A República Romana: Historia, Estrutura Política e Expansión Territorial

Enviado por Chuletator online y clasificado en Latín

Escrito el en español con un tamaño de 6,62 KB

A República Romana: Orixe, Estrutura e Expansión

O Establecemento da República (509 a.C.)

Lucio Tarquinio o Soberbio, último rei de Roma, é desterrado de alí no ano 509 a.C. Deste xeito púxoselle fin ao réxime monárquico e comezou a República en Roma.

Para que o novo réxime político resultase funcional tivo que buscar rapidamente maneiras de substituír o rei e de repartir o poder para evitar excesos e inxustizas. O sistema de goberno que comezaba resultou, polo tanto, máis complexo que o anterior:

Estrutura de Goberno Republicano

  • Maxistrados (Cónsules): Por unha banda, estaban dous maxistrados elixidos polos cidadáns, coñecidos primeiro como pretores, máis adiante recibiron o título de cónsules. Co fin de evitar os abusos que os reis podían cometer, estes funcionarios eran dous, tiñan o mesmo poder, polo que tiñan que contar un co outro para tomar decisións. O seu cargo duraba un ano.
  • Outras Maxistraturas: Por outra banda, apareceron unha serie de maxistraturas que se dedicaban a diferentes funcións que posibilitaban o bo funcionamento das institucións: censores, cuestores, edís, etc.
  • O Senado: Por último, o Senado pasou a ser un órgano con gran poder político xa que recaeron nel as responsabilidades de declarar a guerra, asinar a paz e establecer alianzas con pobos estranxeiros. Decidía tamén sobre a fundación de colonias e xestionaba as finanzas públicas.

A Loita de Clases: Patricios e Plebeos

Desde o século V a.C., a sociedade romana estaba dividida en dous estamentos ou clases sociais: patricios e plebeos. Os primeiros constituían a nobreza de Roma e considerábanse descendentes dos fundadores da cidade, mentres que os segundos estaban discriminados politicamente (non eran cidadáns de pleno dereito) e dedicábanse maioritariamente ao comercio e á artesanía.

Conquistas Políticas da Plebe

Debido á discriminación que sufrían os plebeos, estes acabaron por amotinarse no Monte Aventino no ano 494 a.C. Como resultado da súa protesta obtiveron un representante dos intereses da súa clase elixido anualmente: o tribuno da plebe.

Máis adiante, coa aparición da Lei Canuleia, os matrimonios de patricios e plebeos foron legalizados e, algo despois, coas Leis Licinias Sextas quedou establecido que un dos dous cónsules tiña que ser plebeo.

Por medio destas conquistas políticas, os plebeos ricos chegaron a formar parte da aristocracia romana xunto ás familias patricias. A partir de aquí, as familias patricias e as plebeas poderosas serán as que monopolizarán practicamente o acceso ao Senado.

A Expansión Territorial de Roma

Durante a República, a expansión territorial foi unha constante. A expansión pola península itálica non é senón o comezo deste proceso de anexión de novos territorios que seguirá despois da fin do período republicano.

A Conquista da Península Itálica

As Guerras Samnitas foron o primeiro conflito iniciado pola tendencia expansionista de Roma. Foron resultado da resistencia que os pobos itálicos lle ofreceron á expansión romana. Venceuse en primeiro lugar a confederación dos pobos do norte e posteriormente a confederación dos pobos do sur.

No 281 a.C., a colonia grega de Tarento, situada ao sur de Italia (territorio coñecido como Magna Grecia) pediulle axuda ao rei do Epiro, Pirro, contra Roma. Pirro acode en auxilio de Tarento, loita contra Roma e vence, aínda que perde tantos homes na batalla que ten que regresar a Grecia (de aí o que hoxe en día se coñece como vitoria pírrica). Nos seguintes dez anos, Roma pasou a dominar a península enteira.

O Dominio do Mediterráneo e as Guerras Púnicas

Dominada Italia, o seguinte obxectivo de Roma foi a expansión polo mar Mediterráneo, naquel momento baixo o poder da poderosa cidade norteafricana de Cartago. Roma impúxose a Cartago ao longo das tres Guerras Púnicas.

  • Primeira Guerra Púnica: Comezou en Sicilia e continuou en Hispania, onde romanos e cartaxineses acabaron por repartir o territorio. Foi maioritariamente unha guerra naval.
  • Segunda Guerra Púnica: É a máis coñecida pola expedición en que Aníbal cruzou os Alpes con elefantes e venceu varias veces os romanos, aínda que acabou por ser vencido en Zama e causou así a chegada de Cneo Cornelio Escipión a Ampurias.
  • Terceira Guerra Púnica: Tivo lugar en territorio africano e acabou coa destrución total de Cartago a mans de Publio Cornelio Escipión Emiliano.

Crise e Conflitos Internos (Séculos II e I a.C.)

Consecuencias Sociais da Expansión

A expansión territorial beneficiou especialmente a dous sectores da sociedade romana: os comerciantes plebeos ricos e as grandes familias patricias que recibiron inmensos latifundios traballados por man de obra escrava. Pola contra, os labregos pobres foron arruinados como resultado das guerras e tiveron que emigrar.

Foi así como Roma se converteu nunha grande urbs cunha numerosa plebe empobrecida que sobrevivía grazas ás reparticións públicas ou á súa actividade como clientes (isto é, como plebeos ao servizo dos patricios). A partir destes antecedentes explícase o comezo, no século II a.C., das Guerras Sociais, que se estenderon até o século I a.C. e estiveron marcadas por tres feitos históricos significativos:

Feitos Históricos Clave na Crise Republicana

  • A reforma agraria dos Irmáns Graco: Por medio da cal se repartía solo público entre os pobres e trigo entre o pobo. O Senado non viu con bos ollos este programa de reformas e os dous irmáns foron asasinados.
  • O levantamento dos pobos itálicos: Para reclamar o dereito á plena cidadanía despois de que o tribuno Druso prometese terras aos plebeos e dereito á cidadanía romana aos pobos itálicos. Druso foi asasinado, pero os aliados itálicos rebeláronse para dar comezo á Guerra Social. Finalmente, aínda que os aliados foron derrotados, conseguiron o dereito á cidadanía.
  • A revolta de escravos de Espartaco: Estendeuse por toda Italia e nela os escravos derrotaron varias veces os exércitos romanos. En último termo, Pompeio e Craso sufocaron a rebelión e crucificaron a Espartaco e a gran parte dos seus homes na Vía Apia, ás aforas de Roma.

Entradas relacionadas: