega e atribuírlle poder político. Este proceso tivo varias fases:

O Provincialismo (1840-1868)

A partir de 1833, Galicia quedou dividida nas catro provincias actuais fronte ás sete do Antigo Reino de Galicia, en vixencia ata ese momento. Esta división provocou como reacción unha insurrección militar en 1846 e o nacemento dun movemento político chamado Provincialismo, que reivindicaba Galicia como unha única provincia con unidade administrativa, social, cultural e económica.

O Federalismo (1869-1881)

Movemento ligado ás ideas republicanas que chegou a redactar un proxecto de constitución para o estado galaico. O seu desenvolvemento rematou coa Restauración Monárquica.

O Rexionalismo (1881-1926)

Este movemento desenvolveuse parello aos homónimos catalán e vasco, que tamén bebían de fontes románicas e liberais. Houbo dúas liñas:

  • A corrente liberal, de carácter progresista, que apoiou intelectualmente o Rexurdimento, liderada por Manuel Murguía.
  • A corrente tradicionalista, de carácter conservador, que tamén compartía o centralismo, liderada por Alfredo Brañas.

Entradas relacionadas: