A Revolución Francesa: O nacemento da democracia moderna

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 62,78 KB

– O ciclo revolucionario liberal / As Primeiras Revolucións Liberais

Consideracións xerais sobre os procesos revolucionarios --> A revolución americana supuxo o nacemento dun novo sistema político (un réxime federal e liberal), así como dun país a finais do XVIII e que rematará tendo un protagonismo paradigmático ao longo do XIX, XX e XXI; tras un proceso bastante sinxelo (simple ruptura dunhas colonias coa súa metrópole). Pola contra, máis complexo é o caso da Revolución Francesa, pois en Francia se conxugarán factores de tipo social, económico e político e será preciso (non así nos EEUU) derrocar a todo un sistema social e político (a sociedade estamental e a monarquía absoluta), ademais de que é un proceso moito máis longo e que senta as bases de gran cantidade das ideas contemporáneas (liberais, comunistas, demócratas, conservadores... unicamente non haberá fascistas, que aparecerán con posterioridade).

As bases ideolóxicas: os teóricos dos séculos XVII e XVIII --> É esencial a importancia das ideas, que axudan tanto a derrocar o que queremos destruír como a construír o novo réxime que se quere implantar (é dicir, son o antecedente necesario dos propios cambios). Entre moitas outras cousas a Ilustración aporta unha serie de ideas que servirán de arranque para os cambios que darán orixe ao mundo contemporáneo; centrándonos nós en tres autores e algunhas das súas principais ideas (as que máis operaron no futuro e foron recollidas por autores posteriores): 1. John Locke (1632-1704), que publica no 1690 o seu Segundo Tratado sobre o Goberno civil (dous anos despois da “revolución” de 1688), na que defende que a propiedade debe ser un dereito natural que garante a liberdade (o que implica que, sen propiedade, non hai liberdade: os pobres, que non son propietarios, non poden realmente ser libres; idea que dará lugar a profundos debates sobre a idea de “liberdade” entre liberais e demócratas). A segunda idea que nos interesa é a concepción da soberanía como resultado dun pacto social (nega, por tanto, a soberanía absoluta dos monarcas lexitimada en relixión e tradición, se ben Locke non aclara como debía ser dito pacto, polo que aínda non podemos falar dun pensamento de verdadeira corte liberal ou democrática, senón simplemente dunha negación do absolutismo). En terceiro lugar, Locke formula por vez primeira a separación de poderes como resultado do pacto social (lexislativo que é o máis importante para o autor, executivo que establece as medidas e federativo que organiza o territorio e se ocuparía das relacións exteriores) e garantía contra o absolutismo ante a incompetencia da concentración de poderes). /// 2. Charles-Louis de Secondat, barón de La Brède e de Montesquieu (1689-1755) co seu O espírito das leis de 1748 no que diferencia entre gobernos despóticos e gobernos moderados (crítica ao absolutismo, pero máis enmascarada polo contexto da época) e, sobre todo, define a clásica división de poderes en lexislativo, executivo e xudicial como única forma de garantir realmente a liberdade. A esta división engádese que estes poderes deben ser equilibrados (para que ningún se superpoña ou domine aos outros) e deben establecerse unha serie de mecanismos de control para que ningún se subordine (esta será a estrutura que se tratará de implantar en todas as transicións ao liberalismo). En certos casos, prodúcense variacións ou alternativas a esta división que engaden un cuarto poder segundo o carácter do país (como é o caso dos federados, como os EEUU). /// 3. Jean-Jacques Rousseau (1712-1778), con O contrato social de 1757.  Nesta obra defende que a fonte da soberanía política debe ser a vontade xeral e conxunta da sociedade (expresión moi propia dos demócratas nos séculos posteriores pero que agora non se formula como tal, pois hai moitas formas de observar a vontade xeral, que non necesariamente é incompatible coa sociedade estamental pero si constitúe un avance con respecto a Locke por esixir a implicación de toda a sociedade e negar o absolutismo político). En segundo lugar, Rousseau afirma que a lei sempre debe ser a expresión da vontade xeral (é dicir, o poder non só emana da vontade xeral, senón que ademais ten que ser exercido de acordo á mesma, o que obriga a erixir unha serie de mecanismos para coñecer permanentemente a vontade xeral).

A revolución americana: a independencia das Trece Colonias e o nacemento dos EEUU --> Na costa este de Norteamérica atopamos as Trece Colonias británicas, núcleo fundacional dos EEUU de América. O inicio do proceso atópase na denominada Guerra dos Sete Anos (1756-1763), na que se viu implicada Gran Bretaña (provocando efectos negativos na súa economía, ante o que o goberno promulga a suba dos impostos, entre eles os relacionados cos selos e trámites aduaneiros e administrativos mediante a Stamp Actdous anos despois do remate do conflito, gravación que afectou especialmente a estas colonias). Ante isto, o primeiro movemento contrario a isto será unha campaña co lema No taxation without representation, esixindo ter representación política en Londres en tanto que tiñan que pagar impostos e manter ao Estado economicamente (as colonias españolas si tiñan representación nos órganos de poder). Este conflito vaise agudizando de forma rápida ante a non modificación de medidas por parte da Coroa inglesa, desembocando no 1773 na Boston Tea Party, un dos primeiros sucesos da revolución e dos mitos fundacionais dos EEUU, como foi a toma da Bastilla no caso francés na configuración e glorificación da identidade nacional. Consiste nunha manifestación de protesta dalgúns colonos que, disfrazados de indios, asaltan barcos que transportan fardos de té (un dos numerosos produtos sometidos a alta fiscalidade), que tiran ao mar. Este proceso pasará dalgo meramente fiscal cara un ámbito político no Congreso Continental de Filadelfia (1774), no que aínda non podemos ver conformada nos colonos unha vontade política claramente independentista, pero si como se pasa ás reivindicacións políticas máis alá da representación no Parlamento; comezando a haber tensión entre algúns representantes que acoden a este Congreso e aínda amosan fidelidade á Coroa contra outros que non. A partir de aquí, os feitos comezan a desenvolverse rapidamente, atopando o principal punto de inflexión na Declaración de dereitos de Virxinia (12 xuño 1776). As relacións entre Coroa e colonos vanse deteriorando pouco a pouco ata desembocar neste documento, que fundamenta os principios básicos do chamado liberalismo político: reivindica a soberanía nacional (ruptura coa soberanía británica), a igualdade entre persoas (remarcando así as diferenzas de trato existentes no ordenamento xurídico entre británicos e colonos), a representatividade dos gobernos (non se pagan impostos sen representación e o goberno británico non é lexítimo porque non admite a representación dos colonos), a división de poderes e as liberdades individuais (estas dúas últimas, pedra angular do liberalismo). É dicir, este documento constitúe a síntese entre os fundamentos do liberalismo político e a situación concreta dos colonos (que xa si teñen unha intención independentista de romper os vínculos coa metrópole). Un mes despois, o 4 de xullo de 1776, asínase en Filadelfia a Declaración de Independencia, momento fundacional dos EEUU (se ben aínda queda unha guerra de sete anos e a redacción da Constitución, que se alcanza no 1787). Nesta declaración recóllense e esténdense ao resto de colonias moitos dos principios básicos do documento anterior: defende o dereito dos americanos a seren libres e xustifica a rebelión fronte a un goberno ilexítimo. O seu principal redactor foi Thomas Jefferson. Igualmente, supuxo o inicio da Guerra de Independencia (1776-1783), na que os colonos serán apoiados por Francia e rematará coa vitoria destes independentistas. Así mesmo, o conflito servirá para xerar novos elementos da simboloxía fundacional, como a batalla de Yorktown (gran vitoria americana no 1781) ou as figuras dos seus líderes que combinan o poder militar co político (p.e. George Washington: rematará sendo tamén o primeiro presidente dos EEUU). Estes “Pais Fundadores” eran grandes propietarios de terra con plantacións traballadas por escravos negros (paradoxicamente defenden a igualdade das persoas). A guerra remata co Tratado de Versalles de 1783, no que Gran Bretaña recoñecerá a independencia das colonias; mentres que no 1787 se proclama a única Constitución dos EEUU (aínda vixente, se ben se engadiron emendas que matizan o texto sen ter que modificalo por completo). Destaca por ser a primeira constitución da historia tipicamente liberal (a nivel tanto político como económico) e con federalismo a nivel de organización territorial (dende as trece colonias orixinais, se irán engadindo máis estados).No seu nacemento, os EEUU aínda é un país sen importancia e que tardará en adquirir o seu protagonismo político, pois nas primeiras décadas se preocuparon máis polo proceso de conquista interior (coa intención de chegar ao Pacífico e cunha esencia xenocida que permitirá ampliar un territorio racionalmente colonizado en todos os ámbitos, así como aumentar os seus recursos). Ademais, destes EEUU podemos dicir algo semellante que de Gran Bretaña, pois nada (nin asasinatos, guerra civil ou participación nas mundiais) logra alterar o sistema político (ata o punto de que os estadounidenses son os únicos do mundo que saben con certeza cando son as súas eleccións: o primeiro martes despois do primeiro luns de novembro). Aquí comezará o seu camiño ata converterse na principal potencia imperial.

A Revolución Francesa --> A Francia prerrevolucionaria: Para entender a revolución, debemos precisar como era a situación eminentemente anterior en Francia, onde se presentan con maior agudeza os elementos de crise que asociamos á sociedade estamental e á monarquía. A nivel social, Francia cumpre os parámetros comúns en todo o continente da sociedade estamental: nobreza (350 mil persoas que acumulan unha gran riqueza e viven das rendas que as terras traballadas por campesiños producen, se ben dentro desta condición e privilexio coexisten nobres que apenas poden subsistir fronte a inmensamente ricos, polo que non se trata dunha “clase” separada a nivel económico, senón dun estamento e que comeza a vivir un momento de dificultade: perden funcións en favor da monarquía, viven por riba das súas posibilidades...), clero (120 mil individuos divididos case de forma equitativa en clero regular e clero secular; tamén acumulan terras e riqueza, pero contrastan os bispos con grandes señoríos e rendas con curas de pequenos núcleos rurais que viven da caridade dos que acoden á parroquia) e finalmente o Terceiro Estado (24,5 millóns de habitantes). Este último tiña como feito común a falta de privilexios, pero se poden establecer dentro del diferenzas económicas e de actividade: a burguesía (tanto pequena burguesía artesanal nas vilas como outros grandes burgueses vinculados ao gran comercio; pero a maioría deles con destacada capacidade económica e cultural, polo que serán os que lideren inicialmente ao estado durante a revolución).

No extremo oposto están as clases populares urbanas, que viven nas cidades (en forte crecemento dende o XVI) e se atopan nunha situación económica estruturalmente crítica (viven na pobreza e desempeñan profesións dende servidores domésticos, recadeiros, pequenos transportistas, traballadores artesanais...) e finalmente (pero fundamental) o campesiñado, que abranguía o 80 % da poboación (en torno a 20 millóns de persoas). Había algúns acomodados (propietarios plenos das terras que traballaban e poden contratar xornaleiros), opostos eran os desposuídos (sen terras e vivindo dos comunais) e no medio a gran maioría (pequenas parcelas que cultivan a cambio dun pago ao señor ou institución eclesiástica). Así, Francia retrata unha sociedade estamental típica, afectada por problemas que se agudizarán.

Igualmente, o sistema político caracterízase como absolutista e comeza a atravesar problemas a finais do XVIII. Dende 1774 ata 1792 foi ocupada por Luis XVI, que terá que facer fronte á revolución. Por último, Francia contaba cunha economía preindustrial de base agraria e fundamentalmente rural (a diferenza de Inglaterra, que neste momento xa protagoniza o seu despegue industrial).

Os factores desencadeantes: En primeiro lugar, algo xa visto como xeral nas monarquías do XVIII, a crise financeira. Consiste nun déficit crónico e xenérico que non afecta unicamente a Francia (a monarquía absoluta consolidouse a costa da nobreza, o que supoñía o pago dunha serie de aparatos moi custosos, especialmente nun vasto territorio como o de Francia e ante un sistema fiscal que só obriga a tributar ao Terceiro Estado, estamento de menor riqueza). Iso si, neste país especificamente vaise ver agravado pola Guerra de América, na que Francia colabora cos independentistas pola súa inimizade con Inglaterra, o que supuxo un gasto excesivo que agudiza o déficit e deriva en bancarrota da monarquía e, en consecuencia, do Estado.

En segundo lugar, unha crise económica que debemos diferenciar da financeira, referíndonos á “economía real” (o que afecta ás persoas e ao día a día). Para empezar, fálase dunha crise agraria dende 1788 por motivos climáticos (a peor colleita do XVIII e que tardará bastantes anos en recuperar os índices de produción anteriores e considerados normais). De forma inmediata, isto deriva en fame, carestía dos alimentos, pobreza e dificultades económicas para a maioría dos franceses (pois Francia tiña unha economía de base agraria). Así mesmo, tendo en conta que as rendas se calculan proporcionalmente ás colleitas, tamén a dificultade se aprecia na percepción de rendas (é dicir, tamén os privilexiados se ven afectados). Pero tamén se produce dende o ano 1786 unha crise comercial: tras a fin da Guerra de América, haberá un intento por parte de Francia e Inglaterra de mellorar as súas relacións, o que as leva a firmar no 1785 un acordo comercial que liberaliza o comercio entre ambos países (facilitando a entrada e saída de produtos entre eles, redución de aduanas). O problema está en que este tratado favorece máis claramente a Gran Bretaña e a súa produción entra en Francia e resulta moi competitiva para o mercado, poñendo así en cuestión á propia produción francesa, con consecuencias para a burguesía e o sector artesanal). A combinación destas dúas xera descontento social xeneralizado.

En terceiro lugar, a crise social: a sociedade estamental comeza a facer fronte a unha serie de críticas de carácter ilustrado. En Francia, este cuestionamento dos privilexios vese agravado polo endurecemento nobiliar (incluíndo aos eclesiásticos, nunha situación de decadencia a nivel económico empeorada polas súas condicións de vida). Cando en 1788 funde a economía agraria, xa é moi visible este proceso, pois os señores tratarán de rescatar e recuperar antigos dereitos e prerrogativas antigas vinculadas á servidume, o feudalismo e os contratos de foro do mundo medieval. Estes fóranse perdendo progresivamente dende o mundo medieval na práctica, pero tratarán de ser retomados pola nobreza do momento ante a crise económica. Así mesmo, o endurecemento nobiliar vaise percibir na relación coa monarquía: os elementos lexitimadores da monarquía son a nobreza e o clero, pero o seu sustento económico realmente é o terceiro estado; creando unha tensión entre non privilexiados e privilexiados que se traslada nas relacións entre os privilexiados e a monarquía neste contexto dunhas moi débiles finanzas, ante o que o rei acode aos nobres, que non se amosan dispostos a asumir os grandes gastos da monarquía (se quere aliviar os seus problemas, debe desprenderse de funcións e devolvelas aos privilexiados). Así, os nobres miran cara atrás ao feudalismo non só no seu vínculo co terceiro estado, senón tamén coa monarquía (actitude nobiliar que contrasta coa da aristocracia británica, defensora do Parlamento).

En cuarto lugar, a crise política, dentro da que xa podemos incluír este último fenómeno que acabamos de explicar. A crise social remata converténdose en política porque, nun sistema absolutista, as relacións entre estamentos teñen que contar coa arbitraxe do monarca e teñen que ser resoltas dende un poder que presume ser centralizador (se amosa incapaz de arbitrar as relacións entre estamentos e de aportar solucións para as finanzas e este feito constitúe a clave política da revolución). Así, neste momento de crise, o monarca só debía tratar de arbitrar, pero os sucesivos intentos de Luis XVI fracasarán ata que se vexa obrigado a tomar partido porque non lle quedan máis saídas (o que lle custará a súa cabeza).

Por último, a difusión de novas ideas, as cales xa circulan en múltiples territorios (Inglaterra, España e ata chegaron ás Trece Colonias), pero que tiveron un gran protagonismo e impacto en Francia, por ser o centro xeográfico da Ilustración e pola gran difusión de este pensamento na sociedade francesa por elementos como a Enciclopedia (unha publicación por fascículos que trataba de recoller todo o coñecemento universal). Publícase progresivamente en Francia con entre 4 e 5 mil subscritores, maioritariamente entre a burguesía letrada e culta que tiña nos seus círculos sociais bastante capacidade de difundir e multiplicar o impacto desta publicación que subministraba novas ideas e formas de entender o mundo. Así, este grupo con capacidade cultural e económica rematará tendo capacidade de actuar. Tamén ter en conta dentro das novas ideas o exemplo inglés (pola falta de absolutismo) e esencialmente o americano (ofrecía unha organización política distinta, con división de poderes e liberalismo).


A revolta dos privilexiados + Dos Estados Xerais á Asemblea Constituínte: Consiste na fase previa da revolución, que sitúa o conflito entre privilexiados e monarquía nun punto de non retorno, derivando nunha toma de decisións por ambas partes que desencadeará os acontecementos. Luis XVI sube ao trono no 1774 e, durante o seu reinado, as finanzas da monarquía estarán na man de Necker, controlador xeral das finanzas (1776-1785) que, ante o empeoramento desta cuestión, dirá ao rei nos últimos anos do seu cargo que a única solución posible é a contribución dos privilexiados dalgún xeito para paliar a situación. O rei, consciente de que estes se negarán, cesa ao anterior e coloca no seu lugar a Calonne (1785-1787), ao que se lle ocorre instaurar a chamada subvención territorial (novo imposto que deberían pagar todos os propietarios de terras, independentemente do seu estamento: na práctica, obrigaba a Igrexa e nobres a pagar impostos, en tanto que eran propietarios de terras). De novo, esta vía fracasou ante a negación dos privilexiados e o cargo pasa ás mans de Brienne (1787-1788: o único que fai é seguir pedindo créditos, é dicir, empeora claramente a situación aínda máis). Ante isto, en 1788, Luis XVI atópase sen máis saída que devolver o cargo a Necker, que se atopa unha situación aínda peor que a deixada por el (a nobreza reúnese nos parlamentos aristocráticos, asembleas que tratan esta cuestión e insisten reiteradamente en non renunciar á exención fiscal).

É dicir, xa hai unha clara rebelión nobiliar / dos privilexiados (chocan de fronte coa monarquía) que obriga a Necker a suxerir ao rei que convoque os chamados Estados Xerais (unha especie de representación, estamental, da totalidade da sociedade francesa). Esta era unha institución moi tradicional na que estaban representados todos os estamentos (mediante procesos de elección), de forma que tiña unha clara estrutura estamental: dividíase en tres cámaras separadas e paralelas (aristocracia, clero e terceiro estado) nas que cada estamento discutía a proposta do rei e emitía o seu voto ou opinión particular (pero non teñen capacidade decisoria, era un órgano estritamente consultivo, pois todo o poder está en mans do rei). Así, eran convocados unicamente cando o rei quería coñecer a opinión da sociedade antes de tomar unha decisión, pero adoitaba asociarse a unha incapacidade ou debilidade do rei (o que explica que non foran convocados dende 1614 e que Luis XVI tratará de resistilo ata non ter máis remedio).

Deste xeito, nos primeiros meses de 1789 convócanse os Estados Xerais e na primavera lévase a cabo a “campaña electoral” (non no mesmo sentido que o actual, senón o proceso de designación dos representantes de cada estamento), no terceiro estado ocasionaba unha serie de problemas, pois non hai nel ningún tipo de organización máis alá de certas asembleas locais en núcleos rurais; de forma que, para facilitar o proceso, decídese duplicar o número de representantes do terceiro estado (inicialmente, sen importancia porque o voto é por estamento e non por individuo). Un elemento de gran interese ao longo desta campaña foi a elaboración dos Cahiers de doléances (miles de “cadernos de queixas” polas asembleas de todos estamentos en toda Francia e como análise da situación e proposta de solución ao asunto, as finanzas da monarquía). Estes resultan unha fonte histórica de gran importancia para coñecer a realidade do país e as posicións de cada un dos diferentes estamentos: nobreza contraria á acumulación de funcións do rei, Igrexa aferrada á relixión e doente pola perda de rendas agrarias e terceiro estado no que xa aparecen as novas ideas de cambio a todos os ámbitos (máis alá das finanzas). Finalmente, a composición dos Estados Xerais cando se reúnen en París é: 270 representantes da nobreza, 291 do clero e 578 do Terceiro Estado (isto será importante no futuro).

A sesión inaugural dos Estados Xerais tivo lugar o 5 de maio de 1789, na que os estamentos acoden para escoitar o discurso do rei Luis XVI, que centra o asunto no problema financeiro (reafirma que convocou aos súbditos unicamente para que opinen sobre a resolución disto) ao mesmo tempo que advirte a todos eles contra o reformismo excesivo (o rei era consciente e temeroso das novas ideas que circulan por Francia e nos Cahiers de doléances) e, por último, como monarca absoluto resérvase a última palabra (a capacidade de decidir reside unicamente na súa persoa e espera que os alí reunidos acepten que o seu papel só é consultivo). Dito isto, cada estamento se reúne na súa cámara e durante a primeira reunión do Terceiro Estado, este estamento comeza a tomar a iniciativa para reclamar dous aspectos: debates conxuntos (os tres grupos na mesma cámara) e as votacións nominais (un deputado, un voto); atentando así contra a tradición, o que claramente modificaría os resultados finais.

Fronte a estas propostas, ten lugar a negativa dos privilexiados, que avogan pola continuación da dinámica tradicional; ante o que a resposta do Terceiro Estado consiste en levar a cabo o peche no Jeu de Paume (local dedicado ao xogo de pelota que lles fora asignado para levar a cabo as súas reunións) e o xuramento do Xogo de Pelota (estes deputados xuran non abandonar o encerro ata ter elaborada unha Constitución para Francia: primeiro acto que podemos cualificar como verdadeiramente revolucionario: supón a substitución da monarquía absoluta e da sociedade estamental en favor dun réxime constitucional e liberal). O seguinte paso prodúcese o 20 de xuño de 1789, cando o Terceiro Estado se autoproclama como Asemblea Nacional (Parlamento lexítimo).

Isto é así porque, para elaborar unha Constitución (documento fundacional dunha nación que emana da soberanía nacional) hai que contar cunha institución lexítima para este propósito (un Parlamento: a Asemblea Nacional). Para entender isto, debemos explicar que, nesta época, París se convertera nun lugar de gran efervescencia política (comézanse a imprimir folletos ou xornais nos que se leva a cabo unha simplificación das ideas ilustradas). Un exemplo de gran influencia na difusión de ideas entre os deputados é Emmanuel-Joseph Sieyès, cura que chega a París como deputado do terceiro estado e non do clero (este estamento admitía a persoas de certas ideas aínda que non necesariamente pertenceran ao estamento) e escribe un panfleto titulado Que é o Terceiro Estado (a resposta é clara: “todo”, son practicamente todos os franceses fronte á gran minoría de aristocracia e clero), no que tamén plantea a pregunta de “que se lle deixa ser” ou “que foi ata agora” (“nada”, sen participación) e “que pide” (“ser calquera cousa, ser algo”). A partir de aquí, en poucas páxinas, defende a completa transformación de Francia (falando de igualdade, liberdade, división de poderes, representación...). É dicir, son escritos que simplifican a filosofía da Ilustración e son capaces de conectar coa acción directa.

Ante o cariz dos acontecementos, Luis XVI considera necesaria unha nova sesión plenaria (23 xuño 1789) na que insiste nos mesmos contidos do anterior discurso, pero que nun momento é interrompido por outro deputado do Terceiro Estado: Honoré Gabriel Riquetti, conde de Mirabeau que afirma que estes deputados están aí por vontade do pobo e só sairán pola forza das baionetas (de novo, incide na idea de que constitúen a verdadeira representación do pobo). Tras reflexionar, catro días despois (27 xuño), o rei ordena as reunións conxuntas (abandonar a dinámica tradicional de cámaras separadas, o que indirectamente implica aceptar a situación maioritaria dun Terceiro Estado que reclamaba unha Constitución, demostrando así unha vez máis a súa debilidade e imposibilidade de resolver o problema financeiro). Luis XVI é consciente de que necesita o apoio do Terceiro Estado para salvar o seu réxime e conseguir o seu propósito (que os privilexiados paguen), polo que acepta establecer a este estamento como maioritario (esperando que a cambio modere a súa posición e abandone o proxecto de ruptura), se ben isto implica aceptar dous riscos (que o Terceiro Estado continúe as súas reclamacións e que empeore a súa relación cos privilexiados).

Non obstante, os acontecementos discorren do xeito contrario á vontade do rei e, o 9 de xullo, a Asemblea Nacional non só non renuncia a ser un Parlamento, senón que ademais se proclama como Asemblea Constituínte e complexiza a situación (todos os estamentos nunha mesma cámara, cuxa maioría se proclamou como “Constituínte”; cambio de transcendencia histórica: punto de inflexión sen volta atrás). Esta insistencia non pode ser aceptada polo rei, dando lugar ao primeiro choque entre o monarca e a Asemblea; momento no que se comeza a xeneralizar e agudizar unha destacada mobilización popular, un dos elementos máis importantes da revolución: a efervescencia política trasládase ás rúas de París e expándese por todos os territorios dunha Francia maioritariamente rural. Desátase con formas e mecanismos bastante simples (un individuo que se subía a unha mesa e era capaz de reunir ao redor del a bastante xente ata o punto de poder chegar a converterse en manifestacións ou disturbios: un dos axitadores máis populares foi o editor de prensa Camille Desmoulins).

Debemos explicar a Asemblea Constituínte para precisar os grupos e tendencias políticas que se atopan no seu seo (que irán evolucionando ao longo da Idade Contemporánea, pero xa a gran maioría das ideoloxías comezan a estar presentes neste intre). Faremos así un percorrido de dereita a esquerda (termos que tamén nacen neste momento), pero tendo en conta que non son grupos parlamentarios nin partidos políticos (tendencias máis ou menos organizadas e estables): 1. Aristócratas: reciben este nome non só por ser nobres (hai moitos eclesiásticos), senón que fai referencia a unha posición política (non social) de defensa do Antigo Réxime a ultranza (non queren que cambie nada): nobreza irredutible que procura a volta a certos aspectos do vello feudalismo. En moitos países, rematarán derivando na ultradereita que en España no XIX sería o carlismo. /// 2. Imparciais (monárquicos): queren evitar a revolución, pero si aceptan un reformismo tipo británico (pódense introducir algúns cambios no absolutismo monárquico e na arquitectura política do Estado: instauración dun Parlamento bicameral que dea representación nunha cámara aos privilexiados e noutra ao Terceiro Estado inspirándose nas cámaras dos lores e dos comúns británicas respectivamente). Representan gran parte da nobreza (algunha dela ilustrada) e boa parte da máis alta burguesía (os máis ricos); é dicir, persoas en boa posición social e económica que queren evitar o mal maior da revolución. /// 3. Constitucionais: xa si deben ser considerados como revolucionarios e presentan ideas como a limitación do poder real (que sexa unicamente un poder executivo e responsable dos seus actos ante o Parlamento) ou a implantación dun réxime de división de poderes e unicameralismo. En resume, son principalmente liberais (burguesía comercial e financeira en termos xenéricos, especial protagonismo dos xuristas e profesións administrativas...) e os únicos capaces de liderar o proceso ata 1791. /// 4. Demócratas (autodenominados patriotas): como o seu nome indica son defensores do sufraxio universal e tamén son republicanos (defenden a liquidación total do sistema, o que inclúe a monarquía absoluta). Diferénciase claramente dos constitucionais (liberais) durante o XIX de que estes últimos son monárquicos (e os demócratas non). A nivel definitorio, nos discursos tamén manifestan preocupación por cuestións socioeconómicas (a desigualdade). Iso si, presentan unha división interna moi clara entre dúas correntes: a. Xirondinos: tiñan a peculiaridade de ser federalistas (a nova república debía romper tamén co sistema anterior a nivel territorial, tíñase descentralizar o poder para superar a concentración de poderes); de feito, principalmente proviñan da rexión francesa de Burdeos e outras próximas (o que explica a súa posición contra o centralismo parisino). Así mesmo, cren que a lei debe representar a vontade popular e apostan pola chamada revolución universal (non pode limitarse a Francia, hai que expandila a outros países porque temen que un país republicano non pode sobrevivir sola nunha Europa absolutista). Na súa maioría, representarían á pequena burguesía provincial (variada en actividades).

b. Xacobinos (montañeses, polo seu alto lugar na Asemblea; e santiagueses pola súa sede na rúa de Santiago): fronte aos anteriores, eran moi centralistas (crían que, para alcanzar a república, era necesario un forte poder central moi comprometido coa causa; único capaz de garantir a consolidación da revolución, pois a disgregación federal do país supón o risco de restarlle unidade ao esforzo revolucionario). Por outra banda, a lei debe estar ao servizo da Revolución (cren que non se pode, de entrada, respectar a vontade popular porque esta non existe: é inmadura, pode ser facilmente manipulada; os franceses nunca puideron participar en procesos políticos, non teñen opinión crítica independente, moitos son analfabetos...). Así, mentres non haxa unha opinión pública formada, non se pode contar coa vontade popular e hai que consolidar a Revolución. En relación a isto, pensan que o fin (a revolución republicana) xustifica os medios (todos son lexítimos, de aí o uso da represión e o “terror” máis absoluto como instrumento e método de goberno). A nivel de representación social, fundamentalmente as clases populares urbanas sobre todo de París (os sans-culottes). /// 5. Hebertistas e Iguais: seguidores de Jacques René Hébert (tamén editor dun xornal) e François Noël Babeuf (primeiro comunista da Historia, punto de partida do socialismo científico; se ben pouco terá que ver co posterior comunismo e socialismo das sociedades industriais, simplemente propón que a pouca riqueza producida debe ser repartida de forma equitativa: “a terra non é de ninguén e os seus froitos son de todos”). En 1795, Babeuf levou a cabo o seu complot ou golpe de Estado que defendía para asaltar o poder; o que lle custou a cabeza.

É dicir, nesta asemblea podemos atopar case todas as ideoloxías contemporáneas (excepto o fascismo), se ben nunha posición aínda inmadura e embrionaria (quizais a máis formada serían os demócratas). Así mesmo, estas tendencias preocúpanse de que haxa unha relación cada vez maior co resto da sociedade: por primeira vez na Historia, preocupación dos políticos de darse a coñecer e gañar simpatías para levar a revolución fora da institución. Van lograr este carácter popular por un total de dúas vías, sendo o primeiro deles os clubes, locais onde se reunían os partidarios de cada unha das tendencias para continuar o debate e informar aos achegados dos temas da Asemblea para recoller suxerencias ou reivindicacións: Club Breton (futuro Club dos Xacobinos), Club des Feuillants (tendencia monárquica constitucional), Club des Cordeliers(republicanos radicais)...; relevantes pola transmisión bidireccional coa Asemblea. En segundo lugar, destacar a prensa, que comeza a cumprir neste momento un papel fundamental en dous ámbitos principais: a información política (que a actividade política chegue ao público) e a formación cívica (instrumento educativo); pois ata entón era unha miscelánea de cousas). Así, debemos vinculala tamén á mobilización popular: aparecen durante a Revolución miles de xornais, (todos eles de carácter político e ideolóxico). De novo, cada unha das tendencias contará con cabeceiras xornais que representen as súas ideas: un dos máis coñecidos é L’Ami du Peuple (xacobino, editado por Marat) ou Le Père Duchesne (Hébert, con alegatos en defensa de temas pouco desenvolvidos como o divorcio).

Por último, regresar á mobilización popular. A súa gran importancia radica en que, nalgúns momentos a revolución cambia de goberno ou tendencia gracias a ela; se ben tamén temos que ter en conta as súas limitacións: efectivamente, os franceses non tiñan unha formación política previa e se percibe en certos intres como un mesmo perfil de xente se mobiliza por reivindicacións opostas polo mero efecto dun axitador ou activista (non hai coherencia ou madurez nas mobilizacións). Ademais, ter en conta as diferenzas iniciais entre mobilizacións urbanas e rurais: no primeiro momento, prende máis rápido a efervescencia política capaz de mobilizar no mundo urbano (París e outras); mentres que no campo é igualmente intensa, pero cun compoñente especialmente social (os campesiños móvense porque se queren librar dos señores: queiman castelos, documentos...). Por último, 1795 é o punto final das mobilizacións populares (suprimidas polo goberno grazas ao exército).

Durante o verán de 1789 a mobilización popular comeza a manifestarse con gran rotundidade e magnitude na toma da Bastilla do 14 de xullo, gran símbolo en torno ao carácter popular da Revolución. Se nos imos ao ámbito da Francia rural, entre os meses de xuño e xullo, o país inúndase de disturbios e manifestacións na vagada coñecida como o gran medo (la grande peur) ante as rebelións e ataques dos labregos (a almacéns, a individuos concretos e, sobre todo, a queima da documentación e contratos que vinculaban aos señores e cultivadores da terra). En resumo, o interesante disto é a extensión por todo o territorio francés (urbano e rural) destas mobilizacións e dunha sensación de descontrol; ante o que a Asemblea Constituínte toma en agosto de 1789 unha serie de medidas que supuxeron a liquidación do Ancien Régime: por unha parte, o decreto do día 4 (supresión dos privilexios e do réxime feudal, sobre todo no referente á estrutura social estamental).


Por outra, o decreto do día 26: texto da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán; que non só decreta e promove a igualdade de todos ante a lei, senón tamén a liberdade e dereitos que se introducen no ámbito político, de forma que constitúe o texto fundacional sobre o que se basearan moitos similares noutros países ata alcanzar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Estes decretos de agosto traspasan unha serie de liñas que o rei xa non pode aceptar, pois derribaban completamente o Antigo Réxime ao atentar contra a sociedade estamental e o poder absoluto. Así, négase a aceptar os decretos e alcánzase unha situación de pulso entre Luis XVI (que se atopaba en Versalles) e a Asemblea. Así, durante setembro e inicios de outubro, comézase a promover unha mobilización popular para tratar de convencer ao monarca das novas medidas. O 5 de outubro, o rei está en Versalles protexido pola garda real e rodeado polo pobo francés, encabezado por mulleres que se mobilizaran nos mercados ante a carestía de produtos básicos (pan), ao que se engade unha vertente política. O día seguinte, tras un debate en palacio (hai quen lle aconsella que arrebata contra o pobo), o monarca cede; pero será xa un rei “prisioneiro” da Revolución (todo o mundo sabe que se opón a ela e se atopa nunha posición defensiva do seu réxime).

Unha vez retido, debemos centrarnos no labor lexislativo da Asemblea dende estes decretos ata a Constitución co intento de recuperar o control dos acontecementos e o obxectivo final de redactar o texto antes mencionado (previamente era necesario lexislar e promover unha serie de leis). En primeiro lugar, resultaba necesario homoxeneizar o territorio mediante a nova administración local (para poñer fin á tensión e solapamento entre a administración da monarquía e as vellas administracións señoriais decídese dividir Francia en departamentos e comunas que foron copiadas en España e se irán consolidando ao longo do tempo). Tamén resulta de gran importancia a reforma do Exército (substitúese o sistema de recrutamento forzoso por levas por outro composto por militares profesionais que acceden á milicia de forma voluntaria e se formen en cuarteis e academias). En terceiro lugar, a reforma do sistema impositivo (a propia Revolución comezara por unha cuestión fiscal e agora trátase de poñer en marcha un sistema baseado na premisa básica de que cada un deberá contribuír economicamente ao Estado en función das súas posibilidades, liquidando exencións fiscais xa que non existían a nivel legal os “privilexiados”).

Por outra parte, a constitución civil do clero (coa liquidación dos privilexios, a Igrexa parecera quedar como unha “nación paralela”; agora todos os eclesiásticos estarán igualmente sometidos á lei que afecta a todos os franceses para impedir que as normas canónicas poidan entrar en contacto coa lexislación civil e común, cuxa superioridade quedaba establecida: é dicir, os eclesiásticos franceses eran tratados como calquera outro cidadán). Así mesmo, lexíslase sobre a importante cuestión da división de poderes (xa antes da Constitución, tómanse medidas para lograr a separación do poder executivo, lexislativo e xudicial e proclamar a independencia de cada un deles). A maior parte destas medidas serán asumidas pola Constitución cando se proclame no 1791, pero a Asemblea está adiantándoas para controlar a situación sen ter que agardar todo o tempo preciso para promulgar un texto así. Este é o caso do voto censitario, deixando claro que haberá cidadáns que poderán participar na política e outros que non (na propia Constitución xa se ampliará máis esta idea). Por último, destacar a aceptación o 14 de xuño de 1791 da Lei Le Chapelier (liquida os gremios e demais asociacións de carácter corporativo que impedían o funcionamento dun libre mercado, medida anticipadora que veremos noutros países cando se transite dun modelo de economía preindustrial a outro capitalista e industrial cun mercado libre baseado na lei da oferta e a demanda).

Así, no 1791, todo este conxunto de normas e leis incrementan o desgusto do rei, que non é quen de controlar os acontecementos e desempeñar un papel protagonista ou mandar.

Por iso, durante dous anos (dende agosto de 1789), dedicouse a conspirar (solicitar a intervención en Francia doutros monarcas europeos para restaurar o seu poder e grandeza), para o que botou man dos emigrés (nobres que foxen da Revolución, refúxianse en cortes estranxeiras como Madrid ou Viena e trataban de presionar aos monarcas ou servir a Luis XVI como mensaxeiros). Tras isto, entre o 20 e 21 de xuño, ante a súa falta de poder sobre a política francesa, tratará de fuxir de Francia disfrazado, pero será recoñecido na cidade de Varennes e obrigado a regresar á capital. Non obstante, non é feito prisioneiro porque xa estaba acordado que a Constitución de Francia sería monárquica (a Revolución non fora feita contra o rei, senón que se desencadeou contra os privilexiados e o absolutismo); pero si queda con pouca liberdade.

Así, chegamos no 3 de setembro de 1791 á Constitución, que recoñecerá a Luis XVI como Rei de Francia e se caracteriza por unha serie de trazos: a proclamación da soberanía nacional (dar por liquidada a soberanía do rei e recoñecer que no seu lugar goza dela a nación; de forma que tamén a propia Constitución é lexítima porque representa a vontade do pobo e é depositaria da súa soberanía, é promulgada no seu nome), incorpórase en gran medida o recoñecemento de dereitos e liberdades dos que ningún francés pode ser librado, estrutúrase de forma concreta e detallada a separación de poderes (defínense os tres, o seu exercicio e mecanismos de control para evitar que ningún deles se impoña sobre os outros) e especifícase a diferenciación entre cidadáns activos e pasivos segundo a contribución fiscal, o Patrimonio (non se fixa un límite preciso sobre quen poderá ou non votar, o que se fará posteriormente, pero si recolle os motivos e criterios para establecer a diferenza; o que demostra o carácter estritamente liberal destes constitucionais que lideran o proceso). Con esta última medida, exclúese á gran maioría de franceses dun dereito específico (a participación política), fronte a unha Declaración de Dereitos e Liberdades que se aplica a todos eles (indica carácter liberal e liderado burgués deste acontecemento).

Asemblea Lexislativa (outubro 91-agosto 92): Os líderes do proceso pensaban que, coa conversión de Francia nunha monarquía constitucional e liberal, a Revolución estaba feita; polo que era hora de actuar con normalidade: convócanse eleccións con sufraxio censitario, dando paso á nova etapa: Asemblea Lexislativa (outubro 91 – agosto 92). Hai un desprazamento á esquerda (desaparecen gran parte das forzas eclesiásticas e nobiliarias que podíamos identificar coa dereita) e unha división en tres grupos fundamentais: demócratas (xirondinos e xacobinos), constitucionais e o gran grupo central dos indecisos (non se aliñan concretamente con ningún dos grupos anteriores). Pese a isto, os problemas fundamentais seguían sen resolver: financeiros (era necesario pagar o exército, dotar de persoal á nova administración...; e non sempre era doado facer cumprir a nova lei fiscal por ter que obrigar a contribuír a aqueles que non o facían; polo que esta lei é insuficiente para nutrir totalmente ás arcas), escaseza de produtos básicos (pola crisis agraria e falta de reformas no campo; ante o que a carestía, pobreza e fame seguen moi presentes e causan mobilizacións).

Tamén importantes movementos refractarios (contrarrevolucionarios, axitados e protagonizados polos antigos privilexiados que financian do seu peto partidas armadas para levantarse contra a revolución que se expanden por toda Francia e supoñen un problema porque nobreza e Igrexa seguen tendo gran poder e influencia nas vontades do país e a nova Francia constitucional e o seu exército aínda están en construción; derivando case nunha guerra civil que empeora a situación dos franceses) e a guerra contra Austria e Prusia en abril de 1792 (estes dous países declaran a guerra a Francia como primeira coalición antirevolucionaria froito da conspiración do rei e os nobres emigrados e que consolida a idea da necesidade de estender a Revolución por toda Europa para asegurar a supervivencia francesa). É dicir, persisten vellos problemas, pero ademais se engaden outros que agudizan os anteriores e favorecen que a revolución continúe.

Esta continuación da revolución vaise seguir producindo no marco das mobilizacións populares, como as masivas revoltas populares en agosto de 1792 na capital (pola fame), o que fai que a esquerda xacobina tome o poder na recen formada Comuna de París, entrando así nun choque entre o propio poder local parisino e a Asemblea que se resolve coa disolución da Asemblea e a convocatoria de novas eleccións, agora con sufraxio universal masculino (os xacobinos son capaces, empoderados do apoio popular, de forzar isto fronte ao que establecía a lei).

A Convención Xirondina (setembro 92 – xuño 93):  Este será o novo nome que adoptará o Parlamento, pois serán estes os que consigan unha posición maioritaria nas eleccións. Como consecuencia destas eleccións prodúcese de novo un xiro electoral á esquerda (explicado polo paso ao sufraxio universal: os excluídos, os máis pobres, poden votar; se ben a participación electoral foi escasa). Agora xa si podemos dar números: xacobinos (288, pero non contan con maioría absoluta), xirondinos (262, pero logran facerse co control porque conseguen o apoio de gran parte do centro) e centro-chaira (199, oscilando entre ambos, pero sobre todo cos xirondinos). Por tanto, hai unha clarísima maioría republicana (os demócratas) que permite que a primeira medida sexa a abolición da monarquía e proclamación da república o 22 de setembro de 1792. Ante isto, o principal problema que se plantea era que facer co anterior monarca (Luis XVI), ante o que existían tres opcións: deixalo estar e darlle liberdade, xulgalo (por cargos contra a nación, o pobo francés e a revolución) ou a defendida por Robespierre (non era necesario xulgar ao monarca, senón executalo, pois sometelo a un xuízo supoñía a presunción de inocencia e, considerar que o rei era inocente, convertía á república e os revolucionarios nos culpables). Finalmente, o 21 de xaneiro de 1793 ten lugar a execución e morte de Luis XVI.

A pesar da proclamación da República, os problemas seguen persistindo e agravándose: os financeiros, o aprovisionamento... Ademais disto, chégase a formar a primeira gran coalición europea na que se atopan case todas as monarquías para participar nunha guerra contra Francia. Así mesmo, de novo, a situación de crise (política, militar e económica) da lugar a unha nova sublevación popular en París o 31 de maio de 1793 (fomentada polos xacobinos, que pese a ser máis en número non tiñan tanto apoio da chaira e non controlaban o goberno). Si contaban co apoio das masas populares parisinas, co que logran dar un golpe de Estado contra os xirondinos e dar lugar a un cambio de goberno.

A Convención Montañesa (xullo 93 – xullo 94): Liderada por Robespierre (“o Incorruptible”) e momento de culminación da revolución (etapa máis radical e exaltada de todo o proceso). Entre as medidas, empezar polo establecemento dun novo calendario (non debía empezar a contarse co nacemento de Cristo, senón que o ano I debería ser o 1793 pola proclamación da República e a execución do rei). En segundo lugar, promúlgase a Constitución do Ano I (a primeira constitución democrática da historia polo sufraxio universal e directo, iso si, masculino unicamente no XIX; e por apostar destacadamente pola participación da poboación e a exaltación da virtude republicana). Tamén a divinización da razón (os demócratas non crían en ningunha relixión concreta, pero dende o seu elitismo si pensaban que a relixión podía servir á causa da república e de aí que se substituísen en moitas igrexas os símbolos cristiáns polos da razón ilustrada). Agora ben, a república democrática que Robespierre pretende consolidar, recorrerá rapidamente ao terrorcomo instrumento de goberno e, de feito, a propia Constitución é suspendida ao pouco tempo da súa aprobación.

No seu lugar, instáurase o goberno do terror, pensado para rematar con todos aqueles inimigos da revolución radical (tanto republicanos como constitucionais), para o que se empregarán elementos xurídicos como os estados de excepción, a chamada Lei de sospeitosos (os procesos xudiciais facíanse moito máis breves e así aumentaba exponencialmente o número das execucións), o Comité de Saúde Pública (escollía que comportamentos supoñían incorrer nun delito e a expansión por todo o país dos tribunais revolucionarios (xulgaban os delitos políticos); con todo isto, entre abril e xuño de 1794 alcanzáronse os 2100 guillotinados en París. Isto indica que se trata de instaurar en Francia unha democracia que necesariamente está conducida ao fracaso porque a sociedade do país aínda non estaba preparada para tal, pois para a democracia se esixe necesariamente unha sociedade equilibrada (clase media maioritaria). O terror foise da man dos xirondinos ata o punto de que se acabou dirixindo a todos (calquera podía chegar a verse afectado polas denuncias e a práctica de liquidación de inimigos políticos).

Pouco a pouco, os xacobinos foron perdendo apoio; se ben si atopamos elementos positivos como as vitorias militares no exterior ante a coalición monárquica e sobre a contrarrevolución interior. Aínda así, como dixemos, foron perdendo apoio popular pola non resolución da crisis agraria, o réxime do terror e a reacción burguesa; elementos que se suman para explicar o seguinte gran acontecemento: a caída do goberno xacobino (polo mesmo proceso que o fixeran eles mesmos, cun golpe de Estado e aplicándolles a mesma menciña, pois moitos deles foron executados como o propio Robespierre).

Convención Thermidoriana (27 xullo 1794 – 26 outubro 1795): Recibe este nome porque o golpe se deu en dito mes (o “do calor”), concretamente o día 27 de xullo de 1794 e por parte da burguesía liberal (os que elaboraran a Constitución de 1791), que recupera o poder; de forma que a revolución comeza agora a descender, pois estes novos líderes queren regresar á situación que deixaran eles. Así, o 22 de agosto de 1795, coa promulgación da Constitución do Ano III, vaise producir un xiro á dereita e recupérase o sufraxio restrinxido para evitar os “excesos democráticos”. Non se poderá restablecer a monarquía, pero a república será de carácter liberal e burgués; ademais de que tratarán establecer e atar ben a estrutura política para non volver a perder o poder polo exceso popular. Así, por primeira vez en Francia, atopamos un Parlamento de dúas cámaras (lexislativo): o Consello dos 500 (deputados elixidos por sufraxio censitario) e o Consello de Anciáns (membros de mínimo 40 anos designados en virtude dos seus méritos en distintos ámbitos, polo que adoitaban ter un perfil máis conservador, e que tiñan máis prerrogativas que os anteriores). Este último nomea ao poder executivo, o Directorio (de 5 membros) que é escollido por unha cámara que non é designada polo pobo (o Consello dos Anciáns).

O Directorio (outubro 1795 – novembro 1799): A partir desta fase (cuxo nome fai referencia ao poder executivo e non o lexislativo) alcánzase unha certa estabilización do proceso revolucionario (dura xa catro anos), que comeza a marchar cara o seu final. Podemos resaltar ao longo da etapa a represión das manifestacións populares (son impedidas cun recurso moi frecuente, que ten que ver co crecente protagonismo do exército e a súa popularización: aparecen militares destacados polas campañas exteriores e este papel de represión). Isto abrirá a posibilidade do golpe de Estado do 9 de novembro de 1799, neste caso por parte de Napoleón Bonaparte, que se presenta no Consello dos 500 co apoio dunha clara maioría do Consello de Anciáns. Vaise abrir así un novo período, de novo nomeado polo seu poder executivo.

Consulado (novembro 1799 – agosto 1804): O poder executivo consiste en tres cónsules: o propio Napoleón (o único que será cónsul vitalicio), Ducos e Sieyès (xa mencionado como cura ilustrado que fora difusor nos inicios da Revolución co seu panfleto de Que é o Terceiro Estado). Por último, o punto final desta Revolución consiste na proclamación de Napoléon como emperador o 2 de agosto de 1804 (o cal foi facilitado pola propia burguesía).


A Revolución: unha visión global -->

A Revolución consistiu nun proceso de ruptura e superación do Antigo Réxime, cun relato no que partimos dunha primeira fase prerrevolucionaria chamada como revolta dos privilexiados (na realidade, todo o contrario ao defendido durante a Revolución: tendencia nostálxica cos privilexios feudais perdidos), que obrigou ao rei a convocar os Estados Xerais (funcionan como unha fronteira entre o Antigo Réxime e a Idade Contemporánea: institución típica do Antigo Réxime, pero que situamos como límite por ser empregada para impulsar e desencadear o proceso revolucionario). Así, o Antigo Réxime comeza a despedirse, sobre todo tras o primeiro momento realmente de ruptura: a Asemblea Constituínte, que racha coa monarquía absoluta e a sociedade estamental coa súa intención de redactar unha Constitución. Así, xa estamos en plena Revolución, que ascende ata o novo momento culminante, o cal podemos ubicar claramente na Constitución de 1791 (obxectivo do grupo burgués liberal que liderou a Revolución durante os primeiros anos). Non obstante, estes perderan o poder coa Convención xirondina e as súas eleccións (intención de pasar dunha monarquía liberal a unha república democrática: a Revolución sigue crecendo). Sen dúbida, o punto culminante e máis radical será a Constitución do Ano I (primeira democrática da historia).

Non obstante, a burguesía liberal é capaz de recuperar o poder e o seu proxecto pode ser levado a cabo dende o golpe de Estado en Thermidor, coa intención de regresar a 1791 (un “descenso” na Revolución); pero ademais con unha serie de precaucións adicionais para non volver a perder o poder (o Parlamento bicameral). Así, o punto de chegada de todo este proceso (a Constitución do Ano III) realmente tende ao conservadorismo, a volta atrás e a estabilización do poder da burguesía liberal (é dicir, vólvese máis atrás incluso con respecto á Asemblea Constituínte). Isto vaise lograr definitivamente con Napoleón: é dicir, hai un claro ascenso inicial, pero finalmente se produce un descenso e retroceso; iso si, a proclamación deste como emperador non representa para nada unha volta ao Antigo Réxime, pois non é monarca absoluto. É dicir, máis alá de ascensos e descensos, a valoración conxunta do proceso é a derrota do Antigo Réxime.

Sobre o papel de Napoleón, existen valoracións opostas na historiografía: para uns consistiu no liquidador e “asasino” da Revolución (remata con conquistas esenciais como as liberdades políticas, a representatividade ou a división de poderes ao acumular o executivo, representado polo propio Napoléon, o poder central). Non obstante, para outros realmente consolida e expande a Revolución: consolida a eliminación da sociedade estamental (substituída pola de cidadáns libres e iguais e, de feito, Napoleón promulgará o primeiro Código Civil, que inspirou todos os posteriores), as liberdades económicas (senta as bases do liberalismo económico en Francia e do desenvolvemento do capitalismo), unha nova administración (reforza en todo o territorio francés a división en departamentos que perdura ata o día de hoxe e desaparecen todos os vestixios de señoríos) e a exportación do ideal revolucionario (coas súas conquistas, viaxan os ideais da Francia revolucionaria, que fan nacer o liberalismo en gran parte dos territorios europeos, como puido ser o caso de España). Por tanto, ambas afirmacións son verdadeiras e depende unicamente do mundo en que nos fixemos.

O legado da Revolución -->

En moitos países, o XIX foi un intento de reconectar con estes ideais revolucionarios e redescubrir a herdanza revolucionaria, legado de este proceso. En primeiro lugar, a soberanía, con múltiples definicións ao longo da Historia, a maioría delas insatisfactorias; pero, en xeral, debemos entender un poder supremo e independente, que progresivamente descansou sobre diferentes institucións: na monarquía absoluta sobre o monarca (non responsable ante ninguén ao non existir ningún poder superior), mentres que na actualidade sempre se entende que a soberanía descansa sobre a nación (entendida como comunidade de cidadáns libres e iguais). Este é o resultado da Revolución, que aporta un novo suxeito de soberanía: esta comunidade nacional, na que cada un dos seus cidadáns serán “copropietarios” de dita soberanía. Polo xeral, os cidadáns están representados no Parlamento, que é depositario temporal desta soberanía.

En segundo lugar, unha serie de cambios na política, tanto no concepto da mesma como nas súas prácticas. No Antigo Réxime, era unha actividade vetada e inaccesible para a maior parte de súbditos do monarca ata que a Revolución inaugura unha forma de entendela como unha “cousa pública” (res publica) e, polo tanto, dotala de novos mecanismos de actuación e formas de practicala e estendela ao conxunto da sociedade (búscase a participación, o debate político fóra e dentro das institucións...). De feito, este debate político vai formar parte da esencia dos réximes liberais contemporáneos (é a forma de chegar á razón). Entre as novas prácticas políticas, sobresae a elección: fórmula esencial para designar aos encargados de desempeñar cargos políticos. Así mesmo, no mundo contemporáneo a política encárgase por aumentar os seus ámbitos (cada vez máis asuntos susceptibles de ser tratados politicamente): no Antigo Réxime só se vinculaba a xustiza, infraestrutura, guerra e paz e pouco máis; pero no período revolucionario xa se incorpora a resolución da desigualdade e as diferenzas económicas, p.e. (asunción crecente de temas e competencias: educación, cultura...).

Por outra parte, a Revolución pon en marcha unha administración que serve a uns criterios fundamentais que son comúns aos Estados contemporáneos: homoxeneización, xerarquización e racionalización e eficacia; co matiz no caso de Francia de que o modelo polo que finalmente se opta destaca especialmente pola centralización (modelo que, a diferenza do anterior, non é común a todas as nacións do mundo actual).

En canto ás relacións Igrexa-Estado, a Revolución foi bastante clara na separación completa destes dous aspectos, no que Francia nunca deu marcha atrás. O mesmo ocorreu coa civilización do clero (sometemento á lexislación civil) ou a “privatización” da crenza relixiosa (as obediencias relixiosas resérvanse ao espazo persoal, polo que se vai defender a liberdade de culto).

Na sociedade, a Revolución ten a manifestación máis visible para os franceses daqueles anos (as cuestións anteriores non modificaron tan inmediatamente a vida dos cidadáns). En cambio, os aspectos sociais si son visibles e perceptibles para todos, pois deixa de existir a subordinación xurídica aos señores e as relacións vasalláticas (pásase así dos estamentos á igualdade xurídica de forma rápida). Así, mesmo, a Revolución supuxo o triunfo dos valores burgueses (os valores dominantes ata entón estaban vinculados á tradición e relixión, pero agora recoñécense velozmente a liberdade ou a igualdade, promovidos pola burguesía e rapidamente asumidos pola sociedade). Por tanto, foi unha revolución burguesa por varias cuestións: o seu liderazgo social (que se aprecia sobre todo na súa capacidade de conducir e dirixir ao conxunto do Terceiro Estado, así como de recuperalo despois tras a caída do goberno xacobino), as numerosas restricións á participación política (é un dereito que se vai delimitar polo sufraxio censitario).

Isto é así porque a burguesía tiña claro que debían gobernar e estar presentes na política aqueles que tivesen intereses que defender e ideas e criterios independentes. Finalmente, o máis importante en relación á Revolución Francesa e moitos outros procesos de cambios posteriores é que a Revolución, dende o seu liderazgo burgués, amosa a unanimidade do Terceiro Estado (cun inimigo común, os privilexiados). Unha vez liquidados os estamentos, ábrese unha nova dinámica: a de unha sociedade de clases, abríndose forza de forma inmediata unha clase burguesa que defende os seus intereses (xa dende a Constitución de 1791). É dicir, en termos políticos hai unha transición dunha sociedade estamental a outra de clases (cunha burguesía capaz de renunciar a algúns dos seus principios políticos fundamentais a cambio de obter tranquilidade nos seus negocios, como ocorreu coa liberdade política, a representatividade e a división de poderes). Esta actitude da clase burguesa será vista en moitos procesos posteriores noutros países. Por estes tres motivos podemos afirmar que a Revolución Francesa foi indubidablemente burguesa.

Por último, facer referencia aos cambios na concepción de nación, aportando a Revolución a nova definición de comunidade de cidadáns libres e iguais, o que ten varias derivacións de gran importancia como o patriotismo contemporáneo (sentimento moi poderoso e exaltado durante a contemporaneidade, vinculado á sensación de ser parte dunha nación soberana). Foi moi maleable segundo o contexto e del dependeu en moitas ocasións o triunfo ou non de certos movementos ou a declaración de guerras. Ademais, hai formas moi diversas de concibir a nación segundo o país. Por outra parte, a nova concepción de nación repercute directamente nas relacións internacionais (pasan de estar condicionadas por intereses dinásticos a considerarse como relacións entre pobos, polo que a diplomacia ten que responder aos intereses e vontade xeral dos mesmos; asunto moi complicado no mundo contemporáneo, ao ter que facer coincidir o interese xeral da comunidade co interese nacional). Finalmente, disto derívase o dereito dos pobos a dispor de si mesmos, que estará presente no inicio e resolución de moitos conflitos (como nos acordos de paz da I GM ou o conflito catalán, usando este dereito como fundamento).

En definitiva, a historia do XIX enténdese como redescubrimento da herdanza revolucionaria.

Entradas relacionadas: