O Rexurdimento e as Vangardas na Literatura Galega
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 9,08 KB
Continuidade e Renovación
Nos primeiros anos do século XX, autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire continuaron as liñas poéticas que se iniciaran no Rexurdimento. Mais, ao pouco, dous movementos sociais e ideolóxicos, o agrarismo e o nacionalismo (Irmandades da Fala), favorecerán a superación dos vellos esquemas e a apertura aos movementos literarios da época. Arredor das Irmandades aglutináronse os principais autores: López Abente, Victoriano Taibo, Crecente Vega… sendo as dúas figuras máis importantes: Noriega Varela e Ramón Cabanillas. Os dous, especialmente o último, supoñen unha ponte entre a literatura decimonónica e a das vangardas.
Noriega Varela
A súa poesía presenta dúas vertentes:
- Poesía de carácter costumista e ruralista, moi influída polos poetas de finais do século XIX, caracterizada pola temática paisaxística, os costumes, as tradicións, a ruda vida dos campesiños e o uso da métrica popular.
- Poesía de carácter máis culto e refinado, cunha clara influencia dos poetas clásicos latinos, do modernista Rubén Darío e dos poetas saudosistas portugueses. É unha poesía máis elaborada, con lingua e estrofas cultas (21 magníficos sonetos), na que, sen abandonar os motivos da paisaxe montañesa, abandona o costumismo e adopta unha perspectiva impresionista. Convértese en poeta das “humildes cousas que ninguén olla” - a raiola, as flores do toxo, as fontes, as pucharcas... cunha actitude franciscanista de amorosa tenrura e atracción polo humilde e polo aparentemente insignificante.
O Teatro Galego
1) Teatro Rexional
En 1903 os rexionalistas crearon, para fomentar a produción teatral, a Escola Rexional de Declamación. Aínda que a escola só durou até 1905, representou diversas obras, entre as que destaca A ponte (1903) de Lugrís Freire, anticaciquil e rompedora por ser o primeiro drama galego en prosa e por empregar un galego contemporáneo. Desde 1915 en toda Galicia creáronse coros e agrupacións folclóricas que declamaban ou representaban pequenas pezas teatrais sen complicacións escénicas.
2) O Teatro das Irmandades da Fala
As Irmandades, que entendían o teatro como un importante vehículo pedagóxico e de intervención social, fundaron en 1919 o Conservatorio Nacional do Arte Galego (CNAG), que se estreou coa comedia de Cabanillas, A man de Santiña, (1921). Nin caciques, nin meigas, nin labregas en perigo: a obra acabou cos tópicos da época anterior ao presentar, por primeira vez, a lingua galega falada nas clases altas e nun ambiente distinguido. No seo das Irmandades había dúas tendencias na creación dramática:
- Unha corrente conservadora, fiel ao teatro finisecular, social costumista e histórico (Xesús San Luís Romero, Xavier Prado Lameiro...).
- Unha corrente renovadora que aposta por un teatro máis moderno e culto. Destacan:
- Ramón Cabanillas, autor da citada A man de Santiña e, en colaboración con Villar Ponte, de O Mariscal (1926), obra en verso de inspiración modernista que transmite a ideoloxía nacionalista das Irmandades a través da figura do mariscal Pardo de Cela.
- Antón Villar Ponte escribiu, entre outras, Almas mortas, que denuncia a influencia desgaleguizadora da emigración americana e o folk-drama Evanxeos da risa absoluta.
- Cotarelo Valledor, autor de moitas pezas que de temática rural, mariñeira, palaciana e tamén histórica (Hostia).
- Leandro Carré Alvarellos, defensor dun teatro urbano e refinado e autor de máis de 50 obras, entre as que destacan Tolerías e O pecado alleo.
3) O Teatro das Vangardas
Aos moitos problemas que xa de por si tiña o teatro galego, engadiuse na Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) a represión que sufriu. O principal dramaturgo vangardista foi Rafael Dieste, introdutor da dramaturxia galega na modernidade. Achegou o teatro ás artes plásticas e estilizouno. Todo na obra ten significado: movemento, luz, decorado, pausas... todo ten valor simbólico. Dieste, ademais da obra breve O drama do cabalo de axedrez, escribiu a peza máis representada naquel período: A fiestra valdeira (1927), comedia simbolista na que se expón o conflito entre un indiano que volve rico da emigración e a súa familia que se avergonza da súa orixe humilde, polo que o convencen para falsificala simbolicamente a través dun retrato que encargou que lle pintaran. Supón unha reflexión sobre a identidade individual e colectiva.
4) O Teatro do Grupo Nós
Foron os membros de Nós os que elevaron o teatro galego ás cotas máis altas coñecidas até entón, ao achegaren o noso teatro a movementos modernos como o simbolismo, o surrealismo e o expresionismo, sen esquecer elementos culturais propios como o celtismo e o atlantismo. Seguindo o modelo do “teatro da arte” prestan grande atención a todos os compoñentes do espectáculo: linguaxe, mímica, música, pintura, iluminación...
- Vicente Risco, autor dunha soa obra teatral, O bufón de El-Rei (1928), drama que se desenvolve na época medieval e na que fai unha reflexión sobre a relación entre a deformidade física e a deformación moral.
- Otero Pedrayo neste período escribiu dúas obras de teatro: A lagarada (1929), traxedia que supuxo un paso de xigante na dramaturxia galega ao introducir digresións líricas e elementos fantásticos, e Teatro de máscaras (1975), conxunto de pezas de tendencia simbolista nas que repite os seus motivos característicos: a fidalguía, o progreso, a morte, a referencia a culturas estranxeiras...
Outras iniciativas culturais
- En 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG), vello soño dos galeguistas que, por fin, se fai realidade. Pero será coa aparición das Irmandades da Fala (IF) en 1916 cando comezará a emerxer a nosa cultura en ámbitos até entón practicamente exclusivos do castelán: en conferencias, na radio, na liturxia, na escola, na propaganda política e comercial... As Irmandades, creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, formulan tamén na “I Asemblea Nazonalista Galega” (Lugo, 1918), un plan máis amplo de recuperación política, social e económica do país e van ter dous grandes obxectivos: autonomía para Galicia e a oficialidade do galego. O labor das Irmandades foi moi intenso: crearon revistas (A Nosa Terra, Nós…), editoriais (Lar, Céltiga…), potenciaron o teatro, o ensaio e moitas outras actividades encamiñadas a dinamizar a lingua e a cultura de Galicia.
- En 1920 nace en Ourense a revista “Nós” integrada por Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas, conta coa colaboración de Castelao e outros máis. A revista pretende servir de canle de expresión para a posta ao día e potenciación da cultura galega, até entón case limitada á lírica e moi centrada no localismo (ruralismo, costumismo). Para actualizar, normalizar e universalizar a cultura galega, “Nós” recolle nas súas páxinas colaboracións de autores estranxeiros, traducións, noticias do que facían noutras literaturas, e abordaban contidos de arqueoloxía, xeografía, antropoloxía, socioloxía, filosofía, música…, demostrando na práctica a validez do galego en todo tipo de ámbitos.
- Precisamente, coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos (SEG) vaise potenciar o uso do galego na prosa científica e técnica. O Seminario pon de manifesto a preocupación dun sector do mundo universitario por Galicia, que será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social, político, cultural…
A Segunda República e o Galeguismo
Coa chegada da 2ª República (1931), o galeguismo vaise reagrupar en torno ao Partido Galeguista (PG). O PG pretenderá conseguir a autodeterminación política, a cal se verá materializada na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1936. Este recollía a cooficialidade de galego e castelán na Administración e un ensino bilingüe na escola primaria. Por vez primeira, despois de catro séculos, o galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.
Os prexuízos
Os prexuízos son valoracións baseadas en ideas erradas ou realizadas con descoñecemento do asunto (estereotipos) que se xulga e que teñen como consecuencia actitudes e comportamentos negativos. Os prexuízos non son innatos, senón aprendidos ao longo do proceso de socialización dos individuos, nos que a infancia e a adolescencia son os períodos de maior relevancia. Os principais transmisores son a familia, o sistema educativo, os medios de comunicación e os grupos de iguais. Os prexuízos transmítense principalmente a través do discurso, aínda que tamén por medio das condutas.