Revolución Industrial: Industrias Pioneiras e Transportes

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,69 KB

As Industrias Pioneiras

A finais do século XVIII, iniciouse un cambio económico crucial: apareceron as primeiras fábricas, o nacemento da industria moderna. A industrialización estivo acompañada dunha innovación tecnolóxica sen precedentes, a forza humana ou animal foi substituída pola de máquinas. Este desenvolvemento das innovacións técnicas viuse favorecido polas estreitas relacións entre científicos e fabricantes.

A Industria Téxtil Algodoeira

A industria do algodón foi o motor dos cambios. O algodón traballábase en Europa dende a Idade Media: os artesáns fabricaban o fío á man cun fuso. Pero o fío que se obtiña era escaso e fino, polo que necesitaba ir asociado ao liño. A necesidade de innovar xurdiu pola esixencia da crecente demanda de fío de calidade e baixo prezo. O desenvolvemento da máquina de fiar de Hargreaves, e outros inventos posteriores produciron moitos cambios. Estes non serían posibles sen o invento da máquina de vapor de James Watt, patentada en 1769. Este invento permitía utilizar a forza do vapor para mover as máquinas fiadoras e os teares. Estas máquinas usaban carbón como combustible. A industria do algodón foi un sector reitor, que impulsou o desenvolvemento e despois seguírono outros (siderurxia, metalurxia). A elevada produtividade da industria do algodón permitiu unha drástica redución de prezos.

A Industria Siderúrxica

A siderurxia e a metalurxia tamén experimentaron notables avances neste período. O primeiro paso para a mellora da produción de ferro foi a lenta introdución nos fornos de carbón de coque, de maior poder enerxético, empregado por Darby, e o invento da pudelaxe, na que se obtiña ferro máis puro, e o laminado, máis fácil de traballar.

O resultado destes avances foi a concentración das fábricas preto das minas de carbón. O impulso da siderurxia veu primeiro da demanda da industria téxtil e logo polas necesidades de construción do ferrocarril.

A Revolución dos Transportes

A industria necesita para o seu funcionamento eficaz de distribución, que á súa vez require unha rede de transporte rápida e segura.

Transporte Terrestre e Canles

A mediados do século XVIII, o transporte de mercadorías era lento. A solución veu primeiro da construción dunha rede de canles que uniron centros produtores de materias primas coas zonas industriais. As estradas e camiños comezaron a arranxarse cunha rede radial en torno a Londres e a mellora do firme con lastras. Boa parte destas estradas eran privadas e de peaxe. A dilixencia era o sistema de transporte usual por vía terrestre.

O Ferrocarril: A Gran Revolución

O ferrocarril foi a gran revolución. A pesar de que a máquina de vapor se coñecía dende antes, a súa aplicación ao transporte atrasouse porque a inicial competencia das canles, conectadas cos centros mineiros, e coa rede de portos, non facía imprescindible o transporte terrestre.

O enxeñeiro George Stephenson construíu a primeira locomotora de vapor para o transporte de persoas e mercadorías, chamada The Rocket, que realizou o seu primeiro traxecto en 1825. O salto definitivo foi a liña Liverpool-Manchester inaugurada en 1830, a primeira liña férrea regular que só usaba locomotoras de vapor.

Consecuencias do Ferrocarril

As consecuencias foron:

  • Beneficiou a industria metalúrxica, co que a súa produción aumentou grazas ás fabricacións dos trens e raís.
  • Significou un gran desenvolvemento para a enxeñaría civil, que tivo que deseñar os trazados para os ferrocarrís.
  • Facilitou o transporte de materiais pesados e grande volume de carga.
  • Abaratou o prezo das materias primas e dos produtos.
  • Potenciou a formación de grandes sociedades de capital, xa que os custos de construción dos trazados ferroviarios e fabricación e mantemento dos trens esixían un gran investimento.
  • Fomentouse que moitas persoas que antes non se movían do seu lugar de residencia comezasen a viaxar.

Navegación a Vapor

A rede de transportes completouse coa introdución da navegación de vapor. En 1807, Robert Fulton, inaugurou o barco de vapor Clermont, que era moito máis rápido que un barco de vela. A navegación a vapor non se xeneralizou ata finais do século, e conviviu coa vela durante décadas.

Entradas relacionadas: