A Revolución das Vangardas na Literatura Galega: Xeración de 1922 e Autores Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,39 KB
O Tempo das Vangardas Europeas e a Súa Chegada a Galicia
Co comezo do século XX, aparecen por toda Europa grupos de artistas mozos que rexeitaban as súas tradicións culturais por consideralas caducas.
Movementos Vangardistas Internacionais
Os principais movementos de vangarda son:
- O Futurismo
- O Cubismo
- O Dadaísmo
- O Surrealismo
Estes movementos defendían as súas ideas con manifestos de carácter provocador.
A Xeración de 1922 e a Renovación en Galicia
Tamén nos anos vinte e trinta se produce en Galicia, da man da chamada Xeración de 1922, unha fonda revolución literaria, sobre todo poética.
O manifesto político Mais Alá!, publicado en 1922 polo poeta Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro, e a proliferación de revistas literarias son as mostras máis significativas do papel das vangardas en Galicia.
As Liñas de Renovación Poética en Galicia
A renovación poética galega articúlase principalmente en tres movementos:
Imaxinismo
Representado por Luís Amado Carballo, quen nos deixou dous libros de poemas: Proel e O galo. Neles atopamos unha paisaxe humanizada.
Neotrobadorismo
Recupera as estruturas formais da lírica medieval. É consecuencia do impacto que causou nos poetas novos o coñecemento das cantigas medievais de amigo e de amor editadas uns anos antes. Fermín Bouza Brey escribiu Nao senlleira e Álvaro Cunqueiro escribiu Cantiga nova que se chama Riveira.
Vangardismo
Poetas que asumiron directamente as propostas dos movementos de vangarda. Álvaro Cunqueiro escribiu Mar ao norde e Poemas do si e non. O poeta máis destacado deste movemento é Manuel Antonio.
Figuras Clave da Xeración de 1922
Manuel Antonio (1900-1930)
Naceu en Rianxo en 1900. Estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala. Estudou Náutica en Vigo. Enfermo de tuberculose, regresou a Rianxo, onde morre en xaneiro de 1930, aos 29 anos de idade.
En vida só publicou un libro: De catro a catro.... É o diario poético dunha vida polo mar e, ao tempo, dunha viaxe interior marcada pola soidade e a ausencia.
A obra de Manuel Antonio caracterízase por unha lingua experimental e renovadora, na que elimina a rima, a métrica, a división estrófica e o ritmo. Ademais, distribúe de forma novidosa os espazos e altera a tipografía. Trátase dunha poesía conformada por unha sucesión de imaxes novidosas, ausentes de todo sentimentalismo.
Rafael Dieste (1899-1981)
Naceu en Rianxo en 1899 e finou en Santiago en 1981, despois de pasar moitos anos exiliado en México e Bos Aires. É o principal prosista da Xeración de 1922.
O seu libro Dos arquivos do trasno contén contos nos que Dieste une sutilmente o mundo da realidade lóxica e o da fantasía, con personaxes que exemplifican moi ben as características do modo de ser da poboación galega.
A obra teatral A fiestra valdeira é unha peza orixinal e innovadora. Trátase dunha comedia simbólica centrada no tema da identidade cultural.