A Renovación da Literatura Galega: Narrativa, Teatro e Exilio (1936-1976)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 23,08 KB
A Nova Narrativa Galega (NNG): Renovación e Ruptura
Nos anos 50 e 60, España e Europa atravesan unha crise e profundos cambios sociais. Nese contexto xorde a Nova Narrativa Galega (NNG), un movemento de renovación da narrativa galega entre finais dos 50 e comezos dos 70. Os seus autores incorporan técnicas e temáticas innovadoras inspiradas en escritores como Joyce, Faulkner e Kafka, así como no nouveau roman francés.
A primeira obra considerada da NNG é Nasce unha árbore (1954) de Gonzalo Mourullo, e o seu final sitúase en Adiós, María (1971) de Xohana Torres, aínda que hai debate sobre este punto.
Características Estruturais e Formais da NNG
Na Nova Narrativa Galega desaparece a estrutura tradicional das historias. Xa non hai unha trama clara con presentación, nó e desenlace, senón que os argumentos se reducen a pequenas anécdotas ou á sucesión de acontecementos cotiáns na vida dos personaxes. Isto dá lugar a diálogos que poden parecer absurdos e sen sentido, xa que ás veces non responden a ningunha motivación concreta.
Temática e Psicoloxía
No que respecta á temática, esta narrativa rompe co costumismo e co mundo rural para centrarse en cuestións máis existenciais e psicolóxicas. A morte, a loucura, os traumas infantís, os desdobramentos da personalidade e a angustia existencial son temas recorrentes. Moitos personaxes atópanse en situacións de violencia ou de illamento, o que reforza a sensación de desasosego. En autores como Carlos Casares ou Xosé Luís Méndez Ferrín, a violencia e a tortura son elementos habituais, creando atmosferas opresivas e inquietantes.
Os Personaxes e o Simbolismo
Os personaxes acostuman ser símbolos da condición humana, seres perdidos e atrapados nun mundo que non comprenden. Un exemplo disto vese na figura do náufrago en Xohán Casal, que representa a soidade do individuo. Outro símbolo recorrente é a fiestra, que pode indicar a relación do personaxe co mundo exterior ou, pola contra, a súa desconexión total cando está ausente.
Finalmente, os personaxes distínguense por ser antiheroes, seres marxinais e problemáticos, a miúdo desequilibrados e atormentados por traumas do pasado. Son inseguros, angustiados e, en moitos casos, padecen patoloxías mentais. Moitas veces carecen de nome e non están caracterizados en detalle, acentuando así a súa condición de figuras difusas e universais.
Técnicas Narrativas
A narración tamén experimenta un cambio radical. Xa non hai un narrador omnisciente que conte a historia dende fóra; en vez diso, optase pola primeira persoa ou por narradores que funcionan como cámaras, limitándose a mostrar o que ocorre sen interpretar. Ademais, mestúranse diferentes voces narrativas e é habitual o uso do monólogo interior, onde os pensamentos dos personaxes flúen sen orde nin filtro, tal e como xorden na súa mente.
O Obxectalismo e a Deshumanización
Outra característica importante é o obxectalismo. Os obxectos adquiren un protagonismo inusual e son descritos con minuciosidade, case como se a narración fose unha gravación cinematográfica. Esta tendencia leva á deshumanización: canto máis importancia teñen os obxectos, menos relevancia teñen os sentimentos e valores humanos. Detrás disto hai unha crítica á sociedade, onde os obxectos parecen máis importantes que as persoas.
Espazo e Tempo
O espazo tamén xoga un papel crucial. As historias adoitan transcorrer en lugares urbanos, escuros e opresivos, con ambientes pechados e claustrofóbicos. Por outra banda, ás veces aparecen escenarios moi amplos, pero sempre hai unha dualidade entre o mundo real e un mundo fantástico ou irreal.
O tempo na Nova Narrativa Galega tampouco segue unha orde lineal. As historias están cheas de saltos temporais cara ao pasado (analepses) ou cara ao futuro (prolepses), e o tempo da narración adoita ser reducido, concentrado en momentos moi concretos.
Autores Representativos da NNG
Xosé Luís Méndez Ferrín
É un dos autores máis destacados da Nova Narrativa Galega, cunha produción que inclúe tres obras dentro do movemento:
- Percival e outras historias (1958): Mestura fantasía e realidade.
- O crepúsculo e as formigas (1961): Predominan a violencia e a morte.
- Arrabaldo do norte (1964): Experimenta cun xogo de voces narrativas que se alternan ao longo do texto, aportando unha gran complexidade estrutural.
María Xosé Queizán
Tamén se insire dentro da NNG coa súa primeira obra, A orella no buraco (1965). Trátase dunha novela profundamente innovadora, na que o obxectalismo e a diversidade de narradores teñen un papel fundamental. Esta experimentación lembra en moitos aspectos a Arrabaldo do norte de Ferrín, evidenciando o interese dos autores do movemento por romper coa narrativa tradicional.
Carlos Casares
Pola súa banda, achega dúas obras á NNG: Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969), ambas situadas na última etapa do movemento. Nos relatos de Vento ferido obsérvase un certo distanciamento das características máis marcadas da NNG. Pola contra, en Cambio en tres, Casares adáptase completamente ao estilo do movemento e afonda no obxectalismo, na experimentación co tempo narrativo e mesmo na disposición gráfica do texto.
En conxunto, todas estas obras contribuíron á modernización da narrativa galega, introducindo novas técnicas e temáticas inspiradas nas tendencias máis avanzadas da literatura universal do momento.
O Teatro Galego na Posguerra: Do Silencio á Renovación Escénica
Tras a Guerra Civil, Galicia sufriu un longo silencio literario e editorial que afectou tamén ao teatro, con só tres obras publicadas entre 1936 e 1952. A escena teatral case desapareceu, mantendo unha presenza mínima a través dos Coros Populares, que representaban pezas costumistas e folclóricas. O impulso teatral previo, liderado polas Irmandades da Fala, esfumouse ata que a Editorial Galaxia comezou a recuperar a literatura dramática galega.
En 1952, Otero Pedrayo publica O desengano do prioiro e Jenaro Marinhas del Valle a súa farsa A serpe. A partir dos anos 50, o teatro galego diversifícase en varias liñas temáticas:
- Teatro costumista (Brétemas e raiolas, de Leandro Carré Alvarellos).
- Vangardista (Pauto do demo, de Ánxel Fole).
- Existencialista (Auto do taberneiro, de Manuel María).
- Histórico (Os irmandiños, de Daniel Cortezón).
- Social crítico (O triángulo ateo, de Jenaro Marinhas).
Nesta década destacan autores como Jenaro Marinhas del Valle, Ricardo Carvalho Calero e Álvaro Cunqueiro. Este último escribe a obra máis relevante do período, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), unha relectura da obra de Shakespeare que combina mitoloxía e filosofía. Nela, Cunqueiro amplía a figura de Hamlet, converténdoo nunha reflexión sobre a identidade e a existencia humanas.
A Xeración dos 50
Nos anos 50 e a comezos dos 60, moitos novos autores, concienciados da importancia do teatro como elemento normalizador da lingua, uníronse para crear obras dramáticas en galego. O teatro destes escritores, denominados Xeración dos 50, desenvolveuse nun contexto no que non existían grupos teatrais profesionais nin salas estables de representación. A represión franquista provoca que a representación das obras sexa practicamente imposible, polo que quedaron, na maior parte dos casos, como teatro “para ler” ou inédito.
Autores da Xeración dos 50
- Manuel María: É autor dunha copiosa obra teatral (23 pezas publicadas e 19 inéditas). Iníciase en 1957 con Auto do Taberneiro e a partir dos 60 crea un teatro popular e reivindicativo (Barriga verde, 1968; Farsa do Bululú, 1973). Entende o teatro como instrumento de educación e concienciación.
- Xohana Torres: Contribuíu con dúas obras: A outra banda do Íber (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968). En ambas as pezas, as figuras femininas asumen un papel decisivo na defensa da Terra.
- Outros autores: Inclúen Méndez Ferrín con Celtas sen filtro (1983) e Bernardino Graña, autor de Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán), premiada en 1979 no VII Certame Abrente. Todas as súas obras comparten unha visión crítica sobre o poder do diñeiro e sobre a vida alienada do ser humano moderno.
O Teatro Independente e a Mostra de Ribadavia
A década dos 60 supuxo o rexurdimento da actividade dramática en Galicia. En 1965 naceu o primeiro grupo de teatro independente galego, O Facho, fundado na Coruña por Manuel Lourenzo. O Teatro Independente estaba composto por unha serie de grupos itinerantes que buscaban achegar o teatro ao pobo, profesionalizalo, modernizalo e, deste xeito, normalizar o uso da lingua galega na escena.
Foi un momento clave para a dramaturxia galega a celebración en 1973 da Primeira Mostra e do Primeiro Certame Abrente de Teatro Galego en Ribadavia, que terá continuidade ata 1980. As Mostras de Ribadavia foron o punto de encontro de grupos, autores e público, un espazo onde se intercambiaban ideas e un revulsivo que promoveu a representación e a publicación de obras. Igualmente, esta experiencia prendeu noutras localidades de Galicia, onde tamén se foron creando novos grupos de teatro de afeccionados.
O grupo de autores que neste período (anos 70 e 80) consolidou e renovou o teatro galego denominouse Xeración Abrente. De entre todos, destacan tres, que continuaron a súa produción posteriormente e se converteron en grandes figuras da dramaturxia:
Dramaturgos da Xeración Abrente
- Manuel Lourenzo (1943): É escritor, director, actor e ensaísta, e unha das figuras máis salientables do teatro galego. A súa obra dramática (uns cento cincuenta títulos) pode agruparse en varias liñas temáticas: mitoloxía clásica e galega, problemáticas sociais, o propio teatro, etc. Son súas as obras Romería ás covas do demo (1969) ou Fedra (1982).
- Euloxio Rodríguez Ruibal (1945): Membro da Real Academia Galega e investigador da nosa historia teatral. É un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos e renovadores. Escribiu obras de temática social e tamén pezas infantís. Algunhas das súas pezas son Zardigot (1974), Premio Abrente en 1973, e O cabodano (1977).
- Roberto Vidal Bolaño (1950-2002): Dedicouse por completo ao teatro (foi actor, director, escenógrafo, iluminador, creador de compañías). A súa obra caracterízase por mesturar elementos populares, vangardistas e cinematográficos. Escribiu títulos como Laudamuco, señor de ningures (1976) ou Doentes (1997). Foi homenaxeado no Día Das Letras Galegas en 2013.
O Teatro Independente foi o alicerce da profesionalización de varios grupos teatrais logo do fin da ditadura, a pesar das dificultades económicas existentes e da falta de apoio institucional.
A Literatura Galega no Exilio e a Prosa da Posguerra (1936-1976)
O Exilio Americano: Refuxio da Cultura Galega
O ano de 1936 supuxo un corte tráxico na nosa historia. Ata 1950, ano en que se funda a Editorial Galaxia, a produción literaria en Galicia na nosa lingua é realmente cativa. Foi en América onde se tivo que abeirar a cultura galega. Arxentina, Uruguai, México ou Cuba son lugares de grande actividade política e cultural, nos que os exiliados galegos crean editoriais (neste eido cómpre salientar o traballo realizado por Luis Seoane, que funda varios selos editoriais para imprimir clásicos galegos e libros prohibidos en Galicia), publican revistas (por exemplo, Galicia emigrante), emiten programas de radio (por exemplo, o Sempre en Galicia, emitido en Montevideo dende 1951 ata hoxe) e fundan institucións culturais (por exemplo, o Instituto Arxentino da Cultura Galega ou o Padroado da Cultura Galega de Montevideo).
A literatura no exilio é a gran descoñecida entre nós. Tamén debemos mencionar o Galician programme, un programa en galego emitido pola máis prestixiosa emisora do mundo, a BBC de Londres. Dirixíao Plácido Castro e estivo en antena case dez anos (1947-1956).
A Poesía no Exilio
Predomina a poesía comprometida, con temas como a epopea da emigración, a Guerra Civil e a represión fascista, o desterro e a saudade pola patria perdida. Podemos salientar dous autores: Lorenzo Varela, coa súa obra Lonxe (1954), e, sobre todo, Luís Seoane, unha das grandes figuras galegas do exilio, debido ao seu inxente e polifacético labor artístico. Dentro da súa obra poética podemos citar Fardel de exiliado (1952), As cicatrices (1959) e A maior abundamento (1972).
A Prosa no Exilio
A narrativa galega do exilio amosa unha clara preferencia polos temas da Guerra Civil e a novela autobiográfica. Podemos salientar tres autores:
- Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980): A súa primeira novela, Non agardei por ninguén, estruturada como un diario sen datas, inaugura o tema da Guerra Civil nas nosas letras. A segunda novela, Era tempo de apandar, trata o exilio en Francia.
- Silvio Santiago (Vilardevós, 1903-Compostela, 1974): Escribiu dúas novelas, Vilardevós, sobre a súa infancia na aldea natal, e mais O silencio redimido, sobre a experiencia da Guerra.
- Antón Alonso Ríos (Silleda, 1887-Bos Aires 1980): Relatou a súa arrepiante vida de fuxido no libro O señor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte.
Lembremos, ademais, que foi no exilio onde Castelao publicou o ensaio Sempre en Galiza e onde Blanco Amor e Neira Vilas editaron as súas primeiras novelas.
O Teatro no Exilio
Na inmediata posguerra o teatro en galego sobreviviu en América. En Arxentina estreouse en 1941 a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, que representa unha nova maneira de facer teatro. Trátase dun espectáculo total no que teñen importancia moitos elementos: a palabra, a música, a iluminación, a cor, o baile. Castelao concibe o decorado non como fondo ou simple adorno, senón conectado á obra e moi necesario para resaltar as sutilezas do tema. A finalidade é denunciar o poder do diñeiro na sociedade, a obxectualización da muller e a hipocrisía.
Na década de 1950 Blanco Amor fundou en Bos Aires o Teatro Popular Galego. A súa obra foi recollida posteriormente en dous volumes: Farsas para títeres (pequenas obras cómicas con críticas á sociedade) e Teatro para a xente (pezas nas que predomina a vertente popular e ruralista). A última obra que publicou foi Proceso en Jacobusland, na que incorpora a crítica policial e social a través do esperpento.
Debemos salientar tamén o teatro intensamente comprometido de Luís Seoane que publica obras como A soldadeira, ambientada na Idade Media durante as rebelións irmandiñas, nas que o pobo é o protagonista que se ergue contra o poder asoballador feudal e eclesiástico.
A Prosa en Galicia (1936-1976): Tendencias e Autores
Este período literario está marcado pola Guerra Civil española que comporta consecuencias políticas, sociais e culturais moi negativas para Galicia, plasmándose na represión cultural e lingüística que sofre o noso país durante a ditadura. Ata a década dos 50, coa creación da editorial Galaxia, apenas se publica. Durante estes anos a actividade cultural galega trasladaríase ao exilio americano.
Como consecuencia desta situación, entre os anos 1950-1960, reactívase unha literatura de temática comprometida, vinculada tamén ao existencialismo e ao marxismo na que se manifesta certa renovación formal.
Entre 1940 e 1960, é dicir, ata a aparición da Nova Narrativa Galega, deixando á marxe agora a literatura galega no exilio, a narrativa galega conta con poucos autores que publican regularmente, entre os que cabe salientar a Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro. A estes autores engádeselles outro a principios dos 70, procedente do exilio: Eduardo Blanco Amor.
Novas Tendencias Narrativas
Como resultado da escrita destes, nacen novas tendencias narrativas que pervivirán ata a actualidade:
- Os continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós: Como Carballo Calero en A xente da barreira, primeira novela galega da posguerra, que trata da degradación dunha familia fidalga.
- O Realismo Popular ou Etnográfico: Iníciase nos anos 50 con Ánxel Fole. As características xerais desta corrente son a ambientación rural, a focalización xeográfica, o dialectalismo lingüístico, baseado na oralidade, a sinxeleza argumental e o humor.
- O Realismo Fantástico: Concepto co que definimos a narrativa de Cunqueiro, caracterizada pola mestura de elementos culturais e populares, polo entrecruzamento do extraordinario e marabilloso co cotián, eliminando fronteiras entre a realidade e os produtos da imaxinación.
- O Realismo Social: Ten por máximo expoñente a Eduardo Blanco Amor e como novela inaugural A esmorga (1959), considerada o punto de arranque da narrativa galega moderna. No realismo social crítico destaca Neira Vilas con Memorias dun neno labrego.
- A Nova Narrativa Galega (NNG): Proxecto rupturista impulsado polas novas promocións literarias xa formadas no franquismo; estas promoven un modelo narrativo de técnica experimental e ambientación urbana, desprezando o folclorismo temático e o realismo.
Autores Clave da Prosa Interna
Ánxel Fole: O Realismo Etnográfico
Xornalista e escritor lugués, dedicou gran parte da súa vida ao estudo e recuperación da cultura rural galega. Nos anos posteriores á Guerra Civil retirouse ás terras do Courel, O Incio e Quiroga, un período clave para a súa literatura, xa que lle permitiu afondar no mundo labrego e na súa riqueza oral e espiritual. A súa obra componse de libros de contos que seguen unha estrutura sinxela e interconectada. Os máis destacados son Á lus do candil (1953), onde diferentes personaxes reunidos ao carón do lume relatan historias, e Terra brava (1955). Fole buscaba revitalizar o realismo popular e etnográfico da literatura galega de preguerra, mantendo a oralidade como base fundamental. A súa narrativa explora o mundo do labrego, resaltando o seu humor, crenzas e experiencias paranormais. Posteriormente, publicou Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981). A súa lingua caracterízase pola ausencia de vulgarismos e arcaísmos.
Álvaro Cunqueiro: O Realismo Fantástico
Mindoniense, estudou en Lugo e Santiago de Compostela, onde participou activamente na vida cultural e ingresou no Partido Galeguista. Trala Guerra Civil achegouse á causa franquista. Cunqueiro destaca na narrativa galega con tres novelas clave: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). A súa obra caracterízase polo emprego dun tempo mítico e personaxes extraídos da lenda e da literatura, cunha estrutura fragmentada onde os relatos funcionan como pretexto para presentar figuras curiosas.
- En Merlín e familia, o mago Merlín, xa retirado no seu pazo en Miranda, resolve os problemas de visitantes a través da fantasía.
- As crónicas do sochantre conta a viaxe dun músico de capela que se ve rodeado de personaxes de ultratumba.
- En Se o vello Sinbad volvese ás illas, o mítico mariñeiro aparece como un home retirado que inventa historias para manter o seu prestixio.
Cunqueiro tamén escribiu semblanzas de personaxes populares galegos en obras como Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), combinando humor e mitoloxía popular.
Eduardo Blanco Amor: O Realismo Social
Ourensán exiliado en Arxentina e Chile, combinou narrativa en galego e castelán. A súa obra máis emblemática é A esmorga (1959), onde tres personaxes marxinais protagonizan unha noite de excesos en Auria, rematando en traxedia. Con lingua popular e estilo tremendista, a novela reflicte a desesperación dos excluídos. Outras obras son Os biosbardos (1962), un conxunto de contos narrados por nenos e adolescentes, e Xente ao lonxe (1972), que recrea a sociedade ourensá de comezos do século XX cunha mestura de historia persoal e crónica social.
Xosé Neira Vilas: A Voz do Rural e da Emigración
Emigrado a Arxentina e Cuba, ofrece unha visión realista da Galicia rural e da emigración. A súa obra divídese en catro grandes núcleos:
- O "ciclo do neno" (Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho) explora a dureza do mundo labrego desde a mirada infantil.
- A visión adulta (Xente no rodicio, A muller de ferro e Querido Tomás), centradas na violencia e represión no rural.
- O tema da emigración (Camiño bretemoso, Historias de emigrantes e Remuíño de sombras).
- As súas estampas líricas (Lar, Nai, Pan) reflexionan sobre a identidade galega.
O seu estilo enmárcase no realismo crítico, combinando denuncia social con afectividade.