Revolución Agraria e Primeira Revolución Industrial: Transformacións Económicas e Sociais
A Revolución Agraria
A revolución agraria é un conxunto de cambios e transformacións que deron lugar a un novo modelo agrario que substituíu o do Antigo Réxime.
Principais cambios
Novos sistemas de cultivo
Destaca a eliminación do barbeito gracias á introdución da rotación de cultivos sobre a mesma parcela.
Renovación técnica constante
Mellora e perfeccionamento da ferramenta polo aumento do emprego do ferro e de novos arados e aparellos mecánicos para sementar, mallar e segar.
Especialización agraria e incremento dos rendementos
A agricultura pasou de ser de autosuficiencia e policultivo a especializada e comercial, con producións destinadas a ser vendidas no mercado.
Cambios no réxime de propiedade da terra
Mediante novas leis, as grandes extensións de terras comunais pasaron a converterse en propiedade privada individual. Ademais, foron eliminadas as trabas e cargas fiscais de orixe feudal.
Cambio na mentalidade dos propietarios
Fronte aos do Antigo Réxime, que se conformaban coas rendas pagadas polos campesiños arrendatarios, converteron a terra nunha fonte de beneficios.
A Primeira Revolución Industrial
A Primeira Revolución Industrial é o conxunto de transformacións económicas e sociais que tiveron lugar no sistema de produción de mercadorías a partir de mediados do século XVIII.
Orixe e características principais
Os primeiros síntomas do cambio tiveron lugar en Inglaterra no século XVIII.
- Invención de máquinas cada vez máis especializadas na función que realizan, e a mecanización das tarefas produtivas.
- Emprego da enerxía do vapor como forza motriz, grazas á invención da máquina de vapor por James Watt en 1769, así como o emprego do carbón como materia prima calorífica.
- Instalación de fábricas: unidades de produción formadas por unha ou varias instalacións dotadas de máquinas e nas que se concentran traballadores asalariados. Estes obreiros realizan tarefas especializadas baixo o control dunha dirección centralizada que aplica un rígido código de disciplina.
Sectores punteiros
Industria téxtil do algodón
Foi o primeiro sector no que se produciu a mecanización e a transformación industrial. En Europa aumentou a demanda de tecidos de algodón estampados de procedencia oriental, e moitos talleres de Inglaterra comezaron a fiar.
Industria siderometalúrxica
Foi o segundo sector en industrializarse debido á crecente demanda de ferro para as novas ferramentas e máquinas. No Antigo Réxime a produción de ferro era escasa e baseábase na fundición do mineral mediante combustión de madeira. As innovacións permitiron empregar o carbón como fonte calorífica para fundir mellor e en maiores cantidades.
O ferrocarril
O aumento da produción agraria, mineira e industrial estimulou a invención deste novo medio de transporte. A aplicación da máquina de vapor no arrastre de vagóns culminou coa invención de Stephenson: a locomotora e o ferrocarril.
- En 1825 circulou en Inglaterra o primeiro tren mineiro.
- En 1830 circulou o primeiro tren de pasaxeiros.
O ferrocarril converteuse no símbolo do progreso.