Revolución Rusa de 1905: Causas, Eventos e Consecuencias
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,28 KB
Os Inicios da Industrialización en Rusia
A actividade que iniciou o proceso foi a dos ferrocarrís, especialmente o Transiberiano. O Estado xestionou a industrialización e o investimento estranxeiro, practicamente orientada aos sectores pesados. A incipiente industrialización favoreceu a concentración de grandes núcleos industriais, como nos Urais, e a formación de cintos industriais en Ucraína, Moscova e San Petersburgo. Destas cidades industriais xurdiron os grupos obreiros que máis tarde tiveron un papel decisivo no cambio político.
Un Imperio Multiétnico: Rusia Tsarista
O imperio era un conglomerado de pobos, linguas e relixións. Fronte a eles, a autoridade tsarista impuxo unha política de centralización administrativa e de rusificación, isto é, de asimilación forzosa da cultura rusa oficial. Esta postura cristalizou nunha serie de medidas, como a obrigatoriedade de falar e escribir a lingua rusa ou de profesar de xeito forzoso a relixión ortodoxa. Tales imposicións aumentaron o descontento en moitas zonas.
Orixes da Oposición Política ao Tsarismo
A pesar das dificultades impostas polo autoritarismo, foron abríndose paso en Rusia grupos políticos que protagonizaron os cambios acontecidos no imperio e que levaron á desaparición do sistema autocrático tsarista. Estes foron:
- O Partido Constitucional Demócrata, coñecidos como Kadetes, pertencían ás minorías burguesas urbanas.
- O Partido Socialista Revolucionario, que representaba os intereses do campesiñado.
- O Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, que representaba os obreiros industriais e os sectores intelectuais da sociedade. En 1903 produciuse unha escisión en dúas correntes:
- Os Menxeviques eran os socialistas moderados.
- Os Bolxeviques representaban os sectores máis radicais.
As Causas da Crise e a Guerra Ruso-Xaponesa
En 1904, os rusos enfrontáronse aos xaponeses polo control de Corea e Manchuria. En 1905, a frota rusa foi afundida en Port Arthur e o tsar tivo que asinar unha paz desfavorable cos xaponeses. Isto desencadeou as revoltas de 1905 en Rusia.
- O feito de que o Xapón, ata entón unha potencia pequena, vencese á todopoderosa Rusia descubriu a verdadeira natureza dun sistema absolutista incapaz de se enfrontar aos retos da guerra moderna.
- Os sectores privilexiados do tsarismo premeron para manter a guerra, xa que as terras en disputa se revalorizaran coa chegada do ferrocarril Transiberiano.
- Xurdiron voces demandando reformas políticas, como a Duma e a legalización dos partidos políticos. Estas iniciativas atopáronse coa firme oposición dos sectores favorecidos pola autocracia tsarista.
- Ao conflito político sumouse o social, xa que aumentaron as protestas campesiñas e os conflitos dos traballadores urbanos.
- Toda a tensión viuse agravada por unha profunda crise económica.
O Inicio da Revolución: O Domingo Sanguento
O 22 de xaneiro de 1905 o popa Georgi Gapon encabezou unha protesta pacífica composta fundamentalmente por campesiños, mulleres e nenos. A multitude dirixiuse ao Palacio de Inverno de San Petersburgo, que era a residencia do tsar, coa intención de protestar pola suba no prezo do pan. A resposta oficial foi unha dura represión na que faleceron decenas de manifestantes e que é coñecida como Domingo Sanguento. As protestas estendéronse por todo o imperio, o que preparou as condicións para o estoupido da revolución.
A Revolución Rusa de 1905 e os Soviets
A tripulación do acoirazado Potemkin sublevouse ante as ordes dos seus oficiais de bombardear a cidade de Odesa, á beira do Mar Negro. O seu exemplo estendeuse a outras unidades do Exército.
- A protesta estendeuse aos centros industriais en forma de organización comunitaria: os Soviets. Tratábanse de consellos de traballadores con capacidade de decisión e organización.
A revolución foi liderada polo Soviet de San Petersburgo, no que destacou o revolucionario socialista León Trotsky.
Ante a situación creada, o tsar rematou por aceptar as propostas do seu ministro principal, o Conde Witte, e promulgou un decreto imperial coñecido como Manifesto de Outubro, no que se concedían algunhas das demandas dos revolucionarios.
- Recoñecéronse as liberdades civís básicas e concedeuse representatividade á Duma, cuxos integrantes serían elixidos mediante sufraxio universal.
As medidas aprobadas polo tsar pareceron calmar os ánimos, pero os bolxeviques difundiron un novo texto, o chamado Manifesto das Finanzas, no que denunciaban as concesións de Nicolao II como unha manobra para acabar coa revolución.