Resurrección Literaria Galega na Posguerra: Da Represión ao Rexurdimento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 10,06 KB
A Ditadura Franquista e a Represión da Lingua Galega
A ditadura franquista exerceu unha durísima represión contra a lingua e os intelectuais galeguistas, derrubando os logros da etapa anterior e creando unha situación de diglosia extrema: o castelán volveu ser a única lingua valorada socialmente e usada nos ámbitos formais, mentres que o galego, aínda que seguía sendo a lingua máis falada, quedou desprestixiado e reducido ao uso familiar e informal. Diversos decretos prohibiron o uso do galego e calquera defensa del converteuse nun acto perigoso.
O Rexurdimento da Cultura Galega na Posguerra
Os Anos 50: Unha Tímida Apertura
Ata os anos 50, a actividade cultural en galego era practicamente inexistente dentro de Galicia, limitándose ao exilio. Con todo, a década de 1950 marcou o inicio dunha apertura forzada da ditadura franquista, o que permitiu unha certa revitalización da cultura e da edición en galego. O feito máis destacado deste período foi a creación da editorial Galaxia en 1950, impulsada por un grupo de intelectuais galeguistas que buscaban recuperar o prestixio e a función do galego como lingua de cultura e literatura.
Os Anos 60 e 70: Un Maior Dinamismo Cultural
Nos anos 60 e 70, este tímido aperturismo do réxime facilitou un maior dinamismo na vida cultural en galego. Xurdiron partidos políticos nacionalistas clandestinos e asociacións culturais, como O Galo e O Facho, que promoveron o uso da lingua galega. A Real Academia Galega instaurou en 1963 o Día das Letras Galegas, un evento que se convertería nunha das principais celebracións da cultura galega. En 1965 creouse a cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade, ofrecéndose como materia optativa na carreira de Filosofía e Letras, mentres que colectivos estudantís comezaron a adoptar o galego como lingua habitual e a promover actividades culturais na nosa lingua. Tamén en 1968 nace o Instituto da Lingua Galega, un centro de investigación dedicado ao estudo e promoción do idioma. Paralelamente, xurdiu o movemento da Nova Canción Galega, impulsado polos cantautores de Voces Ceibes, que empregaron a música como ferramenta de reivindicación cultural e política. No ámbito literario, triunfou a poesía de compromiso social, especialmente coa figura de Celso Emilio Ferreiro, e a narrativa experimentou unha renovación, con autores como Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e os escritores da Nova Narrativa Galega.
A Castelanización da Sociedade Galega
A pesar destes avances, a sociedade galega sufriu un forte proceso de castelanización nestas décadas. Tres factores foron fundamentais neste fenómeno: o éxodo da poboación rural cara ás cidades, xa castelanizadas; o incremento da escolarización, que se impartía exclusivamente en castelán; e a expansión dos medios de comunicación de masas (prensa, radio e televisión), tamén monolingües en castelán. Esta situación dificultou a plena normalización do galego na sociedade, a pesar dos esforzos culturais e intelectuais por mantelo vivo.
Características Lingüísticas Fundamentais
Ao non haber unha norma estándar, a editorial Galaxia elaborou unhas normas internas para simplificar o galego escrito. É o que coñecemos como galego protoestándar, caracterizado pola simplificación da ortografía (supresión de guións e apóstrofos) e a depuración do léxico (rexeitan os dialectalismos, arcaismos, hipergaleguismos e castelanismos). Contribúen tamén á corrección da lingua, a publicación de novos diccionarios, a incorporación da lingua e da literatura galegas aos estudos universitarios e a creación do Instituto da Lingua Galega, que publica, nos 70, o primeiro método para a aprendizaxe do galego (Galego I, II e III). A principios dos 70 a RAG publica as primeiras "normas" do galego, antecedentes da actual normativa.
A Literatura Galega na Posguerra
A Poesía
A Guerra Civil e a represión da ditadura franquista impediron o desenvolvemento da literatura en galego, que só sobreviviu no exilio. En 1947, Aquilino Iglesia Alvariño publica Cómaros verdes, o primeiro libro da posguerra. A verdadeira recuperación da actividade literaria comeza en 1950 coa creación da editorial Galaxia. Debido á longa interrupción literaria, coinciden tres promocións poéticas con estilos e características diversas: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.
A Xeración do 36
Autores nacidos entre 1910 e 1920, influídos pola guerra e formados no ambiente do Grupo Nós e das vangardas. Actúan como ponte entre a literatura de preguerra e as novas promocións.
- Tendencias iniciais:
- Neotrobadorismo: Cancioneiro de Monfero (Álvarez Blázquez), Dona do corpo delgado (Cunqueiro).
- Ruralismo: Cómaros verdes (Iglesia Alvariño), Nimbos (Díaz Castro).
- Tendencias propias:
- Clasicismo: Lanza de soledá (Iglesia Alvariño).
- Intimismo radical: María Mariño (Palabra no tempo).
- Intimismo surrealista: Sombra do aire na herba (Pimentel).
- O socialrealismo:
- Principal tendencia da xeración, con Celso Emilio Ferreiro como figura central.
- Longa noite de pedra (1962) marca o triunfo do realismo social.
- Temas: denuncia da opresión, defensa de Galicia e da clase traballadora, poesía intimista e satírica.
A Promoción de Enlace
Poetas nacidos entre 1920 e 1930, que se forman sen contacto coas vangardas e cunha visión pesimista da realidade.
- Principais autores:
- Antón Tovar: Arredores, Non, poesía intimista e melancólica.
- Luz Pozo Garza: Concerto de outono, Códice Calixtino, poesía culta e elexíaca.
- Manuel Cuña Novás: Fabulario Novo, inicia a Escola da Tebra (poesía existencialista e angustiada).
Xeración das Festas Minervais
Autores nados na década da guerra, vencellados ao grupo Galaxia e á editorial Brais Pinto. Evolucionan por tres etapas:
- Escola da Tebra: poesía existencialista e pesimista.
- Muiñeiro de brétemas (Manuel María), Voce na néboa (Méndez Ferrín).
- Socialrealismo: denuncia política e social nos anos 60 e 70.
- Documentos personais (Manuel María), Antoloxía popular (Méndez Ferrín).
- Renovación poética (anos 70): estética refinada e recuperación do intimismo.
- Con pólvora e magnolias (Méndez Ferrín) simboliza esta evolución.
- Outros autores: Uxío Novoneyra (Os eidos), poesía paisaxística de gran forza sonora.
A Narrativa
Contexto e Introdución
A Guerra Civil interrompe a narrativa galega, que antes da guerra acadara a madurez co grupo Nós. Durante a ditadura, os escritores no exilio narran a crónica da guerra e do desterro, mentres que en Galicia a censura dificulta a recuperación literaria. En 1950 créase a editorial Galaxia, permitindo a publicación de autores de distintas xeracións. Nos anos 50, continúase a liña da prosa da Xeración Nós con autores como Carballo Calero (A xente da Barreira) e Otero Pedrayo (Entre a vendima e a castañeira), pero serán catro escritores os que renovarán a narrativa galega con estilos moi distintos: Fole, Cunqueiro, Blanco Amor e Neira Vilas.
Ánxel Fole e a Recuperación da Tradición Oral
Fole revitaliza o conto oral galego con catro coleccións (Á lus do candil, Terra brava, Contos da néboa, Historias que ninguén cre).
- Temas: lendas e mitos tradicionais (ánimas, lobisomes, aparecidos), o mundo rural galego e a súa cultura.
- Estilo: narración oral con apelacións ao lector, lingua coloquial das terras de Lugo, visión humorística e crítica da sociedade.
Álvaro Cunqueiro e o Realismo Máxico
Cunqueiro mestura realidade e fantasía, creando un universo literario propio.
- Novelas:
- Recrea mitos fantásticos de distintas tradicións con técnicas realistas:
- Merlín e familia, As crónicas do sochantre (mitos celtas e artúricos).
- Se o vello Sinbad volvese ás illas (influencia oriental).
- Usa unha estrutura radial con episodios autónomos.
- Recrea mitos fantásticos de distintas tradicións con técnicas realistas:
- Contos:
- Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes presentan tipos populares do rural con humor e mestría narrativa.
Blanco Amor e Neira Vilas: o Realismo Social
- Blanco Amor:
- A esmorga: relato tráxico de marxinais atrapados pola represión e a súa propia destrución. Innovadora técnica de interrogatorio.
- Xente ao lonxe: crónica da vida proletaria e das súas dificultades.
- Os biosbardos: relatos sobre a sociedade autoritaria a través da visión de nenos.
- Neira Vilas:
- Denuncia da miseria e a emigración con técnicas narrativas modernas e lingua popular.
- Memorias dun neno labrego: visión infantil da dureza do mundo rural.
- Cartas a Lelo, Xente no rodicio: olladas máis maduras sobre o mesmo universo.
- Historias de emigrantes: testemuño do illamento e da morriña dos galegos na diáspora.