A Revolución Industrial e o Imperialismo: Transformacións Globais e Impacto Social
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 37 KB
A Revolución Industrial e o Imperialismo: A Repartición do Mundo
Gran Bretaña: O Inicio da Revolución Industrial
No século XVIII, o crecemento da poboación e as transformacións na agricultura, na produción, na banca, no comercio e nos transportes impulsaron o desenvolvemento da industria moderna. Estes cambios afectaron todos os sectores económicos e sociais e foron revolucionarios. Houbo dúas fases:
- Primeira Revolución Industrial (1750-1840): iniciouse cara a 1750 en Gran Bretaña, concentráronse fábricas téxtiles e siderúrxicas. Estes cambios estendéronse pronto a outros países.
- Segunda Revolución Industrial (1880-1914): segunda fase.
O Crecemento Demográfico
Ata o século XVIII, a poboación inglesa medrou lentamente debido a que a natalidade e a mortalidade eran elevadas.
Na segunda metade deste século iniciouse un crecemento demográfico importante e sostido. A natalidade seguiu sendo alta, pero a mortalidade descendeu por varias razóns:
- Mellorou a alimentación, grazas aos avances na agricultura e aos novos hábitos alimentarios; por exemplo, o millo e a pataca convertéronse en alimentos básicos. Así, a poboación fíxose máis resistente ás enfermidades.
- Producíronse avances na medicina, como o descubrimento de Edward Jenner en 1796 da vacina contra a varíola. Tamén se crearon novos hospitais e houbo melloras na hixiene persoal (como o uso de pezas de algodón, xa que son máis fáciles de lavar) e pública (potabilización da auga, por exemplo).
Ademais, as epidemias de peste bubónica, frecuentes na Idade Media, remitiron.
O crecemento da poboación provocou un aumento da demanda de produtos agrícolas e industriais e permitiu dispoñer de máis man de obra para empregar nas novas fábricas.
A Revolución Agrícola
O aumento da demanda de alimentos favoreceu a aplicación de innovacións na agricultura e na gandaría.
Melloraron as técnicas agrícolas. O barbeito deu paso ao sistema Norfolk ou rotación cuadrienal de cultivos. A finais do século XVIII, o arado de madeira foi substituído polo arado de ferro. Máis adiante, introducíronse novas máquinas, como sementadoras, malladoras e colleitadoras mecánicas.
Transformáronse as estruturas agrarias. As revolucións liberais acabaron coas propiedades señoriais e comunais explotadas de forma colectiva, e a terra converteuse en propiedade privada. A burguesía comprou parcelas para investir nelas e obter beneficios.
Reformouse a gandaría. Parte das terras destináronse a producir forraxe para alimentar o gando. Así, o número de cabezas aumentou.
Con todo iso, a produción agraria creceu no século XVIII. Os propietarios agrarios obtiveron maiores ingresos e puideron aforrar e xuntar un capital. Algúns investiron estes aforros na industria ou na banca.
Outros Factores Impulsores
En Gran Bretaña, ademais do crecemento demográfico e dos cambios na agricultura, déronse outras condicións favorables para a mellora económica.
A existencia de amplos mercados:
- Contaba cun sólido mercado interior, con boas comunicacións e sen aduanas.
- Vendía as mercadorías nas colonias de ultramar.
- Os cuantiosos beneficios obtidos investíronse na industria.
A mentalidade da burguesía:
- Interesada no investimento e na procura de beneficios, a burguesía británica era capaz de asumir riscos empresariais.
- O Parlamento, que estaba dominado polas clases medias, lexislou a favor dos negocios.
A abundancia de xacementos de ferro e de carbón:
- Gran Bretaña contaba con numerosos xacementos mineiros que lle proporcionaron ferro e carbón para poñer en marcha as novas fábricas.
- Moitas fábricas concentráronse onda as minas.
As Primeiras Fábricas
Ata o século XVIII, as manufacturas elaborábanse en obradoiros, onde traballaban poucas persoas, de forma manual e con ferramentas simples. Cada unha ocupábase, ademais, de todo o proceso de produción.
Na segunda metade do século XVIII inventáronse en Gran Bretaña máquinas que necesitaban grandes espazos e custosos investimentos. Así, os obradoiros empezaron a substituírse por fábricas, en que os obreiros e as obreiras traballaban con máquinas. As primeiras funcionaban con enerxía hidráulica, pero axiña apareceu unha nova fonte de enerxía, o vapor, cando James Watt patentou en 1769 a súa máquina de vapor.
Nas fábricas, implantouse a división do traballo, é dicir, cada persoa especializouse nunha soa tarefa do proceso produtivo. Este sistema aumentou a produtividade, pois era posible producir máis pezas ca nun obradoiro, no mesmo tempo. Como consecuencia, os custos de fabricación abarataron e os prezos dos produtos diminuíron. As actividades industriais concentráronse en determinados lugares. As fábricas localizábanse nas cidades, onde había facilidade para vender os produtos e man de obra abundante.
A Industria Téxtil do Algodón
A industria británica do algodón dispoñía dunha materia prima moi abundante e barata que chegaba a Gran Bretaña desde as colonias. Ademais, foi a primeira industria que incorporou as innovacións técnicas no fiado (fiadoras mecánicas de James Hargreaves, Richard Arkwright e Samuel Crompton) e no tecido (lanzadeira voante de John Kay e tear mecánico de Edmund Cartwright).
Cando comezou a utilizarse o vapor para mover as máquinas, a produción téxtil británica multiplicouse. Os tecidos eran accesibles e de boa calidade, e inundaron os mercados internacionais. Por outra parte, o sector téxtil impulsou a agricultura, que subministraba materias primas, e a siderurxia, que proporcionaba o ferro para fabricar as máquinas.
A Industria Siderúrxica
Ata o século XVIII, o ferro británico era de baixa calidade porque contiña moitas impurezas. Fabricábase en fundicións situadas preto dos bosques, de onde se obtiña o carbón vexetal, que era a fonte de enerxía. Por iso, a maior parte do ferro importábase.
A principios do século XVIII, o carbón vexetal empezou a escasear. En 1709, Abraham Darby fundiu por primeira vez o mineral de ferro usando carbón de coque (carbón mineral), moi abundante en Gran Bretaña. Con todo, os custos eran elevados e o ferro obtido resultaba demasiado fráxil. A finais do século, Henry Cort patentou un novo procedemento e construíronse modernos altos fornos. A demanda e a produción de ferro multiplicáronse.
O Impulso da Navegación
O crecemento da produción industrial británica a gran velocidade fixo necesario dispoñer de transportes rápidos e seguros co fin de garantir o aprovisionamento de materias primas ás fábricas e a distribución das mercadorías.
No século XVIII, o transporte por estrada era incómodo, lento e inseguro. Aínda que a partir de 1750 se melloraron moitas estradas e se realizaron outras novas, o transporte fluvial resultaba máis barato e seguro. Por iso, entre 1770 e 1830 construíuse unha rede de canles para unir principalmente os centros produtores de materias primas coas fábricas.
A máquina de vapor aplicouse pronto na navegación. En 1807, o estadounidense Robert Fulton puxo en funcionamento a primeira liña comercial con barcos propulsados por vapor. Ao principio, estes barcos só eran aptos para a navegación fluvial, polo que os clípers, que eran grandes veleiros seguros e rápidos, seguiron dominando os mares.
A Era do Ferrocarril
O ferrocarril xurdiu da conxunción de dous avances da Revolución Industrial: a máquina de vapor, que se empregaba para a propulsión da locomotora, e o ferro, que era a materia prima principal para a construción do tren e dos raís.
En 1814, o inglés George Stephenson construíu unha locomotora de vapor para transportar cargas entre as minas de carbón. Foi perfeccionada e, en 1825, inaugurouse a primeira liña de ferrocarril de carga en Inglaterra. Poucos anos máis tarde, en 1830, abriuse a primeira liña ferroviaria para o transporte regular de persoas, que percorría o traxecto entre as cidades de Liverpool e Manchester.
Os avances técnicos fixeron do ferrocarril un medio de transporte cada vez máis rápido, seguro e barato, o que acelerou a industrialización nos lugares que atravesaba: potenciou a minaría, xa que aumentou a demanda de consumo de carbón, e a siderurxia, pois a súa construción esixía enormes cantidades de ferro. As vías férreas multiplicáronse rapidamente por todo o mundo e incluso se deseñaron liñas intercontinentais, como o Transiberiano, que, construído entre 1891 e 1905, conectaba as cidades de Moscova e Vladivostok.
Efectos dos Novos Transportes
Os novos transportes eran máis veloces e seguros e dispoñían de maior capacidade de carga. Por iso tiveron impacto económico e social:
- Impulsaron a minaría, a metalurxia e a siderurxia, e crearon novos postos de traballo, como maquinistas e fogueiros.
- Favoreceron a especialización da economía mundial. Os países industrializados especializáronse na fabricación de produtos manufacturados para exportar, mentres que as colonias lles vendían materias primas.
- Potenciaron o desenvolvemento do comercio, xa que reduciron os tempos de travesía e os custos de transporte. Ademais, favoreceron as viaxes.
- Tamén tiveron grandes efectos sobre a vida cotiá das persoas. Por exemplo, facilitaron a emigración, favorecendo os desprazamentos para realizar actividades de ocio e permitiron transportar alimentos perecedoiros, o que mellorou a dieta.
A Segunda Revolución Industrial
A partir de 1870, produciuse unha segunda fase de desenvolvemento económico; é o que coñecemos como Segunda Revolución Industrial.
Novas Fontes de Enerxía e Industrias
Dúas novas fontes de enerxía foron a base nesta etapa:
- A electricidade: Aplicouse á industria para mover as máquinas e posibilitou a aparición de novos medios de transporte (ferrocarril eléctrico, metro e tranvía) e de comunicación (teléfono, radio), así como novas formas de ocio (fonógrafo, cinematógrafo).
- O petróleo: En 1859 perforáronse os primeiros pozos de extracción. Adquiriu grande importancia coa invención do motor de explosión, aplicado aos automóbiles. Ademais, contribuíu ao desenvolvemento da industria petroquímica, pois empezou a usarse como materia prima.
A industria téxtil perdeu o seu liderado e outras industrias creceron, sobre todo, en Estados Unidos e Alemaña:
- Industria siderúrxica: a invención do convertedor Bessemer, capaz de producir grandes cantidades de aceiro de calidade a baixo prezo, deu un grande impulso á produción siderúrxica.
- Industria química: usáronse novas materias primas (petróleo, caucho…) para fabricar novos produtos, como artigos farmacéuticos, produtos sintéticos (goma e colorantes), dinamita...
- Industria eléctrica: a produción e a distribución da electricidade deu lugar ao seu desenvolvemento. A fabricación de material eléctrico promoveu a aparición de grandes empresas, como Siemens, AEG ou Philips.
Avances nos Transportes e nas Comunicacións
Na segunda metade do século XIX e primeiras décadas do XX houbo un progreso espectacular nos transportes e nas comunicacións. Isto facilitou a integración e especialización dos mercados, o crecemento do comercio internacional e o aumento xeneralizado das migracións.
- O ferrocarril xeneralizou o seu uso, porque incrementou a velocidade e a seguridade e abaratou as tarifas. A finais do século XIX apareceron tamén os tranvías eléctricos e o metro.
- Os barcos de vapor melloraron e impuxéronse aos barcos de vela. Ademais, a apertura das canles de Suez (1869) e Panamá (1914) acurtou as distancias e reduciu os custos.
- A invención do motor de explosión movido por gasolina e a do pneumático propiciaron o nacemento do automóbil, inventado en paralelo por Karl Benz e Gottlieb Daimler en 1895.
- A aviación deu os primeiros pasos coa invención do aeroplano polos irmáns Wright, que realizaron o seu primeiro voo en 1903.
Nas comunicacións, a invención do teléfono, da telegrafía sen fíos e da radio permitiu a transmisión case instantánea de noticias.
A Implantación de Novas Formas de Traballo
O enxeñeiro Frederick W. Taylor creou o taylorismo, segundo o cal o proceso de produción se dividía en pequenas tarefas, cunha duración cronometrada. Cada obreiro/a especializábase nunha e recibía un salario proporcional ao labor realizado.
Por outra parte, o empresario Henry Ford empregou nas súas fábricas de automóbiles o traballo en cadea. Os produtos pasaban dun operario/a a outro a través dunha cadea de montaxe; así, evitábanse os tempos mortos entre unhas tarefas e outras e aumentaba o número de produtos que elaboraba cada persoa.
Ademais, aplicouse a produción en serie, é dicir, a fabricación dun produto en grandes cantidades a partir de diversas pezas iguais deseñadas industrialmente.
A necesidade de realizar grandes investimentos e de controlar os mercados fixo que se producisen fusións e acordos entre empresas.
Formas de Concentración Empresarial
- Cártel: formado por diversas empresas dedicadas á mesma actividade industrial que chegan a acordos para controlar a produción e a distribución, fixar os prezos e compartir os beneficios.
- Trust: agrupación de empresas coa intención de cubrir todas as fases de produción dun artigo, co fin de dominar o mercado ao eliminar a competencia.
- Hólding: é un conxunto de empresas controladas por unha delas, a propietaria da maior parte das súas accións e, polo tanto, a que toma as decisións empresariais.
A Grande Empresa e a Banca Moderna
Ao inicio da Revolución Industrial, a maioría das empresas eran pequenas e pertencían a unha persoa ou familia. As empresas familiares, cos beneficios que obtiñan, adoitaban ter dificultades para comprar novas máquinas e contratar máis persoal. Por iso, creáronse sociedades anónimas, en que o capital da empresa se fraccionaba en participacións ou en accións que eran negociables na bolsa. A persoa que as adquiría convertíase en socia dela.
Os bancos transformáronse nun elemento clave na economía desta época. Emprestábanlles diñeiro ás empresas e pasaron a ser mediadores entre estas e as persoas particulares. A clientela gardaba os seus aforros no banco e investíaos na industria e noutros negocios. Deste xeito naceu o capitalismo financeiro.
Expansión e Impacto Global da Industrialización
A Revolución Industrial en Europa
Tras o Reino Unido, Bélxica foi o primeiro país que se industrializou grazas aos seus recursos naturais, á tradición artesanal, aos investimentos franceses na minaría do carbón e ao apoio que a construción ferroviaria recibiu do goberno. As industrias destacadas foron a téxtil e a siderúrxica.
En Francia, a industrialización produciuse entre 1830 e 1850. Non alcanzou o nivel británico debido á existencia dun campesiñado dono de pequenas propiedades agrícolas, ao reducido crecemento da poboación e á importancia do artesanado.
Alemaña viu dificultada a súa industrialización porque non foi un estado unificado ata 1870, o que entorpecía o comercio. En 1834 creouse o Zollverein, unha unión aduaneira de varios Estados alemáns que permitiu crear un gran mercado interior. A industrialización alemá caracterizouse pola alianza entre a nobreza agraria e a burguesía industrial, polo interese do Estado no desenvolvemento industrial, por unha gran concentración empresarial e financeira e por un sistema educativo que favoreceu as ensinanzas técnicas. As principais industrias foron a siderurxia e a metalurxia.
No resto de Europa só destacaron Dinamarca, grazas á súa especialización agrícola, e Suecia, pola abundancia de ferro de calidade.
Estados Unidos
Estados Unidos converteuse nunha gran potencia:
- O desenvolvemento dunha agricultura moi produtiva, con extensas terras de escasa man de obra, impulsou unha rápida mecanización.
- Tiña abundantes recursos naturais e unha grande especialización produtiva, cun norte industrial que se abastecía da produción agraria do sur (algodón) e do oeste (alimentos).
- A creación dun gran mercado interior favorecido pola rápida construción dunha rede ferroviaria que percorría o país de costa a costa.
- A rápida aplicación das innovacións técnicas, os novos sistemas de traballo e a forte concentración empresarial.
O Xapón da Era Meiji
Tras séculos de illamento, o emperador xaponés Mutsuhito puxo fin ao feudalismo e deu comezo á chamada Era Meiji. Entre 1868 e principios do século XX, Xapón desenvolveu un proceso de industrialización no que combinou o respecto polas tradicións coa adquisición de tecnoloxía moderna, a formación de técnicos xaponeses en universidades occidentais e a chegada de asesores estranxeiros.
O Estado xaponés impulsou o desenvolvemento industrial creando industrias e ferrocarrís e apoiando a empresa privada. A finais do século XIX, produciuse unha forte concentración industrial coa formación de grandes corporacións empresariais, controladas por unha familia, que lideraban varios sectores industriais e o ferrocarril.
As principais industrias xaponesas foron a téxtil, da que se exportaban os produtos, e a industria pesada, vinculada coa demanda relacionada coa expansión militar xaponesa.
A Tardía Industrialización Rusa
A industrialización rusa comezou a finais do século XIX grazas ao investimento do Estado na industria pesada e na construción do ferrocarril; aos investimentos estranxeiros, sobre todo na industria básica e na minaría; e ao proteccionismo, que gravaba con fortes impostos as importacións para favorecer o crecemento na industria nacional.
Expansión Demográfica e Grandes Migracións
Durante o século XIX, o crecemento da poboación europea acelerouse polo descenso da mortalidade (debido a avances médicos e melloras na hixiene e na alimentación) e polo mantemento de taxas altas de natalidade ata 1870.
Europa viviu unha intensa urbanización, porque a mecanización dos labores agrícolas empurrou moitos campesiños e campesiñas a trasladarse ás cidades na procura de traballo. Como as cidades europeas non tiñan capacidade para absorber todo o éxodo rural, entre 1800 e 1924, uns 60 millóns de persoas europeas emigraron a outros continentes:
- Ata 1870 a emigración foi, sobre todo, británica e escandinava.
- Entre 1870 e 1914, predominou a emigración desde Italia, España, Grecia e o Imperio Turco.
A maior parte dos emigrantes dirixíronse a América, en especial a Canadá, Brasil, Arxentina e, sobre todo, Estados Unidos, que recibiu case o 60% da poboación inmigrante. Tamén Australia e Nova Zelandia foron focos de inmigración.
Un Novo Modelo Urbano: A Cidade Industrial
Se ao inicio do século XIX non existía ningunha cidade que superase o millón de habitantes, ao finalizalo había doce cidades “millonarias” no mundo.
As novas cidades naceron arredor das fábricas e as xa existentes creceron arredor destas. Os barrios obreiros situáronse preto das fábricas para que a poboación traballadora chegase pronto a elas. As vivendas, construídas con materiais de escasa calidade, eran pequenas e estaban mal ventiladas e insuficientemente iluminadas.
Nas vivendas non había auga corrente nin cuarto de baño, e as latrinas eran compartidas pola veciñanza. As fontes públicas subministraban auga, pero esta adoitaba estar contaminada, polo que as epidemias de tifo e cólera eran frecuentes.
Nos patios das casas e nas rúas, que non estaban empedradas, acumulábanse os desperdicios e a auga sucia porque non había rede de sumidoiros.
A Nova Sociedade Industrial
A nova sociedade industrial baseouse na igualdade xurídica, pero na realidade era profundamente desigual. As mulleres seguían subordinadas aos homes e había unha gran diferenza económica entre quen posuía propiedades e quen carecía delas. A sociedade estamental desapareceu e deu paso á sociedade de clases, onde os grupos se diferenciaban pola súa capacidade económica e non polos seus privilexios. Distinguíanse tres clases: altas, medias e baixas.
As Clases Altas
- A aristocracia: perdeu parte da súa preeminencia social cando se eliminaron os seus dereitos sobre o campesiñado e comezou a pagar impostos. En xeral, non investiu nos novos negocios e industrias. Ata ben entrado o século XX, ocupou os postos máis prestixiosos na Administración, na Xustiza, no Exército e na Diplomacia. Gozaba dunha vida ostentosa, que a burguesía trataba de imitar.
- A alta burguesía: englobaba grupos diversos (persoas que exercían a medicina, o xornalismo, a avogacía…; empresariado, alto funcionariado…) que se converteron na clase máis poderosa da sociedade industrial. Investiu o seu capital nas novas industrias e dirixiunas cunha mentalidade moi emprendedora. Frecuentaba o teatro, a ópera e os bailes e veraneaba na costa ou en balnearios.
As Clases Medias
Nos países industrializados xurdiu a finais do século XIX unha ampla clase media ou pequena burguesía, cun número cada vez maior, sobre todo nas cidades. A clase media era propietaria de pequenos negocios, realizaba actividades profesionais como a medicina, o ensino, o comercio…; desempeñaba postos intermedios na Administración, no Exército… Levaba unha vida desafogada, pero sen excesivos dispendios. Os seus membros dedicaban case todo o tempo ao traballo para facerse cun patrimonio e pouco ao ocio, que empregaban no café, no casino ou no club (no caso dos homes).
As Clases Baixas
As clases populares eran un grupo heteroxéneo.
- O campesiñado: no XIX, a maioría da poboación traballaba no campo e a súa situación variaba dunhas rexións a outras. No norte e no oeste de Europa abundaba o campesiñado propietario. No sur do continente había numerosos xornaleiros/as. Traballaban en latifundios pouco mecanizados e cobraban un soldo ou xornal escaso. No centro e no leste de Europa, o campesiñado seguiu sometido a servidume ata mediados do século XIX.
- O proletariado: estaba integrado polos obreiros/as, é dicir, por quen posuía a súa forza de traballo e a vendía a cambio dun salario. Realizaba tarefas que requirían pouca cualificación e cobraba salarios moi baixos, que apenas permitían sobrevivir. Os nenos e as nenas deixaban a escola moi pronto, porque o seu traballo era necesario para o sustento da familia. Esta circunstancia dificultaba toda posibilidade de mellora social. Tiñan longas xornadas laborais que adoitaban superar as doce horas diarias.
- O servizo doméstico: o servizo doméstico integrábano os criados e as criadas. Cobraban un salario moi baixo, vivían nas bufardas das vivendas en que estaban empregados e dispoñían dunha única tarde libre por semana.
Os Primeiros Pasos: do Ludismo ao Sindicalismo
O movemento obreiro alude ao conxunto de iniciativas colectivas levadas a cabo polos traballadores e traballadoras asalariados con obxecto de mellorar as súas condicións. Naceu cando o proletariado tomou conciencia da súa dura situación laboral.
- Ludismo: as primeiras reaccións foron espontáneas. Moitos obreiros e obreiras destruíron as máquinas, ás que culpaban da súa situación. Este movemento chamouse ludismo porque o proletariado actuaba co nome dun personaxe ficticio chamado Ned Ludd.
- Cartismo: primeiro movemento organizado con fins laborais e tamén políticos. Entre os anos 1838 e 1848 logrou unha gran mobilización en Gran Bretaña, ao presentar ao Parlamento a Carta do Pobo, un documento en que se reclamaban dereitos laborais e o sufraxio universal, pois nese momento a clase obreira non tiña dereito a voto.
- Sindicalismo: o dereito de asociación recoñeceuse por primeira vez en Gran Bretaña en 1824, pois nesa época os obreiros/as só podían participar en sociedades de socorro mutuo (asociacións de apoio a quen enfermaba, quedaba sen traballo, etc., e aos seus familiares cando falecían). A partir dese momento naceron os primeiros sindicatos (trade unions), que reclamaban melloras salariais, redución da xornada laboral, supresión do traballo infantil, etc. O seu principal instrumento de presión era a folga. Uns anos máis tarde, cara a 1833, produciuse a unión nacional de todos os trade unions.
As Bases Ideolóxicas: Marxismo e Anarquismo
O marxismo ou socialismo científico debe o seu nome a Karl Marx. Xunto con Friedrich Engels, publicou en 1848 o Manifesto Comunista, onde afirmaban que nas sociedades industriais existe unha loita de clases entre persoas opresoras e oprimidas. Identificaban as opresoras coa burguesía, propietaria dos medios de produción, que explotaba os obreiros/as para incrementar os seus beneficios; e as oprimidas, cos obreiros/as, que lles vendían ás opresoras a súa forza de traballo.
Marx propoñía emprender unha revolución para destruír o capitalismo e darlles o poder aos traballadores. Tras unha fase de ditadura do proletariado, en que o Estado regularía a sociedade, estableceríase unha sociedade comunista, sen clases sociais nin propiedade privada. O Estado entón desaparecería. Tamén defendía a intervención dos partidos e organizacións obreiras na política. Isto deu orixe aos partidos socialistas.
O anarquismo tivo como ideólogos a Pierre-Joseph Proudhon e Mikhail Bakunin. Opoñíase a calquera forma de Estado e aspiraba a substituílo por asociacións voluntarias de persoas. Defendía a colectivización da propiedade e rexeitaba os partidos políticos e a participación nas eleccións. Pensaba que a acción sindical e a folga debían ser os métodos de actuación revolucionaria.
As Internacionais Obreiras
En 1864 as organizacións obreiras crearon a Primeira Asociación Internacional de Traballadores (AIT), que desapareceu pouco despois polos desacordos entre o socialismo e o anarquismo.
Alguns dirixentes socialistas fundaron en 1889 a Internacional Socialista (Segunda Internacional) para coordinar as organizacións obreiras marxistas. Esta asociación creou algúns símbolos do movemento obreiro, como a festa do Primeiro de Maio. Pouco a pouco, o movemento obreiro foi conseguindo logros, como a redución da xornada laboral.
O Imperialismo: As Grandes Potencias do Século XIX e a Repartición do Mundo
As Grandes Potencias do Século XIX
Durante o último terzo do século XIX e principios do XX, as grandes potencias industriais europeas, Estados Unidos e Xapón rivalizaron polo dominio do mundo. Simultaneamente co seu desenvolvemento industrial, estenderon o seu dominio político e territorial sobre case a totalidade de África, Asia e illas do Pacífico.
- As potencias europeas: na segunda metade do século XIX, algúns Estados, como Alemaña e o Imperio Austrohúngaro, tiñan sistemas políticos autoritarios, mentres que outros, como Reino Unido ou Francia, consolidaron réximes liberais. O Imperio Ruso estaba gobernado por unha autocracia; o tsar concentraba todos os poderes e era a máxima autoridade relixiosa. A maioría da poboación vivía na pobreza e traballaba en extensas terras como servos e servas. En 1861 o tsar decretou a súa liberdade persoal, pero a súa situación económica non mellorou.
- Estados Unidos: na primeira metade do século XIX o país estendeuse desde o Atlántico ata o Pacífico. Na conquista do oeste, a poboación branca colonizou novas terras e enfrontouse á poboación indíxena que as habitaba, que foi internada en reservas. Mentres que os estados do norte aboliran a escravitude, os do sur utilizaban nas plantacións abundante man de obra escrava. Entre 1861 e 1865, o norte e o sur enfrontáronse na Guerra de Secesión, que terminou co triunfo dos estados do norte e coa abolición da escravitude no país. Aínda que tras a guerra a poboación negra obtivo dereitos políticos, cando o exército do norte se retirou, os gobernos do sur aplicaron unha dura política de segregación racial.
- Xapón da Era Meiji: entre 1867 e 1914, Xapón converteuse nun país industrializado e puxo fin ao tradicional illamento internacional.
As Causas do Imperialismo
O termo imperialismo implica a extensión do dominio dun país (metrópole) sobre outros países ou territorios (colonias). Non era un fenómeno novo, pero no século XIX adquiriu unha dimensión diferente. Cara a 1870, xurdiu unha nova forma de imperialismo. Os primeiros protagonistas foron Reino Unido e Francia. Despois, sumáronse outros países. Estas potencias conquistaron ou anexionaron a maior parte do mundo. As causas foron:
Causas Económicas:
- Os europeos necesitaban espazos onde investir os seus capitais cun xuro máis elevado ca na metrópole, obter materias primas baratas e vender os seus produtos industriais.
- Ademais, as colonias foron o territorio en que podía asentarse a crecente poboación europea con poucas posibilidades laborais. Os novos medios de transporte favoreceron os desprazamentos.
Causas Políticas:
- As esixencias estratéxicas empurraron as grandes potencias a dominar as principais rutas marítimas ou as saídas ao mar.
- Algunhas potencias necesitaban aumentar o seu prestixio internacional, facer que a opinión pública esquecese derrotas anteriores fronte a outros países ou consolidar o seu sentimento nacional.
- Outras sumáronse ao proceso colonizador por medo ao aumento de poder dunha delas ou para non quedar á marxe dos beneficios das colonias.
Causas Ideolóxicas:
Expandiuse un patriotismo cargado da exaltación de valores que representaba cada nación. A miúdo, engadíronse connotacións racistas, que defendían a supremacía da poboación branca e o seu dereito a dominar outros pobos.
Causas Relixiosas:
- En moitos casos, o imperialismo xustificouse polo desexo de cristianizar pobos con relixións diferentes. Así, o labor misioneiro das Igrexas católica e protestante foi intenso.
Causas Científicas:
- Considerouse que o avance da ciencia esixía a exploración de todas as rexións da terra. Creáronse sociedades xeográficas que apoiaron as viaxes de exploración e estas convertéronse nun dos focos da propaganda colonial.
- Unha vez explorado o territorio, o país que realizara a expedición podía conquistalo e explotalo.
Os Grandes Imperios Coloniais
O Imperio Británico:
O imperio británico tivo colonias por todo o mundo, pero a máis importante foi India. Para asegurar a ruta ata ela, Reino Unido fíxose co control da Canle de Suez e Exipto, e para protexela conquistou territorios en Asia. En África, avanzou cara ao norte desde a súa colonia do Cabo, no sur do continente, intentando enlazar con Exipto mediante un corredor continuo. Isto levouno ao enfrontamento cos franceses. Tamén posuía Canadá e parte de Oceanía.
O Imperio Francés:
En África, a expansión francesa comezou coa conquista de Alxeria e Tunisia e coa creación dun protectorado en Marrocos. Despois, obtivo importantes territorios no centro e no oeste do continente. En Asia, Francia ocupou Indochina, co obxectivo de controlar o delta do río Mekong como unha vía de penetración no mercado chinés.
Outros Grandes Imperios:
- Alemaña e Italia incorporáronse tarde á expansión imperialista. Tiveron colonias en África. O mesmo sucedeu con Bélxica, que se fixo co Congo.
- Rusia incorporou Siberia.
- Estados Unidos, tras derrotar a España en 1898, ocupou Filipinas e Porto Rico e controlou Cuba. Ademais, someteu os países iberoamericanos a unha forte dependencia económica.
- Xapón enfrontouse a China e Rusia, anexionou Formosa e Corea e creou un protectorado en Manchuria.
Na Conferencia de Berlín (1884-1885), as principais potencias repartiron entre elas case toda África e estableceron acordos para regular a súa ocupación:
- A abolición da escravitude.
- A liberdade de comercio polos ríos Níxer e Congo.
- Era necesario ocupar de verdade un territorio para consideralo propio.
- O recoñecemento do “Estado Libre do Congo” como colonia persoal do rei de Bélxica, Leopoldo II.
As Distintas Formas de Dominio
Os Estados europeos estableceron nos territorios colonizados tres formas fundamentais de dominio: as colonias, os protectorados e as concesións.
- Colonias: eran territorios sometidos á soberanía da potencia colonizadora e administrados por esta. O poder exercíao a figura dun gobernador. A fórmula implicaba a perda da soberanía do país colonizado. Un exemplo foi o Congo Belga.
- Protectorados: a potencia colonial controlaba a política exterior e as riquezas do país colonizado, mentres que as autoridades nativas se ocupaban do goberno interior do territorio e da súa administración. Foi o caso do Reino Unido en Exipto e de España e Francia en Marrocos.
- Concesións: eran territorios que pertencían a un país independente, pero nos que as potencias colonizadoras obtiñan vantaxes comerciais. Isto ocorreu en China, onde a penetración dos produtos occidentais arruinou o comercio local e provocou varias rebelións.
A colonización sentou as bases dunha administración e dunha organización política modernas, pero en moitos casos as fronteiras das colonias trazáronse sen ter en conta as diferenzas tribais, lingüísticas ou relixiosas das poboacións autóctonas. Isto ocasionou graves conflitos tras a descolonización.
A Explotación Económica das Colonias e o seu Impacto
A poboación europea explotou, no seu propio beneficio e co menor custo posible, uns inmensos territorios con abundantes recursos naturais.
Impúxose unha economía baseada na agricultura de plantación e na explotación da riqueza mineral do seu subsolo (ouro, diamantes, carbón…). As poboacións nativas foron desposuídas das súas terras por parte de compañías privadas das metrópoles, que crearon grandes plantacións dedicadas ao monocultivo do cacao, caucho, café, té, etc.
As metrópoles non tiñan interese en desenvolver a industria das colonias e a artesanía local non puido resistir a competencia dos produtos industriais europeos, polo que se empobreceu. Así, a poboación indíxena converteuse en man de obra barata que traballaba nas plantacións e nas minas en condicións semellantes á escravitude.
As potencias colonizadoras construíron infraestruturas de transporte, como portos e vías férreas, para desenvolver as súas propias actividades, pero estas non beneficiaron o conxunto das colonias, que seguiron mal comunicadas.
Polo xeral, as metrópoles impuxeron a súa moeda.
O Impacto Social e Cultural do Imperialismo
A introdución das prácticas sanitarias occidentais, como medidas de hixiene, vacinas, determinados tratamentos…, permitiu reducir a mortalidade das poboacións indíxenas. A natalidade seguiu sendo elevada, o que ocasionou un notable incremento da poboación, que se traduciu en grandes fames. A colonización provocou a ruptura da sociedade tradicional.
- A poboación colonizadora ocupou os niveis máis altos da sociedade colonial: controlaba a economía e ocupaba altos cargos da Administración.
- A poboación indíxena, considerada inferior, foi marxinada: obrigárona a vivir en barrios separados, prohibíuselle a entrada en certos lugares, etc. Nalgunhas rexións, como Australia e Nova Zelandia, incluso foi sistematicamente exterminada.
A difusión das formas de vida occidentais nas colonias orixinou unha profunda crise das culturas autóctonas e deu lugar a un fenómeno de aculturación, é dicir, de perda da propia cultura pola imposición doutra. Ademais, as misións e a extensión da ensinanza impuxeron a preeminencia da lingua da metrópole e ameazaron as culturas autóctonas.
No seo da administración colonial forxouse unha elite indíxena que estudou en universidades europeas e entre a que se difundiron ideas liberais ou socialistas que xeraron un crecente nacionalismo.