Renovación da Prosa Galega (1936-1975): Fole, Cunqueiro, Blanco Amor e Neira Vilas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,92 KB
A prosa entre 1936 e 1975: Os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas)
Desde 1936 a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. No exilio publícanse A Esmorga, de Blanco Amor, ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
Principais liñas da prosa (1936-1975)
- Continuación da prosa da Xeración Nós: Carballo Calero, autor da primeira novela de posguerra, A xente da Barreira (1951).
- Realismo fantástico: Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), greco-latina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos da cultura popular.
- Realismo popular: Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal.
- Realismo social: Eduardo Blanco Amor. Situadas no Ourense (Auria) de principios do s. XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padecen.
- Realismo rural: Xosé Neira Vilas. As penurias da vida labrega, non exentas de denuncia.
- A Nova Narrativa Galega da man dos autores máis novos, como Méndez Ferrín ou Carlos Casares, unha prosa totalmente diferente e moderna (estudada noutro tema).
Principais autores da etapa
I. Álvaro Cunqueiro (1911-1981)
Características:
- Mestura de realismo e fantasía: personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad...) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
- Predominio da oralidade no estilo: coma os contos da súa nai e na botica do pai, o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar, cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes...
- Tendencia á disgregación da novela: Non hai unha estrutura clásica de presentación, desenvolvemento e desenlace, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.
Merlín e familia (1955) é a máis coñecida: recreación da materia de Bretaña desde a particularidade dunha perspectiva galega. Escribiu tamén libros con breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.
II. Ánxel Fole (1903-1986)
A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos (Á lus do candil, 1953, e Terra Brava, 1955) ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Tamén os temas seguen esa tradición oral: contos de lobos, de aparecidos e premonicións da morte; de lendas populares (a Santa Compaña...) combinados cun agudo sentido do humor.
III. Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
Toda a súa narrativa se sitúa en Ourense (que el chama Auria) a principios de século. Dúas das súas novelas están consideradas do mellor da narrativa galega:
- A esmorga (1959): participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica). É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedeira e que acabará coa morte de todos.
- Xente ao lonxe (1972): é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. O personaxe principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra.
IV. Xosé Neira Vilas (1928-2015)
Liñas temáticas:
- Galicia interior: a sociedade campesiña, marcada pola opresión e pola pobreza económica, cultural e ideolóxica. Destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Trátase dunha novela de estrutura sinxela, en boca dun neno que non se conforma con esa vida e se ve obrigado a emigrar.
- Galicia emigrante: mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria... Historias de emigrantes (1968).
A Nova Narrativa Galega
Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras: son os integrantes da Nova Narrativa Galega (intención innovadora e desexo de ruptura formal coa tradición narrativa).
O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (1938), cunha obra moi variada e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario.
Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (1941-2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) e a novela Cambio en tres (1969).