A represión franquista e a resistencia cultural do galego
O impacto da Guerra Civil na lingua e cultura galegas
Despois do triunfo das tropas franquistas na Guerra Civil, os vencedores practicaron contra os intelectuais galeguistas unha represión feroz. A lingua galega perdeu toda posibilidade de acceder ás instancias oficiais e ao uso público, limitándose a un uso familiar e coloquial, mentres os propios falantes sentían vergoña da súa lingua. A ditadura contaba con dous medios moi poderosos: a escola e a Igrexa. Neste contexto, a cultura galega só sobreviviu no exilio.
A resistencia cultural: a fundación de Editorial Galaxia
No ano 1950 fúndase a Editorial Galaxia, integrada por galeguistas que abandonaron o activismo político en favor da resistencia cultural (O. Pedrayo, Xaime Illa, R. Piñeiro...). Estes intelectuais quixeron servir de enlace entre as xeracións anteriores á guerra e as novas promocións. Editáronse e reeditáronse poesía, contos e relatos breves, e promocionouse a narrativa, o ensaio e a prosa científica nun intento de estender o galego.
Aumento da actividade política e asociacionismo (1960-1970)
Nas décadas dos 60 e 70 aumentou a actividade política clandestina (UPG e PSG). Creáronse diversas asociacións culturais dedicadas ao cultivo e difusión da lingua e da cultura galegas:
- 1961: Créase a Asociación Cultural O Galo en Santiago.
- 1963: Nace O Facho na Coruña.
- 1965: Fúndase a Asociación Cultural Auriense.
- 1967: Créase a Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra.
A situación sociolingüística: diglosia e éxodo rural
O galego seguía sendo o idioma máis falado en Galicia, cunha poboación monolingüe que acadaba niveis que facían imposible a súa erradicación como lingua de uso familiar e coloquial no medio rural. No éxodo do campo para as cidades, os cidadáns tiveron que adaptarse ao esquema diglósico castelán-galego, empregando o castelán para as funcións elevadas ou con descoñecidos, e o galego para os usos familiares, entre amigos ou entre iguais. Tamén se educaron os fillos en castelán, rompendo así a transmisión da lingua ás novas xeracións.
Evolución normativa e ortográfica do galego
O galego de despois da Guerra Civil ten moitos puntos de contacto co de épocas anteriores, mais a partir dos anos 50 eliminouse en parte a anarquía gráfica:
- Suprimiros apóstrofos e guións.
- Preferencia por plurais do tipo culturaes ou azues.
- Redución dos acentos ao agudo (´).
Finalmente, a Real Academia Galega publicou en 1970 unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que sancionaban solucións adoptadas por Galaxia: acentuación conforme o castelán; -ns no plural das palabras en -n; non representación da segunda forma do artigo; e a consagración da forma «ao».