A Renovación Literaria Galega: Unha Viaxe Pola Obra de Méndez Ferrín e Cunqueiro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,15 KB
Xosé Luís Méndez Ferrín: A Nova Narrativa Galega
Na década de 1950, cando se inicia a recuperación da literatura galega, cuxo punto de partida está marcado pola creación da Editorial Galaxia (1950), xorde un grupo de mozos que incorpora á narrativa galega novos motivos e novas técnicas narrativas; son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, o feito de seren viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, comparten a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
Un destes mozos é Xosé Luís Méndez Ferrín e a súa obra O crepúsculo e as formigas (1961) é un excelente exemplo deste novo xeito de narrar, tal e como se pode apreciar neste texto pertencente ao relato Unha chinche dorme no teito, onde o personaxe de León Barreiros fai unha introspección en primeira persoa a través do monólogo interior coa que espe a súa mente e mostra o máis profundo da súa psique; exemplo das múltiples influencias que Ferrín recibe de autores de carácter universal como Kafka, Faulkner ou Joyce, mais tratadas cun carácter moi persoal:
Metinme na habitación e escribín isto. Vou xogar ao chinchón. Como a auga chega ata o terceiro piso, é dicir, ata o meu balcón, pódome botar tranquilamente que sei nadar ben.
A través deste fluír de conciencia, León Barreiros móstrase como un antiheroe autodestrutivo que está sumido nun estado patolóxico paranoico que empeora a medida que avanza o relato:
Pero neste intre eu estou algo nervioso.
Desprovido de humanidade e desarraigado:
E todo foi dende a miña nai. E agora está ben morta. Comprázome en imaxinarlle unha presiña de vermes en cada ollo. Ela agora ben a gusto, desfacéndose aos poucos na caixa.
A súa mera existencia resúltalle absurda e provoca que se compare con obxectos sen valor; tamén que se vexa como un ser repugnante e insignificante, simbolizado pola chinche que ve no teito, que non é máis que a proxección deforme do seu eu interior:
De cada vez que sinto que hai unha chinche no teito, poño por caso, ou que teño ollos e vexo, ou que hai homes e gando e casas, e resulta que teño dúas mans, síntome desacougado. Eu son León Barreiros. E que? Podía ter sido unha laxe mexada no calexón de Entre Rúas.
Este mundo interior opresivo e depresivo do personaxe está en sintonía co mundo urbano exterior onde transcorre a acción, que tamén se torna claustrófobo:
A pensión Míguez é escura e sórdida. Unha ducia de estudantes pasamos o día deitados en camas notablemente estreitas. Polo regular cheira a suor.
Neste caso, a cidade de Compostela, onde a chuvia constante ralentiza o paso do tempo e contribúe a crear un clima abafante:
Leva un mes chovendo. Leva un mes marcando a campá da catedral, un tempo submarino, lento e baleiro.
Álvaro Cunqueiro: Maxia e Tradición na Literatura Galega
A Guerra Civil supuxo o silencio para calquera actividade cultural e literaria en galego. Así, os autores novos que tiveron a sorte de non ter que exiliarse e que publicaran obras antes do golpe de Estado, viron truncada a súa carreira literaria. De feito, houbo que agardar ata finais dos anos 40 para que comezase unha tímida recuperación da literatura galega, que culminaría coa creación da Editorial Galaxia en 1950, de importancia capital para que estes autores vexan de novo as súas obras publicadas, e tamén para que vexan a luz as creacións dos máis novos.
Arredor desta editorial agrúpanse persoeiros de gran calado na literatura e na cultura galega que conforman o denominado Grupo Galaxia, que se erixiu como o alicerce de todo o sistema cultural e literario galego. Entre os seus integrantes cómpre destacar a Álvaro Cunqueiro, un dos grandes prosistas do século XX e máximo representante do realismo fantástico da literatura de posguerra, presente en toda a súa obra.
Como exemplo do seu xeito de narrar cómpre salientar a súa galería de retratos, unha das súas obras máis representativas é Os outros feirantes (1979), onde se insire o relato de Marcelino Pardo. Nesta obra, Cunqueiro consegue retratar un conxunto de tipos que reflicten a idiosincrasia do pobo galego mesturando trazos realistas e fantásticos, tal e como se pode apreciar neste relato a través da relación que se establece entre un feito tan común como é que un neno como Marcelino mexa na cama e a presenza dun ser fantástico, o gatipedro, causante desta situación.
Tamén axuda a crear esa fusión entre realidade e fantasía o feito de describir o gatipedro como un animal común da fauna galega, do que o propio autor-narrador ten constancia desde hai tempo e do cal coñece ao pormenor os seus trazos físicos e a súa forma de proceder, a pesar de ser invisible:
A Marcelino comezou a visitalo ese animal invisible da fauna galega que se chama o gatipedro; Xa contei noutro libro meu que o gatipedro é como un gato gordo que non tivese patas traseiras, e que no medio da cabeza ten un corno colorado; O gatipedro arrástrase deica a habitación onde durme un neno, e comeza a verter auga polo corno, que gotea no chan.
O neno, en soños, escoita aquela pingada seguida, que o convida a mexar, e case que o obriga a iso:
Iso, repito, pasáballe ao Marcelino Pardo.
Tamén é significativo que sexa un menciñeiro a través dos seus remedios ancestrais o que lle poña fin á situación de Marcelino e non un médico, figura que Cunqueiro trae á mantenta para entroncar coa tradición popular que impregna os seus relatos e coa súa nenez, marcada polas narracións orais.
Esta ponte coa tradición popular tamén se observa na técnica narrativa que emprega Cunqueiro, propia do conto oral transmitido de xeración en xeración, que crea no lector a sensación de estar a escoitar unha historia e non a lela:
Iso, repito, pasáballe ao Marcelino Pardo.
Ademais, a súa obra está sempre impregnada con doses de humor:
O pai pegáballe, a nai desesperaba, os irmáns bulrábanse del, o mesmo que os compañeiros de escola, aos que chegara non se sabe como a nova das humidades nocturnas de Marcelino; Pro non fixo falla usar o remedio, que ou en Valladolid non había gatipedro, ou estaba ocupado co fillo dun sarxento ou do cabo furriel.
A primeira solución que procura a familia para poñerlle fin ao problema de Marcelino tamén lle outorga verosimilitude á historia, pois recorrer á medicina para atoparlle remedio a un problema de saúde é unha acción normal. Cunqueiro normaliza a presenza do Gatipedro ao consideralo un animal máis da fauna galega.
Tamén se pode apreciar a presenza do humor e da ironía, cos que pretende humanizar, neste caso, o animal fantástico que o protagoniza:
- O pai pegáballe, a nai desesperaba, os irmáns bulrábanse del, o mesmo que os compañeiros de escola, aos que chegara non se sabe como a nova das humidades nocturnas de Marcelino.
- O gatipedro non aguantaba o amargue do sal, e vendo, asemade, que tiña sido descuberto, íbase coa música, coa música do pingueo do corno, a outra parte.
Outro autor coetáneo de Cunqueiro foi Ánxel Fole, que escribiu obras como Á lus do candil (1953).